Imos ao concello de Crecente, na comarca da Paradanta, a facer un variado percorrido pola parroquia de Rebordechán. A ruta comeza na igrexa de Santa María, no núcleo da parroquia. Saímos da aldea en constante ascenso durante uns quilómetros ata chegar ao Marco, case no Alto da Serra. Dende aquí gozamos dunhas fermosas panorámicas dos concellos próximos así como do val que forma o río Miño (este tramo pertence ao encoro da Frieira).
Logo comezamos a descender novamente ata chegar de novo á aldea e, de ai, seguimos ata cruzar por riba da vía do tren e achegarnos á beira do Miño. Unha vez aquí atravesaremos un fermoso bosque de ribeira moi preto do río ata chegar ao lugar de Parada. Pouco máis adiante chegamos ao rego de Chedeiro, onde un sendeiro en constante ascenso nos leva entre numerosos muíños. Ao pouco, e logo dunha última subida, chegamos novamente a Rebordechán.
A ruta non ten moitas dificultades, pero ten certo desnivel, e algún tramo de sendeiro estreito no que hai que ir con coidado. É destacable o estado de conservación dalgúns bosques que se ven durante o percorrido.
Despois dunha pequena parada en Ribadavia para tomar un café, o bus achegounos ata Rebordechán, no concello de Crecente e, xa na mesma estrada, baixo a protección dunha marquesiña na parada de autobús, preparámonos para comezar a andaina. Coméntanos Víctor que en lugar de comezar a ruta achegándonos ata a igrexa parroquial, que temos á vista, imos iniciar e rematar o percorrido neste punto. Iso significa que non imos facer a ruta “oficial” nin no sentido que o fai a maioría, ao contrario das agullas do reloxo.
Tras do Peto da Pousa hai gravado “Como te bes yo me bi, como me bes te berás”
Practicamente nada máis sair, damos co primeiro punto interesante no lugar da Pousa, pois nel hai un fermoso e coidado peto de ánimas que, segundo din, cando funcionaban os muíños e as persoas que cruzaban o Miño en barca, subían por este camiño e, ao chegar a esta altura, tomaban unha pousa, de aí o nome do lugar e, xusto neste punto, ofrecíaselles a oportunidade de dar unha esmola polas ánimas neste Peto da Pousa.
Tocounos camiñar nun día típico da primavera e, de momento, a auga non fixo acto de presenza, pero vimos preparados para o que nos veña pois ao longo da xornada imos ter un par de chaparróns considerables. Nada polo que non teñamos pasado xa.
Dende que saímos na parada do bus imos en todo momento en subida, co obxectivo de chegar ao Marco, case no Alto da Serra, e poder gozar dunha panorámica do río Miño, do seu val e dos concellos limítrofes. A subida é constante, un pequeno tramo por estrada pouco transitada pasando á beira do muíño do Surreiro, e pronto nos internamos no monte a través de pistas forestais.
Subindo á altura do muíño do Surreiro
A vexetación que temos nas pistas é moi florida
O aguaceiro colléunos no punto máis exposto da ruta
A altura da granxa O Tempo da Aldea a chuvia deu unha tregua
Xa chegando ao punto máis alto da andaina, vemos como o ceo comeza a encapotarse e non tarda en poñerse a chover a cachón onde menos protexidos estamos. Isto fai que non poidamos gozar das vistas e obríganos a acelerar o paso, desbotar achegarnos ata o miradoiro do Coto de Vesperón, e comezar a baixar de contado.
Comezamos a descender e ao chegar ás instalacións da granxa O Tempo da Aldea xa vai escampando. Esta é unha cooperativa cunha finalidade moi fermosa e digna de aplauso, pois ten como obxectivo explotar e poñer en valor os recursos da parroquia de Rebordechán, loitando contra o despoboamento creando postos de traballo e darlle nova vida á aldea.
Reagrupámonos e continuamos polo Camiño da Feira e a chuvia parece que nos dá un pequeno respiro. É de agradecer pois a baixada sen o paraugas na man axuda pois hai que ir con algo de precaución, tanto polo empinado da senda como polo esvaradío das pedras molladas. Segundo lin, o nome deste camiño obedece ao uso que lle daba a veciñanza os días 6 e 20 de cada mes, días nos que os veciños se desprazaban á feira da Cañiza.
Non queda moito para chegar á Igrexa de Santa María de Rebordechán pero volve chover con certa intensidade. Xa no núcleo, buscamos abrigo para acubillarnos e decidimos facelo no Salón Parroquial, e tamén Academia da Banda de Música de Rebordechán. Hai unha placa fóra deste local posta polos veciños no 2002, na honra da súa banda de música, que actuou entre 1907 e 1962 en todos os torreiros da contorna con este lema: “Praza por praza, non lle tiñamos medo a ninguén“.
Continuamos por camiños moi fermosos e floridos
Comezamos a gozar das vistas que non tivemos arriba
Baixando polo Camiño da Feira
Igrexa de Santa María de Rebordechán
Decidimos xantar aquí mesmo un pouco antes do programado, poder secar un pouco a roupa, e agardar a que escampe para poder continuar. Deixamos o salón parroquial, pasamos pola Fonte dos dous curas e subimos cara ao calvario (de factura recente), por unha rúa con varias cruces asentadas en muros e fachadas a modo de via crucis.
Xa non nos volverá a chover no que queda de andaina e imos gozar do que foi para min a mellor etapa desta ruta. Unha auténtica sorpresa. Pouco a pouco comezamos a ter vistas sobre o río Miño e da outra beira, pertencente ao concello de Cortegada. A baixada ata a Capela de San Sebastián é un preámbulo do que nos imos atopar máis abaixo.
Situada na ladeira do castro do Coruxón, a esta capela acudían a pedir axuda os quintos da parroquia, por aquilo de que o santo foi un soldado romano mártir. Reagrupámonos na Capela e continuamos descendendo un pequeno treito pola estrada PO-400, ata que tomamos un desvío á dereita, primeiro por pista que se vai convertendo en carreiro a medida que nos achegamos ao río. A partir deste punto, iniciamos un fascinante tramo de sube e baixa por carreiro pegados ao río Miño (encoro de Frieira) inmersos nun espectacular bosque. Imos gozando da Fraga da Freita pola que transcurre o sendeiro, mentres sentimos e vemos pasar o tren camiño de Ourense reflectíndose a súa silueta nas augas do río.
A partir da capela de San Sebastián imos gozar do mellor desta ruta
Fraga da Freita
Pouco a pouco comezamos a ter vistas sobre o Miño
Miradoiro sobre o Balneario Antigo de Cortegada
En pouco tempo temos á vista o Balneario Antigo de Cortegada, construído no ano 1937, que foi acondicionado recentemente, captándose as súas augas cunha sondaxe de 6 m de profundidade, pois o seu antigo manancial quedou alagado polo río, desde que se embalsaron as súas augas coa presa de Frieira. Imposible non deterse neste punto e marabillarnos da panorámica que nos regala.
Antes de chegar a Parada, cruzámonos cun veciño que anda a repintar os sinais da ruta para poder facela sen perderse. Decátome que a semana que ven, o día 30, os veciños organizan a IV Andaina contra o despoboamento e está facendo unha posta a punto do percorrido. A casa do Coco é das primeiras edificacións que nos atopamos na subida a Parada. Encóntrase nunha zona chamada O Soalleiro e destaca a solaina de pedra, típica das casas máis antigas da aldea.
Casa do Coco
Camiño Real
Logo de ir admirando interesantes elementos etnográficos, saímos de Parada e seguimos polo Camiño Real dirixíndonos, a continuación, polo Camiño dos Muiños a unha zona ben fermosa onde contemplamos un excepcional conxunto de muíños, situados no máis profundo do bosque e pegados ao arroio de Chedeiro.
Muíño da Laxiña ou da Soledá, Muíño da Serra Vella, Muíño do Castiñeiro, Muíño da Serra, Muíño da Verea… moitos deles co seu código QR nas proximidades para saber algo da súa historia, tal como vimos noutros elementos que hai no percorrido como na casa do Coco. Está claro que detrás disto hai moito traballo e gañas de facelo ben. Parabéns!
Achegándonos ao arroio de Chedeiro
Muíño no arroio de Chedeiro
Pasarela recén arreglada para o paso do río
Bancais ao final da ruta
Había tempo que non gozaba tanto cunha subida tan fermosa! A verdade é que toda esta segunda parte da ruta, dende que deixamos a capela de San Sebastián, é dunha fermosura abraiante.
E desde aquí amosar o noso agradecemento á veciñanza e a esta xente que colabora no traballo de limpeza para manter a ruta neste estado. Parabéns!