Roteiro de fin de ano polos Montes de Oleirón

31-12-2014
Roteiro de fin de ano polos Montes de Oleirón

A derradeira ruta de 2014 fixémola moi pertiño da casa, entre os concellos de Brión e Rois, pois volvemos celebrar o fin de ano camiñando!

  • Lonxitude da ruta: 7-8 km
  • Desnivel: baixo-medio
  • Dificultade: baixa-media

Nesta ocasión imos aos Montes de Oleirón, a uns quince quilómetros de Santiago, moi perto de Bertamiráns. Son unha serie de elevacións de alturas modestas, xa que non chegan aos 500 m de altitude pero teñen unhas vistas abraiantes do Val da Mahía e das terras de Iria Flavia, da Ría de Muros e de Santiago de Compostela. É incrible que dende unhas elevacións que non chegan aos cincocentos metros, poidamos divisar lugares tan lonxanos pois, como nos comentou Víctor, se non tivesemos o sol de frente, divisaríamos ata a Serra do Suído e a de Candán.

Neste pequeno traxecto subimos por un entorno onde a vexetación do monte é de plantacións de eucaliptos e piñeiros, ata chegar á parte alta dos montes, con ausencia de arbolado, o que facilita desfrutar das vistas de toda a contorna. O cumio principal dos montes de Oleirón é o de Santa Cecía (494 m), e tamén o máis alto do concello de Brión.

Nada que ver coa climatoloxía que tivemos na despedida do ano pasado na Pedra Serpal! A mañá foi inmellorable para camiñar e para ir falando sobre todo cos que había tempo que non viñan como Vicente e Manolo. O ambiente entre nós sempre é fabuloso, pero hoxe xa se adiviñaba festeiro xa no mesmo bus que nos achegou ata Macedos.

Despois de dar unha volta polos cumios dos montes, achegámonos ata o cumio que coroa a caseta de vixiancia forestal, onde despregamos de todo, pois non vos podedes imaxinar o que alí sacamos!! Ademais do cava de rigor (estupendo o escumoso galego que sempre trae Pastora), houbo turróns varios, mazapán que trouxo Antonio de Moratalla, Murcia, os figos con noces e dátiles con queixo de San Simón cos que nos agasallou Suso, almendrados, bombóns, qué sei eu que máis… unha pasada! e brindamos polo novo ano, estendendo o brinde a todas e todos os habituais das camiñadas que non puderon vir:

FELIZ ANINOVO A TODAS E TODOS OS SENDEIRISTAS!!

Como comentei na felicitación de Nadal, non celebramos a despedida do 2014, celebramos un ano mais xuntos, que é o mais importante!

Logo, recolleunos o bus un pouco máis abaixo para traernos a Santiago. Esta xornada foi un gran remate para os fabulosos roteiros que desfrutamos este ano, a pesares de ser tan gris no social… vaite 2014!!

E VÉMONOS POLOS CAMIÑOS NO 2015!

Non quero deixar de nomear aos servizos, e ao seu persoal, que están detrás destas andainas, unha actividade organizada polo Área de Deportes da USC.

Moitas grazas!!

Ruta do val do río Aviouga

3 comentarios sobre “Roteiro de fin de ano polos Montes de Oleirón”

  1. Todo o millor para o 2015. Pero, por favor, por favor, no roteiro do 31 deste ano 15 ¡todos con diadema, incluído o fotógrafo!!!!! ¿vale?

    Mil bicos

    1. Grazas Mariví!!
      Seguro que para o ano xa levamos máis de todo, o que pasa é que neste, Montoro non nos permitiu ter máis presuposto!
      Bicos

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio