Ascenso ao Pico Yordas

27-05-2022
Ascenso ao Pico Yordas
Dende o Yordas, o encoro de Riaño focaliza a atención e tamén algúns dos cumes da montaña Palentina co seu inconfundible Espigüete (2.450 m).

O Pico Yordas é outro dos cumios míticos de Riaño. A súa ascensión é moi fermosa e, igual que o anterior do Gilbo, nos proporciona unhas panorámicas estupendas da contorna e parte da Cordilleira Cantábrica. A ruta é variada, con tramos de bosque e con vistas moi boas sobre o encoro. Os camiños en xeral son bos, aínda que pode haber algún tramo algo máis incómodo que outros, e a última parte da ascensión non ten complicacións.

MIDE:

  • Horario: 7 h.
  • Desnivel de subida: 1065
  • Desnivel de baixada: 1065
  • Distancia horizontal: 20 km
  • Tipo de percorrido: Circular
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4

Comezamos a camiñar…

Hoxe temos por diante unha das rutas de máis sona que hai para percorrer na montaña de Riaño, o ascenso ao Pico Yordas, ou Burín (1964 m). Tamén vai ser a ruta máis longa que fagamos nesta estadía e, para iso, desprazámonos ata Liegos, un pobiño ao noroeste do encoro de Riaño, que nos recibe coas nenas e nenos subindo ao taxi que fai de transporte escolar que os trasladará ao colexio público en Riaño, mentres as nais se despiden deles á beira dunha fonte de catro canos que nos sirve a nós para encher as nosas botellas de auga e prepararnos para comezar a andaina.

Ascenso ao Pico Yordas
Preparándonos na pequena praza de Liegos. Á nosa esquerda xa podemos ver o Pico Yordas.

Como cada día, o Víctor explícanos a dinámica da andaina, xa co noso obxectivo á vista. Saimos do pobo e pronto tomamos a pista de terra que nos levará durante uns cinco quilómetros aproximadamente polo val de San Pelayo, primeiramente polos campos máis próximos ao núcleo e a medida que percorremos o camiño con enormes pradeiras rodeadas de numerosos montes, nas que pastan tanto gando vacún como cabalar.

Ascenso ao Pico Yordas
A primeira e última parte da ruta ten moi pouco desnivel e imos gozando destas estampas primaverais que ofrece a Montaña de Riaño.

Avanzamos con bastante soltura pois o camiño permíteo e xa haberá tempo de ralentizar a marcha. Adiántannos un par de coches todoterreo, un cun de gandeiros da zona mentres que o outro vai ocupado por dous sendeiristas que deciden avanzar nel case ata a base do monte, onde está permitido deixar o coche e aforrarse así uns poucos quilómetros de andaina. Todo este tramo ten moi pouco desnivel e percórrese sen dificultade ningunha, polo que imos gozando da primavera con esta alternancia de zonas de pastos e praderías con áreas de xestas e outras extensas de bosques de faias e carballos principalmente. Unha gozada!

Ascenso ao Pico Yordas
Atopamos grupos de gando, como estes xatos, ao longo do camiño, moitos deles custodiados por mastíns.

Pero temos que apurar un pouco o paso pois, aínda que por agora se camiña moi ben, sabemos que hoxe acabará facendo bastante calor e é mellor aproveitar este fresquío das primeiras horas. Xa dende a saída noto que non me atopo moi ben (a verdade é que estiven bastante frouxo os catro días), pero a medida que vou avanzando na andaina voume encontrando mellor, e así será ao longo da xornada.

Ascenso ao Pico Yordas
Percorremos o bosque de Tendeña a través dunha pista que, pouco a pouco, vaise facendo cada vez máis costaneira.

Non tardamos moito en tomar un camiño á esquerda, atravesar unha pequena ponte e chegar ao cartel que indica a dirección a seguir cara ao Pico Yordas e internarnos no fermoso bosque de Tendeña. A partir de aquí o desnivel vai aumentando pouco a pouco, aínda que imos por unha cómoda pista que conduce ao Collado de Tendeña.

Ascenso ao Pico Yordas
Nada máis deixar a fonte, tomamos unha senda á esquerda na busca do Collado Bahulloso ou Bagulloso.

O andar lento polo esforzo que supón ir superando o desnivel non impide que vaiamos aproveitando a sombra e gozando deste fermoso bosque. Se na primavera está así de fermoso, como será no outono! Pouco a pouco ímonos reagrupando en torno á Fonte la Tejal, que moitos aproveitamos para repoñer auga máis fresquiña. Vai ser fundamental levar bastante auga, pois a partir de aquí non hai fontes nas que repoñela e imos camiñar moito tempo nas horas centrais do día, polo que convén hidratarse ben.

Ascenso ao Pico Yordas
Aquí o terreo polo que andamos suavízase un pouco e seguimos gozando do paseo.

Retomamos a marcha e uns metros máis arriba abandonamos a pista pola esquerda, aínda que hai un camiñante solitario que nos adianta e continua subindo pola pista, non sei moi ben se é por evitar ao grupo ou porque tamén hai un acceso ao cumio polo collado de Tendeña. Supoño que será máis ben o segundo, pois verémolo como nos adianta antes de chegar ao collado Bagulloso, xa na mesma base do Yordas.

Ascenso ao Pico Yordas
O Mampodre ao fondo, con eses pequenos neveiros que non van tardar en desaparecer.

O sendeiro que tomamos é espectacular. A pendente suavízase bastante mentres continuamos polo bosque, no que advirto á miña dereita un par de teixos dun porte espectacular, e pouco a pouco imos saíndo aos claros que nos comezan a amosar unhas vistas das montañas máis próximas e do Mampodre cuns neveiros que non tardarán en desaparecer. Máis adiante teremos unha vista do val polo que viñemos camiñando e do maxestuoso Macizo Occidental dos Picos de Europa. Un pouco máis adiante podemos ver tamén o Macizo Central, ou Urrieles.

Ascenso ao Pico Yordas
Xa sen vexetación que nos protexa do sol, imos camiño do collado de Baguyoso. Ás nosas costas aparece o Mampodre con alúns dos seus cumes.

Despois deste camiñar practicamente sen desnivel, saímos ao claro camiño do Collado Bagulloso, que precede ao último tramo de subida ao Yordas. Volvemos ralentizar a marcha e pouco a pouco imos ascendendo por un carreiro ben marcado, axudados de cando en vez de fitos que nos indican o camiño a seguir. A verdade é que vou sentíndome cada vez mellor e non me está costando nada avanzar. A ver como me atopo cando chegue ao collado…

Ascenso ao Pico Yordas
Chegando ao collado Baguyoso, o camiñante avanzando pola nosa dereita.

Antes de chegar a el, advirto como avanza pola nosa dereita o camiñante solitario que, sen deterse, continúa cara ao cume. Imos chegando aos poucos ao collado e facemos unha boa parada para repoñer forzas.

Ascenso ao Pico Yordas
O ascenso non presenta dificultade e hai fitos que nos levan ata o mesmo collado. Miremos cara a onde miremos, todo é fermoso.

Este pequeno descanso agradécese moito e decido continuar. Restan algo menos de 300 m de desnivel para facer cume e, aínda que é un tramo bastante rochoso, Rocío anímame pois dime que non presenta maior problema. Malo será!

Ascenso ao Pico Yordas
Abandonando o collado Baguyoso e iniciando o último treito de subida ao Yordas.

E chegamos ao cume. O día é fantástico, pois a visibilidade que temos non pode ser mellor. Facémonos fotos e animamos a un par de sendeiristas de Valladolid a que nos fagan a foto de grupo. Que marabilla. Dende aquí temos unha panorámica de 360 graos espectacular. Cara ao norte vense os tres macizos dos Picos de Europa e o pobo de Burón, así como a Majada Burín, e o seu refuxio desta beira do encoro, pola que logo camiñaremos.

Ascenso ao Pico Yordas
Ascendemos por un sendeiro estreito, que se converte nun terreno bastante pedregoso no tramo final.
Ascenso ao Pico Yordas
Víctor e Rocío mirando cara o pico Gilbo, aínda que semella que están barallando a opción do descenso…

Ao suroeste Víctor sinálame as Peñas Pintas (1.985 m.) e o Pico Llerenes (1.895 m.). Cara ao leste, o encoro de Riaño, focaliza a atención e tamén algúns dos cumes da montaña Palentina co seu inconfundible Espigüete (2.450 m). Imposible non facerse un bo feixe de fotos con esta inmensidade de paisaxe detrás.

Ascenso ao Pico Yordas
Os macizos dos Picos de Europa e o pobo de Burón, na beira do encoro.

Esta imaxe idílica do encoro ás veces fainos esquecer que aquí en realidade produciuse un desastre natural e humano moi importante xa que desapareceron varios pobos baixo a auga, simbolizados en Riaño no campanario vangardista, ubicado fronte ao viaduto que cruza o encoro, do que colgan as antigas campás das localidades do val que quedaron asolagadas (Escaro, Salio, Anciles, Huelde, La Puerta e o propio Riaño), querendo representar o silencio destes pobos baixo as augas.

Ascenso ao Pico Yordas
Logo de gozar das vistas, decidimos baixar polo mesmo camiño por onde subimos.

Toca prepararse para baixar. Rocío, que subiu este cume o mes pasado, decidiu facelo pola cara sur, o que significa acometer unha baixada moi vertical con moita pedra solta, pero co gustazo de levar á fronte as vistas do encoro. Nós, pola contra, optamos por facer o descenso polo mesmo lugar por onde subimos e reunirnos co pequeno grupo que quedou agardando no collado, e decidimos parar a comer aquí, todo o grupo xunto.

Ascenso ao Pico Yordas
Esta sería a cara sur, pola que tamén se pode baixar do cume do Yordas. A verticalidade é importante!
Ascenso ao Pico Yordas
De cando en vez, facemos pequenas paradas para gozar da vistas do encoro.

Tardamos pouco e decidimos reemprender a marcha. O plan é ir rodeando o Yordas pola súa base ata chegar ao collado Burín. Practicamente sempre hai algún sendeiro que seguir, moitas veces medio cuberto polas xestas, esplendorosas nesta época do ano, ou sobre pedras que, marcadas con fitos, nos indican o camiño a seguir, evitando así descender máis do previsto. Ademáis imos en moi boas mans, pois tanto Víctor como Rocío dannos moita seguridade. Se nalgún momento hai que parar ao grupo para ter claro o destino, faise e ata que atopan a vía non continuamos.

Ascenso ao Pico Yordas
Na busca do collado Burín, seguimos gozando de vistas moi amplas.

Non sei os quilómetros que levamos. A min parécenme que que xa temos gran parte da ruta feita, pero non é así. Aínda temos que superar un pequeno repeito para acadar o collado Burín e, dende alí, restan máis de seis km para chegar a Liegos coa baixada polo collado, logo, continuar polo bosque de Tendeña e despois percorrer a pista que transcorre polo Val de San Pelayo… aínda que as pernas sofren na baixada, é destas rutas que queres que non rematen!

Ascenso ao Pico Yordas
Ascenso ao Pico Yordas
Á esquerda da cabana xa se aprecia a pista que nos introduce de novo no bosque de Tendeña.

Acadamos o collado e, ao superalo, volven cambiar as vistas, desta vez cara ao norte cos Picos de Europa focalizando a atención. O descenso é doado, sen maiores dificultades, e levamos como punto de referencia un pequeno refuxio, que vemos practicamente dende o alto, cara ao que nos diriximos. Sen chegar a el, deixámolo á nosa dereita e tomamos o camiño que nos introduce de novo no bosque de Tendeña. Sombra! Que gusto!

Ascenso ao Pico Yordas
Un pouco máis abaixo do bosque de Tendeña xa divisamos o camiño que temos que tomar de regreso a Liegos.

Tras gozar do bosque chegamos a unha extensa pradaría, con moito gando pastando tranquilamente, polo que só queda pouco máis dun quilómetro para chegar á beira do camiño, punto de encontro do percorrido mañanceiro, e percorrer os últimos quilómetros ata Liegos pola mesma pista. Sen dúbida, unha ruta longa para non esquecer na que o esforzo viuse recompensado con moitos quilómetros de disfrute visual coas estupendas paisaxes e mergullados no marabilloso bosque de Tendeña que cruzamos.

Como moitas outras veces, un gustazo ler e basearme nas entradas de Gata con Botas e Rutinas Varias sobre esta subida ao Yordas para escribir esta crónica. Moitas grazas por estas fermosas e detalladas crónicas e moitos parabéns!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio