Refuxio de Respomuso

27-07-2022
Refuxio de Respomuso
A contorna do Circo de Piedrafita, ao redor do Encoro do Respomuso, é un dos recunchos mais alpinos e agrestes do Val de Tena e do Pireneo aragonés.

É un percorrido que vai dende Sallent de Gállego, na cabeceira do Val de Tena, ata o refuxio de Respomuso (2150 m), seguindo o sendeiro GR 11, ruta de montaña que percorre a cordilleira pirenaica desde o Mediterráneo ata o Cantábrico, que paga moito a pena, só por gozar das vistas e a contorna do Circo de Piedrafita, ao redor do Encoro do Respomuso, un dos recunchos mais alpinos e agrestes do Val de Tena e do Pireneo aragonés. Percorremos todo o traxecto pola marxe dereita do río Aguas Limpias, pasando por impresionantes fervenzas, barrancos e un interesante bosque de faias, espectacular vexetación e, na súa culminación sobre o Refuxio de Respomuso, rodeados de cumes entre os 2500 m e os 2900, mesmo podemos ver algunhas montañas que superan os 3000 m.

Antes de acadar o refuxio pasaremos por Plano Cheto, unha planicie situada no camiño. É un percorrido de ida e volta moi fermoso e moi variado; tamén ten tramos espectaculares, algún deles por zonas case verticais, pero en calquera caso o camiño sempre é bastante ancho.

MIDE: Plano Cheto

  • Horario: 4 h 55 ́
  • Desnivel de subida: 550 m
  • Desnivel de baixada: 550 m
  • Distancia horizontal: 15 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3

Superado Plano Cheto, ata o refuxio de Respomuso (2150 m) serían uns 23 km e 950 metros de desnivel positivo e outros tantos negativos. A ruta ten un desnivel positivo bastante forte. E aínda que tecnicamente non é difícil, convén estar en forma para aguantar tantos quilómetros de subida. Polo demais, non ten perda xa que só hai que seguir as marcas do GR 11.

Comezamos a camiñar…

Como todas as mañás, logo de almorzar en Tramacastilla coas fermosas vistas da serra de Partacua, saimos en bus ata Sallent, punto de partida da andaina de hoxe. Moitas das rutas ata Respomuso que levo visto parten dende o Encoro da Sarra, concretamente á beira da Ponte das Fajas pero nós, seguindo o percorrido do GR 11, ímolo facer dende as inmediacións da piscina municipal de Sallent. Ademais, as dimensións do bus non permiten que poida transitar pola estrada que vai ata A Sarra.

Refuxio de Respomuso
Antes de chegar á estrada que conduce á Sarra, camiñamos por unha pista moi agradable.

Xa fóra do núcleo urbano de Sallent, camiñamos por unha pista agrícola que discorre pola marxe dereita do río Aguas Limpias. Ao cabo de aproximadamente 1,5 km arrinca á esquerda un vello camiño que, rapidamente, ascende ata a estrada que dá acceso á Sarra. Por ela, e en fila de a un, non tardamos en alcanzar a presa.

Refuxio de Respomuso
Nos primeiros momentos, o río Aguas Limpias, afluente do Gállego, discorre por unha zona moi agradable.

Logo de percorrer este pequeno tramo pola estrada, continuamos por un sombreado sendeiro levando á nosa dereita o Encoro da Sarra, ata chegar á Ponte das Fajas, na cola do encoro. Neste punto hai unha serie de carteis que nos indican que entramos na Reserva da Biosfera Ordesa-Viñamala, e que debemos respectar a normativa que a afecta. Tamén destaca un que advirte da subida a Respomuso na época invernal, debéndose chamar previamente ao refuxio para saber do estado do camiño e da neve, polo risco que hai de aludes no traxecto polo que imos andar hoxe.

Refuxio de Respomuso
A presenza de fervenzas, moi mermadas de auga, vai ser constante dende o primeiro momento.

Imos en todo momento pola marxe dereita do río Aguas Limpias seguindo a senda pirenaica do GR 11 en dirección Norte, pasamos polo Chairo dos Corralones, e pronto á nosa dereita atopámonos coa Ponte de Carlitos Royo, unha ponte formada por unha viga metálica e uns pasamáns, estreita pero semella segura.

Refuxio de Respomuso
O descanso e o paso polos faiais vaise agradecer pola calor que estamos a soportar hoxe.

O sendeiro leva rapidamente e sen apenas desnivel aos prados das Tornalizas, onde comeza un bosque de faias. Por dentro do bosque crúzanse os barrancos da Lagna e de Soba, xunto a espectaculares fervenzas, moi mermadas de auga nesta época do ano, que verten as súas augas ao río Aguas Limpias.

Refuxio de Respomuso
Fervenza que baixa da zona alta dos Ibóns de Arriel.

Tras sobrepasar o desfiladeiro do Paso de l’Onso, camiño tallado na rocha sobre o que caen nun curto tramo unhas refrescantes pingas de auga que moito agradecemos, facemos un pequeno descanso aproveitando a sombra do faial e marabillándonos das formas que teñen algúns exemplares. Desde aquí a pendente suavízase e daranos paso á zona do Plano Cheto, unha chaira entre tanto barranco, zona de grandes faias que quedarán á nosa esquerda; de todos os xeitos hai moitos tramos desta primeira parte onde as faias acompáñannos no percorrido. Que marabilla!

Refuxio de Respomuso
Antes de cruzar o río sobre as rochas, decidimos quen queda e quen continua.

Na zona final do Plano Cheto é cando nos atopamos coa baixada de auga que haberá que cruzar entre rochas do Barranco de Arriel, barranco que baixa da zona alta dos Ibóns de Arriel. Tamén é neste punto onde o grupo se vai dividir. Quen non queira continuar, pode regresar a Sallent dende aquí. Eu hoxe téñoo claro, para adiante!

Refuxio de Respomuso
A partir de Plano Cheto o camiño é moi fermoso, pero o desnivel a salvar aumenta considerablemente.

A partir de aquí completamos o xiro de Norte a Nordés, e agora enfiamos cara ao Leste, sempre seguindo o curso do río Aguas Limpias. O espazo non pode ser máis atraínte, pois nesta zona pódense ver varias fervenzas con fortes caudais, a pesar de estar na época estival. Coido que estamos nunha das partes máis bonitas da travesía, pero tamén indica o inicio do tramo máis duro…

Refuxio de Respomuso
Aínda que ancho, o camiño pasa sobre moita rocha solta.

Logo de saltar de pedra en pedra para atravesar o río, comezamos estoutro tramo espectacular que nos levará ata o Ibón de Respomuso, co Aguas Limpias como principal abastecedor do encoro. O camiño ascende con forte e continuada pendente, entre as últimas faias, piñeiros negros diseminados e rocha, moita rocha, chegando ata as proximidades da presa de Respomuso.

Refuxio de Respomuso
Xa queda pouco para chegar ao encoro.

Cando xa temos á vista a presa, collemos o desvío da esquerda, que nos alzará á altura da Ermida das Neves, que deixamos á nosa dereita, e conseguimos chegar ao collado do Ibón de Respomuso. Pero non é ata chegar á altura da presa cando comezamos a saborear o final do camiño. Desde aquí hai unha vista preciosa do ibón co refuxio ao fondo. Xa co refuxio á vista, aínda temos que facer un par de xiros e subir un pouco máis (subida inesperada, pero necesaria para chegar ao refuxio), para despois avanzar practicamente chairo, bordeando o encoro polo norte, ata alcanzar o refuxio de montaña de Respomuso.

Refuxio de Respomuso
Dende o encoro de Respomuso aínda hai que acometer unha pequena subida para dar co refuxio.

Estamos desexando chegar pois a calor está a ser importante e imos cunhas gañas impresionantes de tomarlle unha cervexa ben fresca. O primeiro en facelo é Xerardo, que nos sorprende saíndo á terraza cun bock ao que non tarda en darlle uns bos grolos. O refuxio semella estar completo, tanto pola animación que hai fóra, como polas baldas cheas de calzado que apreciamos no interior da estancia. Imos entrando aos poucos en dirección ao bar, do que sae un olor a comida moi agradable, pois  desta hora xa están a servir o xantar. Ás gañas de cervexa únense as de tomar un consomé reparador que están a ofrecer no menú. Sentámonos nos bancos corridos e Jaime e Alfonso van pedindo e traendo o consomé xunto cunhas Balaitus, variedade da cervexa artesá Tensina, en cadansúa bandexa. Vaia acerto tiveron!

Refuxio de Respomuso
O refuxio dispón de servizo de bar-restaurante.

Logo, decidimos meterlle o dente ao que traiamos para xantar e sentámonos fóra, pois non hai mellor recompensa que xantar aos pés do encoro gozando da grandiosidade da contorna do Circo de Piedrafita. Tamén facemos fotos, e tamén hai un banco sobre o encoro diante do refuxio que se presta para facer fotos nel. Desde logo, estamos nun lugar privilexiado disfrutando da natureza de alta montaña. Que día máis redondo está saíndo!

Refuxio de Respomuso
Unha marabilla gozar das vistas e a contorna do Circo de Piedrafita, ao redor do Encoro do Respomuso.

Pouco a pouco ímonos preparando para o regreso, enchemos as botellas de auga, botamos as mochilas ao lombo, e a camiñar. Pero antes de iniciar o descenso, e aproveitando unha pequena sombra que dá unha árbore solitaria que nos permite acubillarnos, Víctor coméntanos a perigosidade que ten no inverno o camiño que acabamos de percorrer, sobre todo dende Plano Cheto ata aquí. De feito, desde A Sarra existen dúas alternativas de acceso ao refuxio de Repomuso: unha é o camiño que acabamos de percorrer polo val do Aguas Limpias, acceso máis curto pero máis exposto ao risco de aludes, camiño de acceso recomendado no verán. E a outra  pola pista de Musales atravesando o cordal de Piedrafita, camiño algo máis longo e con máis desnivel pero á vez máis seguro, que é o acceso recomendado no inverno.

Refuxio de Respomuso
Ao longo de toda a ruta hai pegadas evidentes dos efectos dos aludes de neve na paisaxe.

E como non, fálanos tamén dos impresionantes aludes que hai nesta zona do refuxio, como os ocorridos en 2002 e 2015 que o deixaron sepultado afectándolle á súa estrutura. De feito, os contrafortes que amosa na actualidade son un reforzo que se executou a raíz daquelas avalanchas.

Refuxio de Respomuso
Iniciando a volta ata Sallent.

Aínda está gravada no alpinismo a morte de seis montañeiros biscaíños no Nadal de 1995, sepultados por unha avalancha neste traxecto que, logo de completar o ascenso ao Balaitus, un dos tresmiles máis emblemáticos dos Pireneos, volveron ao refuxio. No regreso a Sallent, unha avalancha atrapounos nunha das paraxes máis exposta do val. A verdade é que na volta decatámonos dos tramos espectaculares que hai na baixada, algún deles por zonas case verticais, pero en calquera caso o camiño sempre é bastante ancho

Refuxio de Respomuso
Volvemos agradecer moito a sombra que nos dá o paso polo faial.

Xa no descenso, imos apreciando en moitos puntos do percorrido, no fondo do río, moitas árbores arrastradas, sobre todo cando chegamos de novo a Plano Cheto onde podemos ver perfectamente os efectos dos aludes pois a ladeira está practicamente despexada de árbores que foron arrancadas polas avalanchas de neve.

Refuxio de Respomuso
Faia  cunhas formas espectaculares.

Superado de novo a baixada de auga que hai que cruzar entre rochas do Barranco de Arriel, o camiño baixo as faias agradécese moito. A pesar de ir en pequenos grupos en agradable conversa, o paso é lixeiro, pois temos que chegar a Sallent a que nos recolla o bus e nos leve de volta a Tramacastilla, pois hoxe temos xornada de cata das distintas variedades de cervexa artesá Tensina. A min a Balaitus, que tomei no refuxio, gustoume. A ver as outras propostas como son…

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio