Arredores do Pico Gilbo
Último día de estadía por estas terras. Madrugo e antes de almorzar dou un paseo pola vila e achégome ata a igrexa de Nosa Señora do Rosario, na zona máis occidental de Riaño. De factura románica (s. XIV), orixinariamente atopábase en La Puerta, pobo anegado pola construción do encoro, e trasladada a Riaño en 1989 (seica a aparición imprevista dunha imaxe cuberta de cal representando a Santo Antón, foi o causante de que non se derrubara).
Neste espazo, fronte ao viaduto que cruza o encoro, atópanse tamén un hórreo típico desta comarca procedente de Salio e un campanario vangardista do que colgan as antigas campás das localidades do val que quedaron asolagadas (Escaro, Salio, Anciles, Huelde, La Puerta e o propio Riaño), querendo representar o silencio destes pobos baixo as augas.
Dende esta atalaia, aínda medio cuberta pola borraxeira, vexo como despunta o día sobre o encoro e non quero imaxinar o drama que provocou a súa construción, obrigando a sacrificios que non se viron compensados (non hai quen compense o desarraigo forzado), e as moreas de esperanzas atrapadas no fondo destas augas. A pesares da maxestuosidade desta paisaxe, é triste ver que trinta anos despois, o que ía ser riqueza para o sur da provincia en aras do interese xeral, só o foi para as grandes construtoras e as compañías eléctricas… É hora de subir a almorzar e prepararse para a pequena ruta de hoxe.
Datos técnicos
Esta doada ruta discorre polas abas do Gilbo, sinalizada como PR-LE 52 coa denominación de Collado El Baile, e pódese empezar en Horcadas ou tamén desde Carande Un itinerario sinxelo, de tipo circular, no que se poden observar unhas fermosas panorámicas. Transcorre por camiños en xeral cómodos, salvo algún punto, no que se pode atopar lama.
- Lonxitude: 8 km
- Dificultade: baixa-media
- Desnivel: baixo-medio
Comezamos a camiñar…
Nós comezamos a camiñar dende a área recreativa de Horcadas, pobo do concello de Riaño, aos pés do pico Gilbo, unha das montañas máis emblemáticas da comarca; unha vez acadada a igrexa, continuamos pola pista que sae xusto detrás dela que vai por unha das aproximacións máis utilizadas para a subida ao Gilbo, itinerario que percorremos durante case 3 km ata o Alto de Vallarqué, despois do Prado da Collada, e antes de baixar a Carande.
O Gilbo é unha montaña de modesta altitude, xa que ten 1679 m, pero a súa morfoloxía fai que sexa unha das máis ansiadas polos montañeiros. A súa impoñente cara sur conta con varios itinerarios de escalada.
Na parte alta do percorrido, no Alto de Vallarqué, facemos un pequeno descanso, que algún aproveita para cruzar o valado, que hai que pasar por onde mellor se pode, se queremos asomarnos para ver a zona recreativa de Las Viescas, o encoro, e máis aló admirar o Pandián e a Serra de Hormas, pola que camiñamos onte.
Logo, descendemos e cruzamos o Collado El Baile, nome que fai referencia a unha antiga tradición, de cando os veciños de Horcadas e Carande coincidían neste collado para a recollida da abrótega, que se gardaba como alimento invernal do gando. Finalizado o traballo, compartíanse momentos de baile, merenda e diversión.
Dando vista a Carande e sen adentrarnos no monte, baixamos por pradeira á esquerda, meténdonos despois nun fermoso bosque mixto onde imperan os carballos, entremezclándose carballos albares e rebolos (aquí si que a primavera xa se comeza a notar).
Imos cara abaixo coa estrada de Riaño aos pés, ata que a pista vira á esquerda pola carballeira para baixar ata pasar por unha pequena explotación gandeira. Paramos un anaco para falar co home que a leva, laiándose do mal que o está a pasar o gando por falta de chuvia, pois as vacas case non dan leite, téndolles que dar biberón aos xatos.
Sorteamos a granxa e pasamos un túnel baixo a estrada de Riaño, e xa estamos no cemiterio de Carande onde facemos unha parada para reagruparnos diante dos paneis informativos de diferentes rutasque hai desta beira do encoro.
Seguimos uns metros á dereita por estrada para logo coller a pista á esquerda, coincidente coa ruta Vadiniense, que vai entre pastizais e que xa non abandonaremos, seguindo uns 1700 m ata chegar ao seguinte túnel que nos leva directos de novo á área recreativa de Horcadas. Aínda teño tempo de fotografar algún detalle da arquitectura rural deste pobo. Toca refrescarse e mudarse, pois agárdanos unha boa sesión de autobús ata casa.
Un bonito colofón a esta estadía de catro días, pois foi a ruta máis relaxada das que fixemos, rodeados de fermosas paisaxes. Sen dúbida haberá que volver por estas terras, pero a ser posible no outono.