Ruta polo Serrón da Pena da Edra e Monte Brueiras
A ruta comeza en Ferreirós de Balboa, parroquia situada na zona alta do concello de Becerreá. Os tres primeiros quilómetros e medio son en constante subida, pero sen pendentes moi fortes. Deste xeito acadamos o alto do Serrón da Pena da Edra. Dende algúns puntos desta serra poderemos ver Os Ancares. Ao pouco acadamos o lugariño de Riomao, xa dentro do concello das Nogais. Aquí comeza un descenso pouco acusado, duns tres quilómetros, que nos leva ata San Xoán de Torés. Neste punto poderemos observar os restos, aínda en pé, da Torre de Torés. É unha construción da época medieval que no seu día foi declarada BIC. En Torés comeza outra subida doutros tres quilómetros, pero igual que a anterior sen fortes pendentes, que nos leva ao alto do monte Brueiras, onde podermos ver unha fermosa panorámica cara Triacastela, o Oribio, Cebreiro… Logo, en suave e cómodo descenso, chegamos novamente a Ferreirós.
Os camiños en xeral son moi bos, aínda que pode haber lama. A ruta é moi fermosa pola calidade da súa paisaxe e o bo estado de conservación do medio natural.
- Lonxitude: 16 km
- Desnivel: medio-alto
- Dificultade: media
Comezamos a camiñar…
Hoxe toca madrugar un pouco, pois temos un traxecto en bus ata Becerreá, vila onde fixemos unha pequena parada para tomar un café e estirar un pouco as pernas, antes de regresar ao bus e continuar cun pequeno traxecto ata o comezo da ruta en Ferreirós de Balboa, aldea situada na parte alta do concello de Becerreá, pero abrigada polas dúas serras que imos percorrer hoxe, o Serrón da Pena da Edra e o Monte Brueiras
Xa en Ferreirós de Balboa (ou Valboa), e logo das explicacións de Víctor sobre o desenvolvemento da ruta, iniciamos o percorrido desviándonos brevemente ata o adro da igrexa de Santa María, unha pequena atalaia dende onde temos unha panorámica da aldea e desta parte do val regado polo Río de Torés. Segue sorprendéndome a cantidade de xente que se está apuntando este ano ás rutas, sobre todo, e máis importante, de xente nova que goza moito con esta actividade.
Sen moito preámbulo, iniciamos a subida polo Serrón de Pena da Edra (ou Hedra), unha das pequenas serras orientais de Galicia. A serra está localizada nos límites dos concellos de Becerreá e As Nogais, cunha orientación NO-SE e nela está incluída a fraga da Agüeira, concretamente na súa aba norte (terémola que percorrer noutra ocasión), que é un espazo protexido baixo o nome Cruzul-Agüeira. O seu punto de maior altura é O Figueiro, con 1046 m sobre o nivel do mar.
Entre bosques de castiñeiros, continuamos a subir pouco a pouco. Unha subida prolongada duns tres quilómetros sen moita dureza a pesares do desnivel que imos salvando, na que o esforzo vese recompensado coas fermosas vistas que temos ás nosas costas do fondo do val do Río Torés e, a medida que imos gañando altura, pouco a pouco imos apreciando os cumes redondeados característicos destas terras.
Case sen decatarnos chegamos a Fonte do Lobo, un lugar que conta con dúas casas e unha pequena capela adicada á virxe das Dores. Unha capela sinxela con paredes de cachotería e coroada cunha espadana de ferro que se eleva sobre a fachada principal. Aproveitamos o adro para descansar un pouco, tomar un refrixerio e reagruparnos, sen parar nada máis ca unha migalla.
Ata aquí deixamos a parte de máis pendente e, ao pouco, coroamos o punto máis alto da subida cando acadamos o lugariño de Riomao, xa no concello das Nogais. Logo dun pequeno treito por estrada en descenso, camiñamos por unha pista sen practicamente desnivel dende onde gozamos dunhas magníficas vistas da contorna natural do val e o lugar de Torés, que chegou a ser cabeza de xurisdición no século XVI, onde destaca a súa igrexa de San Xoán e, sobre todo, a súa torre.
A igrexa, medio tapada polo seu camposanto no adro, foi construída no século XII e ten como patrón a San Xoán. O seu interior ten elementos moi interesantes. Consta de tres naves e un amplo presbiterio onde se conserva o retablo maior de San Xoán de Torés, unha singular peza de arte barroca de principios do século XVIII. Na nave dereita posúe un pequeno retablo barroco e na da esquerda un neoclásico. No exterior, a torre das campás sitúase detrás do frontis, con tres corpos e unha inscrición alusiva á súa construción en 1648.
Un pouco máis abaixo da igrexa está situada a Torre de Torés. Data do século XV e sitúase nun pequeno outeiro a 800 m. de altitude coroando o val de Torés. Consérvase principalmente a torre da homenaxe que constaba de tres andares e un soto. A torre é de planta cadrada cuns 18 metros de altura e con muros de 1,5 m de espesor. Dos muros exteriores só se conservan as ruínas.
As Nogais tivo importancia ao logo da historia por ser terra de camiños de entrada a Galicia dende Castela. Unha boa proba da importancia das vías de comunicación é a existencia de vestixios do pasado que aínda se manteñen en pé, que pola súa situación estratéxica foron baluartes defensivos da entrada a Galicia na época medieval. Esta entrada era controlada e defendida, ademais desta Torre de Torés, pola Torre de Doncos, que xa visitamos, e o Castelo de Valcarce, no Bierzo. Tamén pode incluirse neste entramado defensivo o Castelo de Doiras, no municipio de Cervantes.
Continuamos camiño e imos deixando atrás o núcleo de Torés, onde iniciamos outra prolongada subida doutros tres quilómetros, pero igual que a anterior bastante levadeira, sen fortes pendentes, que nos leva ao alto do monte Brueiras, onde podermos ver unha fermosa panorámica cara Triacastela, o Oribio, O Cebreiro… que lugar máis bo para facer o descanso para xantar con estas vistas!
Logo de xantar nesta zona alta da serra, o camiño faise moi agradable, continuamos por un bosque de piñeiros silvestres e chegamos a un claro, unha área na que houbo unha tala recente, que nos permite ter unha vista global de todo o val de Torés, así como da primeira parte do percorrido que fixemos pola mañá polo Serrón da Pena da Edra.
Dende aquí hai unhas vistas impresionantes, pois amosansenos os campos adicados a pastos alternando con masas forestais e pequenas aldeas. Os cumes presentan esas formas redondeadas das vellas montañas, onde deixou a súa pegada o tempo e todas as formas de erosión, incluída esta man do home que o aproveitou para asentarse neste territorio. Esta paisaxe é unha fermosura!
A placidez da andaina veuse un pouco alterada neste treito por un impresentable que ía e volvía percorrendo a pista nun todo terreo a toda velocidade, levantando pó e circulando polos charcos para salpicar, mentres nos cruzabamos con el. Un figura!
Logo desta camiñada polo alto da serra, iniciamos un contínuo descenso, suave e nada complicado pois imos en todo momento por pistas e por camiños pouco transitados. Axuda a hora do día, que pouco a pouco vai esmorecendo tinguinto a paisaxe dunha luz de solpor moi fermosa.
A medida que nos imos achegando ao final da ruta en Ferreirós, volvemos gozar dos soutos que cubren os camiños, e a conversa non decae mentres nos imos achegando ao final do percorrido.
Chegamos ás primeiras casas onde están coa matanza mentres pouco a pouco imos arribando ao bus. Estiramos, cambiámonos de calzado e fómonos tomar unha cervexa de novo a Becerreá antes de iniciar a viaxe de regreso. Unha sorpresa de ruta, francamente fermosa e moi doada de facer. Dá gusto camiñar por estas terras!