De Soncillo a Villabáscones de Bezana
O percorrido comeza en Soncillo, capital do concello de Valle de Valdebezana, e lévanos ata o lugar de Villabáscones de Bezana. É unha ruta lineal con algún tramo circular. Pasa por entornos moi fermosos como o pequeno canón do río Saúl, a fervenza das Pisas no mesmo río, bosques de faias, abeleiras… É un percorrido moi bonito e agradable, sen grandes complicacións, salvo o acceso á fervenza que ten certo desnivel.
- Horario: 3:00 h
- Desnivel de subida: 366 m
- Desnivel de baixada: 366 m
- Distancia horizontal: 9,3 km
- Tipo de percorrido: Ida e volta
- Severidade do medio natural: 3
- Orientación no itinerario: 2
- Dificultade no desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 3
- Dificultade: Media/Baixa
Comezamos a camiñar…
No ultimo día, logo de recoller todo no hotel e antes de comenzar a viaxe de volta, fixemos unha pequena ruta saíndo dende Soncillo. Antes de nada, dicir que desta vez o hotel onde estivemos aloxados deixou moito que desexar. Non me gustou moito.
A pesar de non ser moi cedo, Soncillo semella que aínda non espertou pois non hai ninguén polas rúas, salvo o panadeiro que vai repartindo polas casas. Pronto entramos nunha pista que sae á esquerda, unha vez deixadas as últimas casas, seguindo o curso do río da Gándara (non sei como chamalo, Gándara ou Saúl, denominación que aparece nos mapas a partir da fervenza das Pisas), ata chegar ao muíño La Cueva.
Mais adiante o camiño desaparece dando paso a un carreiro que se converte en senda ao introducirse no bosque de faias. O camiño é moi doado, ancho, e non ten maior complicación, o que permite tomalo como un paseo e ir en agradable conversa.
Continuamos pola senda ata chegar a un cruzamento cun poste de sinalización, que nos indica o camiño a seguir cara á Fervenza das Pisas. Despois dun pronunciado descenso duns 300 m mais de baixada chegamos á beira do Arroio da Gándara e outros 300 m mais adiante augas arriba e, despois de cruzar este por unha pequena ponte, chegamos á fervenza. Este descenso cara ao río, podemos consideralo como a dificultade da xornada pois pode haber algún risco de pequenos esvaróns, pero isto queda en segundo plano fronte ao lugar tan agradable polo que camiñamos.

O entorno da fervenza das Pisas é moi fermoso. Dende a encrucillada que nos indica o desvío de baixada cara ao río, imos envoltos baixo a umbría dun marabilloso bosque no que xunto ás faias medran carballos, aveleiras ou acivros. Evidentemente, non é a mellor época do ano para coñecela pois o río baixa con pouquísimo caudal que non chega a precipitarse, aínda que se aprecia perfectamente a impresionante sucesión de graduados chanzos polos que cae o río da Gándara.
Mágoa que a nosa visita non coincida co período de desxeo ou cunha época de fortes chuvias para que este caudal sexa maior, pois imaxino o espectáculo que se pode contemplar. Aínda así, facémonos fotos a moreas, incluso sobre o mesmo espazo por onde caen as augas. Practicamente, á esquerda, queda a surxencia desde a que mana habitualmente auga cando a fervenza non está activa.
Despois das fotos e dunha curta parada para descansar, regresamos ao cruce e continuamos polo carreiro cara a Villabáscones. Uns 400 m mais adiante o camiño atravesa pola metade a Fervenza del Molino no Arroio de los Canales, practicamente inapreciable pois precipítase con moi pouca auga, como a das Pisas, pero vese perfectamente o seu percorrido pola erosión do terreo. O entorno é moi fermoso e no outono debe ser espectacular, aínda que vale calquera época do ano para realizar este percorrido. A min estame encantando!
E continuamos ata chegar ao Barrio de Abaixo de Villabáscones de Bezana. Descansamos en torno á súa fonte, admiramos no pequeno núcleo a súa arquitectura tradicional e visitamos a súa Igrexa de Santa Águeda, pequeno templo levantado principalmente entre os séculos XV e XVI.
Xa ía eu advertido por Suso de que polas Merindades instalábanse nas casas algo parecido ás lacenas das abellas. E en Villabáscones (tamén os vin en Puentedey), no lateral dunha casa por debaixo da igrexa de Santa Águeda, vin o emprego de hornillos, que é como aquí lles chaman, pero con certas diferencias pois, en lugar de estar feitos de pedra, trátase dunha colmea deitada, elaborada a partir do tronco vaciado dunha árbore. Xeralmente, empréganse os troncos de carballo ou rebolo e olmo, aínda que tamén doutros como o teixo, o freixo ou a faia. Como en Galicia, instalábanse nas paredes das vivendas e edificacións anexas como cortes ou palleiras.
Con esta satisfacción de ter atopado os hornillos, iniciamos a viaxe de regreso ata Soncillo. Xuntámonos á beira da fonte do pobo e, deixando a igrexa de Santa Águeda á nosa dereita, saímos camiñando entre os muros de pedra das antigas leiras de labranza, e sen moita transición, atravesamos de novo o extenso e ben conservado faial ata acadar a encrucillada que indica o camiño da fervenza. Un pouco máis arriba tomamos unha pequena variante, que nos vai levar ata o núcleo de San Cibrián, logo dun pequeno treito por estrada.
Neste pequeno bucle que fixemos camiño de San Cibrián, o Víctor “despistóusenos” e volveu polo mesmo camiño de ida, pois ía na busca dunhas gafas que lle caeran a Conchi, e atopounas! Mira ti, ela xa as daba por perdidas… que gusto dá ir con xente tan preocupada porque te sintas ben en todo momento. De Dez!

E co conto das gafas, case sen decatarnos, chegamos de volta a Soncillo. Mudámonos como poidemos dentro do hotel e iniciamos o regreso a casa. A verdade é que o faial polo que andivemos é fabuloso, encantoume o seu colorido, os sons e o ambiente que se respiraba nel. Un bo colofón a estas rutas fantásticas que fixemos por estas terras das Merindades. Haberá que volver para coñecelas un pouco máis, e se é posible no outono ou co desxeo, pois seguro que o espectáculo que se pode contemplar pode ser único.

















