Ruta polos arredores do Midi d’Ossau. Ascenso ao Peyreget

25-07-2022
Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
De esquerda a dereita, Pic Peyreget e Pic du Midi d’Ossau.

Esta ruta está situada no Parc National des Pyrénées, en Francia. Temos que desprazarnos ata a fronteira do Portalet e un pouco máis adiante, preto da Cabane de l ‘Araille comeza e remata esta actividade de ida e volta.

É un percorrido moi fermoso que transcorre principalmente por zonas de pastos de altura onde aínda se pode ver algunha actividade gandeira. Durante case toda a ruta temos como referencia o Midi d’Ossau, montaña senlleira deste sector de Pireneos, de 2884 m de altitude. O camiño en xeral é moi cómodo ata o Col de Soum de Pombie (2104 m).

Neste punto o grupo dividiuse en dous. Uns tomamos o desvío (de ida e volta) ata o Col de L’Iou (2196 m), tendo unha actividade máis relaxada, máis sendeirista, onde podemos gozar dunhas vistas marabillosas desta zona do Parc National; o resto seguiu o camiño orixinal ata o refuxio de Pombie para logo encarar a subida ao Peyreget (2479 m), obxectivo desta xornada. Logo de reunirnos de novo no refuxio, o regreso facémolo polo mesmo camiño. As dúas opcións gozan dunhas vistas estupendas.

A valoración de desnivel e dificultade que aparece no MIDE corresponde á opción de subir o cumio. Se se opta pola opción máis relaxada, o desnivel é máis reducido e a dificultade tamén. As lonxitudes son similares.

MIDE:

  • Horario: 5h 45min
  • Desnivel de subida: 960 m
  • Desnivel de baixada: 960 m
  • Distancia horizontal: 14 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Dificultade do desprazamento: 3
  • Cantidade de esforzo necesario: 3

Comezamos a camiñar…

Hoxe desprazámonos ao noso país veciño, Francia, pois para a ruta que imos facer compre cruzar o límite fronteirizo polo Portalet e, nun par de quilómetros, no lateral dereito da estrada o bus intenta deixarnos no aparcadoiro da Cabane de l’Araille, un aparcadoiro en batería de non moitas prazas que será o punto de inicio e final do itinerario de hoxe.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Desde o comezo do percorrido, imos gozando das vistas de cara onde nos diriximos.

E sorprende o concorrido que está desta hora, pois o bus tivo que deixarnos un pouco antes por non poder estacionar nel. Aquí, quen veña tarde para adentrarse no Parque pode ter un serio problema de estacionamento. Todo listo xa. Descendemos en fila de a un pola beira da estrada encamiñándonos cara ao Cirque d’Anéou, que nos recibe cunha sinfonía das chocas das vacas no val, pastando ás súas anchas polos prados. Detémonos diante duns paneis informativos que nos lembran que imos entrar nun parque nacional, o Parc National des Pyrenées, no que hai unhas normas para camiñar por el que temos que respectar.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
O paso polo val está sendo do máis agradable, e sempre co noso obxectivo á fronte.

Víctor fai un inciso no que estamos a ler no referido á erosión do solo, pois non está permitido sair dos camiños que xa están establecidos (veremos pequenos carteis ao longo do percorrido advertindo deste particular, sobre todo en tramos que se están recuperando), pois en moitos casos a xente vai buscando pequenos atallos provocando que coas pisadas o carreiro vaia ancheando, formándose unha canle e creando uns problemas de erosión terribles, pois as enxurradas arrastran a terra cara ao fondo do val.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Logo de cruzar o río, o carreiro comeza a gañar altura cara ao Col de Soum de Pombie.

Nos primeiros compases o camiño por pista é doado. Cruzamos o río, seco a estas alturas do ano, por unha pequena ponte de madeira e o carreiro vai gañando altura cara á cabana pastoril de Senescau. O carreiro non cesa, debemos de seguir gañando altura en dirección ao Col de Soum de Pombie polos prolongados zig-zags.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
No Col de Soum de Pombie, cunha fermosa vista do Midi, facemos dous grupos, para subir ao Peyreget ou para bordealo pola aba sur.

Chegamos ao Col de Soum de Pombie, cunhas vistas ao Midi espectaculares. Reagrupámonos, descansamos e gozamos das vistas e neste punto decidimos quen opta por ascender ao Peyreget ou, pola contra, quen se decide a percorrer as súas abas meridionais ata o Col de l’Iou. Formados os dous grupos, os que se dirixen ao Peyreget marchan de contado por unha senda que, sen gañar altura, vainos levar até o Refuge de Pombie, punto de arranque clásico ao cume, pois failles falta o tempo se queren acadalo. Alfonso trasládame as súas impresións sobre o ascenso:

Ascenso ao Peyreget

Chegados ao Refuge de Pombie, tras bordear o ibón localizado a carón do refuxio, comeza unha subida continuada por un camiño cómodo e de forte pendente onde a principal dificultade, ademais do esforzo físico, radica na calor e o bochorno que nos acompañarán durante todo o percorrido.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Pouco a pouco, o grupo vai deixando atrás o refuxio e o ibón de Pombie. Foto de Alfonso

No ascenso, vemos como o refuxio vaixe facendo cada vez máis cativo ata desaparecer da nosa vista. Á man dereita deixamos unha enorme morrena, consecuencia de derrubos do Midi, pola que vemos camiñar paseniño algún pequeno grupo de montañeiros que, diminutos pola perspectiva, semella se dirixen ao cumio do Midi d’Ossau.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
O paso polos ibóns é moi fermoso e axuda a descansar un pouco do contínuo ascenso. Foto de Alfonso

En continuo ascenso deixamos atrás dous ibóns antes de acadar o col de Peyreget (2320 m), paso de montaña entre o pico do Midi (ao norte) e o Peyreget (sito cara o sur), que permite circunvalar o Peyreget, aínda que este non é o noso obxectivo de hoxe, ou subir a calquera dos dous picos citados.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Pagou moito a pena o esforzo para poder gozar das vistas dende o cumio. Foto de Alfonso

Recuperadas forzas continuamos a marcha para chegar a cima de 2483 m do Peyreget. Só fican 160 m de desnivel que, unha vez superados e xa no cume, vannos permitir gozar dunha espectacular panóramica de 360º con, sexa cal sexa a dirección na que miremos, impresionantes vistas a diferentes liñas de cumios, entre as que destaca especialmente a mole maciza e esbelta do Midi, que case somos quen de tocar coas mans pola súa proximidade. Gozamos dende esta atalaia cara aos picos que conforman o Val de Tena. Balaitus, Picos do Inferno, Garmo Negro…

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
O Pic du Midi está tan próximo! Foto de Alfonso

Toca baixar. Tras unha breve estancia na cima, toca baixar. Chegamos de novo ao Col de Peyreget e debemos de continuar descendendo en dirección cara ao Refuge de Pombie. Un descenso fácil e bonito que pasa polos ibons de Peyreget. Moi bonitos, por certo! A ameaza de choiva fainos descender lixeiros ata o refuxio de Pombie, onde nos encontraremos os dous grupos para continuar xuntos o descenso ata o parking de Aneou.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Chegando ao refuxio xa vemos ao resto do grupo asentándose en torno ao ibón. Foto de Alfonso

Col de l’Iou

Nós, con máis calma, viramos á nosa esquerda para realizar a volta ao Peyreget en sentido das agullas do reloxo, co que, en lixeiro descenso, pola cara sur do Peyreget, imos dirección ao Col de l’Iou. Un carreiro estreito, cheo de lirios (moitos xa murchos) e de fermosos cardos de montaña, con vistas cara a todo o val coa silueta do Anayet que nos deixa, xa nos seus tramos finais cun lixeiro ascenso, cara ao xa comentado collado.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Comezando o traxecto de ida e volta pola cara sur do Peyreget, en dirección ao Col de l’Iou.

Desde que saímos do Soum de Pombie temos a primeira imaxe do Midi d’Ossau. O cume semellan dúas orellas de gato! A que che sona isto, Gata con Botas? Jeje. Botámonos un feixe de fotos e un par de fotos de grupo coas orellas do Midi d’Ossau ás nosas costas. As vistas preciosas, pero como lle irá ao noso grupo do Peyreget? Desfacemos o camiño de novo ata o Col de Soum de Pombie pois quedamos en encontrarnos no Refuge de Pombie para xantar.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Cardo azul ou cardo de La Magdalena (Eryngium bourgatii).

No regreso, vémonos sorprendidos por un rabaño de ovellas que soben dende o fondo do val. Pola mancha vermella que teñen no lombo, son as da Cabana de Senescau que vimos pola mañá amoreadas ao iniciar a andaina. Acaban de sacar ao gando monte arriba e á que me dou conta véxome inmerso dentro del… Os que van diante, máis hábiles, desviáronse vendo que viña o rabaño… e eu continuando polo carreiro quedei medio atascado en metade de todo o paso de ovellas.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Dende o Col de l’Iou, a silueta do Midi d’Ossau semellan ser dúas orellas de gato.

Chegamos pronto ao Col de Soum de Pombie e, como imos con tempo, decidimos achegarnos ata o Pic de Pombie, ao que se accede dende o mesmo collado. A travesía paga a pena, pois vas polo cordal sen ningunha dificultade, vendo a ambos lados, distinguíndose a estrada e o aparcadoiro de Aneou no fondo do val. Logo dun pequeno descanso e da sesión de fotos, sen moita demora, regresamos ata o camiño que leva ao refuxio.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
O lago, o refuxio, o Midi d’Ossau… unha marabilla de paisaxe!

Descendemos polo camiño que leva ao refuxio con todo o val cheo de gando, sobre todo de ovellas pastando nas zonas máis escarpadas, pero tamén hai greas de cabalos e vacas. Pronto chegamos ao Lac e ao Refuge de Pombie onde paramos a botar un bocado. A verdade é que a zona ten un encanto especial. O lago, o refuxio, o Midi d’Ossau… unha marabilla!

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
O Midi d’Ossau dende o refuxio.

Aínda non nos estamos acomodando para xantar á beira do ibón cando vemos descender ao grupo procedente do Peyreget. Xantamos xuntos, contamos as recírpocas impresións e o esforzo que tiveron que facer no ascenso, a calor que pasaron e, tras unha curta parada, preparámonos para continuar. Debemos iniciar o camiño de regreso cun pequeno ascenso desde o Refuxio ata a Col de Soum de Pombie.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Descendendo dende o do Col de Soum de Pombie.

Camiño do Col de Soum de Pombie as vistas ao Midi son espectaculares. Hai que virarse por última vez para contemplalo porque é impresionante. Non paro de fotografalo!

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
No descenso, vemos como a néboa está entrando rapidamente polo val.

Chegamos ao collado só nos queda desfacer as lazadas polas que esta mañá gañabamos altitude. A partir de aquí, unha lingua de néboa vaise metendo pouco a pouco, o que non impide admirar o voo de varios voitres planeando sobre o val. Posto que baixamos rápido, pronto chegamos á Cabana pastoril de Senescau. En canto pasa, apuro a marcha pois co asunto das fotos voume quedando moi atrás (pásame moitas veces… ) e vou colléndoos de novo ata chegar á ponte que cruza o río. De aí ao parking non queda nada para dar por finalizada esta bonita e fácil ruta.

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
Botando a vista atrás, a néboa aínda permite ver os cumes.

Camiño do aparcadoiro, tivemos que ter coidado cunha vaca que estaba atenta da súa cría, pois non lle gustaba nada ter tanta xente ao seu redor, mentres agardamos polo bus. Logo dun pequeno escarceo, a parella marchou monte abaixo, nós subimos ao autocar, que nos recolleu no medio da estrada (sigue estando cheo o aparcadoiro), e xa no vello paso fronteirizo mudámonos e facemos os estriramentos pertinentes mirando (o que a néboa nos permite ver) cara aos picos polos que andivemos esta mañá. Sallent de Gállego agárdanos!

Ruta polos arredores do Midi d'Ossau. Ascenso ao Peyreget
A protagonista final da andaina co seu xato.

Unha ruta non moi longa por terreo máis ou menos cómodo, cun ibón, que sube a un pico, que ten boas vistas: a volta ao Peyreget, xunto ao coloso Midi d’Ossau, unha gozada! E ademais, hoxe axudou que tivemos un tempo máis cómodo para camiñar sen a calor brutal de onte, aínda que os que subiron ao Peyreget queixáronse moito dela.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio