Roteiros Galegos 2023

31-12-2023

Animeime a escribir este pequeno resumo de 2023 (case sempre me custa escribir este último artigo do ano), pois decateime que hai un ano non fixen balance do 2022, e non pode ser! Debeu ser que por mor de sair dos aciagos anos 2020 e 2021, voltamos á normalidade da vida, convencidos de que o 2022 ía ser mellor, e que sería imposible empeorar estes anos do confinamento, aínda que nalgún caso con ausencias.

Aínda así, este ano foi un pouco raro, coas elevadas temperaturas e a gran seca que tivemos en gran parte do ano e as chuvias constantes, torrenciais nalgún momento, que tivemos en Galicia nesta parte final do ano non permiten esquecer as febres finais de actualidade moi intensa (pasamos de discurso de El Rei), actualidade do xenocidio en directo que está cometendo o goberno de Israel en Gaza, ademais de facer esa limpeza étnica, exterminando o patrimonio histórico e cultural e calquera resto que lembre quen viviu alí no pasado.

Non sei como o vedes vós, pero para min este Nadal non está sendo Nadal. Como podemos celebralo, sendo o Nadal máis sarcástico que vivín? Como podemos cantar o Campanas de Belén (quen o cante), se nesa terra están voando as campás, as igrexas, mezquitas, hospitais, escolas… e todo o mundo mirando para outro lado mentres se están matando inocentes a miles. E nós iluminando as rúas como se non pasase nada! Estáse desfacendo o tan cacareado espíritu de Nadal, o espíritu de paz…

Fervenza do Xallas (Ézaro)
Río Eume
Igrexa de Vilar de Donas (Palas de Rei)
Tui

A nivel persoal houbo cambios pois a partir de finais de xaneiro adquirín a condición de xubilado, e podo dicir que ata o de agora estou facéndolle honra á palabra xa que non parei de practicar isto que tanto me gusta, ben co grupo de sendeirismo da USC, ben co pequeno grupo de xubiladas e xubilados que tertuliamos case todas as mañás e programamos moitos venres do ano unha xeira a calquera punto de Galicia, ou ben collendo cada luns o tren a Ourense a gozar das termas de Outariz, por exemplo. Non parei! Agardo que neste 2024 e seguintes poida ter tanta oferta como da que gocei neste ano que remata.

A pesar de todo isto, como dixen, non interrompemos as saídas de fin de semana co clube de sendeirismo da USC que, coma sempre, foron ben fermosas. As primeiras rutas do ano estiveron cinguidas á provincia de Ourense. Así, en xaneiro, achegámonos primeiro ata Cenlle para percorrer unha interesante e variada ruta de sendeirismo que comezou e rematou na beira do río Miño; logo fomos por algúns dos lugares máis bonitos do concello de Piñor, percorrendo ribeiras, bosques, zonas agrícolas, aldeas… cos ríos Arenteiro e Mirela, cobrando especial protagonismo o Sendeiro Ecolóxico do Peilán. E continuamos no mes de febreiro percorrendo os Ríos e bosques de Cea, nos que notamos os efectos das crecidas dos ríos nos últimos meses do inverno. Deixamos febreiro e deixamos Ourense cunha fermosa Ruta polo concello de Avión. Os efectos das crecidas tamén os comprobamos na Ruta polo Río Tea, entre Mondariz Balneario e Salvaterra de Miño no mes de marzo.

Ruta por Cenlle
Río Miño ao seu paso por Cenlle, formando parte do encoro de Castrelo de Miño
Sendeiro ecolóxico de Peilán. Piñor
A fervenza Pozo de Peilán, no Concello de Piñor
De Esteiro ao Pico do Castelo Grande

E chegou a semana santa. Semana santa é sinónimo de saída fóra de Galicia, o que nos permite coñecer outras paisaxes e, o máis importante para min, facer grupo nestes poucos días de convivencia. A saída deste ano foi unha sorpresa moi grata pois desprazámonos ata o norte da provincia de Burgos, a coñecer parte das Merindades, facendo unhas rutas a cada cal máis fermosas: A Ruta por Puentedey, un dos pobos máis bonitos de España; a ruta no Complexo kárstico do Monumento Natural de Ojo Guareña; a senda do Faial de Quintanilla e Fonte Ulemas, que comeza e remata na Casa do Parque do Monumento Natural Ojo Guareña, que tamén aproveitamos para visitar; ou a que fixemos o último día, antes de regresar, De Soncillo a Villabáscones de Bezana, unha ruta de ida e volta que pasa por lugares moi fermosos como a fervenza das Pisas.

Puentedey
Puentedey aséntase sobre a ponte de pedra natural creada polo río Nela
Cova Ermida de San Bernabé, situada na entrada principal do complexo kárstico do Monumento Natural de Ojo Guareña
Faial de Bezana, na ruta de Soncillo a Villabáscones

Había tempo que non íamos ata o sur da provincia de Pontevedra, e que mellor que facelo pola comarca da Paradanta. Ademáis de estar en marzo camiñando pola beira do río Tea, achegámonos ata o concello de Crecente, onde hai deseñada unha fermosa ruta, a Ruta por Rebordechán, no que percorremos parte do val que forma o río Miño no tramo que pertence ao encoro da Frieira. Xa entrados en maio, desprazámonos ata Esteiro, no concello de Muros, para facer un percorrido circular que nos leva por diferentes puntos de interese da zona De Esteiro ata o Pico do Castelo Grande. Como dicía Víctor, unha agradable sorpresa, deses lugares que están aí, preto de nós, e non coñecemos!

Paso pola Cerrada de Elías na Ruta polo río Borosa
Cazorla
Castelo de La Iruela
Baixando do Pico Gilillo. Vista da campiña de oliveiras

E como xa ven sendo habitual, chegou a ponte do Día das Letras Galegas, que este ano coincidiu na mesma semana que o día da Ascensión, o que facilitou que optásemos por unha estadía no sur da península e evitar así as calores de xullo na saída especial de verán. O lugar elixido foi a Serra de Cazorla, percorrendo distintos lugares deste Parque Natural. Marabilla! A viaxe foi longa, pero pagou moito a pena: a Ruta polo Río Borosa e nacemento de Aguas Negras, un dos grandes clásicos do P.N. Sierras de Cazorla, Segura y Las Villas, De La Iruela a Cazorla. Ruta do Río Cerezuelo, que incluiu unha visita guiada moi interesante sobre a curiosa historia da igrexa de Santa María en Cazorla, a Ruta por Tíscar, unha das zonas menos visitadas do parque natural, a do Porto de Las Palomas a La Iruela, vila onde estivemos aloxados, rematando aos pés do seu castelo, e deixando para a última xornada coido que a máis famosa de todas, o Ascenso ao Pico Gilillo. Sen dúbida non podía haber mellor final para a nosa estadía por Cazorla.

Ruta polo Encoro de Portodemouros
Costa de Xove. Praia Reboeira

Xa na nosa terra, desprazámonos ao norte da provincia de Lugo, a percorrer a Costa de Xove, unha senda costeira que vai dende a praia de Esteiro ata o Portiño de Morás. Que gañas tiña de facer unha ruta costeira e poder gozar do mar! Tamén tiña moitas gañas en recuperar os xantares despois de percorrer unha ruta. Este ano acertamos de pleno indo ata Casa Chelo, en Arzúa. Grazas a intermediación de Celia (casa Chelo pecha os sábados, cando camiñamos nós), puidemos saborear os pratos máis sobranceiros: empanada, callos, carne á media hora ou o polo guisado foron degustados con verdadeira pasión… ah! e para abrir boca, camiñamos pola parroquia de Arnego, en torno ao Encoro de Portodemouros, no veciño concello de Vila de Cruces.

Descendendo polo collado do Arrudo
Parte do grupo chegando ao cumio do Pico Vallines
Hoyo Empedrado na subida ao Mojón das Tres Provincias

E chegou a saída especial de verán aproveitando a ponte do Apóstolo, que este ano se deseñou con rutas montañeiras durante cinco días pola zona do nordeste leonés, no entorno do Porto de San Glorio e a Montaña Palentina. Outro descubrimento! No día da viaxe de ida, antes de chegar a Llánaves de la Reina, onde nos aloxamos, fixemos unha fermosa ruta De Portilla de la Reina ao Pico del Arrudo. Na Ruta ao Pico Vallines e Pico Coriscao saímos dende Llánaves para acadar os dous cumios cunhas vistas espectaculares, que van a ser difíciles de esquecer. Quizais as do Coriscao son máis impresionantes por estar situado xusto diante dos macizos central e oriental dos Picos de Europa. A subida ao Mojón das Tres Provincias vai ser outra andaina para non esquecer, difícil polo último tramo de ascenso e descenso, pero a Veiga do Naranco, o Boquerón de Bobias e o Hoyo Empedrado foron lugares que nos aportaron unha fermosura extra á ruta! Tamén foi inesquecible o desprazamento no bus para acadar o Pico Murcia na montaña palentina, ou a última subida da estadía, que partindo do porto de San Glorio acadamos o Alto do Naranco.

Ruta por Lobadiz
Corrubedo dende o Castro da Cidá
Igrexa de Santa Mariña de Augas Santas

En setembro retomamos as rutas, con dúas andainas costeiras, unha Ruta por Lobadiz, en Ferrolterra, despois de visitar o Museo da Sociedade Galega de Historia Natural, na cidade de Ferrol, amosado por un dos seus fundadores Xan R. Silvar. Na outra volvemos visitar a Ribeira camiñando polo Parque Natural de Corrubedo, ademais de coñecer o Castro da Cidá e o Miradoiro da Ra, lugares nos que non me cadrara estar antes. Regresamos de novo a Ourense, ao concello de Allariz para visitar nesta ocasión Santa Mariña de Augas Santas e a súa contorna, un lugar que estaba desexando coñecer polo moito que me ten falado Suso del, dende que se desviou ata aquí, percorrendo hai anos o Camiño de Santiago, parecéndolle un lugar cargado de misterio e de misticismo.

Braña de Buenverde
Braña de Buenverde
Subida ao Cueto Nidio. O camiño ata a Braña de Cubajo vai entre un fermoso bosque

Non podía faltar neste ano unha pequena viaxe de dous días a Villablino. Estamos tan ben no Albergue Giner de los Ríos e a zona de Laciana e Alto Sil é tan fermosa que dá para ir tantas veces como se queira! Desta xeira, fixemos dúas rutas, unha guiada polo persoal técnico da Fundación Oso Pardo, Luis e Alicia, que nos acompañaron ata a Braña de Buenverde, nunha mañá de chuvia inclemente con nós, facendo un percorrido interpretativo por esta zona. Un luxazo! Antes de iniciar a viaxe de regreso, tiñamos pensado facer unha ruta que desbotamos polas intensas chuvias de días pasados que deixaron os camiños con moita auga, polo que se decidiu sobre a marcha subir ata o Pico Cueto Nidio, un miradoiro perfecto cara á preciosa comarca de Laciana. Esta terra nunca defrauda!

Fervenza de Naraío, na ruta polo Rio Castro
Chegando ao cumio do Monte Cabalar

En novembro camiñamos por primeira vez polo concello de San Sadurniño. Eu xa tiña visitado este concello, pero nunca fixera unha andaina por el, e para inicialo fixemos unha andaina polo Río Castro e O Cal. No espazo natural do Cal, Álvaro Barros, guiounos a medida que nos foi comentando todas as vicisitudes que tivo que pasar para acadar a recuperación ambiental dun espazo natural degradado e concienciar e poder reverter o proceso de eucaliptización. Outro luxazo!

Para finalizar o ano, sorprendeu gratamente a ruta ao Monte Cabalar, no concello da Estrada. A andaina foi excelente, cunhas boas vistas que se divisan desde a parte máis alta deste monte de case 650 m de altitude, e un descenso moi placenteiro ata a vila. Unha boa experiencia!

Reiteramos unha vez máis o pracer, a honra e o luxo de compartir un ano máis o blog e os vídeos, nos que deixamos moitas imaxes no caixón (desta vez cerca de 400!), e nos que pretendemos pór cara aos verdadeiros protagonistas dos roteiros! Rir, falar, comer, camiñar, amar… diso se trata.

Pasádeo ben (e deixade algo para o ano que vén)! Sexa o que sexa o que desexedes, lembrade que o mellor está por chegar.

Vémonos no 2024, con moitos camiños por percorrer e moitas experiencias por compartir.

Saúde e terra!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio