Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
As árbores, despoxadas de moitas das súas follas, déixanos ver fermosas formas do seu porte.

Imos ao concello da Lama, no interior da provincia de Pontevedra. Máis concretamente á parroquia de Verducido, ao pé da serra do Suído. Val do Gato é o nome dunha laxe cuns interesantes petróglifos, que visitaremos ao pouco de comezar a ruta. Están situados moi preto do núcleo de Verducido, lugar de comezo e remate do itinerario.

Durante o percorrido veremos tamén outros elementos moi interesantes como pontes, aldeas, muíños, igrexas, cruceiros… E veremos e pasaremos por diferentes zonas de bosque e río, rodeados de fermosas paisaxes. Un tramo da ruta, duns dous quilómetros de lonxitude de enorme beleza, e situado na parroquia de A Laxe dentro do concello de Fornelos de Montes, xa o fixemos no ano 2017, a última vez que estivemos camiñando polo Suído.

A ruta non ten maiores dificultades. Nalgún punto a maleza pode molestar un pouco. Tamén é probable que haxa lama debido ás xornadas de chuvia que estamos a ter.

  • Lonxitude: 15 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Logo de tomar un café en Ponte Caldelas achegámonos ata o veciño concello da Lama, máis concretamente á parroquia de Verducido. Preparámonos diante da súa igrexa parroquial de San Martiño e dirixímonos camiño do cemiterio, onde Víctor nos reúne e comenta o desenvolvemento da ruta. Non é unha ruta sinalizada, polo que é preciso botar man do GPS. No primeiro tramo percorremos O Val do Gato para despois ir cara A Laxe, no veciño concello de Fornelos de Montes,  pero sen ningún tipo de marca ou sinal.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
O camiño que conduce ao lugar da Fraga é moi fermoso.

A pedra ten unha presenza moi importante nesta ruta, e en toda esta zona de Galicia, famosa polos seus canteiros. Pedra nas pontes. Pedra e musgo nos muros que limitan as corredoiras polas que andamos. Pedra nas casas abandonas e os peches das fincas como as do lugar da Fraga, aldea illada localizada case no alto dunha ladeira, pola que pasamos.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
Hórreo, ou o que queda del, en A Fraga.

A Laxe do Val do Gato conta con multitude de petróglifos con motivos concéntricos e cazoletas bastante erosionadas e cubertas polo musgo, polo que é bastante difícil identificalos. Atópase no medio dun pequeno val cheo de fieitos no cal, aínda que non haxa camiño, hai un pequeno carreiro que leva ata o mesmo. A laxe obsérvase bastante ben dende o camiño principal, pero para chegar ata alí non hai moitas indicacións, xa que a ruta perdeu algúns sinais e só conserva unhas frechas azuis moi desgastadas polo sol.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
A Laxe do Val do Gato está cuberta polo musgo, polo que é bastante difícil identificar os petróglifos.

Logo de cruzar a aldea do Eido de Baixo, damos por primeira vez co río Parada, que salvamos pola Ponte Anceu, unha fermosa ponte de traza medieval con tallamares apuntados e escalonado anil construída no século XVII, que destaca pola sua curiosa asimetría, pois ningún dos cinco arcos ten a mesma luz. A calzada da ponte dispón de varios apartadoiros para permitir o cruce de persoas ou carros que coincidiran na ponte.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
Desde a Ponte Anceu pódense contemplar a placer as doces aguas do río Parada.

O rio Parada é afluente do Oitavén e del provén o nome desta ponte, pois no s. XVIII coñecíase como rio Anceu por discorrer pola parroquia de Santo André de Anceu (Ponte Caldelas).

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
Na parte alta da ruta faise notable a presenza do eucalipto.

Hai que enfrontarse a unha pequena subida, sen maiores complicacións, e introducímonos no monte onde o eucalipto é a árbore predominante. Xa a certa altura, descansamos un momento e saudamos a un familiar de Casandra, alumna de filoloxía alemá que nos acompaña hoxe, que regresa do monte e desexámonos boa xornada, animándonos a camiñar pois a ruta mellora moito a partir de agora. Efectivamente, nesta altura a auga do río Parada, co seu fragor, pon tamén banda sonora á camiñada. A pesar de ir entre eucaliptos e comezar a abrir os paraugas, este tramo de ida e volta xa de camiño á Laxe, gustounos, especialmente no enclave onde o río forma o seu famoso meandro.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
O camiño de baixada cara ao río Parada é moi fermoso.

Pero o camiño a partir de aquí, mellora. Os nosos pasos diríxense baixo unha carballeira, coas súas árbores despoxadas de moitas das súas follas, que brilan pola auga que as cubre. Pouco a pouco imos baixando pois hai que chegar de novo á beira do río Parada, pleno de auga, e a ponte que nos axuda a cruzalo.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
A Laxe está ubicada nunha aba cunha pronunciada pendente, entre pequenos pastos cercados con muros de pedra.

A subida ata A Laxe é levadeira e moi fermosa. Instalada nunha aba cunha pronunciada pendente, camiñamos entre os pequenos pastos cercados con muros de pedra, que nos deixan ao pé da igrexa parroquial de San Xosé. Esta parroquia da Laxe atópase practicamente metida na Serra do Suído, nunha das zonas máis chuviosas da península. É por iso que polas súas terras discorren varios ríos que forman espectaculares saltos de auga.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
Fermoso cruceiro da Laxe, no medio da estrada.

Logo de xantar e de acubillarnos baixo o palco da festa dun pequeno chuvasco que nos colleu cando estabamos chegando, encamiñámosnos por este entorno cara á Ponte Grande, unha ponte medieval que data do século XVIII [sic], segundo reza o panel explicativo (é de supoñer que sería restaurada nese século). Ademáis de unir as poboacións de Entrerríos e A Airoa, a ponte foi lugar de paso para os arrieiros, como a Ponte Anceu, que ían de Ribadavia a Pontevedra, unha antiga ruta que usaban para traer viño branco do Ribeiro á costa, da que volvían con sal, tabaco, peixe e outros alimentos que non se atopaban no interior de Galicia.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
Na última parte da ruta a chuvia non cesou de caer ata que a rematamos.

Cunha chuvia intensa, este segundo bucle da ruta facémolo seguindo o roteiro Muíños da Laxe, Muilaxe, un percorrido circular duns 2,5 km que une os lugares de EntrerríosO Couso e A Airoa. Esta a chover tanto que nalgún tramo case que non se distingue o río do camiño, aínda que isto fai que o entorno estea ben fermoso. Imos por unha paisaxe onde o río se funde con carballos centenarios e a vexetación propia da ribeira como bidueiros, ameneiros, abeleiras… espallándose neste entorno construcións en pedra como muíños, pontes ou os empedrados do camiño. Unha fermosura.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
No regreso a Verducido reencontrámonos co río Parada onde o río forma o seu famoso meandro.

Pechamos o círculo e o regreso a Verducido facémolo sen parar de chover, e volvemos gozar doutro dos momentos cume da ruta cando nos reencontramos co río Parada na súa forma máis brava, con sinuosos rápidos. A chuvia fai que modifiquemos o itinerario de regreso e o acurtemos un pouco, pois algúns van calados ata os ósos, o que nos impide achegarnos ata a fervenza da Feixa. Terá que quedar para outra.

Ruta do Val do Gato (A Lama). A Laxe (Fornelos)
A igrexa de San Martiño de Verducido é o punto final da ruta.

Sen máis dilación chegamos ao autobús, que nos agarda ás portas da igrexa de San Martiño. Cambiamos o calzado e a roupa mollada e xa nos tarda chegar de novo a Ponte Caldelas para parar de novo e tomarlle algo quente.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio