Parque Natural Serra da Enciña da Lastra
O Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra é unha paraxe protexida que comprende a contorna da serra da Enciña da Lastra, unha das serras orientais de Galicia. Situado no concello de Rubiá, comarca de Valdeorras, xusto no límite coa comarca do Bierzo, é un dos parques naturais galegos menos coñecido e maís singular polas súas peculiaridades climáticas e orográficas. A orixe do nome da serra é moi acaída, pois ven dunha enciña nunha lastra (pedra grande e de superficie lisa).
Enlazaremos diferentes percorridos polo parque vendo os seus puntos de maior interese, así como o seu patrimonio etnográfico, natural e paisaxístico. Primeiramente faremos unha ruta circular que se inicia na saída da N-120 xusto diante do túnel que hai antes de chegar ao Estreito da Barosa. A ruta discorre por un sendeiro en bo estado no que encontramos varios merendeiros e miradores nos primeiros tramos, que nos leva á aldea de Biobra, na ladeira sur da serra, onde está ubicado o Centro de Interpretación do Parque, que visitamos. Dende aquí, continuamos por unha pista ascendente ata chegar ao miradoiro coñecido como Alto da Escrita. Neste punto, tomamos un pequeno carreiro á esquerda que nos leva entre soutos ata onde comezamos. A segunda parte é unha travesía que transcorre en descenso polo val ata a aldea de Cobas, que atravesamos para continuar ata Vilardesilva por un camiño moi fermoso, onde rematamos a andaina.
- Lonxitude: 15 km, aproximadamente (xuntando todos os percorridos)
- Desnivel: 500 m positivos e outros tantos negativos, tramos con pendente
- Dificultade: Baixa (o camiño en xeral é cómodo)
Comezamos a camiñar…
Logo de facer noite en Vilafranca do Bierzo, desprazámonos ata o Parque Natural Serra da Enciña da Lastra para facer un percorrido aproveitando parte de tres das dez rutas que hai establecidas nel. Non madrugamos moito, pois a serra limita co Bierzo, e en pouco tempo poñémonos no punto de partida, a saída da N-120 á altura do Estreito da Barosa, nunha área con merendeiro que dispón de varios paneis que nos informan da serra, da ruta e da flora e fauna características.
Para facer esta ruta circular, camiñamos pola Ruta dos Soutos baixo Pena Falcueira que enlazamos, máis adiante, coa Ruta das Dúas Vertentes. Xa dende o primeiro momento imos gozando da gran beleza desta paisaxe, axudados polo bo estado da pista. A mañá é fría e imos abrigados nos primeiros pasos da andaina pero, unha vez que despunta o día, a temperatura vai ser moi agradable e gozaremos dun fermoso día para camiñar. Imos sempre en ascenso, moi tendido, e facemos a primeira parada relativamente pronto, pois aproveitamos o Miradoiro de Covas, desde onde temos unha magnífica panorámica da aldea de Covas.
Continuamos e, pouco a pouco, imos virando cara a outra vertente da serra, onde se asenta a aldea de Biobra, e a paisaxe comeza a cambiar completamente, pois pasamos de admirar ladeiras abruptas a ir descobrindo ladeiras máis suaves e redondeadas nun val moi aberto. Ademáis da enciña que está presente en todo momento, pasamos por soutos con castiñeiros de gran porte, pois esta é unha zona onde hai moito aproveitamento de castaña.
Podemos dicir que Biobra é a capital do Parque pois alí está asentado o Centro de recepción de visitantes, no que paramos para botar un ollo. A aldea ten interesantes mostras de arquitectura popular. Xa no centro de interpretación do parque, escoitamos as explicacións do seu técnico, pois moito do que nos dí, ímolo apreciar a medida que vaiamos percorrendo a nosa ruta.
Logo de ubicarnos xeolóxica e xeograficamente, coméntanos como estamos ante unha paisaxe derivada dun uso tradicional do territorio, con núcleos rurais dispersos, prados de regadío ou leiras de viñedo que, xunto cos soutos, podemos consideralo como elementos positivos da paisaxe. Pero hai outros, resultado das grandes obras de infraestrutura, ou da explotación dos recursos naturais como os encoros ou a canteira de pedra calcaria de Vilardesilva, cun impacto sobre a biodiversidade enorme, negativo e irreversible.
A continuación fálanos das comunidades vexetais máis salientables, sendo a primeira o aciñeiral, pero tamén nos fala da presenza dos érbedos, das sobreiras, do espiñeiral, das uceiras e estevais (jara), ou do tomiño, que ímolo notar pois está comezando a soltar a súa fragancia. Deténse noutra das singularidades que caracterizan este parque, a extraordinaria diversidade que presenta a familia das orquídeas. Tamén nos fala da fauna, especialmente das aves rapaces que habitan no P.N., das que temos una reproducción ao natural sobre as nosas cabezas. Non hai tempo para maís e continuamos coa andaina coa lección ben aprendida.
Unha pequena subida levarános, entre castiñeiros e terras de labor, ata o lugar coñecido como Ladeira Abeirada, onde volveremos ter a oportunidade de admirar a paisaxe ampla do val do río Galir. Seguimos polo sendeiro rodeados de aciñeiras e estevas ata que chegamos ao Miradoiro da Escrita onde volvemos a admirar o contraste que hai nas dúas vertentes. Na bañada polo Sil vemos unha paisaxe agreste, das máis impresionantes que teño visto en Galicia, con ladeiras quebradas con todos os graos de inclinación imaxinables e mesmo paredes verticais e farallóns rochosos, destacando no alto a Pena Falcueira e no val o Estreito da Barosa que formou o río ao longo do tempo. Cara ao outra, a maís suave do val do río Galir.
A partir deste punto a ruta vai ser practicamente en descenso, pois aproveitamos parte do percorrido da Ruta dos Soutos baixo a Pena Falcueira. Tomamos unha desviación á esquerda e descendemos por unha ladeira que nos leva entre castiñeiros dos veciños de Covas, para chegar ao punto de partida desta mañá.
Comeza aquí a segunda parte da xornada. Seguimos o trazado da Ruta do Val do Sil e continuamos en descenso polo val, onde seguimos admirando os fermosos bosques entre grandes rochas, coroadas pola Pena Falcueira, que imos deixando atrás, e comezando a disfrutar coa paisaxe que nos dá o Sil, coas suas augas aproveitadas polo Encoro de Penarubia.
Na parte final do descenso e antes de encarar rumbo á aldea de Covas, paramos a admirar a aciñeira de Covas, ou aciñeira das Cortiñas, declarada como árbore senlleira de Galicia, á que se lle calculan uns 500 anos de idade. Que impresionante!
Entramos en Covas, e decidimos parar a xantar e descansar á altura da cantina, nun entorno ben fermoso pois está cheo de tulipáns coidados por unha veciña, que os rega con moito mimo. Outra veciña achégasenos onda nós e amósanos as capturas piscícolas que colleu esta mañá o seu home. Non nos demoramos moito no lugar, e atravesamos a aldea sempre en descenso. A medida que vou baixando vou laiándome das casas que vexo abandonadas ou pouco coidadas.
O camiño de Covas a Vilardesilva é un camiño que habería que facer de ida e volta do fermoso que é, de feito, aconséllano. Logo de camiñar entre cultivos e castiñeiros e observar unha magnífica panorámica do Sil embalsado, detémonos ante as ruinas dun forno de cal da era preindustrial. Continuamos camiño, atravesamos un fermoso aciñeiral, entre érbedos e cortados calizos. Que marabilla de paisaxe!
Vai ser neste tramo onde nos atopemos con varios exemplares de orquídeas e ata tivemos a sorte de atoparnos a un naturalista (non me lembro do nome), gran especialista nestas plantas, que nos amosou fotos das que tiña atopado no día de hoxe, aínda que nos comentou que o gran momento para velas será dentro de dúas semanas aproximadamente.
Atravesamos a aldea de Vilardesilva, cunha arquitectura tradicional singular e moi ben conservada, onde hai que facer parada obrigada no pequeno bar que nos atopamos á metade da rúa. Facemos os estiramentos e adicamos un tempo a tomar unha merecida cervexa en La Escuela, mentres comentamos a espectacular subida dende Covas.
E rematamos no miradoiro da Portela (640 m), facéndonos unha foto de grupo, dende onde temos unha espléndida panorámica de Vilardesilva, asentado nunha ladeira en balconada sobre o encoro de Penarrubia, ao pé dun inmenso cortado calizo. Que día tan completo e espectacular!