Geira Romana e dos Arrieiros. De Campo de Gerês a Lobios

14-10-2017
Geira Romana e dos Arrieiros. De Campo de Gerês a Lobios

A terceira etapa percorrendo o camiño xacobeo (que non está recoñecido como oficial), é a última que discorre por esta Geira, a antiga calzada romana Vía Nova, ou Vía XVIII, que aínda mantén por estas paraxes un dos seus treitos máis ben preservados. Pasa por un dos entornos máis fermosos do Parque Nacional Peneda-Gerês, pois a primeira parte do camiño vai pola beira do encoro, barragem, de Vilarinho das Furnas, cruzando a Mata de Albergaria, área de reserva integral.

Alén dos miliarios, veremos vestixios de pontes romanas, calzadas con marcas de rodadas, mansio, canteiras de onde foron extraídos miliarios, termas…

Percorremos no tramo portugués dende a milla XXVIII ata a XXXIV, no mesmo punto fronteirizo de Portela do Homem. Xa no tramo galego, todo en descenso, veremos un último grupo de miliarios na paraxe coñecida como A Ponte Nova, un dos tramos de vía romana mellor conservados desta ruta, e tamén as ruinas arqueolóxicas da mansio Aquis Originis, á beira a Vía Nova.

  • Lonxitude: 26,5 km (3,4 km/h)
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media alta (pola lonxitude)

Comezamos a camiñar…

A fermosa etapa de onte continuámola hoxe cunha máis cómoda pero igual de longa, de case oito horas camiñando, porque hai que degustala, pois coido que é a etapa raiña desta Geira. De feito deunos unha media de km por hora moi baixa.

Pouco antes das 8:30 da mañá almorzamos na mesma Pousada da Juventude e unha hora máis tarde, logo de despedirnos do seu persoal e de agradecer ao Vítor as súas atencións, comezamos a camiñar. O inicio da xornada recíbenos cun sol espléndido, un sol que se manterá ao longo do día, cunhas temperaturas igual de altas aos días anteriores, malia a época na que andamos. Estupendo para camiñar!

Ao pouco de sair do entorno da Pousada, chegamos ao lugar do Assento, principal núcleo poboacional de Campo de Gerês, que aínda amosa excelentes exemplares de arquitectura rural de montaña. Camiñamos polas súas ruas estreitas, vemos, por exemplo, algúns canastros coas súas cruces, ou algunhas varandas de madeira con deseños tradicionais, abertas ao logradouro.

Un pequeno treito por estrada, abrigado por carballos e castiñeiros, finaliza abríndose ao encoro de Vilarinho das Furnas. Que impresión! Estamos nunha atalaia fronte a un espazo diáfano, inmenso, dunha quietude que nos anima a contemplalo en silencio… e tamén a fotografarnos coa Serra Amarela reflectíndose nas súas augas, pois o lugar paga a pena.

Apartámonos dun pequeno tramo da Geira que descende cara as augas, e continuamos por unha pista de terra cómoda, que percorre toda a beira oriental do encoro de Vilarinho das Furnas, o que nos permite ir admirando, á nosa esquerda, a desnudez da Serra Amarela, impoñente mesmo cando se curva para se deixar reflectir nas augas mansas do encoro.

O sendeiro fácil permítenos atender ao que é realmente importante: a Mata de Albergaría, un lugar máxico, un lugar onde se pode facer pause, para lle sentir a mudanza das cores neste outono tan raro, onde os raios do sol se filtran entre a inmensa carballeira pola que andamos, que se estende aba abaixo ata o río Homem, carballos centenarios, que aquí e alí se deixan fotografar ao lado de érbedos e de discretas faias, esas que agardan polo outono para se exhibiren en todas as tonalidades de vermello.

Coido que hai días de sorte para camiñar, e este é un deles. Outubro vai mediado e parece que estamos no verán dunha forma tan rara que, só á sombra deste bosque encontramos abrigo para os inusitados case 30 graos. É cos tons de outono onde a Mata se amosa espectacular e convértese nun sitio imperdible para quen goste de camiñar, e tamén de ir ao encontro das pegadas da historia, pois aínda nos encontramos con varios grupos de miliarios sinalando as millas XXXII e XXXIII dentro da Mata.

Facemos parada para descansar nun lugar idílico. Apartámonos un pouco da ruta e, nunhas das múltiples pozas que forma o Homem antes de se amansar no encoro, cunha auga limpa e transparente, que convida ao baño mesmo fría. A Chus e Virtu, decididas e animadas, déronse un chapuzón mentres o resto conformámonos con mollar os pés mentres nos alimentamos.

Ata a Portela aínda nos queda un fermoso treito en ascenso. Só as casas abandonadas do Parque fronte ao grupo de miliarios da milla XXXIII dinnos algo dun tempo recente. A nova ponte de San Miguel permítenos cruzar á outra beira do río e déixanos nun camiño, sempre a subir, que nos leva ata a Portela do Homem.

No paso fronteirizo de Portela do Homem, podemos contemplar a última concentración de miliarios no territorio portugués, sinalando a milla XXXIV. Mentres tomamos unha cervexa, indícolle ao home que rexenta a cafetería que se deberían poñer unhas pedras ou algo que impida que os coches aparquen diante para que se poidan contemplar os tres miliarios alí chantados. El contéstame que se queremos ver miliarios non temos máis ca entrar na cafetería, no antigo posto fronteirizo, onde nos amosa unha boa cantidade deles na Galeria dos Miliários. Supoño que este espazo estivo pensado para facer un pequeno museo ou centro de interpretación que quedou sen executar e alí quedaron os miliarios.

A baixada cara a Lobios é dantesca, triste. Toda a aba esquerda do monte de piñeirais está queimada, e non hai moitos días… Vemos colmeas que se salvaron do lume, pero coido que as abellas non aguantaron as temperaturas que deberon soportar, e tamén vemos como a marxe dereita, por onde discorre o río Caldo, con vexetación de ribeira, non foi arrasada polo lume. Pero aínda quedaba o peor, pois na fin de semana Galicia padeceu a vaga de incendios más devastadora da súa historia. Lumes nunca máis!

A primeira concentración de miliarios en Galicia podémola observar na paraxe coñecida como A Ponte Nova, antiga área recreativa, onde encontramos miliarios pertencentes ás millas XXXV e XXXVI, dedicados a distintos emperadores, ao mesmo tempo que podemos gozar dun dos tramos restaurados de vía romana mellor conservados desta ruta, para darnos unha idea de como sería a estrada orixinal que, nestas terras, tiña xa entón os famosos baños quentes como punto de parada para o viandante.

Pouco antes de chegar ao balneario de Riocaldo, atopámonos coas ruinas arqueolóxicas pertencentes á segunda das mansio á beira a Vía Nova, Aquis Originis, formada por distintas estancias adicadas ao ambiente termal. Esta mansio xa a visitáramos cando viñeramos subir a Corga do Fecha no 2016 (ver aquí).

En Riocaldo achegámonos á beira do Caldo coa finalidade de refrescar os pés e, como non, Virtu e Chus aproveitan para darse outro baño. As bromas e as risas continúan neste ambiente relaxado. Unha gozada de grupo.

Logo de refrescarnos no río Caldo por segunda vez no día, continuamos camiño, pasando polo centro de Vilameá, núcleo de interés pola súa arquitectura tradicional, con adegas de viño excavadas na rocha. É interesante a ponte que cruzamos máis adiante para salvar o río Vilameá, construído con arco de medio punto en mampostería de granito. As últimas luces do día e a estraña pero estupenda temperatura que estamos a ter fan que disfrutemos enormemente da paisaxe e da camiñada.

E chegamos ao núcleo tradicional de Lobios, onde chama a atención o Pazo das Frascas, do s. XVIII, pois sobre o seu muro de entrada hai unha estatua de granito dun personaxe singular que semella ter peluca postiza, estilo Luis XV.

Recapitulando o que foi o día antes de cear, volvemos lembrar os versos de Torga diante dunhas merecidas cervexas no Lusitano de Lobios, dando remate a andaina, para min a mellor etapa desque comezamos a camiñar en Braga.

“Há sítios do mundo que são como certas existências humanas: tudo se conjuga para que nada falte à sua grandeza e perfeição. Este Gerês é um deles. 

Acumularam-se e harmonizaram-se aqui tais forças e contrastes, tão variados elementos de beleza e de expressão, que o resultado lembra-me sempre uma espécie de genialidade da natureza”.

Miguel Torga – Diário VII, 6 de agosto de 1955.

A frase do poeta non podía darlle máis sentido á nosa visita destes días. Co de mañá, estes catro días pasaron voando, pero foron suficientes para sentirmos que estabamos perante escenarios idílicos. A variedade e riqueza da natureza no seu estado máis puro. É realmente grande e perfecta.

Ruta do val do río Aviouga

1 comentario sobre “Geira Romana e dos Arrieiros. De Campo de Gerês a Lobios”

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio