Ruta da Mina das Sombras

22-05-2016
Iniciamos a baixada por unha paisaxe rochosa sorprendente, onde os fitos da montaña son os nosos guías
Iniciamos a baixada por unha paisaxe rochosa sorprendente, onde os fitos da montaña son os nosos guías
  • Lonxitude: 21 km
  • Desnivel: alto
  • Dificultade: media-alta

Madrugo un pouco pois quero dar unha volta antes do almorzo e ir sacar unhas fotos ata a igrexa de San Miguel en Fondevila, aproveitando as primeiras luces dun día que semella será espléndido. Cando saio do hotel, noto un barullo na rúa que non é normal para a hora na que estamos. Gardas civís e persoal do 112 están mobilizados e algo apurados. Supoño que será motivado por algún accidente de tráfico nas cercanías e marcho co asunto das fotos, anque coa curiosidade que sinto polo que pode estar a pasar.

Ao regreso, trato de averiguar o sucedido, pois aínda están por alí e entérome de que onte uns barranquistas tiveron un accidente na Corga do Fecha e semella que hai un morto. A medida que imos entrando a almorzar confírmase a nova e non temos outro tema de conversa, confirmando tamén entre nós que eran os rapaces cos que nos cruzáramos na ruta de onte. Déixanos descolocados e a nova estará presente nas conversas de case todo o día. Unha mágoa.

A ruta comezámola en Vilameá, localidade próxima a Lobios, ao pé da pequena capela na honra de Santa Lucía. Atravesamos polas súas estreitas rúas ata a parte alta da aldea e no ascenso xa podemos ir contemplando a serra de Santa Eufemia e a fermosura do val que forma o río CaldoO percorrido sobe á ermida da Nosa Señora do Xurés, situada nun estupendo miradoiro, ata onde chegamos utilizando o antigo camiño, polo que transcorría a subida dos pasos relixiosos o día da romaría. Este camiño orixinal unía os calvarios (construcións de finais do S.XVIII que intentaban imitar físicamente o escenario real da Paixón).

O percorrido sinalizado da ruta iníciase propiamente na pista situada por riba da Ermida do Xurés. Logo vai seguindo un vello sendeiro que ascende pola marxe do río Vilameá ata chegar á Mina das Sombras. No percorrido son escasas as zonas de sombra, xa que a vexetación de matogueira é a dominante. A espectacularidade do val resáltase coa presenza dos farallóns graníticos de Baltar e o Fitoiro. Cómo me recorda ao Pindo!

A ruta culmina na antiga mina de wolframio explotada durante a Segunda Guerra Mundial para abastecer deste importante mineral aos exércitos, que está incluída na área de Reserva Integral do Parque.

Este trazado, de ida e volta, ten unha lonxitude aproximada duns 18 km, pero nós fixemos unha variante que resultou ser espectacular! Ao regresar da mina, continuamos un bo treito pola pista que bordea o val e adentrámonos nun punto polo medio do monte, un regreso que non se pode facer por aquí, pois houbo que solicitalo ao Parque Natural e ao servizo de conservación da natureza da Xunta. De ahí que o track da Mina das Sombras, non reflexe este itinerario, de xeito que quede como é a ruta orixinal, e dicir, subir e baixar polo mesmo sitio. Este regreso foi esixente, con desniveis prolongados e forte nalgúns puntos.

Despois de xantar e descansar un pouco, iniciamos a baixada por unha paisaxe rochosa sorprendente, onde os fitos da montaña, esas moreas de pedras que utilizan os montañeiros para orientarse nos camiños, son os nosos guías, pois neste espazo incerto da montaña a sensación de vulnerabilidade é grande, sobre todo en condicións climatolóxicas adversas. E a nós axudáronnos moito pois as xestas, nalgún tramo, eran dunha altura considerable e non permitían ver o camiño a seguir, pero pagou a pena polo altísimo interese paisaxístico e natural polo que andivemos.

Xa co descenso case acadado, en lugar de regresar á ermida imos ver unha albariza (antigos colmenares rodeados por un muro de pedra que os defendía dos posibles ataques das alimañas) e, dende aquí, retomamos o curso do río Vilameá, no fondo do val, que nos leva de volta a Vilameá. Teremos que deixar para outra a ruta dos Muíños que hai un pouco máis abaixo, e que semella moi fermosa.

O regreso a Lobios devolveunos á realidade do día, a busca do barranquista portugués. No momento no que chegamos, a Garda Civil acompañaba a familiares do deportista ata a Corga do Fecha, pois aínda non puderon sacar o seu corpo da fervenza pola cantidade de auga que leva. Unha mágoa!

Ruta do val do río Aviouga

Deixar un comentario

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Scroll ao inicio