Para facer este itinerario seguimos parte da segunda etapa do Camiño dos Faros, unha senda de 203,50 quilómetros que enlaza os faros da Costa da Morte, de Malpica a Fisterra. Saimos dende a praia de Niñóns, indo practicamente todo o rato pegados á costa, por zonas de cantís e rematamos no Roncudo. Un percorrido que ten un altísimo valor paisaxístico e que goza dunha extraordinaria beleza.
- Lonxitude da ruta: 14 km aprox.
- Desnivel: medio (subidas e baixadas)
- Dificultade: media-alta
Tiñamos pendente continuar con esta ruta dende hai un ano, pois comezáramos a camiñar pola costa dende Razo ata Malpica, onde enlazamos coa primeira etapa de Camiño dos Faros dende esta vila ata Niñóns, etapa na que fomos acompañados polos lembrados Jóhanna e Helmut.
Logo de tomar o café en Pazos, o bus achegounos ata a igrexa de San Xoán, en Niñóns, onde demos por comezada a ruta. Como dicía daquela, o tramo é moi esixente e hai que ir con todos os sentidiños, xa que voltamos a camiñar pegados á costa de cantís nun tramo espectacular que percorremos con subidas e baixadas, nalgún momento de certo vértixe, mentres contemplamos como o mar bate nesta costa e tendo todo o perfil do Roncudo á fronte e, dende a Punta de Santa Mariña, a Punta Nariga e o seu fermoso faro ás nosas costas! Natureza en estado puro!
Continuamos, deixando a un lado as casetas do portiño de Santa Mariña, bordeando a costa e iniciamos o ascenso ata o alto do Monte Meán para marabillarnos, xa na baixada, coa enseada da Barda e a costa do Roncudo ao lonxe; facemos un descenso pronunciado que nos vai amosando o que vai ser a ruta de hoxe, un sube e baixa; antes de chegar á Praia da Barda, onde realizamos unha pequena parada, que aproveito para tirar unhas fotos dende o areal, vemos a un grupo de pescadores que deben andar aos sargos.
Continuamos e ao pouco decidimos descansar e xantar no mesmo sendeiro, un pouco antes da Punta do Castro. O día acompañou en todo momento, pero neste punto xa comezamos a ver como polo sur entraba a borraxeira que ía ir cubrindo toda a costa e que nos ía estropear un pouco as vistas do último tramo da andaina.
Imos lentos e con retraso sobre o horario previsto pois hai xente que non é quen de seguir o ritmo; como xa teño advertido en entradas anteriores, é moi recomendable ver o grao de dificultade de cada ruta antes de apuntarse a ela, sobre todo ao principio da tempada.
É este un tramo salvaxe, pois case todo o rato vai pegado á costa, por zonas de cantís, co mar rompendo aló en baixo. Nalgún punto o ambiente é sobrecolledor. Seguimos en ascenso ata a pequena aldea do Roncudo, onde aproveito, xunto con outros, para encher a miña cantimplora e beber a auga case de golpe (hoxe bebín case tres litros de auga), pois comezo a notar o cansanzo debido á catarreira que teño.
Por este motivo decido quedar na aldea, xunto con outros, e baixar directamente a Corme, mentres vemos sair ao resto camiño das pistas dos eólicos para emprender a baixada cara ao faro, unha baixada moi empinada e, polo que me contaron, desgrazadamente sen poder desfrutar das vistas, anque sentiron a sensación de ir sobre grandes cantís, testemuñas de naufraxios e perdas de percebeiros, como nos lembran as cruces espetadas nas rochas na súa honra.
https://www.youtube.com/watch?v=2nPPzeefX3E
O percorrido desta etapa dos faros, sen chegar a ter una dificultade alta, sube e baixa continuamente, o que fai que as nosas pernas se cansen. Transcorre case todo momento por sendeiro estreito, e esixente e, nalgún tramo podemos atopar algo de vexetación alta. Pero todo isto compénsase en moitos puntos cunha beleza abraiante!
Información adicional:
- Mapa da ruta de Niñóns ao Roncudo
- Track GPS da ruta de Niñóns ao Roncudo
- Track GPS da ruta de Niñóns ao Roncudo (Comprimido)
-
Mide niñóns ao roncudo [pdf – 44 kb][Actualizado: 31/8/15]
Vídeo
Galería

As fotografías do faro son preciosas!!!. Pero ¿u-los percebes?
Uf! Estaba o mar un pouco perigoso para ir a eles, e coa borraxeira non se vían ben… Haberá que agardar a que nos toque a primitiva e darnos unha boa enchenta!