Serra de Pena Forcada. Mórdomo. Laxe


55 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5,00 de 5)
Loading...
Val de Traba

No mes de decembro do 2021 fixemos a etapa do Camiño dos Faros que, dende Laxe, nos levaba a Camelle e pasamos pola lagoa de Traba, na parroquia de Mórdomo. Nesta ocasión imos facer un percorrido pola parte situada máis ao leste da Serra de Pena Forcada, que se estende dende Mórdomo, no concello de Laxe, ata Xaviña no concello de Camariñas. É unha serra onde alternan zonas máis ou menos chairas con uceiras e piñeirais, alternando con firmes e sólidos outeiros rochosos cuxos cumios é case que imposible acadar.

O percorrido comeza mesmo en Mórdomo e nos primeiros dous quilómetros transcorre seguindo o percorrido do Camiño dos Faros, entre fermosas rochas situadas ao pé do mar, ata chegar ao rego da Alvariza, onde comeza unha intensa subida (algo menos dun km), ata chegar ao alto da serra. Este tramo é algo incómodo, xa que as últimas chuvias levaron parte do camiño e é bastante pedregoso nalgún punto.

A partir de aquí o camiño mellora considerablemente e o desnivel é máis levadío. Imos rodeando Pena Tallada, Rascalobos, As Carballosas e, pouco antes de iniciar o descenso da serra para rematar a ruta, achegarémonos ao cumio da Pena de Mórdomo, onde poderemos gozar dunhas vistas impresionantes de todo o val, a lagoa de Traba, o sistema dunar e a praia. Dende aquí só nos queda un descenso de algo menos de 2 quilómetros para chegar ao final.

MIDE:

  • Horario 4h 15′
  • Desnivel de subida 480 m
  • Desnivel de baixada 480 m
  • Distancia horizontal 13,0 Km
  • Tipo de percorrido Circular
  • Severidade do medio natural 3
  • Orientación no itinerario 2
  • Dificultade no desprazamento 3
  • Cantidade de esforzo necesario 3

Comezamos a camiñar…

Hoxe volvemos ao val de Traba, máis concretamente a Mórdomo, onde imos facer unha ruta ben fermosa. Reunímonos na Área de lecer que hai unha vez pasada a aldea, un lugar agradable con aparcamento para turismos e caravanas, dotada con mesas de madeira para merendeiro, e con aseos. Como sempre, logo de explicarnos Víctor o desenvolvemento da andaina, comezamos a camiñar ata acadar a pasarela de madeira que nos leva á mesma praia de Mórdomo, que deixamos pronto, logo de superar un pequeno regato que desemboca na mesma area.

Os primeiros pasos son por pasarela sobre o sistema dunar.

Unha pequena subida por un carreiro permítenos ter unha visión cara atrás de todo o areal de Traba. Espectacular. Pero pronto o camiño é distinto e peculiar, un dos tramos máis espectaculares do Camiño dos Faros. Pedras enormes e con multitude de formas caprichosas, onde cada un pode atopar tartarugas, monos, cans, caras…. Todo depende da imaxinación de cada quen…

Cara atrás, o mar de Traba batendo e a salvaxe praia de case dous quilómetros de longo.

Este tramo da ruta vainos amosar as singulares formacións rochosas do Porto dos Carros, onde remata o concello de Laxe. Son dignas de ver as fermosas formacións graníticas da Punta da Cruz de Rosa que, desgastadas polo mar, adquiren formas caprichosas que se asemellan a dragóns e outros animais mitolóxicos.

O camiño por este tramo é espectacular, sucedéndose as rochas que adquiren formas que fan voar a imaxinación.

Atravesamos unha sucesión de rochas, furnas e pequenas calas de coídos que desafían ao forte mar de Traba que rompe sen parar. Camiñamos entre grandes formacións rochosas, penedos moldeados pola acción continua da auga e do vento que nos siguen deixando figuras sorprendentes, alguns con puntos de apoio inverosímiles…

É un espectáculo camiñar entre estas enormes rochas.

Nunca me canso de camiñar por este pequeno tramo, con Camelle á vista, que remata antes de chegar ao Coído de Sabadelle, unha cala formada de grandes bolos graníticos. Chegamos ao rego da Alvariza e abandonamos o Camiño dos Faros. Comeza aquí unha intensa subida, algo menos dun quilómetro, ata chegar ao alto da Serra de Pena Forcada. Este tramo é algo incómodo, xa que as últimas chuvias levaron parte do camiño e é bastante pedregoso nalgún punto, e con surcos bastante profundos, facendo que debamos prestar moita atención nos pasos que damos.

A subida faise algo incómoda, pero nada que non se poida superar con calma.

O alto da serra é sorprendente pola chaira pola que andamos, sempre rodeados de grupos de rochas de grandes dimensións medio agochadas entre os piñeiros. A andaina case se converte en paseo, aínda que temos que facer unhas pequenas subidas, sempre por pista, para acadar o segundo punto de interese da ruta, achegármonos ata o cumio da Pena de Mórdomo.

Na parte alta da serra sorprende o terreo chairo polo que andamos.

Xa nas proximidades, aínda que o principio da pista é evidente, enseguida se difumina e a maleza comeza a ser abundante. Aínda así, séguese sen moita dificultade ata que chegamos á base dunhas rochas. Aínda que semella ser imposible subir, pódese.

Na base destas rochas hai que ir cara a esquerda para encontrar o xeito de subir ao miradoiro de Mórdomo.

Neste punto é importante dirixirse un pouco cara á esquerda, para acadar o rochedo pola súa banda máis baixa. Pequenos fitos vannos sinalando o percorrido. Unha vez superado o primeiro tramo, seguimos subindo polas rochas, sendo necesario ás veces axudarse coas mans, pero sen especial dificultade, ata chegarmos a un punto elevado desde onde se ve, ao fondo, o Roncudo coroado de eólicos, toda a praia, a lagoa e o val de Traba. As vistas son privilexiadas.

A medida que ascendemos xa imos gozando de estupendas vistas do val de Traba.

O Espazo Natural de Traba está formado por unha extensa e salvaxe praia de case dous quilómetros de longo, estendida entre a Punta de Arnado e a Punta de Traba, un cordón dunar, formado ao longo do tempo cando a forza do mar durante os temporais foi depositando a area na parte alta da praia, e unha lagoa natural, protexida do areal polo sistema dunar.

Dende o alto da Pena de Mórdomo vemos toda a praia, o sistema dunar, a lagoa e o val de Traba.

As dimensións  da Lagoa de Traba son moito máis reducidas que as que tivo na súa orixe, cando os prados de concentración parcelaria que vemos hoxe ao seu ao redor estaban alagados. O seu proceso de formación é semellante ao doutras lagoas do noso litoral. A partir dun entrante costeiro, e por causa do aporte de materiais fluviais dos arroios que desembocan nese lugar, así como os materiais achegados polas correntes mariñas, lograron formar unha barra de area e unha praia que impediu a saída da auga ao mar, formándose así esta lagoa.

De forma alongada, a lagoa é un dos lugares de Galicia no que máis especies diferentes de aves se observan. O picapeixe, a folosa grande, que voa no outono cara África, as escribentas das canaveiras, os patos cristados ou as cercetas todas procedentes do norte de Europapero tamén vemos os parrulos máis comúns, os lavancos, ou garzas reais por iso é un dos destiños favoritos dos amantes da natureza para a observación de aves.

E cara á dereita, os os Penedos de Pasarela e Penedos de Traba.

E no medio destes campos de concentración parcelaria, na parte central do val de Traba, a igrexa de Santiago, illada das vivendas, con só o antigo camposanto e os seus numerosos nichos que semellan arroupala.

Iniciamos o descenso cos Penedos de Traba e Pasarela á fronte.

Máis á dereita, case ás nosas costas, divisamos a silueta de suxestivas formacións graníticas erosionadas polo vento que caracterizan a Serra de Pena Forcada, os Penedos de Pasarela e Penedos de Traba. Non parámos de facérmonos fotos con esta panoránica tan fermosa. Que marabilla!

De novo no camiño, só queda chegar a Mórdomo tranquilamente.

A volta realizámola polo mesmo camiño ata chegarmos á pista inicial. É imposible ir por outro, posto que as silvas e a maleza fai realmente dificultoso e doloroso, polos rascazos, saírse del. Xa só nos queda baixar con moito coidado ata que acadamos de novo o camiño para volver ao pobo de Mórdomo rodeando a Pena.

Semella que a pesca foi boa!

Xa entrando en Mórdomo paramos a falar cuns veciños que se afanan a limpar no peixe, sobre todo maragotas e pintos, coa mirada atenta do gato que se está dando unha boa enchenta. O vello que os acompaña coméntanos, a preguntas de María que lembraba ter visto nunha casa os restos dun avión americano que aterrou de emerxencia na praia en 1944 que, efectivamente, parte foi recollido nunha casa e estivo alí moitos anos, ata que fixeron reformas nela e se desfixeron del.

Rematando a andaina na aldea de Mórdomo

Continuamos camiño polas pequenas rúas de Mórdomo ata chegar de novo a Área recreativa onde demos por rematada a andaina. Logo, a saciar a sede ao Bar O Mordomo, un bo lugar para facer unha parada no Camiño dos Faros, onde o dono, moi amable, quedou abraiado ao saber da idade de Suso e ver que viña de facer a ruta enteira. Non o cría. Aínda así, desexoulle que seguise polo menos ata os 120 anos, ao que Suso lle retrucou: moitas grazas, pero a ser posible, con dentes!

 

 


Vídeo




Deixa un comentario

*