Punta da Tosquera e Pico de Pacino
Esta ruta é unha das mellores que se poden facer para ter unha toma de contacto coa zona de Sallent de Gállego. É unha ruta moi fermosa que, de xeito máis ou menos sinxelo, nos permite acadar dous cumios cunhas fermosas panorámicas: Punta da Tosquera (1947 m) e a Punta de Pacino (1964 m). O percorrido é circular e moi variado xa que tamén pasa por estupendos bosques, subindo pola Selva de Sallent ata la Tosquera. Logo enlazamos polo cordal coa cima do Pacino, para regresar despois pola senda habitual do PR.
En xeral, o camiño é bo. Só no percorrido que vai do primeiro cumio ao segundo hai algún tramo no que hai que ter un pouco de coidado de non esvarar. Unha ruta sinxela con boas vistas da parte alta do Val de Tena. As vistas sobre os encoros de Lanuza e Escarra e a serra de Partacua son moi fermosas.
MIDE:
- Horario: 4 h., 35 min.
- Desnivel de subida: 740 m
- Desnivel de baixada: 740 m
- Distancia horizontal: 12 km
- Tipo de percorrido: Circular
- Severidade do Medio Natural: 3
- Orientación no Itinerario: 2
- Dificultade do desprazamento: 2
- Cantidade de esforzo necesario: 3
Comezamos a camiñar…
Primeira ruta da nosa pequena estadía nesta parte do Pireneo polo val de Tena. Estamos aloxados no Hotel Mariana, en Tramacastilla de Tena, en réxime de media pensión, que nos regala estas vistas da serra da Partacua ao erguernos cada mañá. Non podía comezar mellor o día!
Logo de almorzar, o bus levounos pola estrada A-136 que vai a Francia ata aproximadamente un quilómetro de distancia do desvío de Sallent de Gállego, deixándonos un pouco máis arriba do comezo da pista que hai que tomar a man esquerda, pouco despois de pasar a tubaxe verde, que conecta o encoro de Escarra coa estación hidroeléctrica de Sallent.
Logo de percorrer este pequeno treito por estrada dende onde nos deixou o bus, e das explicacións de Víctor sobre o desenvolvemento da xornada, comezamos a camiñar pola pista, pola ruta habitual de ascensión ao Pacino. Cando levamos uns 10 ou 15 minutos de subida descartamos o desvío que encontramos a man esquerda, que sobe ao Pacino pasando pola torre de descompresión, camiño por onde regresaremos.
Nós continuamos ata que entramos no faial, a Selva de Sallent, e seguimos pola pista bordeada por uns pastos de altura, onde a gandaría segue cumprindo un papel fundamental. Desde este punto hai unhas bonitas vistas sobre Sallent, o encoro e o pobo de Lanuza, que estes días acolle Pirineos Sur, o prestixioso Festival Internacional das Culturas onde, cada verán, artistas de renome actúan no magnífico escenario instalado sobre as augas do encoro.
Cruzamos o bosque sempre en dirección suroeste. A pesar de que non imos moi tarde, a calor xa se empeza a notar, pois estamos tendo estes días temperaturas bastante altas, e agradécese a sombra das refrescantes faias. Reparamos que moitas das súas follas están cubertas de bugallas do “mosquito de faia”, adheridas á superficie superior da folla.
O camiño pouco a pouco vaise difuminando ata converterse en carreiro, e imos deixando atrás este fermoso bosque xa bastante preto da Tosquera, cuxa cima divisamos a man dereita. Aínda quedan un par de reviravoltas que dar antes de chegar á súa base, onde nos reagrupamos en torno a unhas rochas e mato baixo, punto que establecemos de referencia por se alguén prefire quedar agardando e desbotar a ascensión.
Logo desta pequena parada, temos que empolicarnos primeiramente a un lombo herboso por un carreiro máis ou menos definido e logo continuar pola dereita para gañar, en varias lazadas en forte pendente, os últimos metros que nos separan da cima.
Desde A Tosquera gozamos de boas vistas do encoro de Escarra baixo os impoñentes dousmiles da Serra da Partacua polo sur e dos grandes cumes do Macizo de Argualas e Infernos polo norte. Alcanzamos a ver recortados alén da fronteira a silueta do Midi d’Ossau e, á súa esquerda o que subiremos mañá, o Peyreget. De fronte temos o val que percorreremos para chegar dende Panticosa ao ibón de Catieras. De Sallent, cara á parte traseira da Pena Foratata, é por onde vai outra das rutas previstas, a que nos leva ata o refuxio de Respomuso, na base do Balaitus, un dos tresmiles míticos dos Pireneos, que distinguimos por ter un pequeno neveiro no cume. Practicamente temos diante os escnarios das distintas rutas que imos perecorrer estes días!
Ás nosas costas, a Serra da Partacua que vemos dende o hotel de Tramacastilla, co seu punto máis alto, Peña Telera. Esta serra no inverno é moi concorrida por ser unha zona perfecta para facer escalada en xeo. Cara a outra beira a serra Tendeñera e, polo medio, o val polo que discorre o Gállego, que baixa cara a Biescas e Jaca.
Non demoramos moito e de seguido iniciamos o descenso cara ao outro fito da xornada. Baixamos de novo ao cordal e reunímonos todos para continuar en dirección ao Pacino, referencia en case todo o percorrido, ao fondo. Hai algún punto no que hai que ter un pouco de coidado de non esvarar pois camiñamos en todo momento o máis preto da divisoria para gozar das vistas, ata que acadamos o Cuello del Pacino (1827 m), como se coñece o collado ubicado antes de chegar ao pico. Ao achegarnos ao Collado de Pacino comezamos a ver a outros camiñantes subindo e baixando. É chocante ver o concorrida que está a cima do Pacino e, pola contra, o solitaria que deixamos a veciña Tosquera.
Desde o collado á cima restan apenas 600 m (uns 100 de desnivel). Primeiro accedemos a outro collado moito máis pequeno que hai ao pé do pico e desde alí xa todo é subida seguindo un carreiro estreito pedregoso pero ben definido. Non ten perda. Para chegar á verdadeira cima hai que pasar por unha antecima coroada por un fito. Pola súa posición estratéxica, a pesar de non ser un cume moi alto, a Punta do Pacino (1964 m) é un dos mellores miradoiros do Val de Tena e do Pireneo oscense.
Hai cumes que, sen ter unha especial relevancia en canto á súa altura, son uns miradoiros incribles. Un bo exemplo diso é o Pico Pacino, que sen superar as 2000 m ofrécenos unhas vistas inmellorables. Imos chegando aos poucos e, logo de descansar, de gozar do momento e facernos unha foto de grupo, Víctor dirixe de novo a súa mirada a outros tresmiles, os Picos do Inferno, para indicarnos que se distinguen perfectamente por ter unha enorme superficie de rocha moi branca que é mármore, de feito chámanlle as marmoleiras. Impresionante.
Descendemos do pico pouco a pouco e desfacemos o andado baixando ata o cruzamento de camiños ao pé do collado do Pacino, onde tomamos o ramal cara a Sallent. Zigzagueando e guiados polas marcas do PR-HU 91, a senda baixa ata introducirse de novo no faial, entorno que aproveitamos para xantar e repoñer forzas pois arriba, no cume, a calor era abafante para facelo alí. Que ben se está baixo esta sombra!
Reiniciamos a marcha e, tras varias lazadas, saimos do bosque deixando á dereita a torre de descompresión, da que descende unha longa tubaxe verde, que serve para transportar a auga desde o encoro de Escarra ata a central hidroeléctrica de Sallent de Gállego. A pesar de estar no verán, imos gozando dunha flora espectacular e unhas panorámicas non menos impresionantes. As cores e as luces brilan con forza estes días na montaña.
Volvemos ter unhas bonitas vistas sobre Sallent, e do encoro e pobo de Lanuza, que estes días acolle Pirineos Sur, o prestixioso Festival Internacional das Culturas onde, cada verán, artistas de renome actúan no magnífico escenario instalado sobre as augas do encoro.
Chegamos á pista que percorremos pola mañá e, en nada, poñémonos na estrada que se dirixe a Francia. Imos cara ao bus que nos levará de visita a Sallent, onde parte do grupo irá darse un baño na piscina pública e outros aproveitamos para visitar o pobo, tomar unha cervexa, refrescar os pés nas augas do río Aguas Limpias e descansar na súa beira. Que máis se pode pedir!