Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra

11-06-2022
Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
No final da etapa, superado o último repeito, temos as primeiras vistas do Faro Fisterra ante a inmensidade do Atlántico.

A nosa derradeira etapa do Camiño dos Faros dá comezo onde rematamos a anterior, na praia de Rostro, que cruzamos de punta a punta. Ao pouco chegamos a Castromiñán, lugar emblemático e máxico da nosa xeografía. Este é quizáis un dos castros de Galicia cunha situación xeográfica máis impresionante. A ruta continúa ata a praia de Arnela, e segue pola costa ata chegar ao monte Veladoiro, no cabo da Nave, situado a 234 m de altitude. Logo dunha forte baixada chegamos á praia de Mar de Fóra. Pasando polo lugariño da Ínsua acadamos o último treito da ruta que remata no faro de Fisterra. A ruta ten un altísimo interese natural e paisaxístico.

  • Lonxitude: 16 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Esta etapa xa a percorrin en varias ocasións e, no 2018, relendo o escrito daquela coido que non engado nada novo á descrición feita. Só un tramo que variamos daquela, por mor dos incendios, que estaba totalmente calcinado e preferimos non percorrelo e facelo polo interior, sen ir tan pegados á costa.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Iniciando a andaina no extremo norte da praia do Rostro.

Polo tanto, voume basear nesa descrición e, practicamente retocarei o novo tramo percorrido e algunha que outra sensación sentida no día de hoxe, pois unha das virtudes que ten o Camiño dos Faros, que ten moitas, é que a mesma etapa varía moito dependendo do día en que a fagas, polo que non cansa repetilas en absoluto.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
O día anubrado e o vento de nordés, fan que gocemos dunha travesía espectacular.

Non podiamos ter mellor día para rematar este Camiño dos Faros! Logo da presentación de Víctor, iniciamos a andaina percorrendo os case dous quilómetros da praia do Rostro de punta a punta. A pesar de estar ás portas do verán, percorremos o areal dende o extremo norte cun día bastante anubrado e un vento de nordés, que nos vai permitir gozar dunha paisaxe espectacular ao longo de todo o percorrido. Nada que ver coa etapa anterior de hai un mes! Daquela gozamos, nun día claro e caloroso, dunha vexetación en plenitude de colorido, practicamente toda a andaina.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Desde o extremo sur, gozamos da bravura do mar, co cabo Touriñán e a inmensa praia que acabamos de andar.

Hoxe a atención está no mar. Camiñar polo areal de Rostro coas ondas desfacéndose aos nosos pés é unha sensación insuperable. Foto tras foto vou gozando do paseo polo areal, escoitando este mar que en poucos sitios se escoita bruar como o fai aquí. Como sempre, acabo tendo que apurar o paso pois vou quedando descolgado e a xente que vai diante lévame unha boa vantaxe. Menos mal que no final da praia agardan a que nos xuntemos todos. Cruzado neste punto o regato Cacheira que desemboca directamente na praia por unha zona de rochas sen mollarnos tomamos o comezo do camiño, despois de sacudirnos nas pedras as areas das botas.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Os impresionantes cantís da costa dende a Punta do Rostro, co promontorio de Castromiñán ao fondo.

Xa reagrupados, e logo de fotografar unha vez máis a inmensa praia desde este extremo sur, tentando que o vento non nos desestabilice, subimos o outeiro areoso por un amplo sendeiro, e achegámonos primeiro á Punta das Pardas, inicio dunha costa singular, que serpenteamos durante unha media hora e vendo os impresionantes cantís desta costa dende a Punta do Rostro. Cantís, carrizos, furnas enormes… un dos tramos máis virxes da costa galega e, cara ao sur, ao fondo, a Punta Castelo, e o Castelo, ou o castro, tamén chamado Castromiñán, un promontorio adentrándose no mar, con dous enormes parapetos de terra perceptibles perfectamente dende a distancia.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Estamos camiñando por un dos tramos máis virxes da costa galega.

Achegámonos ata alí, ata a Punta Castelo, e disfrutar deste xacemento da Idade do Ferro. A combinación entre a fortificación e a marabillosa paisaxe converte a este lugar nun dos tesouros de Galicia, e que moi pouca xente coñece. Hoxe acompáñanos Elvira, que levaba unhas xornadas sen vir por mor dunha fisura nun hombreiro provocada por unha caída. Semella que na proba de hoxe vai todo sen problema.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
A partir de Castromiñán, a costa sigue serpenteando practicamente ata a praia de Arnela.

Na andaina de 2018, ao deixar o castro, decidíramos facer unha pequena variante para chegar ata a praia de Arnela, por mor dun incendio que queimara toda esta parte da costa. Afortunadamente, este sector recuperouse e loce esplendoroso polo que desta vez podemos camiñar e ver perfectamente o noso siguiente destino cara ao sur: a praia de Arnela e os cantís do Cabo da Nave. Que tramo máis fermoso! E tamén técnico, pois hai que percorrelo con moita atención.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
O camiño pola parte norte da enseada de Arnela é moi fermoso, aínda que a vexetación xa non ten o colorido da etapa anterior.

Un tramo final por unha pista forestal déixanos na estrada xunto á aldea de Denle. Uns 500 m pola estrada de asfalto déixannos na fermosa praia de Arnela, un punto desta costa cun alto valor ambiental; mentres a percorremos polo sendeiro que vai polo seu lado sur, apreciamos perfectamente os dous sistemas dunares que ten e o bater das ondas ata chegar á Punta Arnela, ou Robaleira, marabillándonos da paisaxe que nos rodea, apreciándose perfectamente a zona que acabamos de percorrer no lado norte da enseada.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
O paso pola Arnela permite ver os dous sistemas dunares e a recuperación da parte queimada en 2018.

Aquí o sendeiro vira á esquerda para acometer a primeira subida do día. Hai un par de rampas que conducen a un camiño chairo no que a subida suavízase bastante.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Deixada atrás a enseada de Arnela, continuamos por un fermosísimo tramos de costa.

O que son as cousas. A primeira vez que intentei avanzar dende aquí por esta costa non fun quen de facelo polos meus problemas de vértixe. Na segunda ocasión, unha vez que pasou o groso do grupo, animeime, indo na compaña de Alfonso, que me tivo que botar a man nalgún momento para axudarme. E desta vez, a pesar de ir dándolle á cabeza durante bastante tempo, continuei sen maiores problemas.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Superada a Punta Lagoa, pouco a pouco, imos gañando altura por un tramo practicamente sen desnivel.

Hoxe, ata me parei nalgún punto a facer fotos, como á Punta Loga, nos mapas illa de Vilar, que semella un caimán medio sumerxido na auga. Coméntame Suso que este accidente xeográfico antigamente era unha illa, e que un gran desprendemento provocou que quedase unida a terra. A altura á que imos é considerable o que permite ter unha visión da costa impresionante, dos mellores tramos do Camiño dos Faros. Imos por un carreiro sobre unha canle de captación de auga e na segunda parte deste tramo, practicamente sen desnivel, faise moi levadeira.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
No Veladoiro seguimos gozando das vistas, cos últimos cantís da etapa, caendo abruptamente ao mar.

Unha pequena subida con bastante desnivel, déixanos no camiño que conduce ata o monte Veladoiro, no Cabo da Nave, onde están instaladas unhas antenas de comunicación. Con tranquilidade chegamos a este punto, que supón a cota máis alta da andaina (234 m), onde nos xuntamos e reagrupamos, gozando das vistas cara atrás. Tamén aproveitamos para repoñer forzas e facer un pequeno descanso antes de afrontar os últimos quilómetros. O día mantense con algo de vento, aínda que xa abriu bastante e ata apreta algo o sol.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Cesta repleta de fermosísimos cantarelos. Que envexa!

Continuamos tras as antenas para baixar pola estrada de servizo e no descenso seguimos desfrutando das vistas, que desde este miradoiro son espectaculares: á nosa dereita, a Nave que cae en picado, co Berrón na extrema, aló en baixo; de fronte, os últimos cantís da etapa, os de Corticeiras, tamén caendo abruptamente ao mar, a praia de Mar de Fóra, o impresionante Monte Facho, que no seu extremo agacha o final do percorrido, o faro de Fisterra.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
E xantamos con estas vistas, a praia de Mar de Fóra, o Monte Facho, o Centulo… que marabilla!

Deixamos a estrada ao chegar a un cruce á dereita e continuar por unha pista forestal que nos achega aos cantís. No piñeiral cruzámonos cun micólogo que leva unha cesta de cantarelos fermosísimos. Coméntanos que nestes montes hainos practicamente en calquera época do ano. Que riqueza!

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Para chegar a Mar de Fóra temos que superar unha pendente bastante pronunciada.

Pouco a pouco o descenso vaise facendo máis pronunciado ata que divisamos a praia de Mar de Fóra. Antes de acometer a baixada con forte pendente ata a praia, decidimos parar a xantar no medio do camiño con esta fermosa paisaxe. Que luxo! E percorremos a última praia do Camiño, Mar de Fóra, praia perigosa para o baño ao estar orientada a mar aberto, como as anteriores, pero que hoxe está perfecta para percorrer.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
O Centolo (ou Centulo), unha rocha de 25 m de altura, dende Mar de Fóra.

Cruzamos o areal moi relaxadamente ata coller a pasarela de madeira que nos conduce cara a Ínsua. Pasamos xunto ao Bar da Insua, xa famoso polo seu mural sobre o Camiño dos Faros, onde Jaime se detén a cambiar o calzado mentres fala animadamente cunha veciña que nos desexa unha boa andaina. Atravesamos o lugar e iniciamos a subida ao Facho por un antigo sendeiro encaixado, coido que de orixe romana, mentres imos lembrando as etapas percorridas deste fermoso Camiño.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Cara atrás, as vistas son fermosísimas: A Nave que cae en picado, co Berrón aló en baixo, o camiño tamén caendo á praia de Mar de Fóra

Xa teño comentado en entradas anteriores o lugar de lenda no que nos atopamos: a Ara Solis, onde se facían ritos de culto ao astro rei, ou o San Guillerme, un anacoreta que construiu alí unha ermida, e onde as parellas estériles se deitaban nas Pedras Santas para acadar a fertilidade… e a uns centos de metros mar adentro, vemos O Centolo (ou Centulo), unha rocha de 25 m de altura que, segundo X.L. Franco Grande, lembra á máscara que representaba ao demo no Corpus. Esta relación demo-centulo é clara pois nesta zona naufragaron o Captain, o Bitten, o Blas de Lezo, o Lyonne, o Rosseul… un verdadeiro demo para a navegación.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Superada a última costa, chegamos a unhas rochas a xeito de miradoiro, que nos permiten ver por primeira vez o faro de Fisterra.

Aínda nos queda un último repeito, de moita pendente, preámbulo do premio que teremos ao culminalo, as primeiras vistas do Faro Fisterra. Parámonos un momento nun miradoiro desde o que vemos xa o Faro mentres agardamos a que chegue todo o grupo.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Só queda descender pola estrada e achegarnos ata o faro.

Culminada a subida comezamos o descenso por estrada cara ao faro de Fisterra, que desde arriba vese moi fermoso ante a inmensidade do Atlantico. Unha vez no faro, as fotos de rigor, baixada ata a Baca (mágoa que a autoridade portuaria da  Coruña non a repare e fa faga soar en tempo de borraxeira), e damos por finalizado o percorrido ao pé da bota que queda de peregrino sobre unha rocha no mesmo Cabo. Aínda houbo que explicarlle a un grupo de mulleres que están queimando uns papeis que iso non se pode facer por estar nun espazo natural protexido, aclarándolles que é falsa a crenza da “ancestral tradición dos peregrinos de queimar as roupas usadas” na peregrinación e deixar aquí as botas. A pesar de quedar algo contrariadas, entendérono.

Camiño dos Faros. De Rostro a Fisterra
Fin de etapa deste fermosísimo Camiño dos Faros no mesmo faro de Fisterra.

Antes de emprender o regreso a Santiago, baixamos a Fisterra e celebramos o remate desta edición do Camiño dos Faros tomándonos unha boa cervexa. Fin de etapa deste fermosísimo Camiño dos Faros, unha proposta de senderismo pola Costa da Morte que paga moito a pena percorrer. Natureza en estado puro!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio