Ruta no val do Jerte
Nesta xornada desprazámonos ao val do Jerte, moi coñecido entre outras cousas polas súas enormes extensións de terreo adicado ao cultivo de cerdeiras, o que o converte nun dos maiores produtores de cereixas. Gran parte de economía desta zona baséase neste delicioso manxar.
A maior parte do percorrido que imos facer transcorre pola Garganta de los Infiernos, e comeza no Centro de Recepción de Visitantes da Reserva Natural de la Garganta. Situada no Val do Jerte, entre a Serra de Tormantos, a vertente sur da Serra de Gredos e o río Jerte. nesta reserva natural pódense contemplar numerosos saltos de auga e fervenzas, así como as marmitas xigantes da zona coñecida como Los Pilones.
É un percorrido que nos leva por un dos espazos máis abraiantes da zona, atravesando ríos, bosques, zonas de matogueiras e miradoiros naturais onde poder parar a observar a paisaxe. A ruta axudaranos a comprender e coñecer os enormes valores naturais do val do Jerte.
O percorrido non ten dificultades, pero si hai algún tramo de sendeiro estreito con zonas de pedras e algunha rocha na que teremos que ir amodo.
MIDE: Ruta no val do Jerte
- Horario: 5 h
- Desnivel de subida: 700 m
- Desnivel de baixada: 700 m
- Distancia horizontal: 15 km
- Tipo de percorrido: Travesía
- Severidade do Medio Natural: 3
- Orientación no Itinerario: 2
- Dificultade do desprazamento: 3
- Cantidade de esforzo necesario: 3
Comezamos a camiñar…
Seguimos con base en Plasencia e madrugando para chegar o antes posible ao punto de partida das rutas. Desta vez, o bus deixounos no aparcadoiro que hai previo ao Centro de Interpretación de la Garganta de los Infiernos, situado xunto á N-110, a estrada que percorre o Val do Jerte, camiño da Garganta.
A Garganta de los Infiernos está situada en pleno corazón do Val do Jerte, e é coñecida polas súas fervenzas e saltos de auga. Pero é sen dúbida a paraxe dos Pilones, ou das marmitas xigantes, o conxunto máis numeroso de pozas escavadas de forma natural pola erosión fluvial, o que lle dá sona a esta ruta.
Nada mais pasar o Centro, comezamos a subir por estrada pola que só poden transitar vehículos autorizados. E menos mal, porque durante o inicio do percorrido non paran da adiantarnos vehículos… de protección civil, da cruz vermella, ademáis dos das empresas especializadas que ofrecen rutas en vehículos especiais 4×4 que provocan que ralenticemos a marcha nestes primeiros tres quilómetros de andaina.
Aínda así, o camiño é moi fermoso, axudado pola aínda luz case horizontal do día, tamizada pola espesa frondosidade. Hai que facer parada obrigada no miradoiro do Chorrero de la Virgen, dende onde divisamos na outra ladeira da Garganta, unha fermosa fervenza, o Chorrero de la Virgen, que se precipita con bastante auga na paraxe coñecida como Riscoespinoso. Lemos nos paneis do miradoiro que estes cursos de auga son torrenteiras de montaña que aportan o seu caudal nos meses de inverno e da primavera, podendo atoparnos a súa canle seca en época estival.
Ademáis dos coches, este tramo comeza a estar moi transitado por outros camiñantes (e aínda é cedo!), pois dende o miradoiro comezamos o descenso a un dos puntos de interés máis coñecidos e espectaculares da Garganta de los Infiernos, Los Pilones, coas súas marmitas xigantes, sen dúbida o conxunto máis numeroso de pozas escavadas de forma natural pola erosión fluvial que hai neste espazo.
Logo de deixar cruzar a pasarela de madeira a un pequeno grupo de xente, paramos pouco nela, pois non dá para deterse con calma para non entorpecer o paso da xente nos dous sentidos. Alcanzamos a outra beira do río e iniciamos o ascenso pola ladeira, levando polo costado esquerdo os Pilones. Ascendemos polo camiño acondicionado sobre a mesma rocha para poder contemplar este tramo e imos protexidos por unha baranda de corda.
Estamos a camiñar por un entorno ben fermoso e dunha gran riqueza natural, con numerosos saltos de auga e fervenzas nos seus innumerables arroios e regatos que forman unha rede de afluentes sobre a garganta principal. A subida ímola facendo pouco a pouco pois percorrer o interior desta reserva natural permite contemplar paisaxes e recunchos moi representativos da Garganta de los Infiernos. Ademais, a afluencia de xente diminuiu bastante, pois a gran maioría quedou no espazo dos Pilones e regresando dende alí ao Centro de Interpretación.
Nós, pouco a pouco continuamos garganta arriba saboreando esta paisaxe. Mentres ascendemos, vemos na outra aba do val, no espazo do Refuxio Puente del Sacristán, ao coche de protección civil que nos adiantara ao comezo da ruta. Nun primeiro momento cremos que están socorrendo a alguén, pero logo nos enteramos que estes días se celebrou un trail por este espazo e están retirando as marcas de plástico do circuito. Está claro que andamos por un lugar privilexiado para o sendeirismo e a carreira de montaña.
En nada chegamos a unha ponte de madeira, que nos mapas está identificada como Puente Nuevo, e que non temos que confundir coa ponte de Carlos V, tamén chamado Puente Nuevo. Facemos unha pequena parada un pouco máis arriba para reagruparnos, á altura do Vado de los Cantares, e aproveitamos para botar unha ollada a esta nova garganta que imos acometer do Collado de las Yeguas, que ten unhas pozas moi suxerentes para darse un baño.
A subida pola garganta do Collado de las Yeguas é moi fermosa. Tamén esixente pois neste arreón chegaremos ao punto de cota máis alto da ruta. Pero de novo gozamos dunha paisaxe estupenda baixo a sombra de rebolos e entre xestas e moita vexetación florida a maior parte da subida.
Xa no alto, reagrupámonos e logo acometemos un pequeno descenso que nos leva ata a ponte Carrascal, na outra marxe da Garganta, onde decidimos facernos unha foto de grupo á sombra, que xa comeza a ser escasa a esta altura da xornada, e o día é caloroso.
Enlazamos así coa senda do Robledo Hermoso. A marcha facémola entre carballos e castiñeiros, primeiro por carreiro para continuar por un camiño, xa de baixada, que conta con algúns tramos empedrados. Neste tramo, imos gozando de fermosas vistas, primeiramente sobre gran parte do camiño percorrido para posteriormente dirixir as vistas dende o alto cara a Ponte Nova ou de Carlos V. Recomendámosvos esta zona da ponte para facer un alto no camiño, pois xa levamos unhas cantas horas de ruta e que mellor espazo para descansar e repoñer forzas!
A ponte chámase así xa que o Emperador Carlos V fixo esa ruta para ir ata o Mosteiro de Yuste, onde pasaría os últimos anos da súa vida, sendo na actualidade unha ruta de sendeirismo que une a comarca do Jerte coa da Vera.
Tamén neste entorno da ponte, hai moita xente que fai coma nós, gozar do río. Seica no verán é un lugar de referencia para vir dende Jerte a pasar o día e darse un chapuzón.<
Logo de descansar, cruzamos a ponte e o camiño segue subindo ata chegar ao Collado de las Losas. En todo o percorrido a natureza loce en todo o seu esplendor, chea de cores, nunha paisaxe marabillosa. Cruzámonos con xente que baixa cara á ponte a pasar a tarde, pero a subida facémola tranquilos, ao noso aire, nada que ver co balbordo da primeira hora da mañá.
O Collado de las Losas é unha encrucillada de camiños, disfrutando das vistas novamente e, de novo, entre carballos e castiñeiros, e tamén de algúns ameneiros, salgueiros e freixos… que variedade de bosques!
A partir do Collado, todo o camiño é de baixada. Baixamos os primeiros tramos zigzagueando por un bosque moi fermoso no Monte Reboldo. A medida que descendemos, transitamos por un sendeiro que discorre á sombra de árbores que nos permiten ver a extensión adicada ao cultivo da cerdeira por todo o val do Jerte. Aínda que non nos cadrou ver o val cuberto de branco, a paisaxe é impresionante!
Xa coa vista do pobo de Jerte á nosa fronte, o camiño discorre entre leiras adicadas ao cultivo da cereixa. O val está repleto de esta árbore froiteira e, a pesar de que xa pasou a floración a gran maioría, nós aínda temos a sorte de camiñar entres estas cerdeiras cubertas de flores.
Camiñamos ata a área de descanso á beira da Piscina Natural El Nogalón, onde damos por rematada a andaina despois duns estiramentos moi necesarios. E moi necesario tamén poñer os pés a remollo nas augas do río Jerte. Que ben senta!
Poderiamos continuar ata o Centro de Interpretación, e facer o percorrido circular, pero decidimos quedar no fermoso pobo de Jerte, que ben merece unha visita, aínda que sexa pequena a estadía.