Ascenso ao Pico Gilbo

Ascenso ao Pico Gilbo
As vistas dende o cumio do Gilbo son fantásticas. 📷 Jaime Arcay

O Gilbo é unha das montañas máis emblemáticas de Riaño, pola súa beleza e o seu aspecto. A ruta é circular e comeza a carón do encoro. E unha ruta variada, xa que pasa por diferentes zonas da montaña e isto nos permite gozar de diferentes paisaxes. Ten tramos de bosque moi fermosos, así como outras zonas máis abertas onde poderemos gozar de moi boas panorámicas. O tramo máis complicado radica na última parte do ascenso (ata aquí non hai problema), xa que ten zonas de moi forte pendente, esvaradías, onde é importante manter o equilibrio e ter certa destreza. Probablemente haxa que axudarse coas mans. Tamén pode dar vertixe.

MIDE:

  • Horario: 3,5 h
  • Desnivel de subida: 606 m
  • Desnivel de baixada: 606 m
  • Distancia horizontal: 8,8 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Orientación no Itinerario: 3
  • Dificultade do desprazamento: 3/4
  • Cantidade de esforzo necesario: 3

Comezamos a camiñar…

Regresamos de novo á zona de Riaño, ás montañas do Alto Esla, un dos lugares da Cordilleira Cantábrica máis fermosos para práctica do sendeirismo. Hai que madrugar, pois temos por diante unhas seis horas de viaxe, pero coido que paga a pena xa que tiña moitas gañas de volver e o plan que levamos é espectacular pois, á diferencia da visita que fixemos en 2017, esta vai ser unha estadía máis montañeira.

Ascenso ao Pico Gilbo
A diferenza doutros encoros, o nivel de de capacidade do de Riaño sorprende polo alto que está.

Pouco antes de chegar a Riaño paramos na outra beira da ponte que salva o encoro para facer a nosa primeira ruta, o Gilbo (1679 m). Para ser un xoves, sorpréndeme a cantidade de vehículos que hai aparcados nos dous lugares habilitados para facelo, polo que imaxino que imos encontrarnos con xente facendo esta ruta. Eu agardaba que iniciaríamos a andaina dende o pobo de Horcadas, como fixéramos na ruta na que percorremos a base do Gilbo pero, desta vez, decidimos comezala á beira do encoro.

Ascenso ao Pico Gilbo
O camiño inicial, practicamente sen desnivel, permítenos ir gozando da paisaxe.

E que acerto! Xa desde o aparcadoiro as vistas cara a Riaño, o encoro e a montaña que o rodea son moi fermosas. Logo de prepararnos e de expicarnos Víctor o desenvolvemento da andaina, collemos unha pista practicamente sen desnivel que sae a man esquerda da estrada; unha vez salvado un paso canadiano, percorremos durante un quilómetro aproximadamente parte da beira do encoro. É un bo xeito de comezar pois imos en animada conversa e gozando enormemente da paisaxe. Pola hora na que andamos, cruzámonos con dous ou tres grupos que veñen de regreso, polo que entendo que non debe quedar moita xente arriba.

Ascenso ao Pico Gilbo
Abandonamos o camiño e iniciamos o ascenso.

O duro no tarda en chegar. Tras un inicio por terreo algo despexado entre xestas enormes, gran parte da subida inicial facémola pola sombra e discorre entre bidueiros, salgueiros, capudres, carballos, faias… un bosque que loce estas follas primaverais cun verde esplendoroso, que axuda a amortiguar a calor que hai no ambiente.

Ascenso ao Pico Gilbo
Gran parte da subida inicial facémola pola sombra

Unha vez que saímos ao claro, xa co impoñente Gilbo de fronte, aproveitamos para xantar, e acometer o último tramo do ascenso máis descansados. Como no 2017, cando subimos ao Porto de Horcadas, o Jaime debeuse de acordar da empanada que trouxo daquela e hoxe volveu repetir menú. Que boa está! A pesares deste manxar e das agradecidas sombras nas que nos refuxiamos para xantar, unha vez que saímos… a calor lémbranos que temos aínda un bo treito de subida por diante.

Ascenso ao Pico Gilbo
Seguimos gañando altura saindo do bosque xa co Gilbo á fronte.

Hai que tomalo con calma pois imos na busca do collado da Pedrera, o primeiro obstáculo a salvar. Para acceder a el hai que superar un pequeno tramo rochoso de certa verticalidade, pero este esforzo si que está recompensado. Que vistas temos desde aquí! De feito, este punto é o elixido por Víctor para quedar os que temos suficiente sen necesidade de subir máis.

Ascenso ao Pico Gilbo
As vistas dende o collado da Pedrera son moi fermosas.

Xa teño comentado noutras entradas os meus problemas de vertixe e, polo que me contan, aquí hai un par de tramos aéreos, polo que decido quedar. Tamén me dí Rocío, que subiu hai pouco, que a partir de aquí empeza a parte máis esixente da ruta, tanto polo forte desnivel como polo incómodo do camiño a seguir, pois en moitas zonas a rocha está moi puída o que a fai moi esvaradía. Subindo non ofrece demasiado problema, pero baixando hai xente que o pasa mal. Este collado, coa Pena Sarnosa en primeiro termo, é un bo sitio para parar, agardar a que o resto faga cumio, regrese e iniciemos o descenso todos xuntos.

Ascenso ao Pico Gilbo
O groso do grupo iniciando o tramo final do ascenso.

O groso do grupo reinicia a marcha e vou vendo como pouco a pouco, inician a subida cara ao cume do Gilbo (1679 m). Coméntanme Jaime e Xerardo que pasadas as tres e media fan cumio, e que grazas a este día claro que estamos a ter, dende o Gilbo gozan de moi boas panorámicas. Poideron distinguir perfectamente Horcadas, o val do Esla, o pobo e o encoro de Riaño, picos tales como Peñas PintasYordas ao norte, xunto cos primeiros cumios de Picos, máis lonxe os tres grandes da montaña palentina como son o Espigüete, coa súa característica forma piramidal, o Curavacas e Peña Prieta, así como o Jano e Jaido máis ao sur. Que envexa!

Ascenso ao Pico Gilbo
A medida que se ascende, as vistas son máis amplas. Á esquerda Cueto Cabrón (1.539 m). Ao fondo, nevados, os Picos de Europa. 📷 Jaime Arcay

Tras uns instantes alí arriba gozando ao máximo, facendo fotos e gravando vídeos que aproveito para ilustrar a miña ausencia, emprenden a baixada polo mesmo camiño gozando destas vistas tan espectaculares. Pero a baixada no é nada doada, e hai que facelo con moito sentidiño. Se subiron con coidado, o descenso hai que facelo con máis coidado aínda e usando bastante as mans para axudarse. Rocío tiña razón, o camiño escorrega bastante.

Ascenso ao Pico Gilbo

Pouco a pouco van chegando e ímonos reagrupando no collado da Pedrera, que non tardamos en abandonar, pois aínda temos camiño por diante, logo de salvar esta pequena parede. Unha vez na pradaría baixo o collado da Pedrera, vese de forma clara a opción que temos que tomar: un sendeiro protexido por unha longa parede rochosa que nos dirixe ao collado Vallarqué.

Ascenso ao Pico Gilbo
Abandonamos o collado dea Pedrera salvando o pequeno tramo rochoso de certa verticalidade, que nos deixa nun cómodo sendeiro.

Na baixada, sinálame Víctor un pequeno grupo de boitres apostados sobre unhas rochas que abrigan este collado Vallarqué, reagrupámonos nel e internámonos nun novo faial.

Ascenso ao Pico Gilbo
A pesar da forte pendente, o descenso polo faial é moi gratificante, con grandes exemplares cunhas formas moi chamativas.

Seguimos perdendo altitude en forte pendente, admirando uns exemplares de faias espectaculares, e agradecidos pola súa sombra. Cando queda pouco para saír do bosque atopámonos co miradoiro das Biescas, dende hai unhas fermosas vistas do encoro e das montañas que o rodean, como o Yordas, que tentaremos culminar mañá.

Ascenso ao Pico Gilbo
Cova da Vella do Monte, personaxe da mitoloxía leonesa.

Xa por camiño doado e sen moito desnivel, pouco máis adiante facemos un pequeno desvío á dereita sinalando cara á cova da Vella do Monte. O lugar é curioso, cheo de recordos variados (para min moitos son lixo) e cun baúl no que deixarlle á vella unha nota cunha mensaxe. Algún de nós adéntrase na cova uns metros axudado pola lanterna do móbil, pero non avanza moito e recúa de contado.

Ascenso ao Pico Gilbo
Dende a beira do encoro podemos ver o Gilbo e parte do bosque que atravesamos no descenso.

Coa cor que ten a auga do encoro e a cantidade de auga embalsada é imposible renderse e non achegarnos á súa beira. Desviámonos de novo para achegarnos ata a área recreativa das Biescas, acondicionada con mesas de pedra. Vou ata a mesma beira do encoro, paro un intre e… a contemplar a paisaxe!

Ascenso ao Pico Gilbo
Xa na pista que nos leva ao punto de partida, podemos admirar o Yordas, cumio que tentaremos subir mañá.

O instante é pequeno pois retomamos o camiño de contado. Tan só quedan un par de quilómetros para chegar ao aparcadoiro pola pista que andivemos á mañá sen ningunha dificultade. María vaime falando da dureza da ruta, incluso con algún momento na subida de certa vertixe que non agardaba, pero que foi compensada con creces pola súa fermosura. Só resta chegar ao bus, instalarnos no hostal Sanz e tomarlle unha cervexa antes de da cea. Esta estadía promete!

Como noutras ocasións, baseeime nesta descrición na lectura da entrada feita no blog de sendeirismo Gata con Botas, que realizou esta ruta, así como outras que faremos estes días, hai menos dun mes. Un blog moi recomendable.

2 comentarios sobre “Ascenso ao Pico Gilbo”

  1. Que bos recordos me trae esta lectura! Agora que xa subín dúas veces teño ganas de facelo dende Horcadas e subindo pola arista… Pero iso son xa palabras maiores. Quen sabe se algún día!

    1. O de Riaño é espectacular e hai tanto onde escoller, e incluso repetir! Ti seguro que a subida a fas dende Horcadas sen problema. Estou co da subida ao Yordas e relendo o teu descenso de fronte pola cara sur é ben fermoso, e semella que arriscado, pero non o vexo para min.
      Eu paseino moi moi ben. Moitas grazas por estes días!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio