De Rostro a Fisterra. Camiño dos Faros


109 visitas – 1 estrela2 estrelas3 estrelas4 estrelas5 estrelas (3 votos, media: 5.00 de 5)
Loading...

Preme nas imaxes para velas a tamaño completoA nosa derradeira etapa do Camiño dos Faros da comezo onde rematou a anterior, na praia do Rostro, a cal temos que cruzar de punta a punta. A ruta segue por Castromiñán, Denle e Punta Arnela ata o monte Veladoiro. Este está situado no cabo da Nave, a 234 m de altitude e goza dunhas vistas fermosísimas.

Un pouco máis adiante, unha forte baixada déixanos na praia do Mar de Fóra. Pasando polo lugariño de A Insua acadamos o último treito da ruta, que remata no faro de Fisterra, lugar único e máxico da nosa xeografía. O percorrido goza dun alto interese paisaxístico e natural.

Comezamos a camiñar…

Non podiamos ter mellor día para rematar este Camiño dos Faros! Logo de deixar a Suso, que non nos vai acompañar hoxe pola súa terra por mor dun esguince nun nocello, chegamos a Rostro cun lixeiro vento de nordés, o que nos vai permitir disfrutar dunha paisaxe espectacular ao longo de todo o percorrido. Nada que ver coa etapa anterior de hai dúas semanas!

Logo da presentación de Víctor ao grupo da USC, iniciamos a andaina percorrendo os case dous quilómetros da praia do Rostro de punta a punta. Camiñar polo areal de Rostro coas ondas desfacéndose aos nosos pés é unha sensación insuperable. Paro, miro o horizonte, unha foto, outra foto e, se non é polo aviso de Xerardo de que temos que apurar, quedo ali toda a mañá. Hai que disfrutar do paseo polo areal, escoitando este mar que en poucos sitios se escoita bruar como o fai aquí. Apuramos pois os de diante lévanos polo menos uns cincocentos metros, polo que hai que deixarse de andrómenas e liscar ata as rochas do final da praia onde nos agarda o grupo, e iso que camiñar polo areal non se me dá moi ben.Xa reagrupados, e despois de fotografar unha vez máis a inmensa praia, subimos o outeiro areoso, e  achegámonos primeiro á Punta das Pardas e ver os impresionantes cantís desta costa dende a Punta do Rostro. Cantís, carrizos, furnas enormes… un dos tramos máis virxes da costa galega, e cara ao sur, ao fondo, a Punta Castelo, e o Castelo, ou o castro, porque tamén se lle chama o Castromiñán, un promontorio adentrándose no mar, con dous enormes parapetos de terra perceptibles dende a distancia.Achegámonos ata alí, ata a Punta Castelo, e disfrutar deste xacemento da Idade do Ferro. A combinación entre a fortificación e a marabillosa paisaxe converte a este lugar nun dos tesouros de Galicia, e que moi pouca xente coñece. Hoxe acompáñanos o xestor cultural da Universidade de São Paulo, Reverson Monteiro, que aproveita a croa do castro para facerse un video selfie para amosárllelo aos seus; coido que está gozando moito coa andaina.Ao deixar o castro, cara ao sur podemos ver perfectamente o noso siguiente destino: a praia de Arnela e os cantís do Cabo da Nave. Neste punto decidimos facer unha pequena variante para chegar ata alí, pois un recente incendio queimou toda esta parte da costa ata a Arnela, polo que  deixamos a costa momentaneamente e continuamos a camiñar ata o lugar de Castromiñán, con este bo sabor de boca de ver os impresionantes restos castrexos. Isto permítenos ver cara terra adentro as aldeas de BuxánDenle e o val de Duio, ode predominan as terras de labradío.E chegamos ata a fermosa praia de Arnela, un punto desta costa cun alto valor ambiental; mentres a percorremos por un sendeiro que vai polo seu lado sur, apreciamos perfectamente os dous sistemas dunares que ten e o bater das ondas ata chegar á Punta Arnela, onde facemos un descanso marabillándonos da paisaxe que nos rodea, apreciándose perfectamente a zona queimada no lado norte da enseada.A primeira vez que intentei continuar por esta costa non fun quen de facelo polos meus problemas de vértixe, e hoxe lévolle dando á cabeza dende que comecei a camiñar se me vai pasar o mesmo. Deixo pasar ao groso do grupo e finalmente anímome, indo na compaña de Alfonso, que me ten que botar a man nalgún momento para axudarme. Por suposto, practicamente non fixen ningunha foto neste tramo, anque non me resistín facerllas á Punta Loga, que semella un caimán medio sumerxido na auga. A altura á que imos é considerable e as poucas veces que me atrevo a mirar paréceme unha costa impresionante, dos mellores tramos do Camiño dos Faros. Imos por unn carreiro sobre unha canle de captación de auga e a segunda parte deste tramo faise máis levadeira para min.Chegamos ata o monte Veladoiro, no Cabo da Nave, onde están instaladas unhas antenas de comunicación, que supón a cota máis alta da andaina (234 m), onde nos agarda o groso do grupo, pois o meu paso polos cantís foi lento. Aproveitamos para repoñer forzas e facer un pequeno descanso antes de afrontar os últimos quilómetros. Continuamos e no descenso seguimos desfrutando das vistas, que desde este miradoiro son espectaculares: A Nave que cae en picado, co Berrón aló en baixo, os últimos cantís da etapa, os de Corticeiras, tamén caendo abruptamente ao mar, a praia de Mar de Fóra, o impresionante Monte Facho, que no seu extremo agacha o final do percorrido, o faro de Fisterra.Unha baixada con forte pendente déixanos en Mar de Fóra, a última praia do percorrido, orientada ao mar aberto como as anteriores, pero que hoxe está perfecta para pasear. Moitos aproveitan para descalzarse, darlle un respiro aos pés e ir gozando da auga, entre eles Reverson, que me comenta o fría que está. Amigo, isto non é Brasil!, pero imos disfrutando como ananos!Cruzamos o areal moi relaxadamente ata coller a pasarela de madeira que nos conduce cara a Ínsua, que cruzamos e iniciamos a subida ao Facho por un antigo sendeiro encaixado, coido que de orixe romana, mentres imos lembrando as etapas percorridas deste fermoso Camiño.Xa teño comentado noutras entradas o lugar de lenda no que nos atopamos: a Ara Solis, onde se facían ritos de culto ao astro rei, ou o San Guillerme, un anacoreta que construiu alí unha ermida, e onde as parellas estériles se deitaban nas Pedras Santas para acadar a fertilidade… e a uns centos de metros mar adentro, vemos O Centolo (ou Centulo), unha rocha de 25 m de altura que segundo X.L. Franco Grande lembra á máscara que representaba ao demo no Corpus. Esta relación demo-centulo é clara pois nesta zona naufragaron o Captain, o Bitten, o Blas de Lezo, o Lyonne, o Rosseul… un verdadeiro demo para a navegación.Aínda nos queda un último repeito, de moita pendente, preámbulo do premio que teremos ao culminalo, as primeiras vistas do Faro Fisterra, ao que chegamos por unha estrada asfaltada. Fin de etapa deste fermosísimo Camiño dos Faros, unha proposta de senderismo pola Costa da Morte que paga moito a pena percorrer. Natureza en estado puro!


Vídeo


Galería

De Rostro a Fisterra. Camiño dos Faros


3 comentarios en “De Rostro a Fisterra. Camiño dos Faros

  1. Case que se respira o mar, hoxe saíu redonda a reportaxe, sí señor!!!!. Sabes que eu prefiro as de río cando as facedes, pero hoxe….

Deixa un comentario

*

This site uses Akismet to reduce spam. Learn how your comment data is processed.