Ruta pola Serra do Barbanza

Ruta pola Serra do Barbanza

Comeza a ser tradicional que na primeira andaina do ano se sorteen uns agasallos de Nadal, e este ano eu volvín ser un dos agraciados (xa comentaron no bus que o sorteo estaba amañado! pois non hai dúas sen tres.. ); tocoume como premio unha braga para o pescozo, e mirade se non foi acaída que xa a estreei de contado. Parabéns pola iniciativa Víctor!

Non tivemos moita sorte coa primeira ruta do ano, pois o tempo foi inclemente con nós e non pudemos desfrutar coas vistas que hai dende a serra. Para min persoalmente, é un dos espazos polos que me gusta andar moitísimo, e foi unha auténtica mágoa que o tempo nos castigase dese xeito, pero, que lle ímos facer!

  • Lonxitude da ruta: 16 km
  • Desnivel: baixo – medio
  • Dificultade: media

Logo de tomar o café en Noia e dar unha pequena volta pola vila, comezamos a ruta no alto do Iroite, o cumio do Barbanza, xunto á base militar, a estación EVA 10 (Escuadrón de Vixiancia Aérea nº 10 do exército do aire). Dende este punto comezamos un percorrido liñal ata A Curotiña, cruzando a serra case na súa totalidade de norte a sur.

No monte Iroite, e en toda a Serra do Barbanza, podemos atoparnos con moitas mámoas e dólmenes contruídos entre o 4500 a.C. e o 2800 a.C. e proba delo é que pronto nos atopamos co dolmen coñecido como a Casota do Páramo, un gran enterramento de hai 6000 anos, e que nos amosa como estes primeiros poboadores deixaron a súa pegada na serra creando estes túmulos monumentais.

Seguimos cara ao sur, entrando no Val de A Graña, onde hai moitas zonas encharcadas e brañas. Pasamos por lugares onde deberíamos poder desfrutar dunhas vistas espectaculares, como a “balconada” onde, a vista de paxaro vaise vendo, Porto do Son, a Praia da Aguieira, Portosín, Muros, Esteiro, etc, impresionante!!!. Por momentos poidemos ver toda a ría de Muros e Noia, pero non alcanzamos a ver ata O Pindo!

Xa no tramo final, pasamos polo río Pedras e o seu canón, que me lembrou a ndaina que fixemos hai anos e que foi unha das que teño gravada como das mellores. Xa queda pouco para o Curotiña, onde teríamos aos noso pés a ría de Arousa, e tamén veríamos Ons, Cíes… En todo o percorrido atopámonos frecuentemente coa presencia de vacas e cabalos salvaxes… e restos de ósos de animais mortos, devorados polos lobos.

En fin, tivemos néboa e choveu a mans cheas, pero non perdo por nada a oportunidade de camiñar por unha ruta cun altísimo valor paisaxístico e tamén cultural, co comezo do percorrido coincidindo coa ruta megalítica do Barbanza. O sendeiro non ten maiores dificultades, agás a lama e a auga que nos atopamos. Logo, o bus achegounos ata A Pobra, onde tomamos un café reparador e ainda houbo tempo de dar un paseo polo porto e pedirlle ao vento que nos secase a roupa, cousa que concedeu.

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio