Peña La Crespa desde Lago de Babia

01-06-2025
Peñas da Malvosina e a Crespa, ao fondo
Peñas da Malvosina e a Crespa, ao fondo

Peña La Crespa é un dos dousmiles de Babia, un cume pouco coñecido que se alza a 2.050 m, pero con grandes panorámicas cara a montaña leonesa.Trátase dunha fermosa ruta de montaña na que, ademais do ascenso, teremos ocasión de contemplar espectaculares vistas das montañas de Babia. A ruta non é moi longa pero chama a atención pola variedade das súas paisaxes.

O ascenso a este cumio iniciámolo en Lago de Babia. Ao comezo, no val, as zonas de pastos son predominantes. Logo de ascender uns quilómetros e chegar á zona de La Muesa pasamos por veigas onde o gando pasta en época estival. Máis adiante, na última parte, veremos unha paisaxe de alta montaña marcada pola impoñente cara leste de La Crespa. O cumio é alongado, como o lombo dun dragón.

Na última parte concéntranse as únicas dificultades, xa que o terreo é incómodo. O descenso facémolo polo mesmo camiño.

MIDE

  • Horario: 4:55 h.
  • Desnivel de subida: 802 m
  • Desnivel de baixada: 802 m
  • Distancia horizontal: 11,8 Km
  • Tipo de percorrido: Ida e volta
  • Severidade do medio natural: 3
  • Orientación no itinerario: 2
  • Dificultade no desprazamento: 2
  • Cantidade de esforzo necesario: 2
  • Dificultade: Media/Alta

Comezamos a camiñar…

Hoxe temos a última saída desta estadía primaveral por terras babianas. Partimos dende Villablino, onde nos aloxamos no Albergue Francisco Giner de los Ríos, ata a localidade de Lago de Babia, asentada aos pés de Peña Larga. Paramos no centro do lugar, onde o bus pode dar a volta, ao pé da igrexa de San Pedro, aproveitando o seu entorno para prepararnos para a andaina.

Comezamos a ascender suavemente bordeando a igrexa e o pequeno cemiterio. Na primeira curva do camiño, superada unha cancela, advertimos como veñen cara a nós dous mastíns. Cando se achegan, vemos que é unha boa mastina e o seu cachorro que desta vez non teñen intención de amedrentarnos, tal como nos pasou onte. Ao contrario, acompáñannos durante un bo treito pola finca gandeira, e non nos damos zafado deles.

A mastina, co seu cadelo, apúntase a subir con nós polo camiño veciñal
Retomamos o camiño e baixamos cara a veiga formada por un regato
Ascendemos transitando por unha zona sen carreiro claro
A medida que ascendemos temos unhas fermosas vistas do val cara a Las Murias e Quintanilla de Babia

Coincide esta benvida coa que nos agasallaron as vacas que están saíndo aos poucos do curral, o que nos fai desviar un pouco do camiño. Retomámolo e baixamos cara a veiga formada por un regato, que é unha extensa pradaría.

A medida que ascendemos, transitando por unha zona sen carreiro claro, imos deixando os prados, e a paisaxe ábrese á nosa dereita cunhas vistas do val orientado cara a Las Murias e Quintanilla de Babia, ao abrigo de Peña Requilán. Os campos estás preciosos neste comezo de xuño, repletos de flores. Seguimos avanzando e temos que superar un terreo pedregoso que nos conduciu a unha “terraza” onde paramos para reagruparnos.

Na zona de La Muesa pasamos por veigas onde o gando cabalar pasta nesta época
Nesta parte da ruta as vistas son espectaculares
As formacións xeolóxicas chaman a atención

Unha vez reunidos e superada esta parte, localizamos un carreiro que xa non abandonamos. Gozando deste carreiro máxico polas vistas que nos regala, e dunha zona de grandes pradarías, chegamos á zona de La Muesa e pasamos por veigas onde o gando cabalar pasta en época estival. Máis adiante damos cos Portos da Malvosa, un lugar de gran relevancia histórica na zona. Aquí, imos virando cara á dereita e continuamos cunha subida que realizamos sen ningún tipo de dificultade por unha pradería moi agradable de camiñar, chea de flores. Chaman a atención as orquídeas silvestres de distintas cores.

Chegamos a un pequeno collado no que aproveitamos para descansar e reagruparnos. Facémonos unhas cantas fotos de grupo con Peña da Malvosina e Peña La Crespa ao fondo, así como outras do entorno con vistas aos cumes, con formacións xeolóxicas que chaman a atención. Destacan, pola súa vistosidade, os enormes pliegues que debuxan as rochas calizas. Os chamativos pliegues que constitúen as ladeiras do Pico La Crespa.

O val glaciar da Fuenfría, unha das máxicas paraxes de Babia
Foto de grupo coas Peñas da Malvosina e a Crespa, ao fondo
O Cornón, na divisoria de Laciana co concello asturiano de Somiedo

A continuación, ascendemos por senda sen ningún problema, ata que chegamos á Peña La Crespa desde a que temos unha soberbia vista das montañas circundantes. As vistas cara ao camiño xa realizado e cara a Peña Grachera son preciosas! De novo, unha panorámica brutal cara ao val e cara a gran parte da comarca de Babia.

Desde a cima, divisamos ao carón, os cumes de Somiedo: o Cornón, o Moscosu, A Chana… e o val glaciar da Fuenfría, unha das máxicas paraxes de Babia. Alén, os vales de Babia e as súas montañas. Divisamos cerquísima o Montihuero, que esconde nas súas abas a Lagoa de Las Verdes. Máis aló, As Ubiñas, e a prolongación da Cordilleira Cantábrica que se expande cara aos Picos de Europa. Auténtico colorido nas montañas. Gozamos da inmensa panorámica e aproveitamos para facernos fotos con magníficas vistas desde a estreita crista.

Últimos metros para acadar o cume de La Crespa
A Peña da Malvosina dende La Crespa, cos enormes pliegues de rochas calizas
Abundancia de prados floridos, predominando as orquídeas silvestres

Descendemos da Peña La Crespa e regresamos cara o collado. Temos que baixar por onde subimos campo a través, o que nos vai permitir saír da zona complexa anterior ás ladeiras que se dirixen cara a Lago de Babia.

No descenso volvemos conectar co carreiro que percorre a base de La Crespa
Cabalos pastando nos prados altos
Descendemos a media ladeira con vistas ao val que forma o Arroio Michán.

Como na subida, o camiño cara a Lago tampouco está sinalizado, pero distinguimos perfectamente o camiño de ida feito pola mañá. A primeira parte levaranos cara ao oeste ao longo de varios carreiros, chegando á zona de fermosas pradarías e boas vistas cara ao val que forma o Arroio Michán. Aproveitamos este espazo para xantar sobre as pedras, gozando destas vistas tan fermosas.

Completada a baixada, chegamos á altura da pista que deixamos pola mañá, na que nos agarda de novo a mastina, desta vez sen o cadelo, que se apunta a baixar con nós polo camiño veciñal, sendo bastante complicado de novo obrigala a deixarnos. Volvemos ter unha vista completa de Lago de Babia dende o alto e en nada chegamos ao punto de partida.

A veiga formada por un regato é unha extensa pradaría
Final de ruta entrando en Lago de Babia
Fachada pintada polo artista Manuel Sierra

Cambiámonos, pois debemos emprender viaxe cara Santiago, pero aínda temos tempo de poder ver a obra do artista Manuel Sierra, desenvolvendo a súa arte inconfundible nunha serie de fachadas das casas deste pobo, onde se deseñou un proxecto co obxectivo de impulsar un novo modelo de crecemento económico que rescate parte do emprego destruído tras a crise mineira sufrida na bisbarra, encargándose Sierra da parte visual.

Como presta vir a Babia!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio