Samos. Serra do Édramo

Samos. Serra do Édramo

Ao chegar ao concello de Samos hai varias cousas que chaman a atención. A máis importante, indubidablemente, é o mosteiro. Outra delas é unha serra de ladeiras boscosas que está xusto ao carón do mesmo, ao outro lado do río: a serra do Édramo.

O percorrido comeza mesmo en Samos e nos primeiros quilómetros vai pouco a pouco en constante subida ata chegar ao alto da serra, na súa parte situada máis ao sur. Aquí poderemos ver o castro de Formigueiros situado estratexicamente nun outeiro a case 800 metros de altitude. Neste punto tomaremos unha cómoda pista que atravesa a serra ata o norte pasando por numerosos túmulos megalíticos. Nesta zona tamén gozaremos dunha ampla paisaxe en diferentes miradoiros sobre o val de Samos e o val do Mao, no Incio.

Logo de cruzar a serra collemos un camiño que en descenso nos leva a Vilar do Real, pero antes de chegar veremos unha impresionante alvariza á beira do camiño. Máis adiante, tras cruzar a estrada chegamos a San Martiño do Real, onde seguiremos durante dous quilómetros o camiño de Santiago, ata chegar novamente a Samos. O percorrido vai por camiños cómodos en xeral, salvo algún curto tramo de sendeiro.

  • Lonxitude: 18 km, aproximadamente
  • Dificultade: media
  • Desnivel: medio

Comezamos a camiñar…

Hoxe tocou madrugar un pouco máis do normal, pois cando nos desprazamos á Galicia oriental fainos falta o tempo, máxime cando o facemos no inverno pola cortedade dos días. Chegados a Samos, aínda así tivemos tempo de dar unha volta, tomar un café e encargar uns biscoitos para recoller pola tarde, á volta da ruta. Por suposto, a entrada ao mosteiro é moi recomendable, pero nós xa o temos visitado en ocasións anteriores nas que viñemos camiñar por este concello, e non procedía facelo hoxe.

Samos. Serra do Édramo

Puntuais coma sempre, reunímonos á beira da abadía á hora acordada e iniciamos o percorrido en ascenso cara ao sur. É un ascenso constante, pero suave, por unha ladeira boscosa practicamente coas árbores espidas, o que nos vai ir permitindo admirar a paisaxe capitalizada nestes primeiros pasos polo Mosteiro de Samos.

Samos. Serra do Édramo

O día está realmente espléndido para camiñar e nin sequera fai moito frío. Salvo un pequeno tramo de sendeiro algo angosto e un pouco encharcado polo que temos que subir, e outro pequeno tramo cheo de silvas que hai que pasar con coidado para non enredar os pés nelas e caer, o resto dos camiños son moi cómodos.

Samos. Serra do Édramo

Continuamos percorrendo algún pequeno bosque non demasiado espeso o que nos permite ter sempre unha visión do val e, xa chegando ao límite sur da ruta, podemos divisar Sarria e máis ao lonxe a cidade de Lugo, pero iso vai ser cando collamos algo de altura e alcancemos a zona de monte pelado, pois os montes deste macizo son alomados, dando lugar a grandes superficies abertas, ocupadas por matogueira intercalada con pastos. Algún pequeno rochedo completa o panorama. No fondo do val, o río Mao corre limpo, flanqueado por un importante bosque de ribeira.

Samos. Serra do Édramo

Practicamente no alto, a ruta pola serra comeza moi perto da estrada que comunica Samos con Val do Mao e o val do Lóuzara, e discorre polos límites dos concellos de Samos e O Incio. Na subida cara ao castro de Formigueiros chámanos a atención, ao lonxe, a escultura composta por un mamut adulto e unha cría (máis ben de elefante), pois O Incio quere reivindicarse como a terra do mamut, por ser o único lugar de Galicia no que apareceron restos deste animal. Cabe salientar que algúns destes restos foron doados por Isidro Parga Pondal á USC e hoxe pódense atopar na colección do Museo de Historia Natural da USC, situado no parque de Vista Alegre santiagués, de moi recomendable visita.

Samos. Serra do Édramo

Fronte ao castro de Formigueiros o Víctor explícanos que estamos na parte alta da Serra do Édramo, cordal que fai de divisoria das augas entre os ríos Mao e Sarria, remarcando que é un extraordinario paraxe polos seus valores naturais e históricos, e dende ela domínanse amplas comarcas da Galicia central. Vainos relatando todo o que divisamos cara ao leste, dende a Cruz do Incio, ao sur, ata o monte Oribio no norte, ao que xa temos subido, pero que de momento non se deixa ver completamente polas nubes baixas que o tapan. Todo este val do río Mao é moi fermoso e non deberiamos tardar moito en organizar algunha andaina por el.

Samos. Serra do Édramo

O castro de Formigueiros destaca pola magnitude e complexidade das súas defensas, coroadas por unha potente muralla. A sucesión de foxos, parapetos e plataformas danlle a todo o sistema defensivo un carácter labiríntico. O castro ten sona hoxe polo achado de lousas con peixes e cabalos gravados. No interior poden verse varias casas castrexas e un sector da muralla escavado, coas escaleiras de acceso.

Samos. Serra do Édramo

A presión das eléctricas no monte Oribio, con episodios recentes de mobilizacións veciñais e ecoloxistas para non asentar parques eólicos en zonas de Rede Natura non se fan visibles nesta serra do Édramo, posiblemente salvagardada deles pola presenza de castros e tamén pola gran cantidade de túmulos megalíticos que hai ao longo da mesma.

Samos. Serra do Édramo

Unha vez pasado o castro de Formigueiros, a ruta atravesa a necrópole megalítica do Campo de Valentín, e pódense ver varias medorras na beira do camiño. Son túmulos do Neolítico á Idade do Bronce, e un deles ten descuberta a cámara funeraria, o dolmen ou anta.

Samos. Serra do Édramo

Continuamos pola pista comodamente ata que damos, á esquerda do camiño, cun desvío sinalizado que leva ao miradoiro de O Castelo, ao que se chega tras un percorrido duns 450 metros. A pouca distancia do miradoiro hai unha pequena construción que foi utilizada como refuxio para o pastoreo. Xusto á beira está o marco xeodésico da Vila e os restos do que puido ser unha torre de vixilancia, desde a que se poden divisar os castros de Formigueiros e da Margarida. Desde o miradoiro gózase dunhas belas vistas da vila de Samos e a súa contorna e, raiando o horizonte, distínguese a vila de Sarria e varios pobos do seu municipio. Que mellor lugar para descansar e xantar un pouco!

Samos. Serra do Édramo

O camiño segue por este mundo funerario na penechaira do Édramo ata chegar ao Castro da Margarida, en moitos aspectos similar ao de Formigueiros. Para chegar ata el é preciso torcer á man esquerda por un camiño que leva ata a súa base. A maleza, con todo, fai practicamente imposible acceder á súa parte superior.

Samos. Serra do Édramo

Xa estamos cerca do Camiño de Santiago e do Mosteiro de Samos e para chegar ata eles temos que descender ao val. Pero ainda nos agarda unha sorpresa á beira do camiño. Unha enorme alvariza! As alvarizas son xoias etnográficas, construídas con gran coidado e saber herdado de xeracións, pero as que aínda resisten no medio dos montes, como esta, cóbrense aos poucos de maleza, algo do que tampouco se libran as ligadas ás casas.

Esta parte oriental de Galicia debeu ser nalgún tempo un punto chave na produción de mel, pois as alvarizas son relativamente frecuentes nesta zona, aínda que cos anos se foron abandonando e, por tanto, desaparecendo do alcance e interese das novas xeracións e, por suposto, das actuais necesidades económicas ou produtivas. Vemos algunhas colmeas nas proximidades do monte, poucas, polo que na actualidade a produción de mel é baixa e supoño que se destina basicamente ao autoconsumo ou á venda directa na propia zona.

Samos. Serra do Édramo

Continuamos baixando e, sabedores de que a ruta está a escasos quilómetros de rematar, imos máis relaxados, disfrutando plenamente de cada raio de sol e da paisaxe. A nitidez do día tamén é extraordinaria e xa podemos ver o impoñente Oribio sen nube ningunha. Logo de pasar por Vilar do Real, ao acadar a estrada que vai de Samos a Triacastela, abandonamos a pista. A pesar de que non hai moito tráfico, percorremos un pequeno treito da mesma en fila india e continuamos baixando ata dar co Camiño de Santiago en San Martiño do Real, vía pola que seguiremos durante uns dous quilómetros ata chegar novamente a Samos.

Samos. Serra do Édramo

Logo de facer os estiramentos achegámonos ata a tenda de Autoservizo Manxarín onde deixamos encargados os biscoitos. O home non dá feito, e temos que agardar un pouco, mentres vai e ven do forno de carrexar caixas e máis caixas de biscoitos. Aínda así, temos tempo de tomarlle unha Estrella antes de subir ao bus. Unha ruta moi recomendable e moi levadeira.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio