Ruta da Corga do Fecha, Cabaniña do Curro e a Vía Nova

Na Corga do Fecha ascendemos por un sendeiro dende onde se ven unhas pozas espectaculares e varias fervenzas marabillosas
Na Corga do Fecha ascendemos por un sendeiro dende onde se ven unhas pozas espectaculares e varias fervenzas marabillosas

Esta fin de semana fomos camiñar polo parque natural da Baixa Limia e Serra do Xurés. Estivemos aloxados en Lobios, no hotel Lusitano, en réxime de media pensión e moi ben atendidos, polo qque é un establecemento moi recomendable para achegarnos ata o parque natural. Creo que calquera vila da Galicia, sobre todo do interior, sentiríase orgullosa de ter establecementos así; precisamos máis hostelería como esta nas nosas vilas.

  • Lonxitude: 18 km
  • Desnivel: medio (moi forte nalgúns puntos)
  • Dificultade: media-alta

A ruta de hoxe componse de tres percorridos moi interesantes. O primeiro, a Corga do Fecha, é o máis dificultoso, pero ten unhas paisaxes incribles sobre o val de Lobios e a fervenza do río Fecha. Comezamos en Riocaldo, no mesmo Balneario de Lobios, e ao pouco damos coa primeira sorpresa, as ruinas da Mansio Aquis Originis, unha das once coas que contaba a Vía Nova, co fin de ofrecerlle refuxio e descanso aos viaxeiros que transitaban por ela.

Ao chegar ao Fecha, ascendemos por un sendeiro que vai paralelo o río, dende onde se ven unhas pozas espectaculares así como varias fervenzas marabillosas. Este treito ten unha dificultade alta, con gradas sobre piso moi rochoso que ás veces nos obriga a axudarnos coas mans, pero paga moito a pena pois, unha vez arriba, facendo un pequeno descanso, gozamos das vistas panorámicas do Parque Natural Serra do Xurés e da Baixa Limia!

Nesta zona alta temos o segundo percorrido; o camiño, máis doado, lévanos entre zonas de piñeiros á Cabaniña do Curro, que é un vello refuxio de pastores. Imos por un entorno sobrecolledor, en silencio, ata case nin se escoitan os paxaros, como se se estivera anunciando o mal presaxio que ía acontecer unhas horas máis tarde, pois foi neste treito onde nos cruzamos con tres homes e unha muller que ían facer barranquismo pola Corga e que posteriormente nos enteraríamos que morrería un deles. Unha pena!

Logo collemos unha pista que remata na estrada que sube á cercana Portela do Home. Entre bromas e risas paramos a descansar e xantar un pouco, cando vemos que o Jaime nos agasalla cunha empanada de bistés coa que veu cargando durante todo o camiño… e que boa estaba! Para redondear o xantar, despois da empanada de bistécoles chegoulle o turno á tarta de améndoas de Teresa… que quitou o sentido (eu repetín de máis). Como dí Xerardo, isto é facer sendeirismo de calidade!

Facemos o regreso a Riocaldo pola Vía Nova, terceiro percorrido do día, calzada romana construída baixo o mandato do emperador Augusto no século I, e pola que xa temos andado nos concellos de Bande, Sandiás ou Trives, pero é neste de Lobios onde aínda se conservan pequenos tramos do antigo trazado da mesma, confirmando novamente como o mundo romano deixou unha pegada importante neste territorio. Hoxe, debido ao paso do tempo xa non se pode contemplar o seu pavimento ou capa de rodadura, pero sí a súa longa traza orixinal, de escasa pendente, en diferentes puntos como o da Ponte Nova.

Un pequeno descanso na área de recreo da Ponte Nova permítenos admirar unha serie de fitos viarios de formas cilíndricas que indicaban as distancias en millas, aínda que na actualidade os encontramos desprazados dos seus lugares orixinais e agrupados neste entorno. Mesmo se poden apreciar na maioría deles as inscricións nas que se rendía culto ás divindades e autoridades.

Xa en Riocaldo, e logo de facer os necesarios estiramentos, algúns aproveitan a zona termal exterior, de acceso libre, e outros achegámonos á beira do Caldo coa finalidade de refrescar os pés. As bromas e as risas continúian neste ambiente relaxado. Unha gozada. Hai que lembrar que estes baños hai que tomalos con precaución xa que teñen efectos sobre a tensión…

De regreso a Lobios, e unha vez instalados, o Jaime e mais eu demos un paseo pola vila e achegámonos ata a fermosa igrexa de San Miguel, na que destaca a súa enorme torre campanario, e a tamén fermosa aldea de Fondevila, que percorremos con admiración. Unha forma de abrir o apetito que foi gratamente satisfeito na cea na que, ademáis dos entrantes, tivemos un arroz con corzo espectacular! Hai que repoñer forzas para mañá, que nos agarda unha boa andaina!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio