Ruta no Monumento Natural Ojo Guareña

Cova Ermida de San Bernabé, situada na entrada principal do complexo kárstico do Monumento Natural de Ojo Guareña

O Complexo kárstico do Monumento Natural de Ojo Guareña é o sistema de covas máis extenso da Península Ibérica e un dos dez máis grandes do mundo. Ten unha extensión superficial de 13.141 hectáreas e 110 km de galerías, simas, lagos e ríos subterráneos. As súas covas máis famosas son a Cova Ermida de San Bernabé e a Cova Palomera.

Desprazámonos ata o Alto de La Concha (Altitude 771 m), preto de Quisiciedo. Neste punto comezamos un percorrido circular que nos leva ata El Ventanón (Altitude 968 m), un impresionante arco natural sobre un cortado de rocha caliza. A ruta vai por zonas de aciñeiras cunha fermosa paisaxe. Ao chegar a El Ventanón cambiamos de rumbo e imos ata a localidade de Villamartín de Sotoscueva, fermoso pobo con numerosas casas ben conservadas. Dende aquí regresamos a o Alto de la Concha.

Antes de continuar a ruta faremos unha parada para visitar a Cova Ermida de San Bernabé. É unha visita guiada duns 45 minutos de duración. Logo da visita, continuamos o percorrido ata Quisiciedo, xa en descenso, e Quintanilla de Sotoscueva, onde rematamos a xornada.

Esta ruta, a máis longa das que faremos nesta estadía polas Merindades, ten un alto interese natural principalmente polas formacións rochosas que imos ver, así como pola súa paisaxe.

MIDE

  • Horario: 5:40 h
  • Desnivel de subida: 530
  • Desnivel de baixada: 560
  • Distancia horizontal: 18 km
  • Tipo de percorrido: Travesía
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: Media

Comezamos a camiñar…

Preparámonos na área de aparcadoiro da Cova Ermida de San Bernabé no Alto de la Concha e, como sempre, Víctor adiántanos o desenvolvemento da xornada. A ruta témola dividida en tres partes. Na primeira faremos un percorrido circular dende onde nos atopamos e que ten como punto sobranceiro El Ventanón. Xa de regreso, temos unha visita concertada para coñecer a Cova Ermida de San Bernabé. Finalmente, tomando o camiño que leva ao sumidoiro do río Guareña, dirixirémonos ata Quintanilla de Sotoscueva.

O Val de Sotoscueva desde o Pico del Cuerno
Na ruta vemos simas e cavidades debidamente sinalizadas e valadas
Cara atrás, curiosa sucesión de cristas coñecidas como as Sete Irmás

Iniciamos a ruta desde o mesmo aparcadoiro onde xa vemos sinais que indican a senda do Ventanón e, sen máis dilación, comezamos a camiñar. Non demoramos moito, porque temos a visita concertada á cova para a unha do mediodía e, aínda que imos con tempo, é mellor non enredar moito para estar á hora fixada. Camiñamos sempre en ascenso, un ascenso moi levadío entre aciñeiras, aínda que con pouca sombra. Ao pouco desviámonos da ruta para achegármonos ata o miradoiro Pico del Cuerno, un miradoiro natural no alto dun cortado calizo e desde onde podemos contemplar o Val de Sotoscueva, unha fértil veiga formado por unha depresión tectónica, e enmarcado entre a Serra Morteros e os Montes do Somo, aínda con algo de neve nos seus cumes.

Desfacemos o camiño andado ata o miradoiro, volvemos á encrucillada e continuamos pola senda do Ventanón. Sobre cincocentos metros andados pasamos un aramado pola portilla e rapidamente chegamos ao cruzamento de Villamartín de Sotoscueva, debendo seguir de fronte (ao regreso este será o punto onde enlazaremos de novo coa senda para chegar ao aparcadoiro).

Onte fixemos unha visita ao Centro de Interpretación do Parque, onde nos explicaron moi ben esta marabilla xeolóxica pola que estamos a camiñar. Imos sobre un colosal edificio kárstico perforado por decenas de quilómetros de grutas, simas, galerías e salas interconectadas entre si, que se distribúen en seis niveis verticais.

Continuamos andando, nun ascenso moi levadío, e pasamos por varias simas e cavidades debidamente sinalizadas e valadas, gozando da paisaxe mentres as aciñeiras e os carballos quejigos van deixando paso aos pasteiros ata chegar á parte máis alta da ruta (992 m), onde se abre un gran claro cunhas magníficas vistas. Cara atrás, unhas vistas preciosas da curiosa sucesión de cristas que forman a serra central da Merindad de Sotoscueva, coñecida popularmente como as Sete Irmás.

Continuamos e pronto chegamos ao cruzamento do Ventanón, tendo que virar á dereita, para andar os últimos trescentos metros que nos separan do arco de pedra natural así chamado, de 20 m de alto por 30 m de ancho. Que marabilla!

Arco natural El Ventanón
El Ventanón ten unhas dimensións de 20 m de alto por 30 m de ancho

Despois de realizar unha parada grande para descansar (imos ben de tempo), mentres gozamos das vistas, e facérmonos fotos a moreas diante desta peculiar xanela, reiniciamos a marcha e desandamos os nosos pasos ata o cruzamento. Agora cambiamos de rumbo e seguimos por onde indica o cartel de Villamartín (2500 m), ata que chegamos a un novo cruzamento sinalizado con carteis co camiño de Puentedega a Villamartín. Viramos á esquerda, e continuamos polo camiño ata chegar a Villamartín de Sotoscueva, coincidindo coas sendas P.R.C. BU-33 e GR-1.

Igrexa de Santo Estebo en Villamartín
Casona con blasón
Boleira de tres taboleiros
Voitre pasando a gran velocidade case sobre nós

Logo de pasar fronte ao cemiterio, cruzamos o pobo pola estrada da esquerda da igrexa de Santo Estebo, de gran valor patrimonial, cuxa lápida contén unha inscrición que data do ano 1175, e que conta no seu interior con pinturas clásicas de gran valor artístico. As construcións do núcleo están realizadas en pedra, tanto nos edificios antigos como nos actuais, con numerosas casas blasonadas. No pobo tamén destacan o Lavadoiro, A Fonte co seu abrevadeiro, O Poldro e a Boleira de 3 taboleiros, típica nas Merindades.

Ao chegar ao final do pobo, vemos unha pequena praza triangular cun estreito canellón na punta Norte. Pasámolo e vemos unha senda ben marcada, outra vez entre aciñeiras e quejigos. Seguímola ata chegar ao cruzamento coa senda que fixemos á ida. A volta vainos dar un punto de emoción engadida co voo de voitres leonados que pasan planeando a gran velocidade case sobre nós. Que espectáculo! Volvemos polo mesmo sitio ata o cruzamento do Pico del Cuerno e logo desviámonos da senda un pouco á esquerda, evitando o aparcadoiro, que nos leva ata a Cova Ermida de San Bernabé.

Cova Ermida de San Bernabé 

A Cova Ermida de San Bernabé é visita obrigada neste Espazo Natural. É semana santa e hai moita xente neste lugar, polo que compre estar listos para entrar o grupo nun dos tramos abertos ao público da cova de Ojo Guareña. Damos unha volta polo entorno mentres non nos chaman, pois hai xente visitándoa e temos que agardar mentres nos imos poñendo os cascos, obrigatorios para entrar na cova.

Entrada á cova, en tempos lugar de reunión da Merindad de Sotoscueva
Preparándonos para a visita na mesma entrada
Pequeno paseo sobre pasarela polo interior da cova
Rematando a visita á cova contigua á capela de San Bernabé

A visita á ermida, que inclúe un vídeo (para min bastante frouxo… ) e un pequeno paseo por unha zona da cova. Aínda así, a visita á gruta resultoume interesante e, ao final da mesma, atopándonos coa capela de San Bernabé. A súa construción sitúase entre os séculos VIII-IX, aínda que tamén se cre que é do século XIII. As bóvedas posúen pinturas murais dos martirios de San Tirso e San Bernabé. Tamén hai frescos e un retablo, cunha talla San Tirso do século XIII. Creo que o guía explicou con coñecemento de causa as singularidades da gruta.

As bóvedas posúen pinturas murais dos martirios de San Tirso e San Bernabé
Pequeno altar na capela de San Bernabé
A construción sitúase entre os s. VIII-IX, aínda que pode ser do s. XIII.
Foto de grupo diante da fachada da ermida

Despois de xantar no lugar, farcernos unha foto de grupo e admirar a beleza deste sitio, baixamos por un tramo que hai ao fondo e seguimos a senda uns cen metros ata dar co Río Guareña cerca do sumidoiro. Polo sumidoiro desaparece o Río Guareña e, xunto ao Río Trema, horadan as galerías e covas deste espectacular complexo kárstico.

O río lévanos ata a poboación de Cueva e continuamos o percorrido ata Quisiciedo por pistas agrarias se tráfico, e practicamente sen desnivel e sen sombra. Estamos camiñando polo Val de Sotoscueva, a fértil veiga que admiramos dende o miradoiro Pico del Cuerno. En Quisiciedo continuamos a marcha xunto ao Frontón e a Boleira de 3 taboleiros (como en Villamartín), ata o bar Goiko, moi preto da Igrexa de Santiago Apóstol, onde algún dos clientes aínda fai algunha gracia pola hora na que andamos, crendo que estamos a percorrer o Camiño Olvidado.

Camiñando polo val de Sotoscueva por pistas sen tráfico
Igrexa de Santiago Apóstol, en Quisiciedo
Pasado Villabáscones, camiñamos pola senda coñecida como El Valle

Avanzamos polas rúas do pobo ata chegar a unha fonte, punto no que viramos á esquerda para, a continuación, tomar unha pequena senda cementada que, ao pouco nos deixa en Villabascones. Entramos na dehesa de Villabascones e avanzamos tomando como referencia o val do arroio de la Cueva, pola senda de pequeno percorrido coñecida como El Valle, entre Villabáscones e Quintanilla de Sotoscueva.

Diante da necrópole medieval de San Felices
Tras retomar a pista, cómoda en todo momento, só queda chegar a Quintanilla

Baixo este espido bosque de carballo aparece a 150 m do camiño a necrópole medieval de San Felices, onde podemos ver unhas vinte e cinco sepulturas de diferentes tamaños escavadas na rocha moi ben conservadas, con reborde perimetral para impedir a entrada da auga da choiva. Todas elas teñen a cabeceira marcada, ou sexa son antropomorfas fóra dalgún exemplar. O conxunto poderia datarse entre os séculos X-XII.

Regresamos ao carreiro de pequeno percorrido, e seguimos pola pista arredor dun quilómetro ata Quintanilla de Sotoscueva, moi cerca do Castaño de San Julián (un castiñeiro caído, cortado, aínda vivo, en crecemento e ata cun froito na póla), onde, logo de cruzar a vía do tren, rematamos a xornada á beira da estrada BU-526, onde nos está agardando o bus para levarnos de regreso a Soncillo.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio