Ibón e Arco de Piedrafita

28-07-2022
Ibón e Arco de Piedrafita
O Ibón de Piedrafita, abrigado por Pena Telera, moi mermado de auga nesta época do ano.

Esta ruta comeza e remata mesmo en Tramacastilla, é un percorrido case circular que nos leva a coñecer uns dos elementos xeográficos máis característicos da contorna: o ibón e o arco de Piedrafita. O percorrido tamén pasa por bosques e zonas sombrías.

É unha boa ocasión para achegarse á serra de Partacua, observala en toda a súa inmensidade e ver a súa riqueza xeolóxica. Esta serra ten unha fronte caliza de máis de 10 quilómetros, con altitudes que superan os 2700 m. O ibón está situado nun lugar case que idílico ao pé da serra e o arco de rocha de Piedrafita é realmente impresionante. O camiño en xeral é moi cómodo, pero o último tramo de subida antes de chegar ao arco é por senda por pedreira e pode ser un pouco esvaradía.

MIDE: Arco e Ibón de Piedrafita

  • Horario: 4 h 55′
  • Desnivel de subida: 550m
  • Desnivel de baixada: 550m
  • Distancia horizontal: 15 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4

Comezamos a camiñar…

Sigo quedando marabillado do amencer que teño ao abrir a ventá do cuarto vendo como o sol se vai proxectando na Serra de Partacua, logo de ver como os seus raios adornaron ás nubes que temos hoxe de variadas cores. A panorámica é especialmente fermosa. Coido que non me cansaría nunca de admirala pois cada día ofrécenos unha imaxe diferente e supoño que no outono e no inverno ten que ser un auténtico espectáculo. Comentoume a miña curmá Marisa que onde a cima está ben iluminada, laranxa ou rosa, cando xa o resto está en penumbra reflicte un fenómeno chamado alpenglow. 

Ibón e Arco de Piedrafita
Cando a cima está ben iluminada, laranxa ou rosa, e o resto está en penumbra, reflicte un fenómeno chamado alpenglow.

Último día de andainas por esta zona pirenaica, incluída dende 2013 na ampliación da Reserva de la Biosfera Ordesa Viñamala, Hoxe non madrugamos moito pois imos prescindir do desprazamento en autobús e camiñaremos tendo como punto de saída a mesma porta do hotel Mariana en Tramacastilla. Dámoslle descanso a Fernando, o noso chófer, que ben o merece, pois mañá vai ter por diante todo o día de regreso conducindo.

Ibón e Arco de Piedrafita
A pesar de ter moita vivenda nova, Tramacastilla aínda conserva certa arquitectura popular.

Desta hora, o día pinta agradable aínda que as nubes ameazan con botársenos enriba ao longo da xornada, o que nos vai condicionar un pouco o desenvolvemento da andaina. Logo de saír do hotel, comezamos a camiñar pola estreita rúa que leva á Praza Maior do pobo, que cruzamos en dirección sur, e tomamos a rúa da esquerda pasando pola fábrica de cervexas Tensina (que volveremos visitar pola tarde), e unha unha zona de casas unifamiliares que van anunciando a saída da vila.

Ibón e Arco de Piedrafita
Deixado atrás o pobo, a pista é ideal para ir entrando en materia.

Pronto nos situamos na pista de terra que conduce a Piedrafita de Jaca pola que camiñaremos un bo treito, que nos leva en pouco máis de quilómetro e medio ata o barranco de Gorgol, sen practicamente desnivel, ideal para ir entrando en materia, aínda que a ruta de hoxe non ten o desnivel positivo das dos días pasados. Un pouco antes de chegar á ponte sobre o barranco xa temos una magnifica perspectiva da serra de Partacua e do bosque do Betato ao cal nos diriximos en primeiro termo.

Ibón e Arco de Piedrafita
O Barranco Gorgol, tamén coñecido como Barranco Betato, é moi utilizado para a iniciación ao barranquismo.

Na mesma ponte, dende un pequeno mirador á beira da pista temos á vista o semivaleiro encoro de Búbal, inaugurado en 1971, que embalsa as augas do río Gállego. Recibe o seu nome do pobo que alagou. Outras poboacións como Saqués e Polituara, tamén foron expropiadas no seu día debido á proximidade do encoro, estando actualmente deshabitadas.

Ibón e Arco de Piedrafita
Seguindo os postes indicativos, o camiño ata o ibón non ten perda.

Continuando pola pista, rapidamente vemos o poste indicativo do comezo da ruta. Nada mais tomar o inicio do carreiro xa nos atopamos inmersos en pleno Bosque do Betato e só queda seguir os puntos vermellos marcados nas árbores ata saír á pista. Neste primeiro tramo é onde salvaremos a maior parte do desnivel da ruta. A densa masa arbórea, con grandes exemplares de faias cuxas follas están a filtrar a luz dunha forma especial, fai especialmente agradable este tramo sombreado, nun verán tan caloroso como o que estamos a padecer, e hoxe ademais con este bochorno que trae a tormenta.

Ibón e Arco de Piedrafita
O bosque do Betato non é moi extenso e percorrémolo case sen decatarnos.

Que fermosura. Non é de estranar que este antigo bosque estea cargado de lendas, que nos falan de ser punto de reunión de bruxos, bruxas, trasgos… e onde tiñan lugar os aquelarres na época na que a bruxaría se apropiou do Val de Tena.

Ibón e Arco de Piedrafita
Nos espazos abertos volvemos gozar da impresionante Serra de Partacua.

O carreiro atravesa agora unha zona máis aberta entre pradarías con vistas ao bosque mixto que se estende aos pés da Serra da Partacua. Pronto alcanzamos un novo cruzamento de carreiros, con outro poste indicativo, que marca o Ibón de Piedrafita a 2,1 km á dereita. Seguimos esta indicación que nos deixa, pouco despois, nunha pista e, fronte a ela, outra senda, que seguimos, para ir acurtando as curvas da pista, que cruzamos un par de veces máis seguindo a senda que a atravesa, ata que chegamos a un novo poste indicativo que nos fai virar á esquerda con sinais ao Arco Xeotectónico de Piedrafita e ao Ibón de Piedrafita a 0,8 km.

Ibón e Arco de Piedrafita
O arroio polo Barranco de Boj baixa con moi pouca auga.

Comezamos a ascender por un carreiro que camiña xunto ao que resulta ser o fermoso Barranco de Boj. Este tramo transcorre pegado a un pequeno arroio con pequenos saltos de auga, moi escasa nesta época, fermosos piñeiros aos lados e ao fondo Pena Telera, ofrecendo una estampa espectacular. Así que vou preparando a cámara e non paro de facer fotos a compañeiras e compañeiros con este fondo tan impresionante.

E premio para a vista! O Ibón de Piedrafita fronte a nós, con Pena Telera completando a estampa. Seguimos facendo fotos e algún vídeo sen parar mentres nos apuran para que non nos entreteñamos moito pola ameazante evolución das previsións meteorolóxicas, e continuamos a marcha.

Ibón e Arco de Piedrafita
O Ibón de Piedrafita, abrigado por Pena Telera, moi mermado de auga nesta época do ano.

Situado a unha altitude de 1611 m, o Ibón de Piedrafita é un dos ibóns máis accesibles do Pireneo Aragonés. Atópase aos pés da Serra de Partacua, baixo os montes Pena Telera (2762 m), Pena Parda e Corona del Mallo. Ibón é o termo que se usa en Aragón para referirse aos pequenos lagos de alta montaña que se atopan ao longo dos Pireneos por riba dos 1500 m de altura. A súa orixe está asociada á erosión glaciar que, ao retirarse os xeos, deixou zonas máis profundas que foron alagadas.

Ibón e Arco de Piedrafita
O tramo ata o Arco de Piedrafita vai por unha zona relativamente chaira.

E continuamos cara o Arco de Piedrafita por unha zona relativamente chaira seguindo os postes indicadores que resulta rápida primeiro, para sortear un pequeno tramo rochoso despois, ata que nos poñemos aos seus pés, á altura do poste indicativo que sinala o Arco de fronte e Piedrafita de Jaca á esquerda. Neste punto decidimos non encarar a forte subida de case 400 m de desnivel que nos levará ata a curiosa formación xeolóxica, pois a ameaza real de tormenta aconsella non facelo.

Ibón e Arco de Piedrafita
O Arco visto dende a distancia, antes de iniciar a subida ata el.

Novamente un pouco de descanso admirando o arco e a paisaxe que o rodea, fotos e para abaixo. Con paso lixeiro, en suave baixada ímonos metendo novamente no bosque, primeiro por senda e logo por unha pista que nos levará ao pobo de Piedrafita. No camiño, facemos un pequeno desvío de ida e volta para admirar unha faia centenaria. Que espectáculo!

Ibón e Arco de Piedrafita
Piedrafita de Jaca conserva todo o encanto dos pobos do Pireneo.

Temos un tempo para mercar froita no camión de venda ambulante que nos atopamos, descansar e percorrer o lugar. As casas da localidade seguen as características propias da arquitectura popular destas terras, que tamén apreciamos en Tramacastilla, e conserva algún exemplo excepcional de portadas monumentais con grandes arcos de sillaría e escudos sobre os mesmos, como a que vemos nunha casa da súa Praza Maior. E como non, os tellados de pizarra ou lousa sobre os que aparecen dous elementos interesantes: as lucanas, que son as ventás que dan luz ás bufardas, e as chemineas, de gran altura para evitar ser tapadas pola neve invernal e coroadas polas singulares espantabruxas.

Ibón e Arco de Piedrafita
Carlinas colocadas na porta da casa.

E volvemos ver a Carlina acaulis L., pero desta vez colocada nas portas na faceta protectora das casas pois, xunto coa ruda, é a planta máis efectiva para protexerse das bruixas e bruixons e contra o foscor (a escuridade, a maldade e os malos espíritos).

Ibón e Arco de Piedrafita
Ruar practicamente pola única rúa da vila é unha experiencia moi agradable.

Continuamos camiño ruando polo pobo, gozando do empedrado entre fermosas casas, e mesmo unha fonte onde refrescarnos. Xa na saída, á beira do albergue Bosque del Betato, vemos un sinal cara á esquerda con indicacións ao PR de Tramacastilla. Vemos tamén que ofrecen tentadora carne á brasa e chuletón… Pasamos da tentación e avanzamos cara á pista.

Ibón e Arco de Piedrafita
De Piedrafita a Tramacastilla imos por un idílico camiño, sen practicamente desnivel.

Piedrafita conecta con Tramacastilla por un idílico camiño, que discorre entre árbores de gran variedade e beleza que se ve potenciada pola luz cambiante que estamos a ter hoxe. Mentres camiñamos, gozamos de fermosas vistas de Pena Telera. Pronto damos cun poste indicador que nos sinala un carreiro cara ao Betato á nosa dereita. Abandonamos a pista e tomamos a senda. Con Tramacastilla á vista, este camiño descende lixeiramente até penetrar de novo no Bosque do Betato agradecendo a súa refrescante sombra. O faial polo que camiñamos déixanos sen palabras do fermoso que é!

Ibón e Arco de Piedrafita
Camiñar baixo este faial deixounos abraiados.

E imos desembocar finalmente no punto onde iniciamos a excursión completando así un percorrido circular; superamos o cartel indicando o acceso ao bosque polo que subimos a primeira hora, e pasamos pola ponte sobre o barranco Gorgol polo que, a partir de aquí, o camiño de regreso a Tramacastilla é o mesmo de inicio da ruta de pola mañá.

Ibón e Arco de Piedrafita
Ao final, tivemos moitísima sorte e completamos o percorrido sen que nos chovera.

Chegamos de novo a Tramacastilla de Tena. Aínda que as previsións meteorolóxicas eran moi malas, con alerta amarela e laranxa dende as 9 da mañá ata as 6 da tarde, tivemos moitísima sorte e poidemos realizar a ruta na súa totalidade (salvo a subida ao Arco de Piedrafita) sen que nos caera nen unha pinga e, o que é máis importante, sen que tiveramos que soportar ningunha tronada. Axudou a isto non subir ata o arco xeotectónico e imprimirlle á andaina un paso máis lixeiro, chegando a Tramacastilla a unha boa hora para xantar na terraza do Hotel Mariana, o que nos permitiu comentar as rutas que fixemos durante estes días.

Ibón e Arco de Piedrafita
O miradoiro é un lugar estratéxico para contemplar toda a contorna do val de Tena.

Aínda tivemos tempo de subir até o Miradoiro de Santa Marina dende o mesmo hotel, que ofrece unhas vistas moi amplas, e fomos degustar outras Tensinas antes da cea, pois hai que mercar algunha para levar e probar na casa lembrando esta estadía. A tormenta chegou ás 9 da noite, cando xa estabamos ceando…

Co epicentro en Tramacastilla de Tena percorremos lugares tan marabillosos como a ruta do ascenso aos picos da Tosquera e de Pacino, o que nos permitiu ter á vista practicamente todas as ruttas que fixemos nos seguintes días; camiñar polo Cirque d’Anéou, que nos levou polos arredores do Midi d’Ossau, co ascenso ao Peyreget, dentro do espazo protexido do Parc Nationale des Pyrénées; subir ata o Dedo de Yenefrito e Ibón de Catieras dende Panticosa, ou mesmo a subida ata o Refuxio de Respomuso dende Sallent, xunto coa de hoxe, déixame unha gran sensación. Mágoa que isto remate.

Aínda que tivemos sorte coa calor xa que a temperatura foi boa, a climatoloxía deparounos días de temperatura boa, tirando a alta, e sol, moito sol.

Sen dúbida un bonito colofón á nosa estadía na que gozamos de paisaxes alpinas no occidente dos Pireneos aragoneses. Seguro que esta última escapada aos Pireneos (creo que xa é a sexta), co grupo de sendeirismo da USC vai ter continuidade no futuro. Seguro.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio