Fervenza de Canteijeira

02-04-2022
Fervenza de Canteijeira

A fervenza de Canteijeira está situada nun enclave moi fermoso. Despois de subir dende Trabadelo e achegarnos a vela, subimos ata a aldea de Canteixeira, onde podemos ver mostras da arquitectura típica dos Ancares. É un percorrido circular que transcorre por diferentes vales e zonas altas desta parte do Bierzo. Son abondosos os bosques onde poderemos ver exemplares de castiñeiros centenarios.

  • Lonxitude: 19 km
  • Desnivel: 770 metros positivos e outros tantos negativos, tramos con pendente
  • Dificultade: Baixa (o camiño en xeral é cómodo)

Comezamos a camiñar…

Saimos ás oito da mañá en bus cara a Vilafranca do Bierzo. Antes de chegar, paramos en Trabadelo, concello onde percorreremos, xunto co de Balboa, a primeira das rutas desta fin de semana. Ímonos ata a Fervenza de Cantejeira, Canteijeira ou Canteixeira, ubicada na comarca do Bierzo case no límite coa provincia de Lugo. Estamos pois nos confíns occidentais da provincia de León.

Fervenza de Canteijeira
Na localidade de Trabadelo nótase a influenza do Camiño, con construccións ben restauradas, algunhas destinadas a albergues de peregrinos

Logo de prepararnos, percorremos a localidade de Trabadelo pola mesma estrada que percorren os peregrinos camiño de Santiago polo val do Valcarce e, nada máis sair do pobo, xa nos encontramos á dereita un cartel sinalizando o inicio da ruta.

Fervenza de Canteijeira
Nos primeiros momentos da ruta, camiñamos baixo castiñeiros centenarios de gran porte

Xa desde un principio o entorno impresiona, pois imos todo o tempo por un bosque inmenso, un bosque que atopamos espido, pois aínda non saiu a folla, xa que logo por estas terras a primavera é un pouco máis tardía, e aínda lle faltan unhas semaniñas para o seu esplendor. É un bosque realmente moi interesante, que nos recibe cuns castiñeiros centenarios enormes, algúns deles xa improductivos, pero que conservan uns troncos dunhas dimensións espectaculares.

Fervenza de Canteijeira
Antes de chegar á pista forestal hai un par de tramos costaneiros que hai que levalos sen presas

Pasamos polo pequeno pobo abandonado de Paradela, e imos subindo pouco a pouco, acompañándonos o son do rego de Paradela dos Rellaos, e máis arriba do regueiro da Morteira, do que nos imos alonxando a medida que subimos. A subida faise moi ben, non ten problema ningún, pois o camiño é moi cómodo, aínda que no último tramo que desemboca na pista forestal, hai un par de tramos de subida prolongada que hai que levar con calma.

Fervenza de Canteijeira
No fondo da imaxe, o redondeado Capeloso e, á súa dereita, o Faro xa se ubican no Courel

Xa no cume, temos unhas vistas magníficas da contorna, que Víctor nos vai identificando estupendamente: fronte a nós temos unhas ladeiras cheas de carrascas ou brezos que  producen unha cor única pois, aínda que non floreceu completamente, é sensacional o colorido que lle da ao monte.

Fervenza de Canteijeira
Canteixeira está asentado nas últimas estribacións de Ancares, ao sur de Penarrubia

Por detrás desta primeira liña, comezando polo suroeste, sinálanos a Pena de Seo (1574 m), un dos cumes máis altos desta zona do Bierzo, detrás dela está o val de Oencia, que xa teño gañas de coñecer. Identificamos un cume de formas redondeadas, o Capeloso (1598 m), ao que xa subimos en dúas ocasións, unha dende Zanfoga e outra dende Las Herrerías; o monte que nos queda á dereita de todo, polo que vemos como sube unha pista cortalumes ata arriba, é o Faro, segundo cumio máis alto do Courel, con 1615 m de altitude, que tamén visitamos noutra ruta espectacular. Nun plano posterior, cara ao sur, vemos na lonxanía o Macizo de Trevinca nevado.

Coméntanos Víctor que estamos camiñando por un bosque enorme, quilométrico. Estes vales polos que imos andar, polo ben conservados que están polos bosques que teñen, son uns corredores naturais fantásticos de paso para a fauna entre o que é Ancares e Courel. Máis dunha vez temos escoitado da presenza do oso no Courel, pois chegan alí cruzando por estes vales, dende a zona de Laciana e Alto Sil onde hai unha poboación de oso bastante interesante. Os que se desplazan, entrarían nos Ancares polo norte, algún queda por aí, pero algún outro que baixa máis ao sur entra por esta zona, tendo que cruzar a N-6 e a autovía A-6. Toda unha aventura.

Fervenza de Canteijeira
Comezando o descenso cara a fervenza

Seguimos subindo pola pista forestal e, chegados a unha altura, o camiño vira á dereita para converterse en senda. Alí vemos un desfigurado cartel que nos indica o camiño de baixada cara a fervenza; neste punto iníciase un pronunciado descenso que nos conducirá novamente ata o Regueiro da Morteira, situado no fondo do val. Cruzámonos con pequenos grupos de xente que veñen de visitala, mentres avanzamos por un frondoso bosque cando, ao pouco, aparece ante nós a fermosa estampa da fervenza e a contorna que a rodea. Unha marabilla!

Fervenza de Canteijeira
Ademais da fervenza, duns 10 m de altura, chama a atención a vexetación que a rodea e o propio Regueiro da Morteira, que sae correndo entre rochas ladeira abaixo

Tras gozar da tranquilidade que ofrece esta idílica paraxe e de facérmonos unha morea de fotos, continuamos cara a Canteixeira, a uns dous quilómetros de distancia. O camiño facémolo por onde baixamos, polo que toca subir. De novo na pista, o camiño ao principio vai gañando algo de altura, entre pastos, gozando dunhas vistas moi fermosas, tanto do pobo de Canteixeira como do val de Balboa.

Fervenza de Canteijeira
Camiño de Canteixeira, entre pastos, imos gozando dunhas vistas moi fermosas

O pobo pertence ao municipio de Balboa e estamos nas últimas estribacións de Ancares, ao sur de Penarrubia. Logo de xantar fóra e descansar ao redor da Palloza de Cantejeira (palloza-restaurante Casa de Lamas), iniciamos o regreso dando unha pequena volta polas estreitas e empinadas rúas do pobo ata que volvemos tomar o mesmo camiño polo que chegamos, volvemos pasar polo pequeno tramo pedregoso do camiño (pouca cousa), e volvemos gozar, entre inclinadas hortas e pastos baixo a sombra dalgunhas árbores, das vistas que levamos á fronte, que son ben fermosas.

Fervenza de Canteijeira
Paga a pena visitar a palloza pois o seu interior é un auténtico museo

Podemos dicir que estamos comezando a segunda parte desta ruta circular, descendendo por un val paralelo ao que subimos pola mañá, onde vemos no alto da outra aba a aldea de Lamagrande.

Fervenza de Canteijeira
O descenso imos gozando dunhas vistas moi amplas, chegando a divisar Pena Trevinca

Na baixada cara a Trabadelo abandonamos pronto a pista pola nosa dereita e atravesamos un fermoso e empinado souto con bos exemplares de castiñeiros para, a continuación, tomar un camiño moi fermoso entre carrascas e acompañados, xa no último tramo, polo rego de Valdelobos, ata que desembocamos na vella estrada que nos levará de regreso ao inicio da ruta e a Trabadelo, onde rematamos.

Fervenza de Canteijeira
Todo o percorrido facémolo racticamente por camiños cómodos e amplos

Ao rematar a ruta nos trasladamos a Vilafranca do Bierzo, onde nos agarda un merecido descanso. Unha ruta moi fermosa, onde temos bosque, río, fervenza, aldeas cunha arquitectura popular interesante, e gozamos dun tempo estupendo. Moi recomendable.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio