Geira Romana e dos Arrieiros. De Lobios a Ameijoeira
A última xornada destes catro días por este camiño a Santiago non vai desmerecer das anteriores. Estamos camiñando polo Parque Natural Baixa Limia-Xurés, o de maior extensión dos seis parques naturais galegos que, xunto co veciño Parque Nacional Peneda-Gerês conforma o núcleo da Reserva da Biosfera Transfronteiriza Gerês-Xurés.
Un dos seus principais atractivos é a súa gran variedade de paisaxes, con serras escarpadas, nas que o granito é o protagonista, e pequenos ríos que en ocasións se descolgan en fervenzas e saltos de auga. Nos seus cumes predomina a vexetación de monte baixo, escondendo nos seus vales zonas de carballos. Entre a súa fauna destaca o lobo, a cabra montesa e o chamado pony galego ou garrano, con programas de reintrodución e recuperación. Así mesmo é o mellor lugar de Galicia para ver exemplares da vaca cachena, unha raza bovina autóctona, de pequeno tamaño e longos cornos, adaptada á dureza da serra.
- Lonxitude: 15,7 km
- Desnivel: Medio
- Dificultade: Media
Despois dun pequeno treito inicial polo concello de Lobios, a maior parte do precorrido facémolo polo concello de Entrimo. Na capital municipal, Terrachán, hai que adicarlle un tempo para visitar a igrexa de Santa María A Real.
Desde Terrachán unha pista lévanos a Ferreiros de Abaixo, onde cruzamos o río Agro pola Ponte do Folón, para chegar á Pereira. Tras pasar xunto ao forno comunal tomamos un camiño empedrado ata Ameijoeira.
A ruta pódese rematar en Castro Laboreiro, pero decidimos achegarnos ata Bande a ver as ruínas do Campamento romano Aquis Querquennis e as termas de Baños, pois da última vez non puidemos velas por mor do nivel do encoro.
Comezamos a camiñar…
Saimos de Lobios dende o mesmo hotel Lusitano pasadas as nove da mañá. O paso pola ponte sobre o río Limia recórdanos a seca que estamos a padecer pois o encoro de Lindoso está realmente baixo de nivel. A gasolineira que está ao final da ponte é o punto que nos marca a subida ata a Feira Vella, primeiro núcleo que nos atopamos no concello de Entrimo.
En Terrachán, a capital do concello, paga a pena facer unha pequena parada e admirar un exemplo do patrimonio relixioso que hai no Parque natural, a igrexa de Santa María A Real, cunha fachada barroca churrigueresca de finais do s. XVII e rematada a principios do XVIII. A fachada, tallada en granito dos montes de Entrimo, ten a forma dun retablo e organízase en catro corpos, enmarcados por pilastras. Unha fermosura de igrexa!
Desde Terrachán unha pista entre piñeiros lévanos a Ferreiros de Abaixo, onde cruzamos o río Agro pola Ponte do Folón. Dende aquí, o camiño vai ser todo de subida. A pedra ten un protagonismo especial nesta ruta podéndose contemplar un minucioso traballo de empedrado propio da mellor das calzadas, co que se pretendía suavizar os desniveis e fixar o terreo. A calor comeza a facer mella en nós e as moscas non paran de molestarnos en todo o ascenso. Recordáronme aquela xornada no camiño do Salvador subindo o alto das Forcadas de Santo Antón, cando tivemos que aturar as atacadas das moscas.
Decidimos facer unha pequena parada para repoñer forzas antes de chegar a unha granxa, na Ladeira de Cernadelo, que debe estar en plena faena de matanza, pois os porcos non paran de berrar, e non hai que esquecerse que falta pouco para o San Martiño. Non sei como sairá esa carne pois disque se se matan varios porcos nunha mesma xornada hai que evitar que os que están agardando escoiten os berros do que se estea matando, pois se non tómaselles o sangue e a carne sae ruín e estragaríase…
O paso pola granxa danos unha estampa ben fermosa, pois nos seus campos vemos como un grupo de cachenas están rillando no millo seco, unhas vacas que sempre me chaman moito a atención. Paramos pouco pois hai que subir ata A Pereira e imos por un camiño polo que tamén discorre parte do sendeiro do río Agro ou o PR-G 128 Ruta do Pan.
A denominación deste último danos unha pista do que atoparemos na Pereira. Un forno comunal, unha construción en pedra cos muros de cachotaría, sendo a edificación practicamente cega coa excepción da porta de entrada que da ao camiño. A elaboración do pan reunía a familias e veciños en torno á lareira, onde se contaban historias e relatos e, onde tamén eran frecuentes os cánticos e ensalmos que segundo as crenzas populares axudaban a levedar a masa.
Que Deus te aumente con San Vicente, Que Deus te levede con San Mamede
Ademáis, este núcleo é unha fermosa mostra da arquitectura rural de montaña, con rúas estreitas, palleiras, eiras, canastros, moitos cun regular estado de conservación, lavadoiro, e un curioso cruceiro que non presenta o típico pedestal no que se asenta a cruz, senón que aparece sobre unha base circular que fai de pozo de auga.
Tras pasar o forno comunal, atravesando as últimas casas da aldea, parámonos a botar unhas parrafadas cunha muller que ía camiño da horta. Unha delicia. Como agradece esta xente o paso de camiñantes, e como agradecemos que se paren a falar con nós! Despois de contarnos media vida, tomamos un camiño empedrado ata A Gurita, o punto máis alto da ruta.
O camiño por pista forestal ata Ameijoeira é unha delicia. A pedra granítica destaca pola súa grandeza, e o tramo final do sendeiro permítenos admirar os impoñentes farallóns de Outeiro do Castelo e o val do río Castro Laboreiro. O camiño atópase cheo dos típicos “bolos graníticos” ou “pedras cabaleiras”, de orixe glaciar, e vemos pequenas aldeas nunha serie de vales de enorme beleza e naturalidade paisaxística. A pedra granítica e os distintos verdes destacan nesta paisaxe diáfana que conxuga serras agrestes e suaves.
Ao chegar á Ameijoeira coincidimos todos en que o camiño foi unha gozada!
Como colofón destes catro días, achegámonos ata outro vestixio da romanización en Galicia, o Campamento Aquis Querquennis, en Bande, no mesmo encoro das Conchas, unha fortaleza que albergou aos lexionarios e á tropa auxiliar que construíron e vixiaron a Vía Nova no seu paso por terras de Ourense. Cunha superficie de 25.000 m cadrados, traza rectangular, uns muros de tres m de altura e torres defensivas que protexen as catro portas de acceso, o campamento estaba integrado por un cuartel xeral, tres barracons, un hospital, dous hórreos e unha mansio extramuros.
Fomos na mellor época para visitar este xacemento arqueolóxico, pois o nivel das augas do encoro das Cunchas está tan baixo, que se poder percorrer todo o xacemento e achegarnos ata os Baños, unhas termas naturais que convidan a disfrutalas, anque sexa só un pequeno momento, pois hai que irse preparando para voltar a casa.
Un ambiente de fume que o envolve todo, preámbulo duns días de incendios por toda Galicia, fixo que a volta a casa fose desoladora, a pesares de que íamos cargados de tan boas sensacións destes catro días camiñando.