Pico del Arrudo dende Portilla de la Reina

22-07-2023
Descendendo polo collado do Arrudo

Percorrido circular que nos leva ata o alto dun modesto pero fermoso cumio, o Pico del Arrudo (1696 m), situado na vertente sur do Pico Corcadas (2050 m). Portilla de la Reina é unha vila pertencente á montaña de Riaño e Cistierna, comarca de La Tierra de la Reina, unha demarcación xeográfica situada ao Nordés da provincia leonesa, confrontando coas provincias de Cantabria e Palencia.

Un percorrido que nos deparará varias sorpresas, como o pequeno val de Majadavieja (un val trasversal ao de Vallorza) que nos brinda unhas vistas espectaculares do Corcadas, ou os faiais e carballeiras polos que cruzamos para enlazar os sucesivos collados, onde os carballos e faias mestúranse co acivro formando uns bosques mixtos de conto.

Saíndo desde Portilla, a ruta lévanos polo val do río Vallorza, e pasa entre as Peñas de la Foz. Chegamos a Majadavieja, e aquí comeza un forte ascenso atravesando un pequeno bosque ata o Collado de Codes. Ao chegar podemos admirar as vistas do outro lado do val. Para acadar o cumio temos que facer un forte e intenso, pero breve, ascenso por un antigo cortalumes. No cumio gozamos dunhas vistas fantásticas. Seguimos cara adiante ata o Collado del Arrudo e aquí comezamos o descenso. Ao chegar ao Collado de Las Barreras iniciamos un tramo entre bosque que practicamente nos leva novamente ata Portilla.

MIDE

  • Horario: 3:55 min.
  • Desnivel de subida: 570 m
  • Desnivel de baixada: 670 m
  • Distancia horizontal: 11 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Como todos os anos, aproveitando a ponte do Apóstolo, imos facer unha actividade de montaña durante cinco días. Hoxe é xornada de viaxe polo que a andaina vai ser curta, máis de estirar as pernas, comparado co que nos ven nos próximos días.

Logo de xantar nunha área recreativa á beira do río Esla paramos en Portilla de la Reina, un pouco antes de chegar a Llánaves, poboación onde estaremos aloxados. O bus deixounos ás portas de Portilla, na bifurcación da estrada cara a Valdeón, perto da capela do Santo Cristo, onde nos preparamos para camiñar.

Entrando en Portilla de la Reina
Camiñamos a bo ritmo dispostos a gozar dun bo día de montaña

Paro a encher auga na fonte que hai ao pé dun merendeiro, despístome do grupo e case me perdo por estas primeiras casas… Superado Portilla, cercada de altas rochas de conglomerado, o ascenso facémolo seguindo a fendedura feita polo arroio de Vallorza, un dos arroios que nutren ao río Yuso, que a estas alturas do ano baixa con pouca forza.

Os cumes son un conglomerado de rochas sedimentarias
Paso entre as Peñas de la Foz

O Vallorza acompañámolo dende o comezo do noso camiño e imos río arriba por unha pista ben marcada que hai entre os dous cumes. Este conglomerado de rochas sedimentarias chamado pudinga, ímolo apreciar moito mellor no paso entre as Peñas de la Foz, un paso moi estreito que superamos camiñando cunha forte pendente, entre paredóns do mesmo material e continuos cruces do río mediante pontes de nova feitura, aínda que non facemos uso delas polo baixo caudal que trae o Vallorza.

Dende o val de Majadavieja xa vemos o murallón do Corcadas
Dura subida polo bosque de carballos
Bosque de carballos con grandes exemplares illados

O val de Vallorza é un val estreito se o comparamos cos seus veciños, pero aínda permite a entrada de sol que nos vai quentando neste mediodía. De súpeto o val ábrese á nosa dereita e topámonos de fronte co asombroso val de Majadavieja, onde o longo murallón do Corcadas desprega todo o seu cordal.

Pequeno descanso no collado de Codes
Xa queda pouco para acadar o cumio do Arrudo

Nós continuamos cara á esquerda seguindo agora o arroio de Valdeoscuro. Ao camiño que levamos xa lle queda pouco, como ao val, e o que resta é unha dura subida por un bosque de carballos, con grandes exemplares illados, ata que nos plantamos no collado de Codes, onde a luz volve inundalo todo, dende onde xa podemos comezar a admirar as vistas do outro lado do val. Que fermosura de paisaxe!

Vistas cara o leste dende o Arrudo
Vistas cara o sur dende o Arrudo

Sen camiño definido, continuamos subindo sen moita dificultade ata que acadamos o cumio do Arrudo. Unha vez arriba, Víctor comeza a amosarnos os cumes máis significativos que temos arredor, algún dos cales intentaremos subir nesta estadía, como os que quedan á nosa esquerda, o Vallines e, máis ao fondo, case que non se ve, o Coriscao. Tamén identificamos o Cabeza de la Yegua, e á súa dereita o Sestil de Robadoiro, que intentaremos subir o último día. Fronte a nós, a Serra de Orpiñas e, ás nosas costas, o gran resalte de rocha viva que levamos admirando durante todo o ascenso, o macizo de Las Corcadas de Ceranzos, en cuxa base meridional nos atopamos.

Faldeamos o collado e pico do Arrudo ata o collado Codes
Pico del Arrudo en primeiro termo

Facémonos fotos a moreas con esta paisaxe tan impresionante e, como non, varias fotos de grupo para inmortalizar a xornada. Entre herba seca, descendemos cara ao collado do Arrudo, que faldeamos por un carreiro entre xestas ben definido, e moi pouco despois chegamos ao Collado de Las Barreras.

Reagrupándonos no Collado de Las Barreras
No último tramo en descenso, de novo no bosque

Facemos unha pequena parada para reagruparnos e, pouco a pouco, imos descendendo ata internarnos de novo no bosque, xa por pista, cun desnivel considerable, sen ningún tipo de perda nos leva ata Portilla de la Reina.

Día de montaña estupendo o de hoxe nesta primeira ruta pola zona do nordeste leonés, con este percorrido circular coroando o Pico del Arrudo, un cumio moi modesto que non acada os 1700 m, pero é un miradoiro marabilloso. Xa instalados no Hotel San Glorio, en Llánaves, agora toca cear e descansar. Mañá máis!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio