Ríos e bosques de Cea

11-02-2023

Viaxamos ata o concello de San Cristovo de Cea para facer unha fermosa ruta por diferentes ríos e bosques da contorna. Se hai algo polo que é coñecido este concello, entre outras cousas, é polo seu pan, o famoso pan de Cea, con denominación de orixe protexida. 

O itinerario, que é circular, comeza e remata en Cea, pasa polas beiras dos ríos Marañao, Arenteiro e Mirela. Non ten excesivo desnivel nin maiores dificultades, salvo algúns tramos dos ríos nos que o sendeiro está algo desfeito debido ás crecidas da última época de intensas chuvias que houbo este inverno. En caso de chover nese día ou nos días previos pode haber moita lama nos camiños. A ruta tamén pasa por algunhas pequenas aldeas e zonas boscosas ben conservadas.

MIDE:

  • Horario 5:30h
  • Desnivel de subida 350 m
  • Desnivel de baixada 350 m
  • Distancia horizontal 19,0 Km
  • Tipo de percorrido Circular
  • Severidade do medio natural 3
  • Orientación no itinerario 2
  • Dificultade no desprazamento 2
  • Cantidade de esforzo necesario 3

Comezamos a camiñar…

Despois de sair da mesma praza maior do concello, ao pé da coñecida torre do reloxo que a preside, ruamos pola poboación, admirando a cantidade de antigos fornos de cocer o pan que hai (hoxe pechados). Dirixímonos cara á igrexa de San Cristovo e o camiño transcorre con normalidade. Pasamos por diante do cemiterio, bordeamos os terreos do parque empresarial e, superados os dous quilómetros e medio practicamente todo en descenso, chegamos á Ponte do Rancheiro. O día espertou frío, moi fresco, polo que nestes primeiros momentos do percorrido imos atopando o camiño xeado nas zonas umbrías do percorrido.

Praza Maior
Descendendo ao río

Estamos sobre o río Marañao e, en lugar de continuar río abaixo, decidimos dar unha pequena volta e subir ata a aldea de Ariz para baixar e encontrarnos de novo co río máis adiante, pois o camiño faise impracticable por culpa das crecidas dos últimos meses. Esta vai ser a tónica durante todo o percorrido pola beira do Marañao: non hai camiño limpo, nalgún tramo hai zonas con moita lama ou xeo, polas baixas temperaturas da noite pasada, e o cauce do río está cheo de troncos e ramaxe. Isto fai que o paso sexa máis lento que de costume. Cruzamos como podemos zafándonos das silvas ata a Ponte Marañao.

Camiñando polo Marañao
Río Marañao
Beira do río Marañao
Ponte sobre o río Marañao

A continuación desta ponte, o percorrido vaise facendo cada vez máis doado, practicamente sen desniveis, e de gran beleza, atravesando magníficos bosques e contemplando muíños, pontellas e gran cantidade de caneiros que hai nestes ríos, que provocan que teñamos unhas imaxes moi fermosas do seu cauce, reflectíndose os troncos das árbores aínda espidas sobre as súas augas.

Camiñando polo Arenteiro
Río Arenteiro
Reflexos no río
Árbores no río Arenteiro

Aproveitamos este ambiente e decidimos parar a xantar en torno a unha destas pontellas. Xerardo anímame a que me achegue a ver os restos dun muíño con tres canles en granito. Que fermosura!

Xantando na pontella

Os muíños hidráulicos documéntanse en Galicia dende a Idade Media e supuxeron un avance tecnolóxico de gran importancia. Só precisan dun caudal importante de auga e, a ser posible, estable ao longo do ano. En muíños coma este elaborábase ata hai relativamente pouco tempo a fariña coa que se cocía o pan de Cea. Naquel tempo, as panadeiras tiñan que moer cada día, o que implicaba visitar os muíños con frecuencia, ás veces en horas intempestivas obrigadas polas quendas. O gran número de muíños que hai nas beiras dos ríos deste concello son un testemuño máis da fortaleza histórica da súa industria artesanal do pan.

Pontella sobre o Arenteiro

Continuamos río arriba por un sinuoso camiño, coa tranquilidade que trae o son da auga e coa beleza que o río nos deixa en moitos lugares, nun ambiente onde abundan as frondosas. Atopámonos con outra ponte de pedra realmente fermosa. E chegamos a un punto onde vemos que o río Mirela verque as súas augas no Arenteiro. Abandonamos este e iniciamos un pequeno percorrido polo Mirela logo de atravesalo por unha pequena ponte e continuar pola súa marxe esquerda.

Río Mirela

Por un instante abandonamos o río e iniciamos a subida dunha forte pendente, pequena, cun pequeno tramo baixo as floridas mimosas, ata que o recuperamos atravesando unha última ponte de pedra, que salva unha fervenza importante.

Este punto vai ser o da despedida polas beiras dos ríos ata o final da ruta e, pasada a ponte, continuamos coa pequena subida ata a aldea de Santrós. Logo dun pequeno descanso nela e de refrescarme un pouco na fonte, cruzamos a aldea e continuamos camiño arriba, deixando á nosa dereita unha construción que foi forno, restaurada por un obradoiro de emprego.

Parte alta da ruta

Cruzamos a autovía AG-53 por unha ponte elevada e viramos á dereita, percorrendo un pequeno tramo paralelo á mesma ata que nos desviamos á esquerda por un fermoso camiño alfombrado pola folla das árbores que o abrigan. O camiño desemboca nunha estrada que nos leva á aldea de Cazarrancas e, de aí, a Longos, lugar no que hai que parase para admirar un interesante conxunto en torno á igrexa parroquial, exemplo do típico barroco rural do s. XVIII, destacando na súa fachada o escudo do mosteiro de Oseira, cos dous osos e a árbore e, máis arriba, a data da súa construción 1798.

Camiño alfombrado de follas

Concentrados arredor da igrexa, vemos unha fonte con lavadoiro, un interesante pombal rectangular, por desgraza en ruínas, e una eira ou conxunto de hórreos, con diversas construcións de diferentes épocas, onde destaca un de doce pés, construído en pedra, madeira e tella. No centro da eira hai un moderno cruceiro de escasa importancia artística. A continuación, a uns metros da eira, consérvanse os restos ruinosos dunha gran reitoral, pois contan que anteriormente foi residencia dos monxes de Oseira. Hoxe só podemos ver os muros e a porta principal de entrada. Unha auténtica mágoa!

Eira en Longos

A andaina continúa agora por asfalto ata que nos desviamos á dereita por un camiño, en baixada, que nos deixa na presa do río Silvaboa, pola que cruzamos, e iniciamos unha pequena subida ata que damos de novo co parque empresarial de Cea, o que nos indica que non falta moito para rematar a ruta.

Chegando a Cea

Superados un par de establecementos asentados nel, chegamos á beira da estrada Santiago-Ourense que cruzamos para internarnos por unha estreita corredoira, moi fermosa, pola que ascendemos pouco a pouco ata que nos deixa na entrada de Cea.

Antes de rematar a ruta, chegando ao bus vemos a Celia que ven á nosa procura cargada de pezas de pan do Forno de Dina. Collo unha, aínda quente, mentres penso con que vou acompañar este pan cando lle meta o dente ao chegar a casa. Este é dos pans que non acompañan á comida, se non ao contrario, para min, a comida é o complemento deste pan. Boísimo!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio