Refuxio e Dedo de Yenefrito
O percorrido comeza, e remata, en Panticosa seguindo o curso do río Bolática por fermosas zonas de bosques. Ao pouco cruzamos o río por unha ponte e chegamos a antigas zonas de pastos. Mais adiante entramos no val de Ripera onde atopamos a pista pola que circula o tren turístico de Panticosa. Ao pouco a abandonamos para entrar no val de Laulot e collermos rumbo cara o Dedo de Yenefrito (1815 m), curiosa e rechamante forma xeolóxica. Ao chegar á súa base agárdanos un tramo de forte pendente para chegar á súa altura e poder seguir polo fermoso val ata o refuxio de Yenefrito, pequena cabana usada hai tempo polos pastores.
Con esta opción de ir ata o refuxio de Yenefrito, faríanse 14 km e case 700 m de desnivel positivo e outros tantos negativos.
O percorrido segue e, máis adiante, cruza o río para coller unha senda que en forte pendente nos vai levando ata o ibón de Catieras. Pouco antes de chegar, a senda deixa de ser cómoda e convértese nunha senda de montaña. As vistas do ibón de Catieras (2250 m) son impresionantes e dunha enorme beleza. Dende este punto aínda quedan 350 m de desnivel ata o cumio de Catieras, con algún tramo incómodo e forte pendente. O regreso é pola mesma ruta.
MIDE: Ibón e Pico de Catieras
- Horario: 9 h 40′
- Desnivel de subida: 1600
- Desnivel de baixada: 1600
- Distancia horizontal: 23 km
- Tipo de percorrido: Ida e volta
- Severidade do Medio Natural: 4
- Orientación no Itinerario: 2
- Dificultade do desprazamento: 3
- Cantidade de esforzo necesario: 4
Comezamos a camiñar…
Para o terceiro día da nosa estadía temos pensado dirixirnos ata o Refuxio de Yenefrito e ibón de Catieras. Despois de deixarnos o bus no parking de Panticosa, pasamos pola ponte que nos permite cruzar o río Caldarés e dirixímonos cara á esquerda. Atravesamos de longo o edificio do Apres-ski Cobaxo e o da telecabina e, uns poucos metros máis adiante, comezamos a subir polo camiño que sae detrás dela.
A primeira parte da andaina coincide coa ruta cara ás pasarelas de Panticosa, polo que hai que seguir as indicacións que nos imos atopando. Chegados ao desvío das pasarelas, seguiremos recto en dirección á Ripera.
Imos por un tramo moi fermoso. Camiñamos pola marxe dereita do río Bolática, aínda que a bastante máis altura, por unha senda protexida por buxos dun porte impresionante, que nos ofrecen unha reconfortante sombra nesta hora da mañá na que o sol comeza a despuntar á fronte. Continuamos facendo caso das indicacións e seguimos subindo, ata que comezamos un pequeno descenso cara á Ponte da Zoche e pasar á outra beira do río Bolática.
Tras cruzalo, comeza un pequeno traxecto de subida en zigzag con algo de desnivel que nos levará a unha zona máis aberta de pastos. Desde aquí podemos gozar xa das vistas cara á Serra de Partacua ás nosas costas e dalgúns picos da zona do Balneario de Panticosa á esquerda.
Esta parte é practicamente chaira. Pasamos polo barranco de Faceras e continuamos ata volver internarnos noutra zona de bosque e chegar a unha porta para gando. Seguimos por esta senda ata comezar a baixar cara a unha pontella que nos servirá para volver cruzar de novo o río Bolática e chegar á pista da Ripera. Hai xente que para facer esta ruta colle o tren El Sarrio en Panticosa, un tren de alta montaña tirado por un tractor que vai ata o val da Ripera, baixa neste punto, permitíndolles aforrar tempo e esforzo. Nós evitamos esta opción, pois o tramo camiñado ata agora paga moito a pena.
Ao saír á pista vemos o primeiro cartel que nos indica o camiño ao Dedo de Yenefrito. Viramos cara á esquerda e baixamos uns poucos metros pola pista ata chegar ao desvío que tomamos á dereita para internarnos primeiro no val de Laulot e posteriormente no Val de Yenefrito. Ata o Dedo de Yenefrito o camiño ten unha pendente continua, sendo máis esixente que o que levamos feito ata agora. A medida que gañamos altura, as vistas cara ao Val da Ripera son máis impresionantes. Que fermosura de val!
Aparece de contado ante nós o impoñente Dedo de Yenefrito, curiosa rocha chamada tamén Dedo de Deus que, segundo dende onde a mires, disque ten forma de ave rapaz. Conforme nos imos aproximando máis a el, menos parece que vaia ter a verticalidade que ten visto desde arriba. Descansamos xunto á base do Dedo, mentres varios camiñantes nos adiantan, pois a calor xa comeza a afectar a máis dun e, incluso, xa hai quen quere quedar agardando neste punto. Pero unha vez descansados, continuamos todo o grupo e continuamos co ascenso ata chegar ao collado de Yenefrito. O camiño é sinxelo en todo momento e está ben marcado cos paus de cor vermella e morada, e o desnivel a salvar non supuxo un esforzo fóra do normal.
Chegados ao collado, damos cun poste coas indicacións para chegar ao Dedo de Yenefrito ou continuar cara ao ibón de Catieras. Pero o máis importante é que temos ante nós unha imaxe espectacular do val de Yenefrito. Continuamos cara ao ibón percorrendo o val de Yenefrito a media altura, ata o refuxio asentado nun outeiro. Descansamos na base do refuxio e aquí decidimos quen continúa a andaina cara ao ibón e quen queda neste punto para iniciar o regreso paseniñamente.
Parte do grupo anímase para subir ata o ibón de Catieras, seguindo as marcas dos postes. O sendeiro condúceos, como non, coa súa boa pendente en dirección ao escondido e secreto ibón, un precioso e salvaxe lago, segundo me comentou Antonio cando remataron a andaina. Tamén comentou que desbotaron o ascenso ao Pico de Catieras pola hora na que chegaron ao ibón, o que suporía demorar bastante o regreso. Aínda así, a subida pagou moito a pena!
Eu quedo e decido achegarme ata o refuxio coa intención de contemplar o val dende esa atalaia. O refuxio atópase no mesmo pequeno montículo, distante uns escasos 40 m das ruínas do refuxio que foi desmantelado por unha avalancha de neve hai case dez anos. Aproveito o pequeno porche orientado ao oeste, que aínda regala unha boa sombra desta hora.
A imaxe coa que me atopo é impresionante, pois nese mesmo momento varios pastores cos seus cans, inician a conducción dun enorme rebaño de ovellas cara aos pastos de altura; mentres, ás miñas costas, continúa a marcha o pequeno grupo que se anima a subir ata o ibón. Que momento máis fermoso!
As vistas do val son moi fermosas e moitos dos que quedamos non paramos de facernos fotos neste espazo tan impresionante.
De regreso, chegamos de novo ao collado e seguimos a indicación do cartel que conduce ao impresionante Dedo de Yenefrito, co tramo de val que percorremos aos nosos pés e a serra da Partacua de fondo. Evidentemente, desbotamos rubir á punta do Dedo pois xa non é tan sinxelo e é bastante exposto, polo que é mellor non arriscar. Conformámonos con outra boa sesión de fotos, admirando a verticalidade da rocha.
Non demoramos moito, polo que decidimos volver ata o poste indicador e iniciar o descenso para ir deixando atrás o val. A calor está a ser moi limitante e descendemos desexando chegar á pista principal que ven de Panticosa á Ripera.
As présas por chegar á pista non impiden que nos paremos a admirar varias carlinas en distintos estadios de crecemento. Esta rechamante planta, a Carlina acaulis L. críase en zonas de pasto entre os 1000 e 2000 m de altura e, segundo din, debe o seu nome ao emperador Carlomagno, do que contan que curou a peste que arrasaba ao seu exército coa raíz desta planta. Tamén se coñece como gardincha e como cardo de broxas ao ser, xunto coa ruda, a planta máis efectiva para protexerse das bruxas.
Percorremos a bo ritmo a pista poeirenta que se nos fai eterna, pois imos en busca da ponte da Rata, o que non impide que de cando en vez viremos cara atrás para gozar das últimas imaxes do Dedo.
Aínda que non hai sinal de por onde baixar cara ao río, Rocío dá co desvío sen problema. Deixamos a pista da Ripera e, unha vez cruzada a ponte, buscamos unha sombra e paramos para xantar e descansar, refrescándonos os pés nas augas do Bolática. Que ben está a sentar este descanso!
Aínda que temos moito tempo de marxe con respecto ao grupo que subiu ata o ibón, preparámonos para continuar o camiño de regreso. Deixamos o río practicamente á altura dunha cancela para o gando na parte chaira que percorremos pola mañá, polo que só compre continuar en sentido inverso e, pouco a pouco, ir descendendo ata a Ponte da Zoche, que desta hora está con bastante ambiente de baño. Nós cruzamos a ponte e mergullámonos de novo entre os buxos ata que comezamos a ver os primeiros tellados de Panticosa.
Xa só queda baixar a Panticosa. Descendemos ata o punto de partida na estación de esquí, e decidimos facer os estiramentos á súa sombra, na parte traseira da mesma, pois seguimos afogando coa calor. Logo de mudarnos e deixar as mochilas no bus, tomamos unhas cervexas Estrella nos primeiros bares que hai diante do aparcadoiro…