Geira Romana e dos Arrieiros. De Braga a Caldelas
Coincidindo coa ponte do Pilar, un grupo de amigos desprazámonos ata Braga para comezar a percorrer, durante catro días, un camiño xacobeo que non está recoñecido como oficial, o camiño Jacobeu Minhoto Ribeiro Breeiro, e que durante o periplo portugués vai pola antiga calzada romana Vía Nova, mencionada no itinerario de Antonino como Vía XVIII, que unía as cidades de Bracara Augusta e Asturica Augusta, cun percorrido de 215 millas, uns 325 km aproximadamente.
Esta vía foi construida durante a dinastía dos flavios a finais do s. I d.C., e inaugurada no ano 76 d.C., sendo emperador Tito e césar o seu irmán Domitiano, segundo consta nos distintos fitos miliarios que nos encontraremos ao longo do seu trazado. Os miliarios son unha especie de columnas graníticas destinadas nas vías romanas a informar ao viaxeiro, indicando as distancias en millas.
O tramo portugués transcorre durante os primeiros 50 km do traxecto, unha gran parte deles dentro do Parque Nacional de Gerês. Aquí atópase o tramo da Geira, nome polo cal é coñecida en Portugal a vía, excelentemente conservado e con decenas de miliarios colocados aínda ao longo do traxecto.
A idea é chegar a Santiago combinando distintas rutas, e nestas primeiras entradas imos relatar a experiencia destes catro días ata Ameijoeira, unha vez abandonada a via romana en Lobios. Logo adentrarémonos de novo no Xurés por terras de Castro Laboreiro para percorrer as sete restantes, camiño de Cortegada e O Ribeiro polo Camiño dos Arrieiros, para alcanzar Forcarei e A Estrada, prevendo chegar a Santiago pola primavera do próximo ano.
-
- Lonxitude: 20 km
- Desnivel: medio
- Dificultade: media baixa
Hai que ter en conta que, ao non estar sinalizada a ruta, é necesario dispor de GPS, e tamén é recomendable ter experiencia na andaina por outros camiños, pois varios tramos transcorren por sitios pouco habitados nos que o camiño pode estar en mal estado e non hai bares, supermercados nin aloxamentos.
Segundo o Xerardo, durante estes catro días fixemos un total de 90,54 quilómetros cun ascenso total de 2560 metros. Non estivo nada mal!
Comezamos a camiñar…
Houbo que madrugar para estar en Braga sobre as nove da mañá. Comezamos a camiñar pouco antes das dez, despois de tomar un café e facernos a foto de rigor. Por certo, diante da catedral pedímoslle a unha muller que andaba a pasear se nos facía a foto ao grupo, e resultou ser a soprano Sivan Rotem, que ao día seguinte daba un concerto na cidade. Un encanto de muller. Moitas grazas!
Este primeiro tramo é moi urbano anque ten puntos de enorme interese. Os primeiros quilómetros do percorrido facémolos polo mesmo Camiño de Santiago, polo que non ten perda se seguimos as frechas amarelas.
Saindo de Braga, ao chegarmos á Igrexa de san Fructuoso lémbrome do Pío Latrocinio, a sustracción das reliquias de San Fructuoso, San Cucufate, San Silvestre e Santa Susana, e o seu traslado furtivo desde a súa orixe en Braga ata Compostela, por iniciativa persoal do bispo compostelano Xelmírez.
Continuamos polo Camiño de Santiago cara a Dume, apartándonos da ruta marcada pola Geira. A finalidade é evitar o máis posible o asfalto, con moito tráfico pola proximidade de Braga. Facemos un par de quilómetros de máis, pero paga a pena. En Dume, San Martiño de Dume, máximo impulsor do esplendor cultural e político do Reino Suevo, funda un mosteiro, intencionadamente perto da capital do reino, Bracara Augusta, para estar cerca do poder político.
Pero o asfalto non hai forma de evitalo, e percorremos un longo tramo por estrada ata a Ponte do Bico sobre o Cávado, onde decidimos facer a primeira parada do día baixo os seus arcos, e refrescarnos, pois o sol comeza a apretar.
Depois de atravesar o Río Cávado, o camiño vai en ascenso suave, penetrando no val do Río Homem. Estamos por terras do concello de Amares, e o camiño vai trazado por vías secundarias, a maior parte delas empedradas e con pouco tráfico. Pasamos por aldeas, quintas e igrexas, entre as que destaca a do Mosteiro de Santo André de Rendufe. Impresionante. Impresionante a súa fábrica, impresionante as súas extensións de viñedos, impresionantes as portas de acceso ás fincas, impresionante as súas ruinas…
Xa temos gañas de chegar, pois o madrugón e o calor, en torno aos 30 graos, están facendo mella en nós. Un último esforzo temos que facer para superar un pequeno tramo de subida para chegar a Caldelas, cunhas termas coñecidas desde os romanos, recibindo a vila milleiros de agüistas anualmente entre os meses de maio e outubro.
Aloxados no Peninsular, antes de cear damos unha volta pola vila, unha vila balneario que desprende calma nas suas rúas. Achegámonos ata a igrexa de São Tiago e aproveitamos a hora do rosario para poder admirala por dentro. Había tempo que non vía unha igrexa tan ateigada de santos!
E non perdoamos a cervexa mentres falamos do duro da xornada polo calor, pero non tivemos que ir á farmacia… e cae outra cervexa mentres se vai o día.