Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro

18-06-2022
Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Dende o camiño hai unhas vistas impresionantes sobre toda a comarca.

A ruta comeza nas proximidades do Alto do Poio e segue o trazo do Camiño Real ao seu paso polo concello de As Nogais rodeando a serra do Rañadorio ata preto do lugar das Cruces. Neste punto collemos rumbo cara Biduedo onde enlazamos co Camiño de Santiago e regresamos ao alto do Poio.

A ruta é moi fermosa e ten unhas paisaxes impresionantes e moi fermosas. Chama tamén a atención a rica biodiversidade deste espazo natural.

  • Lonxitude:  19 km
  • Dificultade: Media
  • Desnivel: Medio

Comezamos a camiñar…

No termo municipal das Nogais, discorreron dúas importantes vías de comunicación que, á súa vez, foron utilizadas desde Veiga do Valcarce para acceder ao pobo de Pedrafita e ao poboado do Cebreiro. O primeiro dos camiños seguía en boa medida unha antiga calzada de orixe romana que, superado o porto de Pedrafita, continuaba paralela ao río Navía, pasando a escasa distancia do castelo de Doncos, para entrar nas Nogais camiño de Lugo. Na actualidade, este percorrido, que xa o temos andado en distintas ocasións, estase a potenciar como unha variante do camiño francés, a Vía Künig.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
O lugar de partida, no Alto do Poio, é o punto máis alto do Camiño Francés (1337 m).

A outra verea, tamén de orixe romana, parte do lugar de Padornelo, no concello de Pedrafita do Cebreiro, penetrando no das Nogais polo lugar chamado Alto do Lago, para continuar cara ao pobo das Cruces, clara referencia a unha encrucillada de camiños, e de alí unirse á ruta máis común a Santiago, que viña polo porto do Poio, Fonfría do Camiño, Biduedo ata o pobo de Lamas de Biduedo, onde ambas as veredas conflúen continuando cara a Triacastela nunha soa.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Antes de chegar ao inicio do Camiño Real, evitamos o asfalto indo por un sendeiro moito máis agradable.

Este camiño, coñecido como Antigo ou Camiño dos Romanos pois, segundo a tradición popular, data da época romana, é un tramo dos chamados Camiños Reais, itinerarios que permitían aos viaxeiros e comerciantes da época trasladarse por todo o país.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
A Serra do Rañadoiro, ten orientación NO-SE e está situada entre As Nogais e Pedrafita do Cebreiro.

É moi posible que formase parte dun dos trazados orixinais do Camiño de Santiago. De feito, aínda que hoxe existen rutas de peregrinación máis transitadas cara á cidade do sepulcro, eran varios os trazados que seguían os peregrinos. En zonas montañosas como esta, era frecuente que os viaxeiros optasen por itinerarios máis agradables polo estado do tempo, sendo esta unha ruta máis levadía, cunha pendente moi lixeira, inferior ao 5% en moitos casos, algo moi propio das vías romanas.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Nalgún tramo, a vexetación forma un túnel moi agradable de pasar baixo a súa sombra.

Este Camiño Real conta cunha lonxitude total duns 60 quilómetros desde Padornelo en Pedrafita, onde se separa do Camiño Francés, ata a capital de Lugo, onde se funde co Camiño Primitivo. Nós estamos a percorrer un pequeno tramo inicial polos concellos de Pedrafita do Cebreiro e As Nogais, e facer o regreso ata o Porto do Poio polo actual Camiño de Santiago.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Está sendo unha ruta moi levadía, cunha pendente moi lixeira.

Como sempre, antes de iniciar o percorrido paramos nun dos dous bares que hai no mesmo Alto do Poio para tomar o café, o noso punto de partida, e avanzamos por un pequeno tramo do Camiño de Santiago, que a esta hora xa comeza a estar ateigado de peregrinos. Aquí o Camiño vai paralelo á estrada, pero pronto nos apartamos del, provocando algunha que outra dúbida nun grupo de peregrinos en bicicleta que non saben qué facer. Esta opción de evitar comezar na cercana aldea de Padornelo, punto de partida establecido do Camiño Real, ten a finalidade de evitar andar un bo treito por estrada asfaltada e camiñar a dende o inicio da andaina xa por sendeiro, moito máis agradable.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Malia non ter un día claro, as vistas son moi fermosas en todo o traxecto pola serra.

Logo dunha pequena subida, iniciamos un contínuo descenso, forte nalgún punto, que nos vai deixar no mesmo Camiño Real. Neste punto, Víctor explícanos o que nos imos atopar ao longo da xornada e as precaucións que debemos gardar nun día de calor coma o de hoxe.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
O camiño é moi agradable de percorrer e seguramente fose un tramo alternativo do Camiño no inverno.

O camiño é moi cómodo e sen ningunha dificultade. Transcorre por zonas altas, roldando cotas próximas aos 1200 metros, o que nos permite gozar da paisaxe, con profundos vales rodeados de montañas cubertas de bosques.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Os traballos da sega xa se comezan a ver ao longo do percorrido.

Dende aquí hai unhas vistas impresionantes sobre toda a comarca das Nogais, e outras zonas montañosas, que se nos amosan cos campos en plena sega, alternando con masas forestais e pequenas aldeas. Os cumes presentan esas formas redondeadas de vellas montañas, onde deixou a súa pegada o tempo e todas as formas de erosión, incluída esta man do home que o aproveitou para asentarse neste territorio. A pesar de non ter unha boa visibilidade por mor da calima, esta paisaxe é unha fermosura!

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Muíño na Regueira do Val de Vilar.

Imos por un camiño nun contínuo zigzagueo aproveitando as abas da serra do Rañadoiro, o que nos permite admirar a flora da serra, fundamentalmente cuberta por monte baixo,  mato e xestas aínda en flor, pasando por regatos (moitos con pouca auga nesta época), con nomes ben fermosos: Regueira do Val de Vilar, da Vella Morta, de Traschancia (clara referencia coa Casa da Chancia, de moita sona nesta ruta), de Valdepradela, de Navallos, Bouza do Río

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
A pouca sombra fai que a calor comece a afectar. A hidratación nestas situacións é fundamental.

O camiño abandonámolo á altura do pequeno núcleo das Cruces, onde iniciamos o regreso cunha prolongada subida bastante levadeira. A única dificultade que temos que superar é a calor. Está un día de fogaxe, hai pouca sombra, e o bochorno vai afectarnos bastante, a esta altura da xornada, cando deixamos de camiñar ao abrigo da serra ata que acadamos a estrada que se dirixe a Biduedo.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Capela de San Pedro de Biduedo.

Reagrupámonos na beira desta estrada, a LU-637, e continuamos camiñando un pouco máis. Quédanos un quilómetro de subida por ela, pois decidimos facer a parada para repoñer forzas en Casa Quiroga, en Biduedo, antes de continuar coa subida ata Fonfría.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
O paso por Fonfría coincide co descanso e con certa actividade de peregrinos en torno aos albergues.

No Biduedo, logo de admirar a pequena capela de San Pedro, que xa aparece referenciada no Códice Calixtino, continuamos paseniño coa subida nun fermoso paseo. O camiño métese á esquerda cara a unha pista que cruza a estrada e continúa recta ata cubrir os pouco máis de 7 km de distancia ata Fonfría, xa no concello de Pedrafita do Cebreiro. O paso polo lugar permítenos ver certa actividade de peregrinos en torno aos albergues, lavando roupa ou simplemente tomando unha cervexa despois da dura etapa precedente de subida ata O Cebreiro. Unha sensación algo estrana esta de camiñar en dirección contraria ás frechas que marcan o camiño a seguir aos peregrinos.

Camiño Real. As Nogais e Pedrafita do Cebreiro
Final da ruta pechando o círculo no Alto do Poio, cun ceo ameazante que non chegou descargar en ningún momento.

A conversa non decae mentres nos imos achegando ao final do percorrido. Só restan pouco máis de tres quilómetros de senda pegada á LU-633 ata o Alto do Poio, o punto máis alto do Camiño Francés (1337 m). Chegados ao noso destino, estiramos, cambiámonos de calzado e fómonos tomar unha cervexa antes de iniciar a viaxe de regreso. Unha sorpresa de ruta, francamente fermosa e moi doada de facer.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio