Camiño dos Faros. De Cabo Vilán a Ponte do Porto
O inicio da etapa facémolo en Cabo Vilán, onde se atopa un dos faros máis bonitos da Costa da Morte e un dos máis senlleiros. Foi o primeiro faro electrificado de España, en 1896. A traxedia do buque HMS Serpent no 1890 acelerou a construción do mesmo.
O camiño vai en dirección sur, adentrándose pouco a pouco na ría de Camariñas aínda que o primeiro treito, ata chegar á capela da Virxe do Monte é por mar aberto. Ao pouco de visitar a capela pasamos pola fermosa praia de Lago e punta Villoeira xusto antes de chegar a Camariñas. Cruzamos a vila cara a enseada da Basa para logo rodear o monte da Insua pola praia do Ariño e ao pouco chegar aos lugares de Tasaraño e Dor, xusto antes de Ponte do Porto.
É un percorrido cun alto interese paisaxístico e non ten maiores dificultades, agás algún tramo inicial onde hai que ir amodo.
- Lonxitude: 21 km
- Desnivel: baixo-medio
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
A finais de setembro de 2017 fixen por primeira vez esta etapa dende o Vilán ata Ponte do Porto co grupo da USC, e nesta tempada estamos a revisitar toda a ruta do Camiño dos Faros. Hoxe, igual que naquela etapa, acompáñanos moita xente nova, tanto veteranos que veñen por primeira vez como estudantes que, unha vez liberados dos exames, aproveitan este comezo da segunda parte do curso para coñecer Galicia, sendo este o mellor xeito de facelo.
Despois dunha semana con poucas precipitacións, hoxe temos un día inmellorable para camiñar, dada a época do ano na que andamos e, sobre todo porque está anunciada para mañá unha borrasca que vai entrar por esta costa. Está claro que estamos a ter un inverno realmente raro climatoloxicamente falando.
Antes de achegármonos ata o inicio da etapa no mesmo faro, facemos unha parada na vila de Camariñas, que aproveito para dar unha volta pola vila e polo peirao. Debe ser a hora de xantar dos corvos mariños pois non paran de mergullarse e instalarse sobre as rochas para secar a súa plumaxe. Unha gozada velos tan activos.
Regresamos ao bus para que nos leve ata o Cabo Vilán. Insistir unha vez máis que, dentro dos nosos grandes faros, está por dereito propio o de Cabo Vilán. Aínda me lembro case como se fora hoxe, da emoción que supuxo encaramarse, vencendo a vertixe e o cansanzo de subir tantos chanzos, ata a lanterna do faro, un canón de luz capaz de acadar as 40 millas mariñas, uns 74 quilómetros de distancia. Terei que preguntarlle á miña irmá se garda aquelas fotos…
Unha vez no cabo, preparámonos e subimos ata a esplanada que hai diante do faro. Alí Víctor, persoa sensible co medio ambiente onde as haxa, reúnenos e fálanos sobre as figuras de protección que rexen sobre este espazo natural tan abraiante, aínda que semella que, polo seu entorno máis inmediato, non estea a ser protexido convenientemente pola Administración na historia recente, dada a inmediata situación ao promontorio da macrogranxa de rodaballo así como o parque eólico. Tamén nos fala dunha figura, descoñecida para a maioría, na que se nomea o Cabo Vilán Sitio Natural de Interés Nacional, segundo a Orde Ministerial de 31 de outubro de 1933. Nel tamén se declaran Sitios de Interés a Curotiña e Vares.
Paga a pena ler na Gaceta de Madrid a fermosa exposición de motivos que se fai na Orde para xustificar o nomeamento destes tres sitios: “Ilmo. Sr.: Una de las regiones de la península de más acusada individualidad geológica y fisiográfica, y que ofrece mayores bellezas de paisaje es, sin duda, la región galaica. […] forman un conjunto de factores naturales que engendran una vegetación lozana y perenne, y producen tal diversidad y continuidad de sitios amenos y pintorescos, que hacen muy difícil escoger y circunscribir parajes limitados para galardonearlos con la declaración oficial de Sitios Naturales de Interés Nacional, ya que, en conjunto, la mayor parte del territorio gallego es merecedor de tal distinción.” Recalcando a continuación que as máximas belezas naturais están nas zonas costeiras. Coido que se hoxe levataran a cabeza os propoñentes, non valorarían o lugar deste xeito tan fermoso, non si?
Non sei que grao de validez ten esta figura a día de hoxe, pero si está claro que o circunscribe ao promontorio e o illote Vilán de Fóra, terreo propiedade do Estado. Sempre aprendemos algo con este Víctor!
Podemos considerar o Cabo Vilán como o marco de entrada na ría de Camariñas, un muro de rocha ergueito e cinguido polo mar, no que se asenta un faro con feitura de fantasía, chantado nun penedo de 125 m de altura por riba do nivel do mar. Sen máis dilación arrancamos cara ao sur, subimos ata as instalacións do faro vello e non podemos deixar de mirar atrás dende esta atalaia e gozar das últimas vistas do faro que, pouco a pouco, imos ir deixando de ver. Agardo non ser moi repetitivo no relato con respecto á crónica feita no 2017, e intentarei falar desta vez de aspectos non comentados e as sensacións vividas na xornada de hoxe.
Este tramo ata Camariñas está cheo de regalos para o camiñante. Unha vez superada a factoría de rodaballo, imos por camiño costeiro pola banda septentrional da ría, que aínda é mar aberto, no que vemos a cada pouco pescadores apostados nas rochas coas súas canas, que culmina co pequeno ascenso ata a ermida da Virxe do Monte, unha atalaia na que facemos un pequeno descanso no entorno da capela. Contémplase case todo o tempo da camiñada, a boca da ría, a punta de Muxía co Santuario da Barca e, ao lonxe, o cabo Touriñán.
Coa imaxe do Santuario na punta da Barca na outra beira da ría, descendemos dende a Virxe do Monte cara ao mar por sendeiro, e abeiramos o pequeno promontorio que nos deixa na fermosa praia do Lago. Xa cerca de Camariñas está a Punta do Castelo, lugar onde foi erguido en tempos de Carlos III o Castelo do Soberán para a defensa da ría, e do que quedan algúns restos. A entrada en Camariñas facémola por riba do porto, que figura entre os principais portos pesqueiros da provincia pola tonelaxe de capturas, aínda que a vila é coñecida, sobre todo, polos sonados encaixes que dende hai séculos confeccionan as palilleiras de Camariñas nos obradoiros ou diante mesmo das portas das casas.
Hoxe imos un bo lote de camiñantes e o noso paso pola vila nesta época do ano esperta certo interese nalgúns veciños que me preguntan curiosos ata onde imos camiñar. Saíndo da vila, vexo como unha compañeira, que vai xusto diante miña, cae ao chan ao tropezar na beirarúa. O aparatoso da caída fai temer o peor, pero afortunadamente sobrepúxose e puido continuar a andaina aínda que algo dolorida. Este percance fixo que agardásemos no paseo á altura da conserveira Cerdeimar, mentres Víctor a atendía facéndolle unhas pequenas curas.
Estamos xa no interior da ría e, saíndo da vila, logo de cruzar as praias da Vila e a de Lingunde, un fermoso camiño baixo un piñeiral introdúcenos de cheo na Enseada da Basa, unha rica zona de marisqueo, que loce fermosísima coa marea chea, regalándonos unhas augas dunha intensa cor verde esmeralda. Camiñamos por un entorno tranquilo, sosegado (nada que ver co da primeira parte da andaina), polo que decidimos para a xantar un pouco máis adiante, antes de chegar ao fondo da ría, onde deixan as súas augas os regueiros Valadares e Trasteiro.
Temos en fronte parte do camiño que nos queda por percorrer, un tramo con pouca dificultade pois vai case todo o tempo por pista de terra, que no verán é aproveitada polos vehículos para achegarse ás fermosas e recollidas praias que hai nesta beira, como a de Areíña Branca.
Tras salvar Punta Sandría, abandonamos a Enseada da Basa para comezar a camiñar pola Enseada do Porto, que forma a desembocadura do río Grande, coñecida como Ría do Porto. A pouca distancia de Punta Sandría, localízase a Praia de Ariño, moi extensa na baixamar. Aínda me lembro que o merendeiro de Xaviña, situado nun piñeiral ao borde da Praia de Ariño, fora o lugar elixido a vez anterior para descansar e repoñer forzas.
Percorrer estes areais tan longos é unha gozada, a pesar de que camiñar pola area cansa máis, pois estamos nun entorno natural privilexiado, composto por unha espectacular paisaxe que rodea estes bancos marisqueiros, con numerosas especies de aves e vexetación mariña. A camiñada polo areal rematámola na desembocadura do Rego de Lamastredo polo que temos que abandonar a praia e tomar unha pista que nos vai alonxando da ría e nos conduce ata o cruce da estrada AC-432 á altura do Restaurante O Ariño.
Ven a continuación un tramo por lugares rurais da aldea de Tasaraño, camiñando por pistas asfaltadas sen tráfico. É unha gozada percorrer aldeas rurais, e aínda me lembro que na ruta anterior, realizada a finais de setembro, coincidara coa recollida das espigas de millo nos campos. Non sei se seguirán recolectando, pero nótase especialmente neste tramo que hai moitos hórreos de pedra sobre piares, algún de boa factura como este de Tarasaño no alto do balado que, coa monumental fonte no camiño, consiguen dar ao lugar un entorno moi fermoso.
Despois de Tasaraño seguimos por Dor e, máis adiante, por Allo ata que finalmente chegamos a Ponte do Porto, ubicada na desembocadura do río Grande, que ven de regar a terra de Soneira. Cruzamos a súa ponte medieval de catro arcos, orixinaria do século XIII, pois a vila ten asento en ámbalas dúas bandas do río Grande do Porto e, antes de lanzarnos a polas cervexas, facemos os estiramentos diante da igrexa de San Pedro, aínda que máis propio sería dicir no entorno da sorprendente Fonte dos Leóns, a imitación da orixinal da Alhambra de Granada.
Comprobamos felices como a nova compañeira que caeu en Camariñas chegou sen novidade, e está a gozar da súa cervexa, o que nos alegra enormemente, e continuamos polo paseo ao borde da desembocadura do río, onde nos agarda o bus. O Camiño dos Faros continúa cara a Cereixo e Muxía, aínda que nós deixámolo por hoxe aquí.