Ruta por Hervás

Ruta por Hervás
Vista de Hervás dende a Ponte de Ferro

Hervás é un fermoso pobo do norte da provincia de Cáceres, onde fixemos a última das nosas rutas nesta estadía. É unha ruta tranquila, sen complicacións, que transcorre máis ou menos preto do río del Valle por zonas de bosques e outras adicadas a pequenas labores agrarias. Este val está rodeado de serras con cumios que acadan os 2000 m de altitude. A paisaxe é moi fermosa.

MIDE: Ruta por Hervás

  • Horario: 3,5 h
  • Desnivel de subida: 260 m
  • Desnivel de baixada: 260 m
  • Distancia horizontal: 11 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3

Comezamos a camiñar…

No último día, logo de recoller todo no hotel de Plasencia e comenzando xa a viaxe de volta, paramos en Hervás, pois non podiamos marchar desta terra sen visitar esta vila.

Ruta por Hervás
Camiñar por estas rúas estreitas do barrio xudeu é moi fermoso, sen orde aparente, conservan moi ben a estrutura orixinal dos s. XIV e XV.

A poboación atópase na comarca do Val do Ambroz, rodeada de natureza, ademais de ser un auténtico pracer para os sentidos, xa que no seu centro histórico atópase unha das xudarías mellor conservadas de España.

Ruta por Hervás
A igrexa está situada no punto máis alto de Hervás, no lugar onde se situaba o castelo templario.

Logo de descender do autobús, reagrupámonos diante do IES Valle de Ambroz e, desde aquí, por estreitas rúas de certa pendente, chegamos á Igrexa de Santa María de Aguas Vivas, situada no punto máis elevado de Hervás, ao estar construida no lugar onde se situaba o castelo templario do século XIII. Mantendo a estrutura defensiva orixinal coa torre e o recinto amurallado que a rodea, a igrexa é de estilo renacentista e construiuse entre os séculos XVI e XVII.

Ruta por Hervás
Moitas das casas presentan as paredes cubertas de tellas, para protexerse da choiva e a neve.

Nesta zona máis abrupta e desnivelada do pobo sitúase o barrio xudeo, formado por rúas en pendente, estreitas e sen orde aparente, que conservan moi ben a estrutura orixinal dos séculos XIV e XV. Moitas das casas que vemos na actualidade son de adobe coa típica armazón de madeira e balconadas no segundo andar. Tamén vemos algunha casa coas paredes cubertas de tellas pegadas en vertical, tanto á vista como cubertas con cal, para protexerse da choiva e a neve.

Ruta por Hervás
Cruzada a ponte, as vistas cara a Hervás son únicas.

Descendemos agora desde o barrio xudeu ao río Ambroz. Nesta fermosa paraxe atópase a ponte de la Fuente Chiquita, do século XVI, que en tempos era a única entrada á cidade. Cruzada a ponte, as vistas a Hervás son únicas. Que fermosura de pobo!

Ruta por Hervás
As mapoulas abundan nas beiras do camiño polo que andamos

Saimos da vila camiño do río del Valle, un pequeno afluente do Balozano, e este do Ambroz, pero que discorre por unhas paraxes moi fermosas. Primeiramente imos por camiños veciñais entre extensións de cultivo, principalmente adicadas a plantacións de cerdeiras, e extensións de prados onde pasta gando, vacún fundamentalmente, coas beiras dos camiños sementadas de mapoulas ou do romeu en flor, entre outras máis que non coñezo. Dá gusto camiñar así!

Ruta por Hervás

Pouco a pouco, río arriba, esta paisaxe vai cambiando por vexetación de ribeira e, unha vez cruzada a ponte da Candelera, o camiño lévanos por carballeiras en moi bo estado de conservación.

Ruta por Hervás

Son agora ameneiros e freixos, rodeados de masas forestais de castiñeiro e de carballo melojo, que dan paso a aciñeiras e sobreiras nas zonas baixas.

Ruta por Hervás
Nazareno  (Muscari comosum).

Como nas anteriores xornadas, a primavera déixanos fabulosos regalos en forma de plantas con flor, como as orquídeas silvestres ou os nazarenos (Muscari comosum) que me amosa María e non dubido en fotografar cos seus volumes e texturas. Tamén reparo na pantorra (colmenilla en castelán), unha preciada seta, de aroma delicado e gran presenza na cociña francesa, sobre todo.

Ruta por Hervás
Pantorra (Morchela esculenta).

Pouco a pouco imos regresando e volvemos dar co río del Valle, que cruzamos aproveitando unhas pedras deitadas no seu leito, axudados pola pouca auga que leva nese punto, nunha paraxe moi fermosa.

Ruta por Hervás
Cruzar o río del Valle neste punto non supuxo maiores dificultades.

O último tramo da andaina, antes de comezar a gozar das rúas de Hervás, facémolo comodamente polo Camiño Natural, que discorre sobre o antigo trazado do ferrocarril Palazuelo-Astorga, que seguía, en boa medida o trazado da romana Vía da Prata. Achegámonos á Ponte de Ferro situado sobre o río Ambroz desde o que as vistas a Hervás son fantásticas.

Ruta por Hervás
Por aquí pasaba a liña de ferrocarril, coñecida como Vía da Prata, que comunicaba Plasencia con Astorga.

Ao rematar, antes de emprender a viaxe de regreso, houbo tempo para ver o pobo e poder pasear polas súas rúas, que ben merece a pena, xa que é un dos pobos máis bonitos da provincia de Cáceres.

Ruta por Hervás
Dende a Ponte de Ferro volvemos gozar dunhas vistas sobre Hervás moi fermosas.

Á altura da praza do Convento, fronte á igrexa de San Xoán Bautista, damos por rematada a andaina. Penetrámonos polas rúas de Hervás e vemos o gran ambiente que hai e a cantidade de bares e restaurantes abertos. O camiño condúcenos ata a fermosa Praza Corredera, a principal da cidade, construída en 1615 tras o crecemento da poboación, e onde se realizaban festexos taurinos e diferentes actos lúdicos.

Ruta por Hervás
Pasando pola fermosa Praza Corredera

Hai tempo para a visita e, despois de mudarnos de roupa de deixar a mochila no autobús, facemos unhas pequenas compras e damos un relaxado paseo pola vila. Por suposto, houbo ocasión de tomarlle unha caña, acompañada dun bo xamón de bellota! Camiñar por este pequeno e fermoso municipio foi o mellor colofón que podiamos ter a esta estadía de catro días. Regresamos coas pilas recargadas e con gañas de voltar, máis pronto que tarde.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio