Boborás. Brués
Boborás é un concello da provincia de Ourense situado na comarca do Carballiño. A ruta que imos facer comeza e remata na Almuzara. Trátase dun fermoso percorrido con varios puntos de interese como as minas de ouro e arsénico de Brués, a vella ponte sobre o río Viñao e o manancial de augas termais. Son destacables tamén pola súa beleza os camiños entre carballeiras e sendeiros na beira do río Viñao, que cobra un especial protagonismo. Tamén discorre por aldeíñas case baleiras, como Xurenzás, Xuvencos e Conchouso.
As minas que veremos comezaron a súa actividade xa no século XIX, e aínda se sacaba mineral despois da Guerra Civil. Tendo en conta que se atopan nunha zona de minería da época romana e que hai un castro preto das mesmas, suponse que xa eran coñecidas e exploradas desde a Idade Antiga.
A ruta non ten dificultades, aínda que pode haber tramos complexos en caso de haber lama.
- Lonxitude: 13 km, aproximadamente
- Desnivel: baixo-medio
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
Ao ser unha ruta circular, podémola comezar en calquera punto da mesma, pero hai dous que son os máis acaídos se imos en coche ata alí, un en Brués e outro na Almuzara, que foi polo que optamos nós. A ruta iníciámola no parking que hai no lugar da Almuzara, que sae directamente desde a N-541. Nada máis deixar o parking, unha curva da vella nacional aproveitada como pequena vía de servizo, temos que cruzar a estrada e metémonos pola primeira estrada á dereita. Ao non haber pasos de peóns, e como somos un grupo numeroso, facémolo todos a unha, como hai que facelo, pois a estrada leva certo tránsito.
O primeiro punto de interese é a capital municipal, Boborás, á que chegamos logo de pasar por vellos camiños baixo carballeiras e camiños de tránsito entre viñedos. O paso por ela xa nos indica o que atoparemos no resto de poboacións que imos cruzar ao longo da ruta, casas abandonadas e en estado ruinoso, froito da despoboación do rural, do que tanto se está a falar ultimamente, pero sen aportar solucións de calado por parte das autoridades.
A maior parte do percorrido vai ser por camiños e sendeiros á beira do río, anque tamén imos ter uns poucos tramos por asfalto, pero quitando o que acabamos de cruzar na Almuzara e o que hai que cruzar a N-541 en Brués, o resto de tramos asfaltados son moi pequenos e con pouca afluencia de vehículos.
Descendemos ata á beira do río Viñao dándonos de fronte coa Ponte Vella. Non hai que cruzala, pois a ruta continúa torcendo á esquerda seguindo o curso do río. Eu apresúrome e crúzoa para ler un panel explicativo do monumento instalado á súa beira, que nos fala da historia sobre esta estructura e o xeito de como se construiu. A Ponte Vella sitúase no Camiño Real que une as terras do Ribeiro con Pontevedra e Santiago. As referencias máis antigas sitúana nos finais da Idade Media. O camiño do que forma parte a ponte procedía da fortaleza de Cavadoso, en terras do Ribeiro, seguía por Moldes ata Boborás e dende aí descendía ata esta ponte para cruzar o río en dirección á fortaleza de Orcellón.
O paso acompañando ao río é moi gratificante, pois ademáis do relaxante son das augas escoitamos os permanentes trinos de paxaros, que comezan a sentirse nesta primavera adiantada. Temos que salvar algunha que outra árbore caída sobre o camiño, pero o que asombra é a cantidade de troncos e pólas acumuladas no leito do río, que nalgún punto son auténticos parapetos que impiden o fluir normal das augas. Como noutras rutas fluviais que temos feito neste inverno, os continuos temporais deixaron unha pegada importante neste río.
A fonte de Brués enmarcase nunha paraxe natural de gran valor onde árbores como os plátanos, ameneiros, sobreiras e carballos conviven en harmonía. O manancial nace por debaixo dun monólito granítico que vai dar a un espazo cuadrangular, semellante a unha pequena poza que conta cun orificio que verte a auga ao Río Viñao. Seica nos meses de primavera e verán, os usuarios tapan o orificio e empozan a auga para desfrutar do baño.
A auga a súa saída deixa fíos brancos, en abundancia, é o que se coñece como o paso do ión sulfuroso a xofre. A auga ule a ovos podres e é untuosa ao tacto. A clasificación da auga: mineralización moi débil, hipotermal (27,4 ºC), alcalina, sulfurada e fluorada.
Segundo estudosos das fontes termais, estas augas son de excelente calidade e cun caudal apreciable que emana a unha temperatura de 27,4 graos, e algún doutor referiuse a elas como as “mellores augas de Europa” polas súas características adecuadas para doenzas do aparato dixestivo, procesos reumáticos e enfermidades da pel. A fonte desauga no río Viñao, que se encontra a escasos metros.
Deixamos o manancial e sobre a ponte nova que cruzamos podemos observar unha ponte peonil situada no río, a Ponte das Poldras na que apreciamos unha restauración recente conservando os seus orixinarios piares de pedra, anque un deles xa está a medio caer, motivado seguramente polas últimas crecidas do río que deixaron moita maleza sobre a pontella. Segundo as últimas investigacións foi construída cos restos do antigo Castelo do Orcellón.
Entre agros, nunha suave subida pola estradiña, parece que medran as casas onde habitan os de Brués. Algún gando pacendo, algún ladrido perdido no aire e algunhas chemineas fumegando testemuñan aínda a presenza humana que anima este lugar. Ogallá teña o futuro que parece negarse a tantas aldeas!
Chegamos ao núcleo de Brués, cruzado pola N-541, e dende aquí continuamos coa marcha para visitar outro dos elementos interesantes da ruta, as Minas de Brués. O percorrido neste tramo é para disfrutar, é sinxelo e require pouco esforzo, anque o entorno presenta un forte relevo en uve, discurrindo polo seu fondo o río Viñao, cunha paisaxe fluvial moi atractiva, apreciándose dende o alto unha espesa vexetación de ribeira.
A zona mineira de Brués e arredores foi explorada por diversas empresas inglesas e francesas ata case o inicio da I Guerra Mundial. Algunhas referencias recollen os traballos máis antigos no século XIX. Por encontrarse nun entorno de recoñecida actividade mineira de época romana e pola proximidade dun castro celta, considérase que xa eran coñecidas e serían cando menos, exploradas nesa época. A mediados do século pasado, ata Eduardo Barreiros, o dos motores Barreiros, se interesou nestas minas romanas de Brués. O seu obxectivo era renovar a extracción de ouro e outros metais e protagonizou o intento máis serio e ambicioso de volver pór en produción as vetas de ouro destas minas que, ao longo da historia, cada certo tempo sitúanse no obxectivo dalgunha empresa extractora, pero sen éxito ata o momento. A última exploración realizada tivo lugar na década dos 70, aínda que non foi de ouro, senón de arsénico. Nos últimos anos, unhas dez empresas solicitaron autorización da Consellería de Industria para realizar prospeccións mineiras pero, do mesmo xeito que ocorreu co proxecto de Barreiros, ningunha foi máis aló.
O paso polas bocaminas non ten perigo, pero convén reflexionar sobre o perxuicio que se fixo ao romper o peche de entrada da bocamina xa que calquera curioso e imprudente podería entrar na galería e sufrir algún accidente, evitable cun peche en condicións e, en calquera caso, utilizando o sentidiño. Como moi ben nos lembra Víctor de cando en vez, perigo nas rutas non hai, pero se o buscas, atópalo.
Disfrutando da paisaxe, desfacemos o camiño andado e volvemos introducirnos por sendeiros cubertos de carballos, castiñeiros e piñeiros ata descender de novo ata o río Viñao. Percorremos un pequeno tramo río arriba, moi fermoso, e aproveitamos o lugar para facer unha parada para descansar e repoñer forzas. Quédanos un pequeno ascenso ata Balboa (unha mágoa non poder visitar a cercana igrexa de San Pedro de Xurenzás!), por camiños pouco transitados e, polo tanto, moi descoidados.
Pasar por estas aldeas dá unha sensación de que este mundo rural está esvaecéndose sen remedio. Aínda así, podemos apreciar perfectamente os elementos da casa tradicional: muros de pedra, cadeirado e cachotería de gran espesura e cubertas a dúas augas. Planta baixa con adegas, pendellos, cortellos e vivenda na planta superior. Campos de hórreos, moitos deles en estado ruinoso, con estructura principal mixta: en pedra son os pes de mesa coroados por molas coa cara superior convexa e voando contra os ratos, as vigas de base, as columnas intercaladas e as das esquinas, mentres os peches e portas son de madeira, maiormente pino ou castaño. Cubertas de lousa a dúas augas.
Xa queda pouco para completar o percorrido, pero o estado dos camiños ralentizan o noso andar, pois hai moita lama neles e é practicamente imposible non cubrir as botas con ela.
Hoxe acompañounos Luís Cachafeiro, con raíces neste concello e moi coñecedor do mesmo. Antes de chegar á Almuzara falounos da súa toponimia, indicando que hai varias teorías, sendo a máis verosímil a de que foi un lugar con almazaras para elaborar aceite. Todo o concello ten unha toponimia moi curiosa e fermosa. Tamén nos ilustrou sobre o principal edificio que hai no lugar, o Pazo da Almuzara, hoxe convertido en hotel , e sobre os seus primeiros moradores.
Coido que é unha ruta que, máis que describila, é mellor camiñala e vela cos nosos propios ollos, coñecer e gozar da arquitectura de pontes medievais, igrexas románicas… e de paraxes naturais enmarcadas polo río Viñao que cruza parte da xeografía boborense. A nós quedounos gravada, pero agardo volver pola zona moitas máis veces!