De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor

14-04-2022
De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor
Vistas do val, coa localidade de Baños de Montemayor en primeiro plano, e o encoro de Baños ao fondo

O percorrido, ao pouco de comezar, lévanos ao pobo de Puerto de Béjar (provincia de Salamanca) pola antiga vía do tren, cruzaremos parte das súas rúas onde poderemos ver mostras da arquitectura civil e relixiosa desta zona, e achegámonos á parte alta do pobo onde collemos un estreito e fermoso sendeiro que entre soutos ben frondosos nos devolve novamente á vía do tren a cal seguiremos ata chegar a Baños de Montemayor, xa na provincia de Cáceres.

Camiñamos por parte do tramo do Camiño Natural Vía da Prata que se vale do trazado do antigo ferrocarril Astorga-Plasencia, que discorre a media ladeira polas abas do límite occidental da Serra de Béjar, declarada, en conxunto coa veciña Serra de Francia, Reserva da Biosfera en 2006. A Ruta Vía da Prata, itinerario turístico-cultural baseado na calzada romana entre Mérida e Astorga que dá nome ao camiño, transcorre en paralelo ao camiño natural durante gran parte do percorrido.

O percorrido é sinxelo, a antiga vía do tren ten un firme moi cómodo e o sendeiro, aínda que estreito, non ten complicacións. Son rechamantes as paisaxes e a beleza dos soutos.

MIDE:

  • Horario: 2,4 h
  • Severidade do Medio Natural: 2
  • Desnivel de subida: 120 m
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Desnivel de baixada: 360 m
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Distancia horizontal: 9 km
  • Cantidade de esforzo necesario: 2
  • Tipo de percorrido: Travesía

Comezamos a camiñar…

Hoxe houbo que madrugar, pois temos por diante un longo percorrido en autobús xa que imos aproveitar estes catro días de semana santa gozando de andainas pola zona do Parque de Monfragüe e o Jerte, tendo como centro a vila de Plasencia. Este mesmo día da viaxe, antes de chegar a Plasencia, fixemos unha parada preto de Puerto de Béjar, aínda en Salamanca, coa intención de iniciar unha andaina a xeito de estirar as pernas, preto da antiga estación do tren.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor
Camiño do merendeiro Fuente del Peregrino, con fermosas vistas sobre Puerto de Béjar e a Serra de Béjar

Antes de comezar, desprazámonos ata o merendeiro Fuente del Peregrino, un fermoso espazo en plena Vía da Prata, Iter ab Emerita Asturicam, que constituía a espiña dorsal das comunicacións dos romanos en Hispania, e que hoxe é aproveitado parte do seu trazado polo que camiñan os peregrinos cara a Santiago. A área de descanso está habilitada con mesas e fonte perfectos para xantar, ademáis de dispor de varios paneis que nos ilustran sobre esta vía e o que nos podemos atopar nesta zona meridional de Salamanca.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor
Croquis co itinerario da Vía da Prata, con castelos, mosteiros, mansios e miliarios sinalados, diante dos restos arqueolóxicos da primitiva vía romana. Foto de Xerardo

Logo de reagruparnos e de comentarnos Víctor o desenvolvemento da andaina, comezamos a camiñar por esta vía de peregrinos en sentido contrario, cara ao sur. Pasamos baixo a ponte da autoestrada A-66, onde hai unha especie de mural con todo o percorrido da mesma. Ao seu paso polo Puerto de Béjar, a Via da Prata, recoñecida como un dos mellores tramos conservados e con gran abundancia de restos fósiles de orixe romana, atopábase en estado de abandono e degradación. A construción da Autovia A-66 descubriu un tramo fósil do trazado da calzada, e as axudas do 1% cultural do Ministerio de Fomento propiciaron a posta en valor deste tramo e de dous máis ao seu paso polo termo municipal de Puerto de Béjar.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor
A antiga vía do tren ten un firme moi cómodo para camiñar

Un pouco máis adiante pasamos polo albergue de peregrinos local, e non tardamos en acceder ao camiño natural á altura da rehabilitada estación, polo que facemos un pequeno percorrido antes de iniciar a pequena subida ata Puerto de Béjar. O paso pola localidade, case todo en subida, permítenos ver ás nosas costas a silueta da Serra de Francia, onde estivéramos en abril de 2019. Tamén nos permite ir admirando fermosas mostras da arquitectura que hai no pobo, e tamén o asombro de algún veciño polo noso paso mentres toma a cervexa na rúa. Unha vez superado o núcleo, tomamos un pequeno sendeiro que nos vai levar por un tramo realmente fermoso.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor
A silueta da Serra de Francia distínguese perfectamente dende Puerto de Béjar

A compañía de carballos, castiñeiros, arces, fresnos, capudres, aveleiras, etc. que tapizan as abas da serra e que comezan a reverdecer, serán a compaña constante ata a chegada a Baños, proporcionannos unha sombra durante o camiño que imos agradecendo, pois a temperatura do día comeza a ser alta, pero moi soportable.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor
O sendeiro, aínda que estreito, non ten complicacións. Son rechamantes as paisaxes e a beleza dos soutos.

O camiño déixanos de novo na vía verde, e imos admirando unha gran variedade de tonalidades de verdes, facendo o tránsito por esta antiga vía de ferrocarril moi atractivo e relaxado.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor

Cruzamos o límite provincial entre Cáceres e Salamanca, e tras un quilómetro, camiñamos por unha ampla curva na que a vexetación se abre á dereita do camiño, permitindo unhas espectaculares vistas do val, coa localidade de Baños en primeiro plano, e o encoro de Baños ao fondo.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor

En nada chegamos a un túnel con iluminación artificial, con máis de 200 m de lonxitude, que permite apreciar a súa coidada factura, sobre todo se se ten en conta que se construíu a finais do século XIX. Unha vez fóra, en apenas uns metros, cruzamos unha pasarela sobre o río Garganta, un pequeno curso de auga utilizado para mover os muíños de Baños de Montemayor, dos que veremos algún máis adiante.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor

Non chegamos ata a antiga estación de Baños de Montemayor. Diante duns restos de construccións asociadas ao mantemento da vía do ferrocarril, saímos da senda á dereita e tomamos un sendeiro en descenso moi fermoso, que nos vai levar ata os muíños e de aquí, todo en baixada, só nos queda entrar en Baños de Montemayor, onde damos por rematada a andaina logo duns gratificantes estiramentos.

De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor
O río Garganta, un pequeno curso de auga aproveitado para mover os muíños de Baños de Montemayor. Foto de Xerardo

Ao rematar a ruta tivemos un tempo para descansar e pasear por Baños para logo continuar a viaxe a Plasencia, pois aínda nos queda unha hora de bus aproximadamente. Plasencia é un punto moi acaído para coñecer boa parte das comarcas do norte de Extremadura: o Val do Jerte, o Parque Nacional de Monfragüe, As Hurdes,  Granadilla, A Vera… Isto acaba de comezar, pero a estadía polo norte de Extremadura promete!

2 comentarios sobre “De Puerto de Béjar a Baños de Montemayor”

  1. Mariví+Pardo+Gómez

    Bonito, estimulante, e estupendo!!!, agardo o resto do roteiro dunha terra que é moi variada e da que coñezo bastante as cidades e moi pouco o campo. Veña, a contar máis!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio