Serra do Candán. Neveiras de Fixó

26-11-2022
Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Neveira de Fixó. Foto de Alfonso

A ruta comeza en Covas, preto do Cachafeiro, en Forcarei. Durante os primeiros catro quilómetros transita por zonas gandeiras, bosques e algunha que outra plantación forestal ata chegar á Portela e Fixó. Aquí comeza un percorrido circular que nos leva a ver e coñecer as Neveiras de Fixó. Dende Fixó temos unha subida constante de algo máis de dous quilómetros que nos conduce ata unha das zonas altas da Serra do Candán, onde están situadas as neveiras. Logo o camiño convértese nun estreito sendeiro que vai rodeando a Pena de Malpaso ata chegar a un estupendo miradoiro dende onde podemos observar o monte Coco e a súa devesa, o val de Grobas, o alto de San Bieito e a sinuosa e complexa orografía do Candán.

Dende aquí regresamos por camiños bos novamente ata a Portela e, de aí, ás proximidades de Malburgo, onde rematamos o percorrido.

Os camiños en xeral son bos, salvo o tramo que rodea Malpaso, aínda que pode haber bastante lama nalgún tramo. As paisaxes son variadas e moi fermosas.

O uso das neveiras en Galicia data do século XVI e parece que se utilizaron ata o s. XIX. Usábanse para acumular a neve e transformala en xeo, que era empregado para tarefas de conservación de alimentos e incluso fins terapéuticos. As de Fixó, estaban xestionadas polos monxes do mosteiro de Aciveiro, situado nas proximidades.

  • Lonxitude: 14 km
  • Desnivel: media
  • Dificultade: media

Comezamos a camiñar…

A idea inicial era comenzar a ruta en Soutelo de Montes, pero como parte dos camiños polos que tíñamos previsto transitar están asfaltados, decidimos cambiar o punto de partida para estoutra zona de Covas, preto do Cachafeiro. Aínda así, temos que andar un pequeno tramo por estrada ata que, superado o núcleo de Covas, desviámonos á dereita por un camiño que xa nos introduce no monte. Un camiño con bastantes rodadas de tractores e maquinaria forestal que provoca que haxa bastante lama, o que nos obriga a sorteala como podemos, pero sen maiores consecuencias.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Pasado Covas, hai partes do camiño que son auténticas lameiras

No medio deste entorno no que predomina o eucalipto, desviámonos uns poucos metros da ruta para visitar un pequeno oasis que hai agochado: exemplares de loureiro e acivro que nos sorpenden polo seu porte e, por que non dicilo, por sobrevivir entre tanto eucaliptal. O acivro é unha árbore común en Galicia, e deu lugar a numerosos topónimos e, sen ir máis lonxe, neste concello de Forcarei hai mostras palpables como a parroquia de Aciveiro, onde  se asenta o mosteiro de Aciveiro.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Fermosas plantacións de acivro, que atopamos facendo un pequeno desvío.

Durante estes primeiros quilómetros, ademais dalgunha que outra plantación forestal, transitamos por bosques e zonas gandeiras, ata que chegamos á Portela. Na aldea aprécianse boas mostras de arquitectura coas casas moi ben conservadas. Logo de falar cuns veciños sorprendidos por tal cantidade de xente camiñando, continuamos cara a Fixó.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
A medida que nos imos achegando á Portela e Fixó, o camiño mellora.

Pouco a pouco comezamos a subir e, logo de deixar o Fixó, continuamos por un bosque de piñeiros silvestres en constante ascenso xa cos viraventos á fronte no alto do monte, ata que chegamos a unha zona onde hai instalada unha presa de auga para o servizo de incendios ademais de varios paneis que anuncian o sentido das neveiras. facemos un pequeno descanso mentres nos reagrupamos e falamos sobre o impresionante o papel que xogan nesta zona as comunidades de montes, e como exemplo temos esta de Fixó-Portela á que se lle debe o acondicionamento dos paneis da ruta Senda das Neveiras, ofrecendo unha información valiosa a quen queremos andar por estes sendeiros.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Dende Fixó temos unha subida constante de algo máis de dous quilómetros que nos conduce ata unha das zonas altas da Serra do Candán.

Un dos temas dos que informa un dos paneis é sobre unha xoia etnográfica que imos coñecer unha vez que reanudemos a marcha: as Neveiras de Fixó (s. XVI-XVII), ruinas feitas para transformar a neve caída de forma natural en xeo consumible. Foron construídas no século XVII, unha época na que as condicións climáticas empeoraron, traendo consigo un descenso das temperaturas e un incremento das nevaradas. Durante a Idade Media estes montes formaron parte, case na súa totalidade, do coto do mosteiro de Aciveiro, da orde do Císter, sobre os que tiña moitos dereitos, entre outros o da explotación de neve.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Impresiona ver a dimensión e profundidade dos pozos.

Os dous pozos son de grandes dimensións, e están situados moi preto un do outro e excavados na terra con muros de contención, nos que a súa función era a almacenaxe de neve, cun proceso de recollida, directamente no monte ou en pozos onde a neve caída durante o inverno se acumulaba. Na neveira se depositaba para convertela en xeo mediante prensado. Posteriormente, este era transportado pola noite mediante animais de carga aos núcleos urbanos como Santiago. De feito en Santiago, no Meixonfrío, permanece o topónimo chamado Pozo da Neve, nome que provén do uso que se lle daba como almacén de neve que proviña destas neveiras, necesaria para a conservación de alimentos e para fins terapéuticos.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
O segundo neveiro está protexido por un enreixado e pódese descender ata a súa base.

Está moi ben como estes xacementos están ilustrados con paneis informativos sobre os mesmos. A simple vista, semella que a súa estrutura ten un segundo anel exterior amurallado cunha coidadosa cachotería que servía de contención para evitar o desnivel do terreo, cun recheo intermedio de arxila que funcionaría como illante térmico. Un dobre muro perimetral como o que vimos no Neveiro dos Frades, no concello da Cañiza, único nas neveiras galegas.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
olo sendeiro de Malpaso temos moi próximo o Monte Coco.

Dedicamos un bo tempo a contemplar estes inxenios, e parámonos máis no segundo neveiro pois hai a posibilidade de descender ata a súa base, a unha profundidade de case 5 metros. Os neveiros están protexidos, pois antes da súa restauración aínda lembran os veciños algún episodio no que se malogrou algunha vaca, ao caer fortuitamente nalgún dos pozos, antes ocultos pola maleza. A estrutura en superficie, malia o tempo transcorrido dende o seu abandono no século XIX, segue a ser espectacular.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Camiñamos polo sendeiro de Malpaso, por unha zona moi escarpada e abrupta

Pouco a pouco imos abandonando o lugar e, a partir de aquí, o camiño bo acábase e convértese en senda dunha fermosura espectacular, pero no que compre prestar atención xa que as pedras esvaradías, e pequenos desniveis a salvar complicaron un pouco o noso paso. Isto no impide que nos paremos e gocemos dunas fermosas vistas sobre o cercano monte Coco, que xa visitamos, e o val polo que discorre o regato de Malpaso, que escoitamos pero non vemos, pois cúbreo unha manta espesa que gabea pola montaña, con acivros, castiñeiros, carballos, bidueiros…

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
En todo momento gozamos dunhas vistas verdadeiramente espectaculares, rodeadas de natureza.

O monte de Fixó-Portela caracterízase pola súa riqueza xeomorfolóxica e posúe zonas moi escarpadas e abruptas, como esta pola que andamos, con pequenos vales encaixados coa típica forma en V, debido tanto ao amplo número de fracturas existentes como á densidade de correntes fluviais, que dotan ao lugar dun gran valor paisaxístico, con espectaculares miradoiros de ampla visibilidade.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Dende o miradoiro divísase, entre o cableado de alta tensión, a aldea abandonada de Grobas.

Nós hoxe imos gozar destas vistas dende o Miradoiro de Grobas, tamén identificado como de Malpaso. Unhas vistas verdadeiramente espectaculares, rodeadas de natureza. Dende o miradoiro accédese ao camiño que leva ao poboado abandonado de Grobas (Forcarei). Hai máis de medio século que xa non vive ninguén en Grobas. No pasado a extracción de estaño e a venda de carbón de carballo fixeron de Grobas unha aldea próspera. Pero a luz e o asfalto nunca chegaron e a vida foise apagando nesta aldea perdida en medio da Serra do Candán. A civilización estaba a cinco quilómetros monte arriba, pero en 1969 a última familia marchou e a aldea quedou abandonada oficialmente.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
A pesar de ter un día marabilloso para camiñar, no miradoiro hai que abrigarse para non coller frío.

Dende o miradoiro vemos Grobas rodeado de pequenas devesas entre liñas de alta tensión. As devesas son eses bosques autóctonos ubicados nas ladeiras máis inaccesíbeis das montañas. Bosques en pendente, fragas que son en si mesmas un tesouro da biodiversidade, conservadas de milagre porque son inaccesibeis e case impracticabeis para a silvicultura actual. É como unha manta espesa que gabea pola montaña.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
Pouco a pouco, imos descendendo cara a Fixó e A Portela.

Ademais do val e aldea de Grobas, dende o miradoiro podemos contemplar mentres xantamos as impresionantes moles montañosas que conforman a Serra do Candán. Pódese observar a fervenza da Freixa, a pena de Malpaso, as minas de estaño ou o pico de San Bieito.

Serra do Candán. Neveiras de Fixó
O paso pola ponte do río Cavelo indícanos que xa está moi próximo o final da ruta.

Retomamos o camiño bo, practicamente todo por pista, e iniciamos o regreso, primeiramente ata o punto onde estaban os carteis explicativos das neveiras e, a continuación, iniciamos o descenso ata a aldea da Portela, para rematar nas proximidades de Malburgo, onde nos recolleu o bus.

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio