Camiño dos Faros. De Touriñán a Rostro


335 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (4 votos, media: 5,00 de 5)
Loading...
Preme nas imaxes para velas a tamaño completo
Parte do camiño andado, coa praia de Nemiña e a aldea de Talón, ao fondo.

Comezamos a nosa ruta de hoxe ao pé do faro de Touriñán. O primeiro treito, ben fermoso, vai moi pegado á costa pasando ao carón da illa Herbosa. Ao pouco chegamos á boleira de Touriñán, un fermoso coído usado como pequeno porto. Logo a ruta segue entre o cantil e o monte do Facho de Touriñan ata chegar ao lugar de Talón xa moi preto de Nemiña, que cruzaremos pola pista que vai a media altura rumbo a Lires. Deste xeito poderemos gozar das fermosas vistas da praia, duna e mar. Chegaremos a Lires ao pouco de cruzar a ponte do Vaosilveiro sobre o río Castro. Logo, o camiño segue pasando polas calas de Area Grande e Area Pequena, punta Besugueira, O Petón Vermello e a Mexadoira ata chegar á praia do Rostro, onde rematamos.

  • Lonxitude: 17 km
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

Retomamos o Camiño dos Faros no cabo Touriñán, e que gañas tiña! Despois de perderme as dúas etapas anteriores por circunstancias que non veñen ao caso, hoxe vou percorrer unha que cando a fixo o grupo de sendeirismo da USC en 2018 (que quedou reflectida na fermosa crónica que nos regalou Suso), eu non puiden acompañalo. E semella que hoxe vou ter máis sorte que daquela, pois temos un día claro e caloroso, fronte a aquel día de borraxeira que perdurou durante case toda a xornada.

Cara ao norte, a vista alcanza ata o fermoso perfil de Cabo Vilán.

Logo de facer unha parada na Pereiriña para tomar un café e estirar un pouco as pernas, antes de chegarmos ao faro, ao paso polas últimas casas da aldea de Touriñán, o Suso sinálame a construcción que ten as lacenas máis occidentais de Galicia e, visto así, as máis occidentais da Europa continental!

Pequenos grupos de mascatos pasando fronte a Touriñán rumbo ás costas norteñas europeas.

Xa no cabo, preparámonos entre os edificios dos dous faros para iniciar a andaina. O faro vello, construído a finais de 1898, e o novo, inaugurado hai pouco máis de corenta anos que, arquitectonicamente, non ten unha feitura tan chamativa como pode ser o de Punta Nariga, por exemplo, pero que si cumpre perfectamente coa función para a que foi contruido, ademáis de estar nun entorno espectacular. Achegámonos ata a súa pequena terraza para divisar a costa dende alí. Cara ao norte, albiscamos o fermoso perfil do cabo Vilán e cara ao sur a vista alcanza ata o cabo da Nave e moito do camiño que imos percorrer hoxe. Pero o que realmente nos chama a atención son as bandadas de mascatos que comezan a súa migración cara as costas do norte europeo. Que marabilla!

O faro novo novo, inaugurado hai pouco máis de corenta anos, non ten unha feitura tan chamativa como a doutros faros.

Camiñamos entre vexetación basicamente formada por queiroas e toxos, que resaltan especialmente neste tempo ao estar en plenitude de colorido, e en nada poñémonos na rampla do coído de Touriñán, utilizada como pequeno porto de embarcacións menores.

O camiño entre a vexetación está ben marcado. Non ten perda.

Logo de explicarnos Víctor o desenvolvemento da xornada cos puntos máis salientables que imos percorrer, camiñamos rumbo sur bordeando a cara máis occidental do cabo, gozando dos coídos e formacións de laxes que a marea baixa nos permite ver, ao quedar case ao descuberto á altura do illote do Herboso.

Illote do Herboso.

Continuamos por unha pista entre os valados, paredes de diferentes tipos que enchen a paisaxe, singularizándoa. Marcan, protexen e dan acubillo. Protexían da entrada de animais nos cultivos; tamén protexen do salitre do mar, impregnado nos ventos mariños. Hoxe, moitas destas pequenas terras están en desuso.

As poucas terras de cultivo aproveitábanse protexéndoas con valados do salitre do mar.

A andaina é cómoda e con conversa animada. Unha parella que vai canda min detense de súpeto pois el acaba de notar que as solas de goma das súas botas están comezando a despegarse. Reparan como poden o contratempo, e continuamos, agardando que a cousa non vaia a maiores, pois aínda queda moito por andar. Teño visto algunha vez este tipo de problema e soe darse en botas vellas que levan moito tempo sen usarse, polo que hai que evitar este tipo de práctica.

Antes de entrar en Talón xa se nos abre a paisaxe coa amplitude da praia de Nemiña e a pequena ría de Lires.

Pasamos por Talón, dende onde divisamos a amplitude da praia de Nemiña, á que axiña chegamos polo seu extremo norte. Xa no areal, e logo de superar unas poucas casas, a maioría segundas residencias ou destinadas a turismo, seguimos pola pista ata Vaosilveiro, que vai a media altura do complexo dunar, o que nos permite ir gozando enormemente da paisaxe coa praia practicamente valeira, pois a esta hora só esta ocupada por un pequeno grupo de surfistas. Tamén hai opción de percorrer os 800 metros de areal e, tendo gañas de bañarse, pódense atallar uns cantos km cruzando pola desembocadura do río Castro á outra beira.

En Nemiña, o camiño que conduce a Vaosilveiro está feito sobre a duna que se estende monte arriba, tapizada de vexetación.

A entrada en Vaosilveiro facémola polo Camiño de Fisterra a Muxía (ou de Muxía a Fisterra). Neste punto sempre me lembro desta ponte para poder cruzar o río Castro, pois é unha ponte feita non hai moitos anos para substituír os pasais, que aínda se ven ao seu carón no leito do río.

Ata o outono de 2010, en que se abriu a ponte, os camiñantes debían salvar o río Castro por estes pasais de pedra postos en 2000.

Aproveitamos as dúas beiras do pretil para facer a primeira parada de descanso mentres saudamos a pequenos grupos de peregrinos, case todos camiño de Muxía. Tamén me achego á beira do río para facer unhas fotos, mentres penso como debería ser cruzalo daquela por estes pasais, pois as pedras para facilitar o paso semellan estar sempre cubertas de auga e fanse perigosas andar sobre elas. Supoño que caería máis dun. Aínda así, sigo pensando que coa ponte este lugar perdeu parte do seu atractivo natural e evocador.

Pasado o núcleo de Lires, continuamos o percorrido pola beira esquerda da ría.

O río é límite municipal, deixamos aquí o concello de Muxía e entramos no de Cee. Reagrupámonos ao cruzar a ponte, e só queda subir ata Lires, unha aldea asentada nunha ladeira ao fondo da pequena ría do mesmo nome e mirando cara ao areal de Nemiña e o monte Nen. O paso por Lires é rápido e en nada poñémonos na boca da ría pola marxe esquerda, recuperando a senda pola costa, que xa non abandonaremos ata o final do percorrido.

Dende a praia de Lires temos unha fermosa vista da de Nemiña, co camiño a media altura da ladeira do monte.

A partir de aquí, comeza unha parte diferenciada do que levamos andado, un pouco máis dura, pero sen dúbida moi formosa, axudada pola vexetación en flor durante practicamente todo o que resta de andaina. Antes de estreitar o camiño, atopamos a Fonte Soleiros “Se tes mal de amores bebe da Fonte Soleiros, que a falta dun bo mozo sáenche sete zalameiros“. Camiñando a certa altura sobre o nivel do mar, volvemos recuperar as vistas de pequenos areais case contiguos como Area Pequena e Area Grande, de acceso difícil.

Pequenas praias case contiguas son as de Area Pequena e Area Grande.

Estamos camiñando por un punto privilexiado desta etapa. Case non sabes para onde mirar. Se o facemos cara atrás, vemos o colorido de queiroas e toxos, que resaltan en toda a paisaxe pola que andivemos esta mañá.

O colorido de queiroas e toxos resaltan en toda esta paisaxe espectacular.

Cara adiante, alfombras de flores de pequenas plantas, destacando as margaritas, que xorden invadindo o carreiro polo que camiñamos e continuan por estas abas case perpendiculares que caen directamente ao mar de cor azul turquesa na rompente. Un mar bravo, que hoxe encontramos calmo, “Alónxate do mar manso, que o bravo xa se ve vir”.

Á altura da Punta do Narís, case temos que intuir o camiño por onde andar.

Volvemos parar para facer un descanso e xantar algo. Decidimos facelo á beira dun valado, no que temos pouca sombra a esta hora do día, pero suficiente para que non nos dea o sol na caluga mentres comemos. Falamos de plantas, das abrótegas ou das orquídeas silvestres que nos atopamos polo camiño, e de microtoponimia, pois o Suso, coméntanos a cantidade de nomes que hai neste entorno, e en toda a costa galega, e que pouco a pouco vanse olvidando. Tampouco enredamos moito e retomamos axiña a marcha.

Volvemos superar desniveis, de subida e de baixada, que, aínda que pequenos, esixen que lles teñamos que prestar a máxima atención.

Uns poucos quilómetros máis, e pasados o valado da Camadeghua e a Fontexunca, onde nos reagrupamos, xa alcanzamos a ver o Petón Vermello. A baixada pegados ao cantil ata que cruzamos o pequeno rego da Mixirica (uns metros antes da pincheira que fai ao caer na Mexadoira), é fermosísima.

Baixando cara á Mexadoira xa temos unha vista case completa da praia do Rostro.

Un último repeito por un camiño sitúanos na parte alta do monte que, de seguido, nos deixa en Rostro. Que vista máis fermosa temos deste areal tan espectacular.

Non se podía ter mellor día para facer esta etapa, e teño que dicir, que había tempo que non gozaba tanto camiñando.

 


Vídeo




2 comentarios en “Camiño dos Faros. De Touriñán a Rostro”

Deixa un comentario

*