Ascenso a Peñacorada

29-05-2022
Ascenso a Peñacorada
Percorrendo o macizo de Peñacorada podemos gozar de excelentes vistas.

Peñacorada (1832 m) é un dos picos máis emblemáticos da montaña leonesa, sendo coñecido como “a porta dos Picos de Europa“, que se atopa desviado uns quilómetros cara ao sur do eixo da Cordilleira Cantábrica.  A situación desta mole montañosa entre a parte sur da Cordilleira Cantábrica e a meseta fai que teña unhas vistas moi distintas dependendo de cara onde se mire, e esta característica confírelle certa personalidade. Podemos dicir que é unha montaña un tanto atípica e diferente, tanto como fermosa.

A ruta comeza e remata en Cistierna, principal núcleo de poboación da zona, e vai percorrendo o macizo de oeste a leste por camiños amplos ao comezo, en forte ascenso ata a parte última, onde xa se suaviza a ascensión e podemos gozar das vistas. O regreso é polo mesmo itinerario.

MIDE:

  • Horario: 6 h.
  • Desnivel de subida: 930 m
  • Desnivel de baixada: 930 m
  • Distancia horizontal: 15 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do Medio Natural: 3
  • Orientación no Itinerario: 2
  • Dificultade do desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 3

Comezamos a camiñar…

Último día da estadía por terras de Riaño. Preparo rapidamente a maleta e a mochila e, antes de baixar a almorzar, decido ir dar unha volta por Riaño ata os arredores da ermida de Nosa Señora a xeito de despedida e contemplar a paisaxe do encoro co Gilbo e o Yordas maxestuosos sobre el. A luz mañanceira e un fío de bruma sobre as augas dálles unha imaxe especial.

Ascenso a Peñacorada

Pero a ruta que faremos hoxe é xa lonxe desta paisaxe. De camiño de volta paramos na localidade de Cistierna para acometer a subida a Peñacorada. A subida a este pico pódese abordar desde distintos puntos, pero nós optamos por facer un percorrido de ida e volta, dende a mesma vila.

Ascenso a Peñacorada
O sendeiro que nos vai deixar de novo na pista un pouco máis arriba.

Logo de deixarnos o bus nos arredores do parque infantil, unha área de descanso con mesas e bancos, comezamos a subir por unha pista cementada no primeiro tramo que pronto abandonamos para tomar un sendeiro ata que nos vai deixar de novo na pista logo dun par de zigzags, xusto nun sinal do Camiño Olvidado a Santiago, que pasa por esta paraxe antes de entrar en Cistierna. Este sinal vai ser a referencia a ter en conta cando regresemos, pois de continuar polo sendeiro acabariamos directamente no centro da vila.

Ascenso a Peñacorada
Tanto na ida como na volta, imos cruzarnos con cabalos pastando, sen inmutarse pola nosa presenza.

O camiño, ancho e sen perda, avanza baixo piñeirais de repoboación de piñeiro silvestre, polo que pastan tranquilamente greas de cabalos. O sol xa pega con forza pero, afortunadamente, a sombra que proxectan as árbores nesta hora da mañá axúdanos a levar estupendamente esta subida bastante tendida.

Ascenso a Peñacorada
Pasada a fonte hai que tomar o camiño da dereita. A partir de aquí, o desnivel vai ir en aumento rapidamente.

No medio deste bosque atopamos tamén unha fonte que verque as augas no propio camiño dende certa altura. Hai quen se detén a valeirar a auga que leva para encher a cantimplora con esta máis fresca, pois vainos facer falta a auga monte arriba.

Ascenso a Peñacorada
A sombra que proxectan as árbores nesta hora da mañá axúdanos a levar estupendamente a subida.

A pista, que ata agora foi doada de camiñar gran parte do tempo, vaise diluindo para converterse en senda que sobe con forza a partir deste punto para terminar de acadar o collado de los Ratones (1428 m), onde hai instalado un abrevadeiro un pouco antes de chegar a el, e onde facemos unha pequena parada para reagruparnos e repoñer forzas. A continuación, acometemos un forte ascenso, o máis duro da xornada, e a paisaxe vai cambiando a medida que imos gañando altura. Saímos do bosque e pouco a pouco van desaparecendo os piñeiros.

Ascenso a Peñacorada
Superado o Collado de los Ratones acometemos un forte ascenso.

Logo deste importante repeito, que nos sitúa en nada por riba dos 1600 m, o desnivel da ascensión suavízase. Camiñamos de oeste a leste o que nos permite ter vistas amplas cara ao norte, con Sabero ás nosas costas, e os fermosos pobos de Santa Olaja de la Vega e Fuentes de Peñacorada na outra beira do val, coa Cordilleira Cantábrica como telón de fondo.

Ascenso a Peñacorada
A paisaxe cambia a medida que imos gañando altura, o que permite ter vistas amplas, quedando a poboación de Sabero ás nosas costas no fondo do val.

Camiñamos primeiro a media ladeira pero imos subindo pouco a pouco pois hai que percorrer todo o cordal nuns dous quilómetros e medio aproximadamente, pero sen maiores dificultades, ata que chegamos a un collado en que xa podemos ver as dúas vertentes da montaña. Facemos un pequeno descanso antes de iniciar a última parte do ascenso, que volve ter un desnivel importante. Eu decido non continuar, xunto con outros, pois sigo sen encontrarme ben desde onte, pero o lugar é inmellorable para quedar. Dende este punto apréciase perfectamente como a cara sur, áspera e seca, contrasta cos bosques da súa cara norte, variados e frondosos.

Ascenso a Peñacorada
Cando temos oportunidade de ver as dúas vertentes, sorprende a enorme chaira que hai cara ao sur.

Tras recuperar o alento, toca subir ata a cima de Peñacorada. Despedímonos do resto do grupo cando reanuda a marcha e continúa camiño do cume. Polo que me contan, unha boa senda, bastante empinada, permite ascender entre os últimos escarpes e saír sen dificultade ao punto máis alto, coroado por un vértice xeodésico e varias placas e caixas de correos. Fan cume no Peñacorada!

Ascenso a Peñacorada
Foto do grupo no cume de Peñacorada.

A visión dende alí é espectacular. As vistas en todas as direccións son magníficas. Cara ao nordés, unha vez máis focaliza a atención a enorme mole branca do Espigüete (2450 m), que estivemos divisando todos estes días dende Riaño. Tamén son visibles macizos leoneses de renome situados cara ao norte como Mampodre ou o macizo do Cornión nos Picos de Europa.

Ascenso a Peñacorada
No regreso, imos deixando atrás a montaña palentina.

Ao sur, o páramo. A enorme chaira que conforma toda a parte central da provincia de León, chega ata onde alcanza a vista. Sorprende a dureza e aridez da paisaxe, sen apenas vexetación. Nada que ver co verdor e a beleza da cara norte pola que acabamos de ascender.

Ascenso a Peñacorada
Percorrer o cordal de novo en sentido inverso foi moi gratificante.

Logo de facerse unhas cantas fotos con esta paisaxe de fondo, toca descender. Tras volver ao cordal, temos que percorrelo de novo na súa integridade ata o seu extremo máis occidental. A senda é moi cómoda e practicamente chaira polo que o camiño é moi agradable. As vistas cara a Fuentes de Peñacorada ábrense a man dereita e de fronte, de novo, Sabero.

Ascenso a Peñacorada
Volvemos camiñar por senda moi cómoda e volvemos ter a localidade de Sabero á fronte e toda a paisaxe de montaña á nosa dereita.

A senda remata abandonando o cordal e virando á dereita á altura dun piñeiral. O camiño cambia bruscamente e comeza o descenso cara ao coñecido como Collado de los Ratones. Cando fixen a subida pola mañá, ía pensando precisamente neste momento de baixada pero, afortunadamente, non tivo maiores complicacións. Decidimos parar a xantar nestas primeiras sombras que hai ao chegar ao collado, deixando practicamente feita a parte máis complicada do regreso.

Ascenso a Peñacorada
Baixando ao collado decidimos parar nel e aproveitar as primeiras sombras para xantar.

Atopamos enseguida a fonte da mañá, moi fresca e con abundante caudal, que nos virá moi ben tras as calores que pasamos na parte alta da montaña. Desde a fonte, seguimos descendendo sen pausa ata conectar coa pista forestal que vai cara a Cistierna. Esta pista, que parece usarse para a explotación de madeira, está en perfecto estado e perderemos metros por ela rapidamente, ata que acadamos de novo o sinal do Camiño Olvidado a Santiago, que nos lembra que debemos tomar o carreiro da esquerda, pois a pista continua cara a Cistierna.

Ascenso a Peñacorada
Preparándonos para continuar a baixada despois de xantar. A senda está marcada e séguese ben.

Tras perder bastantes metros de desnivel en moi pouca distancia acadamos a área de descanso onde nos agarda o bus. Nótase que é un lugar bastante frecuentado e coñecido de Cistierna pois está moi coidado, a pesar de ter celebrado non hai moito o San Guillerme na hermida que ten o santo un pouco máis arriba.

Ascenso a Peñacorada
A fonte volve ser de gran axuda para combater a calor.

Acabamos a andaina moi satisfeitos. Aseámonos, mudámonos e bebemos na fonte sen parar cunha calor a esta hora do día importante, pois a baixada fixémola rápido e practicamente sen sombra, ao contrario que na subida de pola mañá.

Antes de iniciar o regreso en bus, como non podía ser doutro xeito, achegámonos ata o centro de Cistierna para tomarlle unha cervexa e comentar o marabilloso espazo que acabamos de percorrer, cunha paisaxe moi fermosa e co contraste tan definido que atopamos entre o páramo cara ao sur e o sistema montañoso cara ao norte. Para ser a nosa última ruta desta estadía, e a pesar de non ter a espectacularidade das que fixemos por Riaño, a zona é moi fermosa. Sen dúbida unha boa opción para pechar a estadía por estas terras da montaña oriental leonesa. Paga moito a pena!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio