Este día saímos camiñando dende Llánaves de la Reina cara ao val de Culebrejas para intentar acadar os cumios do Pico Vallines (2153 m) e o Coriscao (2234 m). A ruta transcorre por pistas e camiños cómodos durante os primeiros quilómetros ata acadar a cota 1750 m aproximadamente. Neste punto o camiño divídese.
Pola esquerda, seguindo restos dunha senda e en forte e constante pendente, avanza cara o Pico Vallines. Antes de chegar ao cumio pasa polo Pozo Butrero, pequena e fermosa lagoa situada estratexicamente ao pé do cumio que goza dunhas vistas impresionantes. O último tramo de ascenso ao Vallines, transcorre por unha crista que, sen chegar a ser complexa, pode dar vertixe.
Pola dereita continúa en pista ata o Collado de la Cardosa a 1900 m, dende onde comeza a última subida ao Pico Coriscao. A subida ao Coriscao dende o Collado de la Cardosa non ten maiores dificultades, salvo o desnivel a salvar e a pendente.
Os dous cumios teñen unhas vistas espectaculares. Quizais as do Coriscao son máis impresionantes por estar situado xusto diante dos macizos central e oriental dos Picos de Europa.
Saimos dende o mesmo Hotel San Glorio, onde nos aloxamos, pola estrada N-621 en dirección ao Porto de San Glorio e, a pouco menos dun quilómetro, nunha curva facilmente identificable e antes de chegar a unha cabana de pastores que queda á dereita da estrada, tomamos un sendeiro flanqueado por un pastor eléctrico que salvamos agarrándoo pola empuñadura e volvendo colocalo unha vez que pasou o grupo. O sendeiro deixámolo pronto pois temos que vadear o arroio Culebrejas. Hai unha pequena ponte pero o pouco caudal que trae permite cruzalo sen problema á maioría de nós.
Primeiras luces en Llánaves de la Reina antes de sair a camiñar
Recuperado o sendeiro, os ladridos dos mastíns cerca dunha cabana e as chocas das reses de gando vannos acompañar nestes primeiros quilómetros de subida, un suave ascenso polo fermoso Val de Culebrejas. Pasamos pola Cabana Linarucas, á nosa esquerda, que se ve co teito en moi mal estado. Continuamos ata a metade da pendente, gozando do val a certa altura á nosa esquerda. Xa tenemos á vista o primeiro dos nosos obxectivos da xornada, Pena Vallines.
A cabana na dereita da estrada, é o punto de comezo da ruta
Salvando o arroio Culebrejas
No medio do val pasamos pola Cabana Linarucas
A ruta continúa en suave subida, cruzando de novo sen dificultade o Arroio Culebrejas para acadar a Majada de los Cantos, onde atopamos unha cabana que nos serve como punto de encontro para reagruparnos, e para botar a vista atrás, cara ao val polo que vimos camiñando e a Serra de Orpiñas! Ata aquí non houbo ningún tipo de problemas, cun camiño en perfecto estado que non ten perda.
Logo de admirar o val mentres nos hidratamos e tomamos unha froita, continuamos e seguimos gañando altura, agora un pouco máis esixente. Un pequeno sendeiro, que pasa nada máis deixar a cabana por un claro para zigzaguear despois entre a vexetación, déixanos nun novo claro no que nos atopamos pastando unha grea de cabalos que, ao vernos, vanse achegando onde a nós ata interrompernos o paso. Semella que están afeitos ao paso da xente pois son moi confiados, iso si, co garañón espectante!
Vista atrás coa Majada de los Cantos, o Val de Culebrejas e a Serra de Orpiñas!
Pequeno tramo de subida entre xestas
Continuando pola pista, un pouco máis arriba, chegamos a unha bifurcación en sendeiros forestais, o punto onde hai que elixir. Quen queira facer os dous cumios, á esquerda, para continuar con Víctor cara ao Vallines. Quen queira só subir o Coriscao, á dereita, con Tania de guía. Teño que facer un inciso, pois tanto o MIDE como o vídeo feito están cos datos obtidos ao facer os dous cumios. Evidentemente, se só se sube ao Coriscao como fixen eu, a dificultade é menor. O mapa só indica o traxecto ata o Coriscao.
A proximidade dos cabalos foi unha grata sorpresa
As vistas cara atrás seguen a ser espectaculares
Como explica Víctor, a subida a Pena Vallines non implica dificultades técnicas pero si pode dar vertixe nalgún punto, polo que eu opto por continuar cara ao Coriscao.
Establecemos así dous grupos e, mentres nós continuamos comodamente polo ancho camiño que sube en zigzag cara ao Collado de la Cardosa, vemos como o outro grupo comeza a ascender por un sendeiro que vai acompañando ao Arroio Culebrejas máis alá do seu nacemento.
Pico Vallines
Segundo me comenta Jaime, logo de deixar o arroio, viraron á esquerda, a SW, ata Pozo Butrero, sempre por un sendeiro ben definido. A pequena lagoa de Pozo Butrero, a unha altitude duns 1940 m, aséntase sobre unha cornixa formada polas empinadas ladeiras do Vallines. A paisaxe, a medida que van gañando altura, é espectacular! Volven aparecer Peña Vallines, o accidentado Alto da Cardosa, Alto do Valdeloso e Pico Coriscao. Simplemente espectacular!
Fermosa a pequena lagoa de Pozo Butrero. Foto de Xerardo
Tras gozar das panorámicas, continúan cara o oeste bordeando o val ata chegar á súa parte alta, para enfrontarse as últimas pendentes, encontrándose cunha zona rochosa que require o uso das mans para avanzar ata a crista e, finalmente, chegar ao cume do Pico Vallines.
Mentres descansamos ao pé da Punta Canu camiño do Coriscao, vemos como o outro grupo está a punto de coroar o Vallines
Tras facerse fotos e gozar novamente das vistas, desta vez en 360 graos, destácame o máis próximo fronte a eles. Entre os vales de Lechada e Naranco, a Serra de Orpiñas, polos que andaremos nos próximos días e, cara ao norte, os tres macizos dos Picos de Europa. Magnífico!
Toca baixar e dirixirse ao seguinte cumio, o Coriscao. Diríxense cresteando ao NE (como se nota que foi mariño), na busca dun primeiro collado, o Calar de Juanito e, posteriormente, con algún que outro tramo aéreo, avanzar ata chegar ao collado de la Cardosa e continuar cara ao Coriscao pola mesma vía que nós.
Pico Coriscao
Como dixen máis arriba, cando deixamos ao outro grupo, nós continuamos por un camiño que sube en zigzag cara ao Collado de la Cardosa entre vacas pastando no medio das xestas, sen maior problema. Baixamos o ritmo de andar e continuamos admirando o val que queda ás nosas costas. Dende o collado de la Cardosa, a subida non ten ningunha dificultade salvo a pendente. Logo de camiñar á beira dunha alambrada, saltámola e iniciamos a subida dun bo desnivel cunha forte pendente, sobre todo neste primeiro arranque, sen camiño definido, por un tramo herboso cheo de flores e plantas aromáticas que arrecenden coas nosas pisadas. Que marabilla!
O camiño ata o collado é moi cómodo
Un último vistazo ao val, antes de chegar ao Collado de la Cardosa
Imos pouco a pouco, pois non temos présa, xa que o outro grupo aínda non corou o Vallines. Vémolos como van chegando cando facemos unha pequena parada ao pé da Punta Canu. O desnivel pronunciado xa o salvamos e só queda continuar comodamente ata o cumio, que case alcanzamos a ver.
Fai un vento frío que pela, polo que ao chegar ao cumio hai que abrigarse. Xa escoito a Tania dende arriba mentres damos os últimos pasos que ao chegarmos nos protexamos do vento. Intento chegar gravando vídeo ao cumio pero é imposible co vento que vai e a gravación sae toda movida.
Deixando atrás o Collado de la Cardosa, coa Peña Vallines ao fondo
Para superar a pendente, o primeiro tramo do ascenso facémolo en zigzag
Xa queda pouco para facer cumio. Ás nosas costas, Punta Canu, o collado e Peña Vallines
As vistas cara ao norte son impresionantes e semella que tivemos máis sorte que a nosa amiga e compañeira Rocío, que ascendeu en xaneiro ao Coriscao (2234 m), peroque no cumio estivo acompañada dunha nube que non lle permitiu gozar das vistas que temos nós hoxe. Cara ao sureste vemos o Pico Vallines; ao norte, Macizo Central dos Picos de Europa, ou dos Urrieles, co Peña Vieja (2619 m), o seu cumio máis alto no centro; o Macizo Oriental…
Iso si, o vento, tanto a nós como a ela, fixo a estadía no cumio moi incómoda. No alto, conta María a posible etimoloxía de Coriscao. En Galicia chamamos vento corisco ao vento frío do norte, que ven acompañado de neve miúda ou sarabia, e é moi posible que coriscao teña ese mesmo significado. Polo menos, acaído é.
A estrada que vai ao Porto de San Glorio e a montaña palentina, ao fondo
O Macizo Central, ou dos Urrieles, dende o cumio do Pico Coriscao (2234m)
Como andamos con tempo, abrigámonos comodamente detrás dun muro próximo que hai un pouco máis abaixo e seguimos gozando das vistas cara oeste, co val de Luriana en primeiro termo e ao fondo as montañas leonesas e asturianas e, por suposto, cara aos Picos. Identificamos Fuente Dé, as instalacións do seu teleférico co miradoiro… aquí si que non paro de facer fotos!
Protexidos do vento, temos unhas fermosas vistas cara ao val de Luriana e as montañas leonesas e asturianas
De novo, o Macizo Central dos Picos de Europa, co Peña Vieja destacando en altura
Coas forzas restauradas, comenzamos o regreso. Baixamos con moita calma gozando desta paisaxe tan inmensa, mentres vemos como o grupo que ven do Vallines xa superou o collado de la Cardosa, pouco a pouco descendemos e imos ao seu encontro. Paramos e contámonos brevemente como lles foi (a cara de cansanzo é patente en case todos).
Unha última mirada cara ao SW antes de iniciar o descenso
Xoaniñas
Cruzándonos co grupo que ven do Pico Vallines
Deixámolos e continuamos a nosa baixada cara ao collado para descender de novo pola pista zigzagueante, admirando de novo o val de Culebrejas, ata atopármonos co Arroio Culebrejas e a pista que fixemos na subida. Desde aquí, polo coñecido sendeiro, volvemos ao punto de inicio en Llánaves de la Reina.
Dende o collado, comezamos o descenso cara o val
Volvemos gozar das fermosas vistas sobre o val de Culebrejas
Como é cedo, decidimos aproveitar a tarde e ir dar unha volta ata Potes, a unha carreiriña dun can dende onde estamos, e falar desta ruta fabulosa, con estas paisaxes e as vistas privilexiadas cara aos Picos de Europa, que van a ser difíciles de esquecer.