Ruta da Auga. Mondoñedo
A ruta está dividida en tres partes, todas elas circulares, pero nós faremos unicamente a primeira.
Saíndo desde o mesmo centro histórico de Mondoñedo, a ruta lévanos por un fermoso val fluvial regado polo río Valiñadares. A través dela, coñeceremos importantes mostras de arquitectura tradicional, mentres descubrimos a importancia da auga e o seu bosque de ribeira e gozaremos da fermosa fervenza do Salto do Coro, un salto de auga en caída libre de 15 m de altitude.
No final da ruta, visitaremos a Ponte do Pasatempo e gozaremos do barrio dos Muíños, antes de rematar a ruta na Fonte Vella.
ITINERARIO: Mondoñedo – Valiñadares – Salto do Coro – Barrio dos Muiños – Mondoñedo.
- Lonxitude: 8,050 km
- Tempo: 2 h 09 m
- Dificultade: Baixa
Comezamos a camiñar…
Estes días andamos por Mondoñedo, nas Terras de Miranda de Álvaro Cunqueiro, un dos meus escritores predilectos que non se pode comprender sen o seu Mondoñedo natal e a súa comarca. Hoxe é un gran día nesta cidade pois estamos en plena celebración das festas das San Lucas e hoxe son as Vésperas, día no que se reúnen as bestas nos montes próximos e báixanse ata Mondoñedo pola tarde para pór a venda na feira de mañá.
Logo de contemplar a estatua do escritor presidindo a fermosísima praza da Catedral, decidimos tomarnos un café nunha das terrazas abertas desta hora, compartindo o espazo cos peregrinos que están a piques de iniciar a súa xornada camiño de Abadín. Semella que non pasa o tempo neste momento contemplativo. Ata dá un pouco de preguiza marchar, pero preparámonos e dirixímonos cara a Fonte Vella, moi próxima a esta praza, lugar onde está indicado o comezo da ruta. O día semella que vai ser bo para camiñar, pois seica imos escapar da chuvia e a temperatura que hai é moi agradable.
Paga a pena deterse un pouco a admirar a Fonte Vella pois no conxunto hai dúas partes ben diferenciadas: a estrutura exterior e a zona de captación da auga no interior da construción. Descubrimos un espazo abovedado baixo estas cubertas de lousa, acondicionado hoxe en día cun chan para facilitar o acceso e, así, poder contemplar a bóveda de canón que o cubre sen mollar os pés, como sucedía ata non hai moito. Está acondicionado como un espazo museístico dedicado á explicación das traídas de auga a Mondoñedo dende o s. XVIII.
Segundo Cunqueiro, a Fonte Vella, que se atopa xunto á súa casa natal, foi construída en 1548 por iniciativa do bispo Soto y Varela, coroándose co escudo de Carlos V. Tiña dous grandes canos e unha pía para o gando. A fonte, xunto coa praza que se desenvolve ao seu redor na que se facía o mercado de herba das San Lucas, foi un elemento referenciado continuamente por Cunqueiro. “Si un perfumista de París –dicía- viniera a las fiestas de San Lucas, yo le llevaría a la Fonte Vella para que aspirara lentamente el aroma a heno de hierba recién cortada y, partiendo de él, inventase un perfume de otoño”.
Deixamos a Fonte Vella e ascendemos por rúas empedradas, iniciamos pola rúa San Roque e seguimos de fronte pasando baixo unha casa e seguindo as indicacións, cara un camiño coa ruta sinalizada e que nos amosa desde as alturas unhas fermosas panorámicas sobre as torres da catedral e o casco antigo da vila de Mondoñedo, onde destaca o impoñente Seminario de Santa Catarina.
Unha vez superado este repeito, nesta primeira parte da ruta camiñaremos sempre a media altura, o que nos permitirá ter unhas fermosas vistas do val, e tamén apreciamos a altura á que discorre a autoestrada A8, hoxe limpa de néboa, pois estamos a ter un estupendo día para camiñar, mentres na costa atlantica están a padecer un forte temporal.
Camiñando polas proximidades de Valiñadares, aminoramos o paso e imos lentamente pois pasamos baixo castiñeiros e nogueiras que deixan o camiño sementado de noces e non nos resistimos a apañar unhas poucas. Tamén pasamos por tramos de eucaliptais, árbore que domina gran parte da paisaxe.
Temos un pequeno percance, sen importancia, pois antes de chegar á mina abandonada atopámonos cun can, e non pequeno precisamente (mastín ou cruce de mastín), que está pastoreando cabras á beira do camiño. Logo dos primeiros ladridos, achegóusenos e comprobamos que aínda era novo, polo que non houbo maior problema en continuar logo de facerlle uns cantos aloumiños. Pero teño lido que houbo sendeiristas que deron volta por este motivo e non continuaron coa ruta. Unha mágoa que aínda te atopes con cans sen dono que che poden xogar unha mala pasada.
Non tardamos moito en chegar a antiga mina, na que hai un cartel advertindo da prohibición do paso que non hai que ter en conta, pois xa está abandonada. De chover, estas instalacións son un bo recurso para acubillarse.
Logo de pasar as instalacións da antiga canteira decidimos neste punto non continuar co seguite anel ata a Cova do Rei Cintolo mentres nos diriximos ata o Salto do Coro, facendo só este primeiro tramo circular. Continuamos por unha pequena pista ata que nos atopamos cunha indicación sinalando a dirección do Salto do Coro, onde tamén está instalado un panel informativo.
Aquí desviámonos seguindo o curso do regueiro de Argomoso arriba, onde collemos o camiño de aproximadamente 500 m que se interna nun fermoso bosque que remata no Salto do Coro, fascinante fervenza duns 15 m de altura. Camiñamos por un bosque autóctono cunha pequena pendente que remata nun paso de madeira que cruza o regueiro. Para chegar ao pé da fervenza temos que subir por unhas escaleiras con chanzos de pedra que dá acceso a unha pasarela na parte superior que conduce ao Salto, onde vemos como a auga, pouca nestes momentos, cae dende unha altura de 15 m.
Descansamos e gozamos da tranquilidade do lugar para nós sós. Facémonos fotos diante do salto co ruído da auga, as follas caídas e entre vexetación frondosa. Que lugar máis fermoso!
Volvemos sobre os nosos pasos e percorremos o desvío andado ata que damos novamente co camiño. Quédanos pena de non tomar polo Camiño das Sete Voltas e facer un pouco máis longa a ruta, pero seguro que haberá máis ocasións para completala.
Xa no camiño, que tomamos á dereita, dirixímonos cara a Mondoñedo. Esta é a parte da ruta menos sendeirista pois imos por pista todo o tempo, de camiño fácil xunto a verdes pradeiras, acompañados en todo momento polo río Valiñadares.
Por outra banda, esta circunstancia permítenos ir admirando mostras de arquitectura popular e formas constructivas características destas terras. Hai dous elementos que me chaman moito a atención pola súa fermosura. A alta densidade de hórreos, e as cepas de gran altura sobre as que dispoñen os hórreos nesta zona de Galicia que, prolongándose cara arriba, resolvendo perfectamente os desniveis do terreo. O outro elemento é a lousa, moi empregada nos tellados desta zona, que non paro de admirar sobre todo como solución adoptada en moitas vivendas (grandes, pero dunha gran austeridade e sinxeleza), ao protexer as fachadas laterais cunhas disposicións dunha gran riqueza plástica. Que fermosura!
Dentro dunhas horas, a tranquilidade desta estrada pola que andamos vaise ver alterada por unha manchea de bestas, guiadas camiño do campo da feira de Mondoñedo. Case sen decatarnos chegamos ao barrio dos Muiños. Primeiramente detémonos diante da Capela de Santiago (s. XVI), sita no corazón do barrio e, dende a ventá, podemos apreciar un retablo con representacións de Santiago a cabalo, San Miguel e San Lucas.
No barrio dos Muíños hai desde vello diversos oficios tradicionais. Curtidores, oleiros, ferreiros e muiñeiros traballaron nesta contorna. Moitos dos muíños que traballaban coa corrente das diversas canles en que se derrega o Valiñadares desapareceron, mais o barrio conserva a súa antiga enxebreza e construcións típicas. Decidimos dar unha volta, gozando das súas pequenas canles que aínda cruzan as súas rúas.
Imprescindible achegarse á Ponte do Pasatempo, antiga Ponte dos Ruzos, lugar lendario onde lle sairon ao paso á dona do Mariscal Pardo de Cela as xentes do bispo de Mondoñedo, inimigo do Mariscal, que traía o indulto dos Reis Católicos. Viña acorada dende Valladolid para entregalo antes de que o seu home e o seu fillo foran decapitados, dicíndolle á coitada que non había présa, e que podía quitar o pó da viaxe, lavarse e dar de beber os cabalos. Fíxolles caso, e xa tiña as mans na auga, cando escoitou a campá da agonía da cercana catedral, e a cabeza do último feudal galego e a do seu fillo rodaron pola praza da catedral. Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte recolleron o feito, mitificado e lendario, no seu drama “O Mariscal”. Hoxe, esta ponte é o punto de acceso a Mondoñedo dos peregrinos que veñen percorrendo o Camiño do Norte histórico por Vegadeo e Trabada.
Estame a sair un post moi cunqueirán, pois nesta zona tamén estivo unha das tabernas máis frecuentadas polo escritor, a de Póngalas, onde Cunqueiro cre que aprendeu a beber bebendo e da que só queda unha placa na fachada da casa, e situada próxima á do Valeco, outro referente neste barrio, onde decidimos tomar un viño, subir ao seu comedor e gozar do prato do día. A sobremesa alóngase pois non paramos de falar, de Cunqueiro, da ruta que estamos a punto de finalizar e do ben que se está nesta cidade.
Xa fóra do Valeco, sen moita parsimonia, apuramos o andar pola rúa. Pasamos a capela de San Roque, sen moito interés artístico, ata que chegamos á Fonte Vella, onde rematamos a ruta. Temos que asearnos e baixar pronto para a praza da Catedral a coller sitio e gozar esta tarde do espectáculo da chegada dos cabalos camiño do campo da feira dos Paxariños. A baixada ecuestre é, ademáis dunha singular tradición, das feiras e festas máis antigas de Galicia, datadas desde 1156. Que emoción!