Ruta do río Trimaz. Xermade

10-12-2022
Ruta do río Trimaz. Xermade
Unha das presas que hai ao longo do percorrido polo río Trimaz

Nesta ocasión imos ao concello de Xermade, situado na provincia de Lugo o cal non tíñamos visitado ata agora. A ruta comeza en Cabreiros e lévanos durante uns cuantos quilómetros pola beira do río Trimaz ata a ponte Baxín, onde nos separamos del e seguimos o curso do Rego dos Caxigás para máis adiante rodear o monte do Espiño antes de emprender o descenso ata Cabreiros. Case todo o percorrido vai entre bosques de ribeira e carballeiras, pasando por diferentes aldeas. É salientable o estupendo estado de conservación da meirande parte dos bosques e a fermosura dos mesmos.

O río Trimaz é un río que nace nos montes de Xermade, e no seu curso alto atópase a lagoa ou charca do Alligal, entre as parroquias de Codesido e Santaballa, pertencentes ao concello de Vilalba. A unión do río Trimaz e o río Madalena, no lugar dos Pasos, no municipio de Vilalba, dan lugar ao río Ladra, polo que ambos son as súas fontes.

O desnivel (pouco) está concentrado na segunda parte do percorrido, que en xeral non presenta dificultades, salvo as que podan causar a auga e a lama.

MIDE:

  • Horario 4 h
  • Desnivel de subida 240 m
  • Desnivel de baixada 240 m
  • Distancia horizontal 14,0 Km
  • Tipo de percorrido Circular
  • Severidade do medio natural 3
  • Orientación no itinerario 2
  • Dificultade no desprazamento 2
  • Cantidade de esforzo necesario 3

Comezamos a camiñar…

Logo da viaxe ata o mesmo Cabreiros, onde tomamos un café antes de comezar a andaina, o Víctor concentrounos na pequena praza, onde se atopan os arcos e outros elementos da antiga igrexa parroquial de Santa María de Cabreiros,  que nestas datas serven de marco para instalar o belén con pezas de tamaño natural, así como outras máis rústicas feitas en madeira. Neste mesmo espazo hai instalado un panel explicativo da ruta que me vai seguir de guía neste relato.

Ruta do río Trimaz. Xermade
Arcos da antiga igrexa parroquial de Santa María de Cabreiros

Como sendeiro de percorrido circular, composto de dous bucles, permite escoller os dous sentidos da marcha. Nós optamos por tomalo no sentido das agullas do reloxo, é dicir, comezar percorréndoo río arriba.

Ruta do río Trimaz. Xermade
As primeiras luces crean unha atmosfera moi agradable

Imos pois ao encontro co Río Trimaz na Ponte da Acea e, antes de chegar á Área Recreativa da Acea e o campo de fútbol, torcemos á dereita nada mais pasar a ponte; camiñamos río arriba pola marxe esquerda superando o Rego Chancelos ou Portosouto. As primeiras luces do día que se van proxectando sobre o río, que flúe sosegado neste terreo chan, crean unha atmosfera moi agradable.

Ruta do río Trimaz. Xermade
As últimas enchentes do río provocaron a caída desta árbore sobre o seu leito

O sendeiro non ten maiores dificultades, salvo o esvaradío que pode ser cruzar nesta época do ano as pequenas pontes de madeira que hai instaladas para salvar pequenos regos ou desniveis, polo que compre ir con coidado. Tamén unha árbore deitada sobre o río, que estende as súas polas polo sendeiro, fai que aminoremos a marcha, pero superamos o contratempo sen maiores dificultades.

Ruta do río Trimaz. Xermade
O paso baixo as estradas é o único elemento distorsionador deste percorrido fluvial

Bordeando o río entre vexetación autóctona, agora por pista asfaltada, chegamos á Ponte de Isabel I, construída en tempos da raíña, cara ao ano 1863, para salvar o Trimaz co paso da estrada Rábade-Ferrol. A continuación atopamos a ponte sobre a estrada no seu novo trazado e, seguindo río arriba, xa pasamos por debaixo da máis recente, a da autovía AG-64 Ferrol-Vilalba.

Ruta do río Trimaz. Xermade
A Presa do Feal, construida no seu día para acumular a auga para o muíño da Madeira

En nada vemos as primeiras casas no percorrido e o antigo Muíño da Madeira, rehabilitado, e coa súa canle de auga ben conservada. Continuamos un pouco máis pola pista asfaltada e sobre a Ponte da Madeira cambiamos de beira para seguir subindo pola senda fluvial ata a Presa do Feal construida no seu día para acumular a auga para o muíño que acabamos de deixar hai un pouco. Presas e pontes humanizan o río acompañadas de árbores de ribeira.

Ruta do río Trimaz. Xermade
Despois da presa, o sosegado cauce crea espellos que reflicten os troncos, causando un efecto visual de gran profundidade de auga

É un espectáculo ir camiñando nesta época do ano (por suposto, é boa calquera estación para percorrelo), árbores espidas, camiños alfombrados coas súas follas… Momentos de quietude nas augas axudan a que o río reflicta na súa superficie unhas imaxes case perfectas das formas das árbores semiespidas; noutros tramos, coa compaña do son da auga, pequenas fervenzas formadas sobre un terreo con pouco desnivel que salvamos sen maiores dificultades.

Ruta do río Trimaz. Xermade
O sendeiro discorre por terreo chan e non ten maiores dificultades

Provocado pola presa, o sosegado cauce que se nos presenta a continuación crea espellos que reflicten os troncos das árbores dispostas nas dúas beiras, provocando que vexamos un río practicamente abovedado. Pode que esteamos no punto máis fermoso da ruta, se hai que destacar algún, que ten moitos. É das imaxes que quedan gravadas na retina!

Ruta do río Trimaz. Xermade
A troita chamou a atención de todo o grupo polo seu tamaño

A totalidade do grupo vaise detendo nun punto do sendeiro para contemplar a enorme peza de troita, ou iso creo que é, que vemos inmóvil no río, pois eu nunca vira un exemplar de tales dimensións, o que nos indica que estamos camiñando á beira dun río nun estupendo estado de conservación. 

Ruta do río Trimaz. Xermade
Na Ponte Baxín deixamos o río e camiñamos un pequeno treito por estrada

Pasamos Ponte do Aruxo, Portonovo. Ponte e Presa dos Carregas ata chegarmos a Ponte Baxin onde nos separamos do Rio Trimaz. Facemos unha pequena parada e iniciamos o peche do primeiro bucle, o máis curto, alonxándonos definitivamente do río e camiñando por asfalto, polo que non é un tramo tan atractivo como o que vimos de percorrer, pero moi agradecido para camiñar.

Ruta do río Trimaz. Xermade
O paso polas Fragas de Penachaina

Imos por unha estrada sen tráfico, que discorre entre árbores e pasa polas casas do pequeno núcleo de Penachaíña, a maioría abandonadas. polo que non custa moito pechar este primeiro bucle duns 3,5 km un pouco máis adiante, deixando atrás as frondosas Fragas de Penachaina.

Ruta do río Trimaz. Xermade
O Muíño do Ferreiro, xa no Rego de Caxigás

Por antigos camiños volvemos preto do Portonovo e, ao atopar a estrada Chao-Cabreiros, á beira dun cruceiro, buscamos o cauce do Rego dos Caxigás. Deixamos o camiño ancho para introducirnos por unha senda que nos leva pola beira do Rego dos Caxigás. Pequenas pontellas de lousas de pizarra cruzan o regato, aínda que nós continuamos pola mesma beira.

Ruta do río Trimaz. Xermade
No entorno do muíño hai un fermoso tramo de camiño protexido por lousa

Seguindo pola marxe dereita veremos o antigo Muiño de Cabreiros, unha ponte de Caxigás, unha ponte de pedra e logo o Muíño do Ferreiro, que ademais do muíño conserva unha antiga moa, amosando como a pegada do ser humano aproveitou a auga nos muíños que noutro tempo traballaban sen descanso, ou nas antigas pontellas que cruzan o río, para acceder aos campos de labor.

Ruta do río Trimaz. Xermade
Paso polas fragas da Carballosa

Bordeando a canle do muíño continuamos cara arriba e desviámonos polo Camiño vello da Carballosa, primeiro avanzando entre pinos, para gozar despois da vistosidade das fragas do San Vitorio ou Carballosa. Chegando á cima, Víctor agarda a reunirnos á totalidade do grupo para ubicarnos identificando os montes que temos diante, cara ao norte. Fronte a nós, e inzada de muíños de vento, temos a Serra da Carba, unha serra que forma parte das serras setentrionais de Galicia, ao estarmos no norte da comarca da Terra Chá, no suroeste do Xistral, sobre a beira esquerda no alto do curso de río Eume.

Ruta do río Trimaz. Xermade
Perfil da Serra da Carba, inzada de eólicos

Máis á dereita da Serra da Carba está o Monseiván, monte cercano a San Simón da Costa, entorno polo que xa camiñamos hai bastantes anos. No centro, na mesma Serra da Carba, Víctor sinálanos unha pequena fraga que ten un topónimo chamado a Neveira de Lousada, porque aí debe haber os restos dun pozo da neve como os de Forcarei que visitamos hai poucos días, pero este non é tan coñecido nin debe estar tan ben acondicionado como aqueles. A ver se no próximo ano nos achegamos ata ese pequeno bosque que divisamos dende aquí, e damos atopado ese neveiro, ou algún resto que quede del.

Ruta do río Trimaz. Xermade
Pequena fraga na que se sitúa a Neveira de Lousada

A subida está practicamente feita e pouco a pouco iniciamos a baixada bordeando do Monte do Espiño. Converxemos con áreas de pastos no núcleo de Vilacide e, antes de chegar ás casas, viramos á dereita por pista asfaltada, cruzando a liña de alta tensión que provén da cercana central das Pontes, da que distinguimos a súa torre.

Ruta do río Trimaz. Xermade
Superado o Cruceiro do Rebellón, deixamos o asfalto e retomamos o camiño por pistas

Superado un segundo cruceiro, o Cruceiro do Rebellón, deixamos o asfalto e decidimos facer a parada neste lugar para xantar brevemente, pois aínda que nos respetou a chuvia durante toda a xornada, prevese que pode comezar a chover nas primeiras horas da tarde. Sen máis dilación, continuamos a ruta por pistas forestais que bordean o Monte Espiño, ofrecéndonos vistas panorámicas cara o oeste, coa torre das Pontes como referencia na paisaxe.

Ruta do río Trimaz. Xermade
Continuamos bordeando o Monte Espiño, ofrecéndonos vistas panorámicas coa torre das Pontes como referencia na paisaxe

Quedan poucos quilómetros, moi cómodos pois son practicamente de baixada. Atopamos de novo a Autovía AG-64 para chegar ao núcleo do Chao de Cabreiros, onde iniciamos a ruta pola parroquia despois de percorrer uns fermosos 14 quilómetros.

Ruta do río Trimaz. Xermade
No Chao de Cabreiros finalizando a ruta

Afortunadamente a chuvia respectou este momento de andaina, o que axudou a gozar dunha ruta sinxelamente marabillosa, camiñando á beira do río moito tempo e por bosques e prados, e descubrindo cruceiros, muíños, pontes…

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio