Pola Serra do Barbanza


1.205 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (5 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Pola Serra do Barbanza

Tiña moitas gañas de volver camiñar pola Serra do Barbanza, pois esta mesma ruta xa a fixemos en xaneiro, pero a néboa e a chuvia nos impediron gozar das paisaxes… polo que hoxe fixemos un novo intento. E qué día tivemos! non puido estar mellor para camiñar e gozar das vistas que temos ao longo de todo o percorrido!

  • Lonxitude da ruta: 16 km
  • Desnivel: baixo – medio
  • Dificultade: media

Logo de dar unha pequena volta pola vila de Noia e tomar un chocolate con churros no mercado (sempre que poido, procuro dar unha volta polos mercados das vilas, aconsélloo!), o bus achegóunos ata o Iroite, punto de partida da andaina, que non ten maiores dificultades, salvo lama e auga que poida haber por mor da chuvia.

Comezamos o itinerario pois, no alto do Iroite (687 m), o cumio do Barbanza compartido polos concellos de Porto do Son, Boiro e Lousame, xunto á base militar do Escuadrón de Vixilancia Aérea número 10 (EVA 10). Dende este punto temos un percorrido lineal ata a Curota, cruzando a serra case na súa totalidade de norte a sur, e pasando por sitios onde podemos gozar dunhas vistas espectaculares.

Imos cara aos Chans do Iroite, unha gran chaira onde existen megalitos considerados, tanto polas súas proporcións como polo seu estado de conservación, os mellores exemplares da arquitectura megalítica galega; este conxunto megalítico do Barbanza é a concentración máis importante que hai no alto da Serra do Barbanza. No percorrido parámonos ante a Casota do Páramo, un dolmen coa cámara moi derrubada.

A ría de Muros e Noia irános acompañando durante gran parte do percorrido, pero a vista das vistas é dende o Outeiro Xeitoso, unha “balconada” onde, a vista de paxaro tés aos teus pés, o Monte EnxaPorto do Son, a Praia da Aguieira, Portosín, Muros, Esteiro… impresionante!!! Agora que está tan de moda a ubicación do mellor banco do mundo, sen dúbida, este lugar sería un bó candidato. Como ben dicía Víctor, temos á vista un triángulo máxico polo que temos andado moitísimas veces, conformado polo Monte Louro, o Pindo e o Cabo de Fisterra!

Boa parte do percorrido facémolo case sempre acompañados de vacas e cabalos que andan pola serra en semiliberdade, e andamos por pistas polas que se accede a parques de viraventos; o desvio ata a garita que hai no Alto da Torre (656 m), é ineludible para gozar das últimas vistas sobre a ría de Muros. O vento neste punto sopla ben pero déixanos unha esptampa ben fermosa coa boca da ría, Xuño, as Basoñas, o faro de Corrubedo

Decidimos deixar atrás os viraventos, que están en plena actividade, buscando un lugar máis tranquilo, polo que baixamos ata a Pedra das Pías para poder descansar e xantar.

Quédanos o tramo final e continuamos camiño, pois xa levo gañas de ver  a ría de Arousa na súa magnitude! Unha vez pasado o canón do río Barbanza cando se xunta co Pedras váisenos amosando a impresionante ría de Arousa, moito máis humanizada que a de Noia, e xa se deixan ver Cabo de Cruz, Rianxo, Boiro… a Illa de Arousa e, xa chegando ao mirador da Curota, aos seus pés, a Pobra

Estes son algúns dos puntos xeográficos que podemos ver dende as partes máis altas desta serra, así como as illas de Sálvora, Cíes, as dunas de Corrubedo, as lagoas de Corrubedo, Xuño e Vixán e Punta Neixón. Mágoa de chegarmos xa con pouca luz debido ao encapotado do ceo, pois en días claros obtense unha magnífica panorámica de toda a costa occidental galega, dende Fisterra ata a Guarda!

Fago extensiva a alegría de moitos por ter repetido a ruta e que puidéramos gozar das vistas que tivemos!!

Información adicional:

PS: Desta vez quedei moi contento con algunhas das fotos que fixen, agardo que vos gusten tamén!

 



Galería

Pola Serra do Barbanza


4 comentarios en “Pola Serra do Barbanza”

    • Grazas Manolo!!
      Non teño claro que sexan o mesmo lugar, pois xa hai que deixar bastante atrás o monte Iroite, sobre uns tres km dende a base militar.
      Apertas!

  1. Todas as fotos dos cabalos son preciosas, paisaxe e cabalos, especialmente aquela na que sae soamente un cabalo, é unha beleza de foto!!!

  2. Grazas Fran pola información ¡¡

    Eu tamén quedei moi contento de ter repetido a ruta e que se puidese gozar desas vistas ¡¡
    O Barbanza é ben agradecido. É unha serra duramente castigada pola acción humana: instalacións militares, pistas a moreas, liñas eléctricas, viraventos, etc, pero aínda así…. ofrécenos tesouros como os que vimos este sábado.

    Dúas curiosidades:

    A primeira é que dende o Barbanza identificamos perfectamente ao norte o cabo da Nave, en Fisterra e ao sur as estribacións da serra da Groba. Entre un punto e outro hai máis de 100 quilómetros. Case nada ¡

    A segunda: o parque eólico que atravesamos consta de 60 viraventos que xeneran algo menos de 20 megavatios. Hoxe en día, hai viraventos que con 4 ou 5 unidades consíguese xenerar esa mesma enerxía.

    E, en resposta á pregunta de Manolo, non creo que o balcón do Iroite e o Outeiro Xeitoso sexan o mesmo sitio, pero…. hai que investigalo ¡

Deixa un comentario

*

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.