Sendeiro ecolóxico de Peilán. Piñor
Esta ruta lévanos por algúns dos lugares máis bonitos do concello de Piñor, percorrendo ribeiras, bosques, zonas agrícolas, aldeas…os ríos Arenteiro e Mirela cobran un especial protagonismo. A paisaxe durante o itinerario é variada e tamén hai interesantes mostras de patrimonio nas aldeas polas que pasaremos. Quizais o elemento máis destacable sexa a antiga fábrica de papel de Lousado. O último quilómetro coñécese como “Sendeiro Ecolóxico do Peilán”, onde podemos observar unha bonita fervenza no río Arenteiro.
O percorrido non ten maiores dificultades, os camiños son bos, pero sempre pode haber tramos máis ou menos incómodos en caso de haber lama.
MIDE:
- Horario: 4h
- Desnivel de subida: 364 m
- Desnivel de baixada: 364 m
- Distancia horizontal: 13,0 Km
- Tipo de percorrido: Circular
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Dificultade:
Comezamos a camiñar…
Piñor é un territorio do interior ourensán, situado na parte oriental da comarca do Carballiño. Cunha superficie de 52,7 quilómetros cadrados, máis do 63% do territorio encóntrase cuberto de montes, nos que predominan as especies autóctonas (carballo, castiñeiro, piñeiro, ameneiro, bidueiro, etc), entre as que predomina o piñeiro, por ser o piar da tan arraigada industria madeireira do concello, na que destaca o gran número de fábricas adicadas á elaboración de ataúdes.
Aínda que a ruta está deseñada para comezar na localidade de Arenteiro, onde hai unha boa zona para poder deixar o coche no adro da capela da Peregrina, nós decidimos facelo á altura do Hostal Ateneo, na mesma beira da N-525, que nos serviu para tomarlle un café e escoitar as explicacións de Víctor no seu aparcadoiro, antes de botar a andar.
Logo dun pequeno tramo pola estrada, pasar baixo a ponte da N-525 e unha vez cruzado o río Arenteiro, o camiño sae do asfalto pola esquerda e pronto nos internamos por antigos camiños, que serviron ao longo dos séculos para desprazarse, hoxe pouco transitados, e en moitos puntos encharcados e cheos de lama, o que nos vai ralentizando un pouco o paso. Que dúbida cabe que son un rico patrimonio histórico que hai conservar, e a mellor forma de facelo é transitar por eles.
Pronto chegamos á localidade de Arenteiro, onde destaca a Capela da Peregrina, situada ao pé da estrada que une dous núcleos importantes deste concello, Piñor e O Reino, e lugar de paso do Camiño que ven desde Cea polo trazado oficial, pois tamén hai a variante que leva ao peregrino ata o cercano mosteiro de Oseira, uníndose os dous tramos en Dozón. Con poucos elementos decorativos no exterior, a capela foi feita no século XVII e reformada no ano 1974, destacando a linterna que coroa a bóveda do cruceiro.
Camiñamos pola estrada uns 200 m e, despois do cartel indicando a saída de Arenteiro, nunha curva, collemos á dereita e adentrámonos nun bosque polo que camiñaremos durante uns dous quilómetros aproximadamente. Andar despois de días de chuvias intensas, como estivemos a ter estes días, implica que o terreo teña moita auga nalgúns puntos do camiño, polo que se fai necesario levar un bo calzado.
Pronto chegamos a unha estrada, reagrupámonos e camiñamos por ela uns poucos metros, pois abandonámola pola dereita rapidamente e volvémonos adentrar no bosque ata chegar á aldea de Barrán, onde repoño auga na fonte á beira do lavadoiro.
O camiño continúa en dirección a Veiga de Abaixo (km 4,9), onde tamén hai un par de fontes, que se poden facer moi necesarias se se fai este percorrido no verán: unha á entrada e outra á saída da aldea. Aos poucos metros atravesamos o río Oseira por unha ponte, a ponte de Casagrande, e comeza unha pequena subida por estrada asfaltada, estrada da que saímos pronto para andar, durante un tempo, por un camiño moi fermoso que ten un ancho de carro, como o atestiguan as rodadas feitas nel, e que transcorre paralelo ao rio tendo que sortear ou camiñar nalgúns puntos sobre a auga que corre por el.
Pouco a pouco ímonos alonxando do río, continuamos por pistas forestais e, máis adiante, emprendemos un descenso ata chegar de novo ao rio, onde pasamos por diante dun muíño en estado ruinoso antes dunha ponte de pedra que axuda a cruzar de novo o río Oseira.
Levamos feito máis da metade do percorrido e agora o camiño vólvese estreitar, transitando sobre grosos mantos de follas, nalgún momento entre muros de pedra cubertos por grandes mantos de musgo nas zonas máis sombrizas da fraga, ata chegar a Piñor onde tamén hai fonte e lavadoiro na mesma estrada. Por certo, o conxunto semella recén arreglado, momento no que puideron aproveitar para retirar o símbolo da falanxe que a coroa a fonte. Semella que por aquí non saben ou non queren aplicar a Lei de Memoria Histórica. Desgrazadamente, pasa en máis lugares.
Decidimos parar a xantar neste entorno, entre mostras de arquitectura en estado de abandono, aproveitando valados, muros ou o banco ubicado na mesma fonte. Pero facémolo sen moita pausa pois o vento frío ao que estamos expostos non anima a ter un bo xantar realizado con calma.
Continuamos atravesando a estrada que cruza Piñor á altura do lavadoiro para, de seguido, camiñar entre casas, pasar polas inmediacións do aparcadoiro do Tanatorio Piñor, ata cruzar de novo, un pouco máis adiante, a N-525 e empezar un descenso que leva á antiga fábrica de papel de Lousado, da que os altos muros só permiten ver o seu perímetro por fóra. Un pouco máis arriba, superada a capela e entrada, pódese ver dende a parte alta, as dimensións e parte das instalacións do recinto.
Un panel explicativo ilústranos sobre a importancia que tivo no pasado esta industria. A fábrica de Lousado pertenceu á familia Rivero de Aguilar, iniciando a súa actividade no 1836 e rematándoa en torno a 1950, xa con outros propietarios. Na actualidade, o seu estado de abandono é patente, e a maior parte da maquinaria foi vendida como chatarra, ao ser acondicionada para ter un uso agropecuario ou residencial. Unha mágoa.
Continuamos por un pequeno sendeiro, curto pero sorprendente pola súa beleza. O paseo ecolóxico é xenial, camiñamos entre a canle que conducía a auga ata a fábrica para mover a turbina hidráulica e con vistas ao río Arenteiro que baixa alegremente, ata que damos cunha pasarela que chega ata o miradoiro onde poder admirarmos a fervenza do Peilán (creo que nesta zona lle chaman cadoiros a este tipo de salto), en toda a súa extensión impresionados co bruar das súas augas.
O paseo é moi chulo. Desde a presa o camiño continúa e remata o paseo nun conxunto de vellos muíños de trigo que funcionaban co caudal da auga do río, un dos cales, o de dobre moa, está restaurado. Rematamos aquí o que podemos considerar a alfaia desta ruta, unha fermosa e fácil senda na que non hai ningún tipo de dificultade, o desnivel é pequeno e a distancia, pouca. Só nos queda alcanzar a estrada N-525 pola que baixamos pola mañá e chegar de novo ao Hostal Ateneo.
Supoño que a primavera ou o verán son boas épocas para vir coñecer este rincón, que recomendo, pero en inverno, sobre todo se choveu como estes días atrás, a vantaxe de percorrelo é toparse coa fervenza de Peilán pletórica de auga e vela é un auténtico espectáculo.