Ruta por Puentedey

Puentedey
Puentedey aséntase sobre a ponte de pedra natural creada polo río Nela

É un percorrido circular que comeza e remata en Puentedey, fermosa pedanía da Merindad de Valdeporres. Ao comezo son algo máis de dous quilómetros e medio de constante subida por zonas de aciñeiras ata chegar á serra de El Rojo. Neste punto poderemos gozar dunhas estupendas vistas da contorna de Puentedey.

Logo de pasar unha zona de pasteiros, a ruta lévanos por un precioso bosque ata o lugar de Leva, un pobo con interesantes mostras de arquitectura civil e relixiosa.

Dende aquí, por unha pequena estrada e durante algo máis de quilómetro e medio, empatamos co último treito do sendeiro Camino de los Sentidos (GR 85), antes de chegar a Puentedey.

MIDE:

  • Horario: 3:35 h
  • Desnivel de subida: 475 m
  • Desnivel de baixada: 475 m
  • Distancia horizontal: 10,3 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3
  • Dificultade: baixa/media

Comezamos a camiñar…

Despois da viaxe dende Santiago, paramos na mesma estrada ás aforas do pobo de Puentedey para comezar a nosa primeira ruta nesta estadía polo norte de Burgos, nas Merindades, unha das comarcas con maior personalidade propia dentro da provincia de Burgos. Pola hora de xantar, aínda se ve pouca xente polas rúas, pero semella que é un pobo moi visitado. Xa comprobaremos ao regreso a cantidade de visitantes que recibe nestas datas…

Puentedey entrou hai pouco na lista dos pobos máis bonitos de España
Serra de El Rojo

Hai un cartel que indica que Puentedey acaba de entrar na lista de pobos máis bonitos de España e é doado entender o porqué. Espectacular. Nada maís baixar do autobús, logo de coller a mochila e os bastóns, o primeiro que facemos é gozar da fermosa vista que temos de Puentedey asentado sobre a ponte de Deus, un enorme arco natural excavado na rocha durante miles de anos polo río Nela. Non hai que ser moi avispados para supoñer quea orixe do nome Puentedey provén de Puente de Dios (Puente Dei).

A pesar de estar ante unha imaxe espectacular, non paramos moito pois a hora na que estamos obríganos a iniciar a andaina de contado. Logo das explicacións de Víctor, comezamos camiñando por unha pista de cemento, de costas ao pobo, sinalizada como ruta verde da cova del Rojo. Gaña altura, en principio, con moderación, e o cemento vaise convertendo en pista de terra con grava, coincidindo co aumento da pendente, cada vez máis dura.

Os case dous quilómetros de subida fanse un pouco duros despois da longa viaxe a da calor que vai, pois case imos sen sombra no camiño, a pesar de ir acompañados todo o tempo por pequenas aciñeiras e carballos. Practicamente superado este desnivel, decidimos facer unha curta parada e xantar no mesmo camiño, aproveitando a pouca sombra que nos dan un grupo de aciñeiras cun porte bastante grande.

No alto da serra de El Rojo
Puentedey dende o alto de El Rojo

Continuamos por un marcado sendeiro. Estamos nunha hondonada abrigada por unha zona rochosa á dereita. Subimos un pouco máis e viramos á dereita para coroar esta zona rochosa. No alto da serra de El Rojo fixámonos que estamos xusto enriba de Puentedey, que loce ben fermoso dende esta atalaia. As vistas son amplas e moi fermosas.

Deixamos atrás este miradoiro natural e regresamos ao camiño. Xa divisamos dende aquí o pobo de Leva, a nosa seguinte parada. A partir de aquí, practicamente a ruta é en descenso. Entramos nunha zona de piñeiros e de aciñeiras bastante grandes. Cruzamos unha porta para o gando e entramos no faial de Leva de Valdeporres.

Fermoso exemplar de faia
Faial de Leva

Este faial ten un par de quilómetros. Carreiro precioso entre faias que namora. Menuda marabilla de faial, no outono debe ser un espectáculo camiñar por el! Saímos ao pobo de Leva de Valdeporres, pobo moi bonito e coidado con moito agarimo que se nota ao cruzar as súas rúas.

As sólidas casas responden á tipoloxía de casa montañesa, caracterizadas pola súa simetría e solainas de madeira, protexidas polos muros laterais do edificio. Na igrexa destaca a súa airosa torre exenta, de catro corpos, e un pórtico no lado sur, baixo o que se encontra unha fermosa portada con arco de medio punto. No exterior conserva un magnífico reloxo de sol.

Igrexa de San Xulián, bispo
Porta de arco de medio punto no lado sur da igrexa

O irregular trazado das casas agrúpase en torno á Rúa Real, pola que descendemos ata que chegamos a un pequeno ensanchamento, que da lugar a unha fermosa praza presidida polo xogo de bolos e unha magnífica fonte con pilón e abrevadeiro.

Un grolo de auga na fonte e continuamos baixando pola estrada entre faias. É o xeito máis directo de baixar á vía verde. Por sorte non hai nada de tráfico e ademais a baixada é tamén moi bonita. Un elemento vexetal que nos vai acompañar en todas as rutas é a presenza de visgo, unha planta semiparasita, que medra sobre as pólas de diversas árbores, como maceiras, carballos ou chopos. No inverno e na primavera é moi fácil de identificar, pois aínda non medraron as follas das árbores.

Baixada pola estrada, sen tráfico ningún
Árbore cargada de visgo
Visgo

A esta planta atribúense propiedades máxicas, existindo tradicións de orixe galaica e celta relacionada coa fertilidade e o amor, como a tradición de bicarse cando nos atopamos debaixo dunha póla de visgo (non confundir co acivro).

Cruzamos a estrada principal e entramos na vía verde, Camiño Natural Vía Verde Santander-Mediterráneo, Só nos queda continuala entre formacións rochosas con formas curiosas e elementos de patrimonio industrial como pontes e túneles, como polo que accedemos de novo a Puentedey, dando por rematada a ruta.

Ponte restaurada na vía verde
Paseo baixo o túnel natural
Vista de Puentedey dende o miradoiro de Santo Andrés

Agora só queda gozar do pobo, condicionado por este relevo accidentado. Logo de pasear baixo o túnel natural oradado polo río Nela, accedemos ao núcleo urbano, o primeiro núcleo histórico do pobo, asentado sobre a propia ponte, coa igrexa de San Paio no punto máis alto, e a casa torre dos Brizuela como máis antigas construcións.

Achegámonos ata o miradoiro de Santo Andrés e non paramos de facernos fotos con tanta fermosura de fondo, e iniciamos o regreso ata o pobo, ateigado de xente, e tomar unha cervexa antes de dirixirnos ao bus para que nos leve ata Soncillo, pois estamos aloxados no hotel El Capricho de Clemente. A estadía polas Merindades promete moito polo que acabamos de percorrer nesta xornada inicial. Moi bo comezo!



Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio