Peña Orniz desde Torre de Babia

31-05-2025
Peña Orniz
Descendendo de Peña Orniz

Peña Orniz está na zona norte de Babia, de feito o cumio é compartido co Parque natural de Somiedo. Peña Orniz é o cumio máis alto de Babia e de Somiedo, e da Cordilleira Catábrica neste sector, dende Peña Ubiña ata os límites con Galicia. Con 2.194 m de altitude, destaca a súa muralla norte dun quilómetro de extensión.

A ruta comeza en Torre de Babia, e vai incialmente polo camiño que leva á Laguna de las Verdes, a cal visitáramos nunha anterior estadía en Babia. É un percorrido moi cómodo, por unha pista gandeira moi ampla e vai gañando altitude pouco a pouco ata chegar á lagoa da Recoleta. Aquí a pendente endurécese para acadar os Llanos del Tremedal. Xusto antes hai un treito duns 300 m que é bastante incómodo xa que pasa por pedreiros, rochas, e zonas con chanzos de pedras. Ao superalo a dificultade descende de xeito moderado e tamén o desnivel se suaviza ata acadar o último tramo de ascenso no que a pendente é moi forte. Dende o cumio temos unhas vistas impresionantes de Babia e Somiedo, e poderemos ver aos nosos pés as Fontes do río Sil. O regreso é polo mesmo camiño de subida.

A dificultade da ruta concéntrase nese tramo de 300 m, polo demais faise relativamente ben.

MIDE

  • Horario: 6:10 h.
  • Desnivel de subida: 938 m
  • Desnivel de baixada: 938 m
  • Distancia horizontal: 16, 1 km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 4
  • Dificultade: Media/alta

Comezamos a camiñar…

Continuamos coa nosa aventura babiana, hoxe dende o pobo vaqueiro de Torre de Babia. Ao chegar no bus atopámonos con obras nas rúas o que obrigou a recuar uns metros por non poder dar a volta o vehículo onde pensabamos parar, fronte a unha fonte e os paneis de Información de Rutas e Zona. Isto obrigou a iniciar a andaina rodeando o pobo pola esquerda; tamén se pode ir pola dereita, polo medio do pobo, pero sempre en dirección Norte.

Cando saímos andando de Torre, por calquera das opcións que tomemos, saímos a unha única pista ancha que é a que debemos seguir. Ao principio, un pequeno tramo da pista é de formigón e despois de terra ata que remate. En practicamente toda a ruta levamos á nosa dereita o Arroio de Torre, unhas veces cerca e outras máis abaixo, pero sempre acompañados polo seu bruar. Pasamos xunto a un muíño abandonado que, pola súa forma e materiais, debeu ter a súa época de esplendor. Seguimos camiñando, en lixeiro ascenso, ata a Fonte da Portiecha, na que ademais do regato que temos que salvar, hai unha caseta, un cano e un muriño que serve de asento.

Noi primeiro tramo da ruta imos sempre acompañados polo Arroio de Torre
Superando a Fonte da Portiecha
Gañando altura, comezamos a gozar das vistas sobre o val de Vega Tijera

Seguimos camiñando por esta pista ata pasados os dous quilómetros, no que chegamos a un cruzamento. Temos que continuar polo camiño da dereita. Se tomásenos o desvío á esquerda, camiñaríamos cara a Lagoa de Las Verdes, que xa coñecemos noutra saída de maio, pero de 2018 e con neve! Nada que ver co día que estamos a ter hoxe. Imos pola beira dereita do val e deseguido comezamos a gozar das inmensas vistas que nos ofrece o val de Vega Tijera que está presidido pola fermosa montaña que hai ao fondo, A Cervata (2.087 m).

Mentres subimos pola pista pasamos pola pequena pero fermosa fervenza de Treméu e imos deixando abaixo as vacas pastando nas Praderas de La Bárcena, regadas polo arroio de Torre que nos acompañou ata aquí, e se miramos cara atrás a paisaxe é espectacular, chegado a ver o punto de partida, e o campo está fermoso con tantas flores. Aínda que as súas tonalidades son diversas, predomina claramente a cor amarela. Fixámonos na paisaxe, nas flores, nos animais que nos cruzamos. Gozamos da natureza sen présas.

Cara atrás a paisaxe tamén é espectacular
A lagoa da Recoleta, que semella estar practicamente sen auga
Superado o farallón dos Llanos del Tremedal temos estas fermosas vistas

Un pouco máis arriba, xusto no camiño que debemos tomar, escoitamos ladrar a uns cans (non me atrevo a afirmar que foran mastins) que coidan do gando. Un camiñante solitario que nos adiantou había pouco, decide dar a volta pois non se atreve a pasar por eles. Afortunadamente, a nós deixáronos pasar e continuamos ata a cabana que hai máis arriba, unha boa construción en forma de U desta hora valeira de gando.

Na cabana remata a pista pola que viñemos camiñando en todo momento. Reagrupámonos, bordeámola e en pouco tempo poñémonos no entorno da lagoa da Recoleta, que atopamos practicamente sen auga. Neste punto, o Víctor é onde nos comenta o incómodo tramo de subida que temos que afrontar para acadar os Llanos del Tremedal. É un treito duns 300 m que pasa por pedreiros, rochas, e zonas con chanzos de pedras. Ao superalo a dificultade descende e tamén o desnivel suavízase.

Na parte alta a paisaxe cambia, é menos verde pero con moitas cores, fermosísimo
Camiñar por este entorno é unha auténtica gozada!
E chegamos á base de Peña Orniz

Collemos o carreiro que bordea a lagoa pola esquerda e gañamos altura polo farallón dos Llanos del Tremedal; xa arriba do Tremedal viramos ao oeste cara o collado Orniz. A paisaxe é menos verde que o que deixamos máis abaixo, pero é un val con moitas cores, fermosísimo, coñecido na zona como val de paisaxe lunar.

Toca afrontar a subida á cima de Peña Orniz, cuxa ladeira pronto temos á nosa dereita. Se desde a base gozamos dunha panorámica excelente do Macizo das Ubiñas, Peña Calabazosa, o Montihuero… cómo será arriba, no cume!

Esta subida que nos queda, aínda que un pouco empinada, non ten ningunha dificultade, e acadar a cima compensa o esforzo. Ao chegar arriba, á crista, de súpeto atopámonos cun amplo balcón á grandiosa paisaxe das terras de Somiedo. Desde este balcón soamente temos que seguir a crista pola nosa esquerda. Eu vou quedar nela gozando das vistas, mentres o resto anímase a rubir polas rocas dunha zona estreita (sen perigo nin vertixe, polo que me dixeron despois), e xa os vexo coroando tranquilamente Peña Orniz.

Acadando o cume de Peña Orniz
Valle del Lago, de Somiedo, protexido polos Picos Albos
Logo de baixar do cume, quedamos un bo intre na crista

Desde estes 2.194 m de altura, as vistas son espectaculares. A visibilidade é amplísima. Divisamos o Cornón, o Cuetalbo, e ducias de picos superiores a 2.000 m. A lagoa de Las Verdes percíbese na base do Montihuero. Tamén divisamos Valle del Lago, de Somiedo, protexido polos Picos Albos. Cara ao leste, Pena Calabazosa, Pena Redonda, As Ubiñas, e chegamos a albiscar ao fondo os Picos de Europa. Na base de Peña Orniz, o río Sil mana en varios pequenos charcos, no lugar coñecido como Fontes do Sil.

Sen palabras. Toda unha paisaxe pintada en múltiples cores nesta época. Sen présas, baixaron do cume e quedamos un bo intre na crista, comendo un refrixerio, facendo fotos, conversando, gozando da paisaxe. Estábase na gloria e cunha temperatura ideal!

O regreso facémolo polo mesmo camiño
Pronto recuperamos as paisaxes, predominando nesta época claramente a cor amarela
Rematando a baixada do tramo predregoso do Tremedal

Pouco tempo despois, iniciamos o regreso, que fixemos sen parar ata as inmediacións da lagoa da Recoleta, pois queriamos ter superado xa o tramo predregoso do Tremedal.

Reiniciamos a marcha e superada a cabana, vemos como cada vez hai mais voitres voando en círculo sobre nós. Resulta que máis abaixo vemos como os voitres arrodean unha prea (semella a dun cervo) que hai á beira do camiño polo que temos que pasar. Evidentemente, co noso paso marchan liscando, nós continuamos camiño e no tardan en volver.

Os voitres arrodean unha prea que hai á beira do camiño
Circo glaciar cara a Lagoa de Las Verdes
Continuamos pola pista e só queda chegar a Torre de Babia

Pero non acaba aquí a cousa, e pode que hoxe teñan máis alimento. Máis abaixo vemos un becerro inmóbil no prado e unha vaca bruando por el, mentres sorteamos no camiño a un bo número de vacas coas súas chocas no pescozo. Non soupemos moi ben o que tiña o xato pero, de seguir así, seguro que non pasaba desta noite. Cando chegamos a Torre avisamos da circunstancia para que llo comentasen ao dono do gando e se achegase ata alí. A realidade do campo tamén é esta, pero non por iso deixa de ser fermosa.

Mentres o bus nos baixa a Villablino, repaso as fotos feitas e comentamos a andaina; non estivo mal o día, nada mal… Os momentos de descanso chegan no Albergue Giner de los Ríos, onde gozamos dunha espléndida cea para recuperar forzas, tan contundente como deliciosa… e mañá máis!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio