De Touriñán a Rostro. Camiño dos Faros

26-09-2018
De Touriñán a Rostro. Camiño dos Faros

En xaneiro rematamos a última etapa deste Camiño dos Faros no cabo de Touriñán ao pé do seu faro, así que este será o punto onde imos retomar de novo estas andainas. A ruta de hoxe lévanos ata a  praia de Rostro. É unha ruta con poucas dificultades aínda que na súa segunda parte hai un par de puntos nos que teremos que andar con coidado e prestar atención. Todo o percorrido goza dun alto interese natural e paisaxístico.

Dende Touriñán, seguindo a costa en dirección sur, chegamos ao lugariño de Talón, a un quilómetro escaso da praia de Nemiña, que rodearemos ata chegar a fermosa aldea de Lires. O camiño segue pasando polas calas de Area Grande e Area Pequena, punta Besugueira, o Petón Bermello e a Mexadoira ata chegar á praia de Rostro, onde remata a etapa.

  • Lonxitude: 17 km aproximadamente
  • Desnivel: medio
  • Dificultade: media


Como sempre, baseámonos na completa descrición que fai da etapa de Muxía a Nemiña o Camiño dos Faros, ao que hai que agradecer a promoción desta fermosa zona. A pesar de que o día estivo de borraxeira e non permitiu admirar a paisaxe, pensei en que era bó facer a crónica e o vídeo e amosar a costa tal como está en gran parte do ano. As imaxes son de fotos de Suso e Xerardo, aos que lle agradezo a súa aportación.

Moitos e moitas das que me seguides sabedes que non puden facer este tramo do Camiño dos Faros co grupo de sendeiristas da USC, polo que lle pedín a Suso Devesa, de Sardiñeiro, que nos conte a súa experiencia na andaina. Como non podía ser doutro xeito, Suso é un namorado da súa terra e un gran coñecedor desta costa que pateou dende neno, cousa que se vai evidenciar na súa narración, polo que debeu ser un gustazo acompañalo neste percorrido. Supoño que haberá ocasión de facela máis adiante. Dada esta espectacularidade de ruta, ocurreuseme poñer, co seu permiso, o correo e as fotos que me remitiu que, xunto coas de Xerardo, dan boa conta do que foi a xornada, e creo que paga a pena desfrutar da súa sensibilidade, a pesar de que a borraxeira impediu ter unha mellor vista da paisaxe. Agardo que vos guste o relato tanto como a min. E o mesmo digo das fotos, nas que teño que indicar que dada a pouca visibilidade nalgún punto, intercalo varias sacadas noutros momentos para ilustrar a fermosa paisaxe por onde andiveron.

De Touriñán a Rostro. Camiño dos Faros

Segundo se sae do entorno do faro de Touriñán, pódese ver pola dereita a illa do Herboso. O camiño vai por un descampado entre toxo baixo ata a rampla do coído de Touriñán; continuando por unha pista entre valados, pasamos Talón e axiña chegamos ao extremo norte do areal de Nemiña. Recorrendo esta praia duns 800 metros e tendo gañas de bañarse, pódense atallar uns km cruzando o río Castro pola desembocadura, pero máis seguro é seguir a pista ata Vaosilveiro e cruzar o río Castro pola ponte que fixeron non hai moitos anos para substituír os pasais.

De tódolos lugares que atopamos na ruta, o máis desenrolado é Lires. Está situado na beira do río Castro e atravesado polo camiño xacobeo que vai de Muxía a Fisterra, nunha contorna de gran riqueza natural e paradisíaca que non tardaron en explotar os lugareños, pois foron dos primeiros en alugar cuartos nas casas de labranza. Antes da construción da piscifactoría, o caudal do río permitía subir aos reos e aos salmóns que se teñen chegado a coller coas forcadas; tamén eran frecuentes as londras que se cazaban para vender a pel e, na desembocadura, abundaban os cangrexos (na temporada do polbo os mariñeiros de Sardiñeiro levaban sacos deles ao lombo para usar de cebo), e os lubións (peixe alongado, tamén chamado bolo,  que se enterra na area), que a xente pillaba meténdose na auga e cacheando o fondo cun fouciño. Exceptuando as casas dos labradores con máis terras, que vivían fundamentalmente da agricultura, os menos favorecidos tiñan que apelar ao mar para paliar as escasezas. Entre Touriñán e Fisterra non hai ningún abeiro con calado suficiente que permita fondear barcos de pesca que resistan nunha costa tan batida; soamente na punta norte da praia de Nemiña ou no seo da ría de Lires pódese ter algunha chalana para largar uns tramallos ou unhas nasas. Ao sur do río Castro, os poucos mariñeiros que había nas aldeas de Canosa, Padrís, Castrexe, Suarriba, Buxán… ían e viñan camiñando ata Sardiñeiro, o punto máis achegado no que traballar.

De Touriñán a Rostro. Camiño dos Faros

Outro recurso mariño era o marisqueo, a opción máis dura e perigosa. Case non había ano que non morrese alguén apañando percebes. A necesidade obrigaba e a xente, arriscando ata a morte, descolgábase polas pedras, amarrada polo chicote dun cabo para non ser arrastrada polo refluxo das ondas; escasamente protexidos pola roupa, e calzados cunhas zapatillas moi sinxelas, quedaban sinalados nos brazos e nas pernas polas rabuñadas do arneirón. Amais do percebe, que se collía para vender, aproveitábanse as mareas vivas, pola necesidade de completar a dieta, para andar aos ourizos, cunchos (mexillóns), peneiras, caramuxas ou lapas, pero eran actividades de último recurso e vergoñentas, pois indicaban que se pasaba fame (de ahí ven a expresión estar alapado, cando se vía a alguén comer con moita ansia). Do mar tamén se recollía o argazo para estercar as leiras e cando os temporais acometían o litoral, patrullábase a costa en busca das crebas…

De Touriñán a Rostro. Camiño dos Faros

Logo de pasar Lires e recorrendo a marxe esquerda da ría, achegámonos á Punta do Mellón. Queda por facer a terceira parte da ruta, a máis dura da xornada, polo toxo e os desniveis que, aínda que pequenos, esixen atención. Antes de estreitar o camiño, atopamos a Fonte SoleirosSe tes mal de amores bebe da Fonte Soleiros, que a falta dun bo mozo sáenche sete zalameiros e case seguidas, dúas pequenas praias, Area Pequena e Area Grande, de baixada difícil. Uns km máis e pasados o valado da Camadeghua e a Fontexunca, vemos o Petón Vermello, cruzamos o pequeno rego da Mixirica (uns metros antes da pincheira que fai ao caer na Mexadoira), e seguido chegamos a Rostro.

Non me quero imaxinar como vai estar o Suso cando rematemos este camiño en Fisterra… xa teño gañas de que chegue a última etapa deste fermoso Camiño dos Faros!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio