Mojón das Tres Provincias dende Llánaves de la Reina

Comezamos camiñando dende o hotel onde estamos instalados en Llánaves e decontado entramos no val da Veiga do Naranco. É unha zona preciosa onde abondan os pastos e os gandeiros da zona soben as vacas e os cabalos para que se alimenten. Está situado na cara norte da impresionante serra de Orpiñas. Cruzamos todo o val en dirección oeste-leste ata chegar ao refuxio Tajahierro, pertencente ao Club Alpino Tajahierro de Cantabria. Neste punto viramos para acadar o alto do Boquerón de Bobias, a 1.850 m de altitude. Enlazamos aquí co camiño que ven do val de Lechada. O camiño é moi cómodo ata un pouco antes de chegar ao Lago del Hoyo Empedrado. Para chegar a el teremos que remontar unha empinada ladeira herbosa. O lago está situado nun circo de orixe glaciar. A paisaxe é unha fermosura.

Dende aquí temos que remontar as últimas palas antes de acadar o cumio do Tres Provincias. Neste punto comezan as dificultades, xa que temos que atravesar pedreiras bastante incómodas en forte pendente. As vistas dende o Tres Provincias son impresionantes xa que está situado a case 2.500 m de altitude. O descenso realizámolo polo mesmo camiño, salvo algunha pequena variante cando xa esteamos no val do Naranco.

*O MIDE está elaborado cos datos obtidos ao facer cumio no Mojón das Tres Provincias. Evidentemente, se só se sube ata o Lago del Hoyo Empedrado, como se indica no mapa, a dificultade é menor.

MIDE

  • Horario: 7:35 h
  • Desnivel de subida: 1213 m
  • Desnivel de baixada: 1213 m
  • Distancia horizontal: 19 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 3
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media/Alta

Comezamos a camiñar…

Como todos os días, antes de iniciar a andaina, achégome ata a fonte de Llánaves para encher de auga as botellas, pois temos por diante sobre 19 quilómetros de ruta e máis de 1.200 m de desnivel; coido que imos ter un fermoso día para camiñar, aínda que a temperatura é fresca desta hora. Comezamos a camiñar cruzando a ponte sobre o río Esla, antes dun muíño, para evitar camiñar pola estrada como fixemos no inicio da andaina de onte ao Coriscao.

Saíndo de Llánaves pola pista que conduce ao inicio da ruta
Posto de observación no medio do val do Naranco

Camiñamos ata o punto de partida da ruta que é onde conflúe o Arroio de Val Estébano co Arroio do Naranco, que nos acompañará durante gran parte da xornada (xa teño un pequeno lío co nome do río pois coido que aquí o Esla é o mesmo Arroio do Naranco). Tras cruzar a pequena ponte, un panel ofrécenos interesante información sobre os vales do Naranco e de Lechada, que lemos mentres Tania regresa de contado ao hotel na busca do teléfono. Imos camiñar por dous vales de morfoloxía glaciar que amosan nas súas cabeceiras soberbios circos sobreexcavados polo xeo.

A primeira parte da ruta coincide co trazado oficial do PR-LE 22, que percorre o Val do Naranco. Os primeiros pasos andámolos por un val estreito que pouco a pouco se vai abrindo, acompañándonos unha nubosidade que cubre a parte alta das montañas e que se irá disipando a medida que o sol vaia collendo forza. Un desvío permítenos elixir a pista forestal pola que camiñar. A ida realizarémola pola esquerda, parte alta do val, e a volta pola parte baixa. Camiñamos sen ningún tipo de complicación e moi comodamente ao longo do val, en moi lixeiro ascenso e sen dificultades técnicas.

As abas da Serra de Orpiñas están cubertas de extensos piñeirais
As nubes van permitindo que vaiamos descubrindo os riscos a medida que avanzamos

Pouco a pouco, as nubes vannos permitir gozar das bonitas vistas a ambos os dous lados do val, destacando os riscos que nos contemplan á nosa esquerda e os extensos piñeirais á nosa dereita, nas abas da Serra de Orpiñas. Superadas á nosa dereita unha pequena cabana de pastores e o Refuxio Tajahierro, continuamos o noso camiño cara ao Boquerón de Bobias, o noso seguinte fito, collado que separa o Val do Naranco do Val de Lechada.

Superado o Refuxio Tajahierro a actividade vai ser máis exixente
As vistas sobre o Val do Naranco son en todo momento espectaculares
Pequeno descanso na Majada de Arriba

A partir deste último refuxio, iremos deixando a veiga do Naranco e o esforzo será moito maior. Debemos superar uns 300 m ata o collado en algo máis dun quilómetro. A pesar de que aínda hai algunha nube tapando os cumios, as vistas sobre o Val do Naranco seguen a ser en todo momento espectaculares. A medio camiño, na Majada de Arriba, facemos unha pequena parada para írmonos reagrupando, o que nos permite gozar deste impresionante entorno antes de acometer o arreón final.

Neste punto é importante seguir un pequeno desvío á dereita, pois debemos camiñar cara ao citado collado. A pista convértese nun estreito carreiro entre breixos e piornos, ben visible e sen complicacións, salvo un pequeno paso sobre un arroio que baixa con pouca auga, pero que en épocas invernais pode dar algún problema cruzalo. Superamos unha encrucillada pola que nos desviaremos cando regresemos, pero agora toca subir.

Paso sobre un arroio sen maiores dificultades
O carreiro ata o Boquerón de Bobias distínguese perfectamente
Rebeco encaramado entre os conglomerados rochosos
Pouco a pouco imos chegando ao collado do Boquerón de Bobias

En varios minutos de intenso ascenso, chegamos ao Boquerón de Bobias, collado que separa os dous vales da zona. Chegando ao collado, camiñamos entre grandes conglomerados rochosos coas atentas miradas dalgún rebeco. Pouco a pouco imos chegando, notándose en moitos de nós o esforzo da subida. Mentres descansamos unha migalla, unha mirada cara atrás para contemplar parte do val e, agora si, os perfís dos picos que o rodean xa sen nubes, fan que as vistas desde aquí paguen a pena! Mochila ás costas e continuamos.

Descendemos do Boquerón de Bobias cruzando o Río Bobias, practicamente sen auga, e conectamos coa pista que percorre todo o Val de Lechada, entre numerosas cabezas de gando vacún. Canto gando hai pola zona! Viramos á esquerda e comezamos a ascender suavemente cara a Hoyo Empedrado. A pista non ofrece ningún contratempo e permitiranos gañar altura lentamente. Cruzámonos cun todoterreo que ven cara a nós descendendo polo val, que van ser as únicas persoas coas que nos atopemos na ruta de hoxe.

Descendendo do Boquerón de Bobias xa vemos a pista que percorre todo o Val de Lechada
Botando a vista atrás cara ao Val de Lechada e o Coriscao ao fondo

Non sei se sería polo esforzo empregado na subida ao Boquerón de Bobias, ou polo pequeno descanso, pero levamos moi bo ritmo ata chegarmos ao final da pista, onde Víctor nos reúne para comentarnos o pequeno pero intenso arreón que temos a continuación por unha empinada ladeira herbosa sen camiño definido. Superada esta, chegamos ao pequeno lago Hoyo Empedrado. Que marabilla!

Descansamos unha migalla e, como en case todas as rutas, Víctor comenta o que temos por diante para chegar ao Mojón das Tres Provincias, o obxectivo principal do día. Hai que decidir quen continúa e quen queda pois, a partir de aquí, a ruta cambia en dificultade. Xa non teremos pistas e carreiros polos que camiñar comodamente. Ao principio, algún indicio de camiño para remontar altura de maneira rápida con fortes desniveis, cara á ladeira do Mojón das Tres Provincias, e logo, moita pedreira pola que andar en forte pendente.

Intensa subida que temos a continuación por unha empinada ladeira
Pequeno lago Hoyo Empedrado

Eu decido quedar e gozar da paisaxe tan impresionante que temos ante nós, co pequeno lago Hoyo Empedrado aos nosos pés. As vistas son espectaculares! Distingo perfectamente o Pico Coriscao que coroamos onte, e adiviño medio tapados aínda polas nubes boa parte dos Picos de Europa. Cara atrás, o fermoso circo glaciar por onde está a subir parte do grupo, baixo as impresionantes Agullas de Cardaño. Mentres agardamos por eles, eu dou unha volta arredor do lago mentres fago fotos e vídeos sen parar deste impresionante lugar.

No reencontro, coméntame Xerardo a dureza da subida ao Tres Provincias. Logo de completar o val, seguindo algún que outro fito, o ascenso polo pedreiro foi tremendamente incómodo, tanto na subida como na baixada. Tras este tramo de duro ascenso, chegaron a un pequeno ombreiro, onde tiñan unhas vistas fabulosas cara ás Agullas de Cardaño. Tamén xa vían a cima do Tres Provincias, cara a onde seguiron sen maiores complicacións, sempre por terreo de alta montaña e coroando os 2.499 m de altura que, como se pode supor, recibe este nome na honra de León, Palencia e Cantabria, as tres provincias que conflúen neste punto.

Agullas de Cardaño. Foto de Xerardo
Lagoa de Fontes Carrionas. Foto de Xerardo
Coroando o Tres Provincias. Foto de Xerardo

Despois de ir chegando aos poucos, coroaron o Mojón das Tres Provincias, un miradoiro excepcional da Montaña Palentina e Picos de Europa. Un tempiño de descanso mentres gozaban dun verdadeiro espectáculo para a vista… e fotos a moreas! Distinguiu perfectamente o Pico Curavacas, o Pico Espigüete, ou a Lagoa de Fontes Carrionas. E o cercano Pena Prieta, no que se ve perfectamente pola súa cara norte o carreiro a seguir dende o Tres Provincias.

A pedreira pola que subiron e baixaron ata o lago. Foto de Xerardo
Despois de xantar, todo o grupo diante do lago. Foto de Xerardo
Percorrendo de novo o val de Lechada pola pista
Unha pequena nube agardábanos no descenso do Boquerón de Bobias

A pesar da dureza do traxecto entre as pedreiras desandando o camiño, non tardan en chegar onda o grupo que quedamos no entorno do lago. Aproveitamos para xantar todos xuntos e facemos foto de grupo con esta paisaxe tan fermosa de fondo. Sen perder demasiado tempo, iniciamos o regreso. Podemos distinguir todo o camiño de ida ata o Boquerón de Bobias.

Desde aquí só debemos descender ata chegar á Veiga do Naranco novamente. O descenso é polo mesmo carreiro ata que chegamos ao cruce que atropamos na subida e, desta vez, collemos á nosa esquerda. Con coidado e aos poucos, imos perdendo altura, debendo cruzar algún pequeno arroio ou tramos enlamados.

Volvemos contemplar o val da Veiga do Naranco
E camiñamos polo val en toda a súa extensión
As eguas e cabalos están afeitos ao paso de xente

Volvemos camiñar por este entorno espectacular. A Veiga do Naranco é un lugar precioso, rodeada de grandes montañas e chea de gando vacún e cabalar que pasta tranquilamente desta hora e que debemos ir sorteando a medida que avanzamos. Debemos cruzar varios regatos sen maiores dificultades, pois a estas alturas do ano baixan practicamente sen auga. Xa non regresamos á pista pola que chegamos ao Refuxio Tajahierro pola mañá. Só debemos seguir a senda herbosa que vemos na mesma veiga ata conectar novamente coa pista forestal de inicio. Aquí, seguiremos o desvío para regresar pola parte baixa do val.

A parte baixa do val bríndanos outra panorámica do Val do Naranco, podendo ver de cerca os bonitos piñeirais da Serra de Orpiñas. Cruzamos varias pontes sobre o Arroio do Naranco ata dar novamente coa pista principal, xa moi preto do final. De novo na primeira pista, seguimos uns metros máis ata chegar á altura da estrada, volvemos tomar o camiño do muíño e, logo de facer os necesarios estiramentos, damos por rematada a xornada.

Ruta moi gratificante, difícil polo último tramo de ascenso e descenso ao Mojón das Tres Provincias, pero a Veiga do Naranco, o Boquerón de Bobias e o Hoyo Empedrado son lugares que nos aportaron unha fermosura extra á ruta!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio