Geira Romana e dos Arrieiros. De Caldelas a Campo de Gerês

13-10-2017
Geira Romana e dos Arrieiros. De Caldelas a Campo de Gerês

Logo da etapa inicial, case urbana, deste camiño a Santiago, hoxe acometemos unha máis longa e dura, que percorremos fundamentalmente pola Geira ou Vía Nova, a vía romana mellor preservada en Portugal, que conta con máis de 230 miliarios ao longo do seu percorrido ata Astorga.

Powered by Wikiloc

Se onte a vía ascendía por relanzos suaves ata Caldelas, a partir de hoxe o percorrido é todo feito en altitude, nun trazado sinuoso cheo de curvas e contracurvas, sen subidas ou baixadas acentuadas ata acadar Covide, onde penetra no Parque Nacional Peneda-Gerês, polo Campo de Gerês.

  • Lonxitude: 28,1 km
  • Desnivel: Medio
  • Dificultade: Media alta (pola lonxitude)

Comezamos a camiñar…

Erguémonos cedo e antes de almorzar dou un pequeno paseo por Caldelas. Aproveito para volver visitar a igrexa matriz, pois quero ver o frontispicio joanino, sobre a porta principal, onde se enmarca un Santiago peregrino de pedra, patrón de Caldelas, que o liga á tradición xacobea.

Sobre as nove e media iniciamos en ascenso a andaina mesmo diante do hotel Peninsular, onde estivemos aloxados. No lugar de Real, unha fermosa quinta abandonada rodeada de viñedos sorpréndenos, e imaxinamos como sería a súa época de esplendor, chea de actividade, coa chegada das carruaxes ata ela… O edificio permítenos pasar baixo os seus arcos e continuar por un camiño, sempre en subida, baixo unha fermosa carballeira ata Paranhos de Cima.

Dende aquí, salvado xa o desnivel, o camiño é moi doado, e os miliarios irán aparecéndosenos practicamente cada milla que percorremos. Deixamos o concello de Amares e imos camiñar hoxe e mañá polo municipio de Terras de Bouro nun traxecto de cerca de 30 km.

O primeiro grupo de miliarios sinalizando a milla XIV encontrámolo chantado perto do lugar de Santa Cruz, e o último que veremos na xornada será na milla XXVIII, no Campo de Gerês.

As vías romanas, cuxo trazado estaba moi ben estruturado, non tiñan baixadas nin subidas acentuadas. A súa construción era de extrema importancia para o imperio, pois, máis alá dos variados usos para que servían, o máis importante era, sen dúbida, o tránsito dos seus exércitos, nunha altura en que as conquistas eran de importancia máxima para o crecemento e mantemento do imperio.

O seu uso foi mantido máis alá da caída do imperio romano, sendo integrada nos camiños a Santiago e percorrida por miles de romeiros e utilizada ata comezos do s. XX. Despois de que o seu tránsito durante case todo este século permanecese practicamente abandonado, a recuperación da Geira e do fenómeno xacobeo trata de poñer en valor esta vía cara a Santiago, que ten unhas posibilidades paisaxísticas e culturais tremendas.

Neste concello de Terras de Bouro sinalamos a existencia dunha magnífica herdanza de marcos miliarios distribuídos ao longo da vía. Estes miliarios servían para indicar a distancia á capital da provincia, pero tamén para homenaxearen aos emperadores romanos, pois encontrámonos con miliarios anaepígrafos, pero hainos tamén con inscricións conmemorativas homenaxeando aos emperadores da época, datadas entre finais do s. I e IV da nosa era.

Non quero deixar pasar un comentario sobre os paneis informativos da Geira, pois son moi discretos pero teñen o inconveniente de que ao ter o fondo de cristal dificúltase moito a súa lectura. Se nalgún momento se deciden cambiar, eu proporía que, na medida do posible, se instalasen fronte aos miliarios e non ao seu carón.

O día tamén nos deparou algunha sorpresa desagradable. Un incendio afectou ao miliario da milla XX. Aínda recente, pois viamos sair fume da terra, tivemos que atravesar por riba das pólas de carballo e piñeiro que caeron sobre o miliario, coa pena que daba velo nesa situación. Un mes despois parte do grupo volveu e xa estaba todo o entorno adecentado. Tamén vimos nacer outro incendio, unhas millas máis adiante, nos montes da outra beira do val do Homem.

A verdade é que a ruta estános a deixar unha manchea de experiencias e situacións impresionantes. Cruzámonos na milla XXIV cunha anciá desasosegada que nos comenta que lle falta unha vaca e anda na súa busca. Miña pobre! Despois de consolala un pouco despedímonos e recoméndanos que non teñamos medo cando nos atopemos co resto de vacas, que son moi mansas. Mimá! Impresiona pasar ao lado das cachenas con esa cornamenta tan chamativa!

Xa temos a Serra de Gerês como telón de fondo do noso percorrido. Os últimos quilómetros antes de Covide andámolos por estrada e aproveitamos para facer unha pequena parada e repoñer forzas pois aínda queda un treito ata o Campo de Gerês.

Quédanos pouco para o final da ruta, e xa con gañas de chegar á Pousada da Juventude Vilarinho das Furnas, o cansanzo non nos resta o humor e, aproveitando o marco dun panel informativo roto no miliario XXVI, facémonos uns retratos. Curioso e chamativo é o seguinte miliario, o “cristianizado” miliario XXVII. Baixo un baldaquino de tres columnas, o Cruceiro de São João do Campo ten a particularidade de aproveitar como soporte este antigo miliario romano adicado ao emperador Decio (249-251).

Unha fermosa ponte romana introdúcenos no entorno da Pousada da Juventude. Aloxados no pavillón principal, as instalacións e o trato son fenomenais e moi recomendables para ir en grupo ou en familia. Seguro que repetiremos experiencias polo Gerês e será o noso punto de referencia.

Logo de facer os estiramentos coa visión da Serra do Gerês na atardecida, dou unha volta polas instalacións, que acertadamente queren ser unha homenaxe a Miguel Torga, gran coñecedor destas terras, e umbilicalmente ligado ao concello de Terras de Bouro e ao Gerês en particular, tendo sido un dos maiores entusiastas destas terras, destas paisaxes e destas xentes. Ao poeta gustáballe a dureza desta serra, os picos rochosos e agrestes e os vales repletos de carballos. Gustáballe aquela sensación de estar lonxe e por enriba do mundo.

Así, vemos gravado nunha das cristaleiras o que Torga escribiu no ‘Diário VII’ que “há sítios do mundo que são como certas existências humanas: tudo se conjuga para que nada falte à sua grandeza e perfeição. Este Gerês é um deles”.

Completamos a xornada no mesmo albergue dando conta dun bacalhau á broa que soubo a gloria, mentres comentamos a fermosa xornada a pesares dos incendios e da calor que estamos a padecer neste outubro.

Mañá continuaremos camiñando cara ao norte e faremos a última etapa pola Geira, que semella ter unha pinta espectacular!

Ruta do val do río Aviouga

2 comentarios sobre “Geira Romana e dos Arrieiros. De Caldelas a Campo de Gerês”

  1. Pedazo de cornamentas!!!! e qué preciosos miliarios!!!!, emociona toparse coa historia dun xeito tan potente. Estupendo 2018 roteiran para todos, sobre todo para o autor destas testemuñas gráficas e fotográficas que eu agradezo moitísimo!!!!

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio